16 lugares imprescindibles para visitar no Courel

A Serra do Courel é un dos lugares máis importantes do noso país xa non só a nivel ambiental senón tamén etnográfico, lingüístico e patrimonial. Nesta zona comezaron os traballos de recuperación dunha das figuras mitolóxicas do nadal galego, o Apalpador, mais tamén destaca pola súa arquitectura e a preservación de ritos, lendas, gastronomía e tradicións.

Con todo, a súa importancia a nivel medioambiental é importantísima, conservando nas devesas un dos bosques autóctonos máis importantes de Europa. Por desgraza, isto non impediu que o Courel leve décadas sufrindo agresións, grazas en parte ao abandono nas políticas de protección.

Así, os lumes, os monocultivos extensivos de piñeiros, a falta de políticas de dinamización do lugar, etc. provocaron que a súa situación medioambiental vaia en declive. Exemplo disto temos os lumes do verán do 2022, sendo os que afectaron á serra dos máis grandes desde que temos rexistros de hectáreas queimadas.

Como pode arder tantos días un espazo tan importante e teoricamente tan protexido? Como poden ser os veciños os responsables de protexer as aldeas ao non contar con servizos de extinción? Aínda así, o Courel é un lugar máxico, que compre visitar e coñecer, mercar os seus produtos e descubrir nel o que foi e segue a ser Galiza.

Por iso, neste artigo imos recomendar 16 lugares imprescindibles para visitar na Serra do Courel, sabemos que son moitísimos máis pero recomendamos os que nós visitamos e coñecemos. Isto non impide que máis adiante fagamos unha segunda parte con outros 16 lugares xa que como dicimos, o Courel é un mundo por coñecer.

Comezamos!

Fervenza da Pedreira

A Fervenza/Pincheira da Pedreira está xusto antes de entrar ao núcleo urbano de Folgoso do Courel e é un lugar perfecto para comezar a nosa visita no Courel se entras desde Quiroga. Está sinalizada na estrada e ten un pequeno espazo para aparcar. O percorrido non chega aos 5 minutos xa que non son máis de 200 metros, cun pequeno desnivel e é moi recomendábel en época de choivas. Iso si, debemos sempre levar calzado adecuado xa que é posíbel que teñamos que sortear o Rego do Val.

Imaxe: Orgullo Galego

Fervenza do Rexio ou Vilamor

Esta pincheira (como chaman ás fervenzas por esta zona) duns 20 metros de altura é obrigatoria para seguir coñecendo todas as fervenzas do Courel, xa que ten un pequeno lugar para aparcar e está ao carón da estrada que vai de Folgoso camiño a Vilamor ou Froxán. O percorrido non supón ningunha dificultade, apenas hai que baixar 4 escaleiras. Como todas, moi recomendábel en época de choivas, unha auténtica marabilla.

Imaxe: Orgullo Galego

A Devesa da Rogueira

A Devesa da Rogueira é a xoia do Courel, un dos bosques mellor conservados de toda Europa Occidental, catalogado como Lugar Natural de Interese Turístico e que obtivo a certificación outorgada pola entidade FSC (Forest Stewardsip Council) pola súa xestión e conservación da súa riqueza e biodiversidade.

Calquera cousa que digamos dela é pouca, é un dos maiores tesouros que temos no país e podes adentrarte nela en distintos roteiros que parten, ou ben desde a Aula da Natureza de Moreda, ou ben desde o Alto do Couto. Nestes roteiros podemos achegarnos a outros lugares coma o Pico Polín, Pico Formigueiros, Lagoa de Lucenza e á Fonte do Cervo a cal leva augas ferruxinosas.

Imaxe: Orgullo Galego

Pozo das Mulas, Pontón e Arandaina

Estas 3 pozas fan parte dun pequeno percorrido de ida e volta, sinalizado e que non supera o quilómetro e medio. É un lugar non tan coñecido nas persoas que visitan o Courel, onde van bañarse os nativos no verán e que é un espectáculo en época de choivas. Está indicado nun lateral da estrada que une Folgoso do Courel con Seoane do Courel, a menos de 10 minutos desde esta primeira.

