Rozando o camiño Miñoto Ribeiro (parte I: da raia a Ribadavia)

Publicidade

Dous investigadores dedicaron vinte anos a ordenar as pegadas dunha esquecida ruta xacobea que foi camiño arrieiro, do viño e das augas e antes trazado romano. Agora, están preto de conseguir a súa declaración oficial como camiño cultural. (Ver parte 2) · (Ver parte 3)

Datos básicos
Nome: Camiño Miñoto-Ribeiro
Quilometraxe (aprox.): 240
Concellos (tramo galego): Lobios, Entrimo, Padrenda, Pontedeva, Cortegada, Arnoia, Ribadavia, Castrelo de Miño, Beade, Leiro, O Carballiño, Boborás, Beariz, Forcarei, Vedra, A Estrada e Boqueixón.
(*)E Santiago de Compostela.
Entidade impulsora: Asociación de Concellos do Camiño Miñoto Ribeiro (presidente: Avelino Luis de Francisco Martínez, alcalde de Cortegada)
Páxina en Facebook
Grupo oficial de investigación e traballo sobre o Camiño Miñoto-Ribeiro

“Por aquí pasaba un camiño, diso estivemos sempre certos desde o principio; outra cousa era demostrar que había suficientes pegadas como para que se puidera considerar unha ruta xacobea relevante”, explica Castor Pérez, un licenciado en historia pola Universidade de Vigo que a finais dos anos noventa empezou a traballar como axente de desenvolvemento local para o Concello de Padrenda na raia seca do occidente ourensán.

Pérez empezou buscando “algo”, mais non concretamente un camiño. “Algo co que colocar Padrenda nun mapa, un mapa turístico, de patrimonio histórico, natural… o que fose. Para darlle pulo a este concello que, como todos os desta parte da provincia, estaba e segue estando esquecido e en declive”.

Atopou un nome e unha porta tapiada. Por aí empezou. Ao lugar sempre se lle chamara o hospital, díxolle unha vez o alcalde. A parroquia do Condado na marxe esquerda do Miño, a tiro de pedra o río, máis non se ve. Entre chousas e viñas está a igrexa de Santa María do Hospital, que data de finais do século XII e conserva un ara romana. Do que puido ser o hospital non queda rastro. 

Castor Pérez en Santa María do Hospital do Condado (Padrenda)
Castor Pérez en Santa María do Hospital do Condado (Padrenda)

Catro quilómetros cara o suroeste, seguindo o río, está a porta. Na parte baixa dun muro alto, a porta, pequena, fechouse cuns bloques da mesma pedra cos do muro, pero aínda se pode ver o debuxo do dintel e as xambas entre as herbas que agroman entre os perpiaños. O muro é parte do asento da igrexa de San Miguel de Desteriz. Por esa a porta os peregrinos subían até a igrexa e asinaban nun libro, informara a Pérez unha veciña. As fontes orais foron chaves en cada descubrimento.

A igrexa, que conserva elementos do século XIII, mira o Miño desde onde antes houbo un castro. Abaixo, o encoro da Frieira, o último dos que tronzan o río. A igrexa foi en época medieval parte dunha fortaleza. Do libro de peregrinos, nin rastro.

No vértice entre as demarcacións de Pontevedra, Ourense e Portugal, onde o río Barxas chega ao Miño, alí mesmo situaron o marco nº 1 que separa Portugal de España. Os investigadores pensan que o tránsito principal do camiño se producía a través do paso entre São Gregorio e Pontebarxas.

A raia seca trázase en perpendicular ao Miño, cara o sur, até Azoreira e Alcobaça, aldeas veciñas e estranxeiras por onde houbo outra porta de entrada desde a serra do Leboreiro, pasando por Entrimo até o Limia xunto a Aceredo (a aldea asolagada a principios dos 90 polo encoro do Lindoso que tiña, e ten, aínda que fóra do lugar primitivo, a súa igrexa de Santiago) e perdéndose despois, volvendo atravesar a raia, pola Portela d’Homen no cruce dos itinerarios romanos que foron o principio de todo, cando menos dos mapas, porque as rutas abríronse moito antes.

O Concello de Padrenda é un deses concellos que levan no escudo unha concha de vieira. O que empezou como un traballo de catalogación do patrimonio derivou nunha investigación sobre a pegada dun itinerario medieval de peregrinos, que sería un máis se non fose porque unía o Ribeiro con Braga e con Compostela, e o tráfico de viño e alimentos convertérona nunha ruta central que comunicaba tamén as sedes episcopais coas augas termais de Caldas e Cortegada, entre outras.

O camiño era unha vía de primeiro orde porque estaban os hospitais –que acollían viaxeiros–, as barcazas para atravesar os ríos –mercancías, animais e persoas, mais un servizo só ao alcance dos adiñeirados– e mesmo as encomendas ás ordes relixiosas que debían garantir a seguridade dos viaxeiros e estaba inzada de capelas, cruces e petos nos que foron quedando testemuños do culto ao Apóstolo.

“Ás veces a investigación consiste en sentar a falar coas veciñas e veciños maiores. Así foi como aquela muller de case noventa anos me contou que cando nena os peregrinos que viñan de Portugal paraban a firmar no libro da igrexa e entraban por aquela porta. Outras veces é cuestión de ir quitando capas na evolución dos templos, por exemplo. En Desteriz faltaba o retablo. Seguramente se quitou despois do Concilio Vaticano II. Busquei nos albumes familiares e din cunha foto dunha voda de finais dos sesenta aparecía unha figura ecuestre enorme que parece que está saíndo do conxunto, un Santiago Peregrino”, lembra Castor Pérez.

No concello veciño, o de Pontedeva, tamén hai unha imaxe de Santiago Peregrino inscritos na igrexa, e alí se sitúa A Ponte Trado, un paso ben documentado para salvar o río Deva moi cerca onde se xunta co Miño. “Esta ponte era moi utilizada nas épocas do ano nas que o río levaba moita auga. É unha ponte antiga, non teño a certeza de que sexa romana, pero pode que fixera parte do que foi a Vía XVIII”.

A ponte de Trado
A ponte de Trado

As pescudas continuaron nos documentos notariais, rexistros da propiedade e sentenzas no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, nos tombos dos mosteiros de Santa María de Fiães, en Melgaço, e de Celanova. Pasados os anos indagou tamén nos arquivos de Tui e Oseira. As intuicións íanse confirmando. Atopou rastro do camiño en fontes moi diversas que máis adiante resumiría nun libro. Deu coa referencia sobre “a existencia dunha posíbel vía romana que discorría paralela á famosa Vía Nova” nun ensaio de Vicente Risco, o tomo quinto da Geografía General del Reino de Galicia (1928). E a mesma vía nun estudo de Antonio Rodríguez Colmenero, Galicia Meridional Romana (1977), que precisaba un itinerario polo val do Homen, Manín, Entrimo, seguindo por Castro Leboreiro ou A Peneda, cara a Ponte Barxas, Arnoia e Ribadavia.

Mosteiro de Santa María de Fiães en Melgaço. Imaxe Turismo Portugal
Mosteiro de Santa María de Fiães en Melgaço. Imaxe Turismo Portugal

A descuberta do camiño seguiu os pasos polo que é hoxe o concello de Arnoia até onde se estenderon no século XII os dominios do Mosteiro de Celanova, que controlaba as pesquerías nesta parte do Miño e entre os ríos Limia e Arnoia. 

Descuberto o trazado até Ribadavia, alí deu con Xosé Ramón Estévez, que andaba na procura de historias do vizoso pasado medieval da comarca do Ribeiro, inzado de casas nobiliarias poderosas que determinaron a política do seu tempo. Estévez describirá a segunda parte deste camiño, a que vai de Ribadavia até Compostela, e que mostra a intensa relación medieval de Compostela con esta parte do país arraiano, que mesmo foi acubillo algunha vez do rei Alfonso IX enfrascado en continuas guerras e que morreu, por certo, como peregrino xacobeo en Sarria no ano 1230 e repousa na catedral compostelá.

Cruceiro e peto en Lordelo (Padrenda)
Cruceiro e peto en Lordelo (Padrenda)

Entre a época romana e o espertar das peregrinacións a Compostela, o camiño Miñoto Ribeiro foi carreiro entre asentamentos castrexos que se auxiliaban en caso de ataque cando non se atacaban entre eles; foi verea medieval que unía as vilas coas terras de cultivo; e despois foi camiño real, cos seus petos e cruceiros (como os que se conservan na aldea de Lordelo, en Padrenda, onde un veciño indicou o sitio polo que había desbrozar e alí apareceu o vello camiño, as lousas e as rodeiras marcadas polo paso continuo de carros); e chegando á época de Alfonso IX, foi ruta de paso das mesnadas de soldados que combatían con Castela ou Portugal. E as disputas entre reinos polas fronteiras continuaron cinco séculos até que escureceron o camiño e pararon o comercio de viño e o andar dos peregrinos.

Publicidade

Publicidade

Tramo do camiño Miñoto Ribeiro en Lordelo
Tramo do camiño Miñoto Ribeiro en Lordelo

Hai referencias xacobeas por todo o itinerario que foron trazando Castor Pérez e Xosé Ramón Estévez. En Entrimo, ademais do hospital, está en Bouzadrago que ten Santiago como patrón. Hai ducias de capelas e igrexas que dan conta do paso dos peregrinos e mesmo da viaxe da raíña santa, Isabel.  

Isabel peregrinou en 1325 e deixou fundadas cando menos dúas capelas: unha en Lordelo e outra en Ameán, a menos de cinco quilómetros unha doutra. A historia conta que peregrinou despois de enviuvar do rei Denís, a quen tiña freado en varias disputas co seu fillo parándose a rezar en metade dos exércitos no campo de batalla. Chegou a Compostela o 25 de xullo despois de pasar por Padrón. Doou a coroa, un manto e outros presentes. Levou consigo un báculo e unha bolsa adornada cunha cuncha de vieira. De regreso, ingresou nun convento de Santa Clara a Velha, en Coimbra. Alí foi enterrada 1336 con aqueles agasallos que trouxera de Compostela, cousa que se soubo 1612 cando se iniciou o proceso de canonización.

As ordes militares deixaron tamén información dabondo sobre o vigor do camiño Miñoto Ribeiro entrando no século XII. Historiadoras como Olga Gallego e Isidro García Tato fixeron estudos precisos e densos sobre as encomendas. Os investigadores da ruta xacobea atoparon fontes sobre o camiño nos documentos sobre a Orde do Temple, en Beade, e sobre outras para as que se estableceron encomendas moi ligadas ao viño e coa obriga tamén de protexer as peregrinacións, aínda que aparecen moito despois que os primeiros peregrinos. As ordes de San Juan e de Malta están moi presentes en todo o camiño, a primeira delas, especialmente no Ribeiro.

Paso de Portela d'Homen. Imaxe Valles Errantes
Paso de Portela d’Homen. Imaxe Valles Errantes

Hai constancia de hospitais para peregrinos en Fiães, na Igrexa de Santiago de Barbeita (Monçao), Ponte da Lima, Entrimo, Santa María do Condado, Refoxos (Cortegada), San Mauro (A Arnoia) e até seis na vila de Ribadavia.

Mais non foi o tránsito de soldados, reis e raíñas e peregrinos o principal no camiño Miñoto Ribeiro. O principal, seguramente durante séculos, foron os carros dos arrieiros que levan sobre todo viño cara a Compostela e Pontevedra, pero tamén cara o sur, até que as guerras acabaron coa puxanza do viño do Ribeiro ao tempo que espertaban o interese polos viños portugueses. O camiño do viño era tamén o do aceite, mais co aceite remataron as leis, non as guerras. E os ríos da raia eran ademais abundantes pescados, circunstancia que deixou pegada nos documentos monacais, pois eran os mosteiros, como o de Celanova, que tiña os dereitos sobre a actividade pesqueira. Coa riqueza fluvial acabaron en época contemporánea os encoros.

Xunto ás viandas, outros intereses que conectaba o camiño dos arrieiros eran os das augas termais. Hainas desde no Xerés, en Lobios, Melgaço, en Padrenda, en Cortegada, na Arnoia, onde aínda hoxe os balnearios teñen actividade, e houbo tamén en Castrelo de Miño (hoxe soterradas polo embalse). Para moitos o camiño foi de curación tanto como camiño de espiritualidade.

Igrexa de Santa María de Desteriz
Igrexa de Santa María de Desteriz

Mesmo os investigadores especulan coa posibilidade de que o declinar do comercio e das peregrinacións tivera que ver coa popularización do remedio das augas para enfermidades como a lepra. As referencias ao gafo ou aos gafos (nomes que se lle daban á enfermidade e aos enfermos) son constantes nas fontes, mananciais ou mesmo na toponimia. De seguro que os enfermos de lepra foron parte dos peregrinos, mais por alí transitou “calquera que se tivera encomendado a Santiago, o Apóstolo”, resume Castor Pérez.

A finais do XVIII, hai noticia da petición do coengo da catedral de Santiago, Jorge Cisneros, á capitanía xeral de Galiza, quen logo de tomar os baños en Cortegada pide que se reparen pontes e o camiño con Compostela para que poidan transitar “con menos incomodidade os peregrinos, pasaxeiros e xente do comercio”.

Fose como fose, a decadencia do camiño como ruta de peregrinación decorreu en paralelo ao declive do comercio que activara o camiño nos seus inicios. Hoxe, sucede á inversa, un paso renacido para peregrinos pode revivir a actividade económica e social en zonas moi deprimidas como o occidente ourensán e o interior de Pontevedra.      

Na segunda parte desta historia, o camiño pasa o Miño e chega a Ribadavia desde onde arranca cara a Compostela.

O Miño, xunto á presa do encoro da Frieira
O Miño, xunto á presa do encoro da Frieira

Mais antes cómpre anotar que a documentación recollida por Castor Pérez e Xosé Ramón Estévez, acompañada dun estudo topográfico sobre os bens patrimoniais na contorna do camiño elaborado por Juan José Lamas, están xa en mans da Xunta de Galicia, que debe decidir se a ruta presentada gozará do recoñecemento e conseguinte protección como camiño cultural, paso previo a ser rescatada como ruta oficial xacobea.

A participación das institucións no impulso do recoñecemento do camiño Miñoto Ribeiro é recente. Até hai uns tanos ningunha administración pública mostrara interese nas pescudas dos investigadores. No 2013, o Concello de Cortegada organizou unha exposición de pintura cos traballos dun colectivo de médicas e médicos que recorreran parte do camiño recollendo as paisaxes. En Padrenda, Castor Pérez lanzara a idea dunha asociación de concellos do camiño.

Porén, Castor e Xosé Ramón seguiron implicados. Finalmente creouse a asociación para dinamizar o camiño, algúns concellos (non todos) empezaron a limpar e a sinalizar a ruta, completouse o perímetro e o estudo para indicar os elementos patrimoniais no camiño e sucedéronse as conferencias, comunicacións e mesmo publicaron, en xullo de 2010, un libro, Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro, editado ás présas pola Deputación de Ourense.

Pegada do paso dos carros nun tramo do camiño na zona de Entrimo
Pegada do paso dos carros nun tramo do camiño na zona de Entrimo

“A nosa única aspiración é que despois de todo o traballo e ternos entrevistado con bispos, alcaldes, conselleiros e ex conselleiros, o Miñoto Ribeiro cumpra cos trámites para ser recoñecido como un camiño á altura dos camiños Francés, do Norte ou da Prata… unha ruta interior do camiño Portugués, en contraposición á que vén por Valença e Tui pola costa”, din Pérez e Estévez nunha conversa na praza de Ribadavia a finais do verán, xuntos vinte anos despois de que comezara todo, cada un polo seu lado.

Próximo capítulo: O camiño Miñoto Ribeiro (parte II: de Ribadavia a Compostela)

Pode que che interese:

Guía completa para visitar os Ancares

A serra dos Ancares é unha cordilleira administrativamente dividida entre Galiza e Castela e León, localizada entre o oriente de Lugo e o Bierzo. No ano 2006 foi declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO e posiblemente sexa o maior tesouro galego a nivel medioambiental e cultural.

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.

Publicidade

Publicidade

10 comentarios en “Rozando o camiño Miñoto Ribeiro (parte I: da raia a Ribadavia)”

  1. Boas.
    Moi bo traballo, de documentación e busca. Para completalo e facilitar que sexa posible facer a ruta, poderíades colgar track da mesma?
    Saúdos
    Carlos Correa

    Responder
  2. Parece k volvemos 1300 años atras de esa Historia que esconde O Camiño. Buen trabajo, los felicito a todos, eu son xente da Notaria.

    Responder
  3. Muito interessante !
    (Desbrozar nom é correto em galego, é um castelanismo bastante recente. O correto é roçar –rozar– ou limpar).

    Responder
  4. Moi interesante e moi bon traballo. Eu son dunha pequena aldea de Padrenda (malia que vivo en Barcelona), e cal non foi a minha sorpresa este vrao cando cheguéi á casa dos meus pais na rubiña, e vexo prantado diante da casa un cartel coa indicación de “Camiño Miñoto Ribeiro”!!!

    Grande traballo, por en valor o noso e a nosa historia!

    Grazas de corazón.

    Responder

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!