Imaxe: Orgullo Galego

A Casa do Apalpador

Desde a Aula da Natureza de Moreda parte o roteiro da Devesa da Rogueira. Nos primeiros metros deste pasaremos por un antigo sequeiro bautizado como a Casa do Apalpador, figura do nadal galego que resistiu durante moitos anos nesta zona. Ademais ten un buzón de madeira para deixarlle as cartas e cando nós pasamos, xa tiña bastantes! 😊

Imaxe: Orgullo Galego

O Val das Mouras

O Val das Mouras é un lugar xeolóxico coñecido como cárstico que gañou forza nos últimos anos na xente que vai visitar o Courel. Este lugar, localizado no desvío á aldea de Mercurín e na parte de enriba da aldea da Ferrería Vella, está rodeado por un souto e ten unha beleza que as fotos non fan xustiza. As augas percorren o subsolo e a erosión formada no lugar deu como resultado unhas formacións rochosas impresionantes.

Subindo cara a aldea de Mercurín temos un pequeno cartel de madeira que indica o comezo do lugar mais o certo é que non ten un percorrido claro, o sendeiro é pouco evidente polo que recomendamos buscar en Wikiloc algún percorrido, sendo estes non superior ao quilómetro e medio.

Sen dúbida un punto imprescindíbel na túa visita do Courel ao que podes chegar na estrada que vai de Folgoso do Courel a Seoane do Courel.

Castiñeiro senlleiro do Val das Fontes

A 10 minutos de Seoane do Courel, na aldea de Paderne, situada na parroquia de Meiraos (Folgoso do Courel) contan cun impresionante castiñeiro (Castanea Sativa) declarado “Árbore senlleira de Galiza”.

O seu tamaño é de case 19 metros e os cálculos din que sería plantado no ano 1518. Como vemos, conta cunha gran cavidade que permite acubillarse se hai choiva.

Nesta zona parte un dos roteiros máis fermosos do Courel, o Roteiro do Río Pequeno e o castiñeiro está ao carón na aldea de Paderne, por unha corredoira que leva a unhas leiras.

Imaxe: Orgullo Galego

Castelo de Carbedo

Moi preto de Seoane do Courel e camiño cara Visuña e a Seara, está o Castelo de Carbedo, unha fortaleza de orixe medieval localizada a máis de 900 metros de altura no cumio dun outeiro, nun lugar no que din que podería ter existido un castro. Ao seu redor están o Monte Campelo e o Monte Cido, neste último atoparon restos romanos entre os que destaca a Táboa de Hospitalidade e unha águia de bronce, localizados hoxe no Museo Provincial de Lugo.

Esta fortaleza pertenceu a Nuno Peláez quen o deixou posteriormente aos Cabaleiros da Orde de Santiago para vixiar o tránsito entre León e Lugo.

Ao carón da estrada hai un miradoiro e un panel con información mais tamén parte un pequeno sendeiro (non apto para todo o mundo) para chegar até o cumio. De feito a referencia máis antiga que se atopa é unha carta de doazón a esta Orde no ano 1181.

Imaxe: Orgullo Galego

Fervenza de Vieiros

Pasando xa o Val da Seara e a aldea de Ferramulín temos un dos tesouros máis coñecidos do Courel, a Fervenza de Vieiros. O percorrido é sinxelo, non superior aos 2 kms ida e volta e na estrada temos un pequeno aparcadoiro para deixar varios coches.

Xa na parte de abaixo da fervenza temos que baixar agarrados a unha corda porque en época de choivas pode esvarar moito, en todo caso non é nada complicado. Xusto antes hai un desvío no que indican que podemos chegar á fervenza por un camiño máis duro.

Imaxe: Orgullo Galego

Val de Visuña

Esta zona é sen dúbida unha das máis fermosas do Courel. Percorrer a estrada que vai de Seoane do Courel até Quiroga por este lado é unha marabilla, bosque autóctono, aldeas e un dos mellores lugares para poder captar coa túa cámara as cores do Courel.

Imaxe: Orgullo Galego

Casa Museo da Fundación Uxío Novoneyra

Uxío Novoneyra é coñecido coma o poeta do Courel, así parte dos seus poemas falan desta zona. Estivo encadrado dentro da Xeración das Festas Minervais e foi homenaxeado pola Real Academia Galega no ano 2010. Esta casa non serve só para coñecer a vida e obra dunha das figuras máis importantes da cultura galega senón que é un museo etnográfico ao aire libre.

Recomendamos chamar uns días antes para asegurarse que están abertos, a Casa Museo non abre a diario. No noso caso fomos despois de rematar o roteiro da Devesa da Rogueira, a Aula da Natureza de Moreda está a menos de 5 minutos.

Imaxe: Orgullo Galego

Castro da Torre

Nun desvío indicado que hai na estrada que vai de Folgoso a Seoane, podemos coñecer o que posibelmente sexa o castro máis importante da zona, o Castro da Torre, tamén coñecido como Castro de Sobredo ou Torre do Castro.

Este monumento está catalogado como Ben de Interese Cultural e é un claro exemplo de romanización dun poboado que serviu tamén para a procura de minerais por parte dos romanos. Considerado de nova planta, foi comezado a construír no século I d.C.

Imaxe: Orgullo Galego

Museo Xeolóxico de Quiroga

O Museo Xeolóxico de Quiroga é un lugar de visita obrigatoria para entender e coñecer o patrimonio xeolóxico desta zona. É o primeiro museo de Galiza dedicado a este campo e está dividido en 5 salas.

Nel podemos coñecer a formación xeolóxica de Galiza e do Courel, os distintos pliegues da zona (e que tamén podes ver nos seus respectivos miradoiros), unha ampla colección de rochas e minerais da zona, restos da fauna do Cuaternario e unha representación das primeiras ocupacións humanas mediante a pastora Elba.

Imaxe: Orgullo Galego

Castro de Vilar

Moi preto de Vilamor e na aldea de Vilar temos o Castro de Vilar, outra das representacións máis antigas que podemos ver na zona. Está localizado nun alto de máis de 500 metros de altura e podemos chegar nun agradábel paseo desde a aldea de Vilar.

Pola súa localización é moi complicado percorrelo enteiro mais nos primeiros metros podemos ver muros e pequenas vivendas. Contan que este castro tamén estaba ligado á actividade mineira da zona.

Na nosa visita puidemos ver a situación triste na que está a aldea de Vilar despois dos lumes pasados, entre o que está o Museo Etnográfico de Xan do Vilar. Agardamos que as autoridades procedan a súa reconstrución e aínda que sabemos que é difícil, poda recuperarse.

Imaxe: Orgullo Galego

Castro de Vilamor

Na parte alta da aldea de Vilamor, a case 800 metros de altura, temos o Castro de Vilamor, tamén afectado polos lumes. Castro romanizado, que serviu para labores mineiras.

Os lumes afectaron ao castro e o certo é que das vivendas xa non puidemos ver nada. O curioso deste castro é que ten un modelo defensivo en forma de pedras fincadas que non é nada habitual. Só por isto último que indicamos paga a pena a visita, ademais hai un pequeno aparcadoiro e un panel para coñecer máis sobre a súa historia.

Imaxe: Orgullo Galego

Aldeas de Froxán, Vilamor, Mercurín e Ferrería Vella

Estas aldeas xunto a outras moitas son un exemplo perfecto da arquitectura tradicional do Courel polo que recomendamos visitalas para coñecer máis a fondo como e onde viviron ao longo dos séculos nesta serra. Son, sen dúbida, un exemplo de patrimonio arquitectónico que cómpre preservar.

Imaxe: Orgullo Galego

Publicidade

Publicidade

Publicidade

4 comentarios en “16 lugares imprescindibles para visitar no Courel”

  1. “Courel” é um singular, mas é um singular de um colectivo. É equivalente a um epónimo. O gentílico correspondente é “Couros”. O singular correspondente é “couro” ou “coura”. E o “ou”, na origem, é um “u”. Há, pois, em “Courel”, uma raiz “cur” (ou “kur”). Com significado orográfico encontra-se no hitita. Hitita também, o teónimo derivado, também adoptado como nome real, é “Kurunta”. Este “t” (de “Kurunta”) facilmente vira “d” e o depreciativo “corcunda” também está relacionado com o anterior.

    Responder
  2. Antes que nada, graciñas por todo o que publicades!
    Como suxerencia, creo que sería moi útil se puidesedes subir un mapa onde se visen os puntos que mencionades. Si, certo é que sería darnos todo masticado pero, contra o vicio de pedir…😅
    Noraboa polo traballo que facedes!

    Responder

Deixa un comentario

Más artículos sobre Natureza e terra, Lugares

Guía completa para visitar os Ancares

A serra dos Ancares é unha cordilleira administrativamente dividida entre Galiza e Castela e León, localizada entre o oriente de Lugo e o Bierzo. No ano 2006 foi declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO e posiblemente sexa o maior tesouro galego a nivel medioambiental e

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e

10 fervenzas para visitar polo menos unha vez na vida (parte 2)

Realizar unha lista de fervenzas para visitar require moitísimo tempo xa que en Galiza é raro o lugar que non teña unha ou varias fervenzas ou pozas. Por iso, despois do éxito da primeira parte na que tocamos algunhas das fervenzas máis populares, nesta segunda

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego