Orgullo Galego asiste ao Surva (Pernik, Bulgaria) o maior evento de mascaradas de toda Europa

Durante tres días, a cidade búlgara de Pernik converteuse no epicentro das mascaradas de inverno de toda Europa, un lugar no que por suposto tiña que haber presenza galega, e como non ía haber se posuímos un dos entroidos máis ricos de Europa! 

O pasado mes de xaneiro unha representación de Orgullo Galego viaxou até Bulgaria para asistir ao 60 aniversario do Surva, o maior desfile de mascaradas tradicionais de toda Europa. Antes de contar a nosa experiencia non podemos deixar de agradecer en primeiro lugar ao Entroido de Samede, sen o seu convite non sería posíbel participar dun xeito tan activo, e por suposto á Sociedade Antropolóxica Galega comandada polo seu presidente Rafael Quintía

O 15 de xaneiro, Orgullo Galego e a Sociedade Antropolóxica Galega arrincamos cara  Madrid, onde tiñamos que coller o noso avión con destino a Sofía. Alí coincidimos cos Entroidos de Sande (Cartelle) e Samede (Paderne) que eran os representantes galegos nesta mascarada. En Sofía tivemos o enorme privilexio de poder visitar a cidade, entre eles o Museo Nacional Búlgaro e o Museo Arqueolóxico Nacional, o que nos deu unha perspectiva histórica do país e como foi influenciada por distintos pobos e culturas, tamén tesouros dun valor incalculable coma os tesouros tracios e, por suposto, a cultura máis popular entre a que estaban os Kukeri, de quen falaramos logo.

O lugar onde se celebra o Surva é Pernik, unha cidade a uns 30 minutos de distancia de Sofía, á que nos desprazamos tanto o 16 coma o 17 nun autobús posto pola organización. A cerimonia de apertura xa adiantaba o que nos iamos atopar o sábado, cultura, tradición local e espectáculo baixo temperaturas en negativo. Non sabedes o que significa estar alí e comezar a escoitar ese son atronador de ducias e ducias de Kukeri coas chocas, é unha sensación que saberá o que vibre ao escoitar as chocas dos Felos, o Peliqueiro ou o Cigarrón, entre outros.

Pero que é o Surva?

O Surva é unha das celebracións de inverno máis importantes de Europa no tocante ás mascaradas. Celébrase na cidade de Pernik, onde ten lugar o grande festival internacional.

Este Festival Internacional de Xogos de Mascaradas chamado “Surva”, é considerado un dos maiores eventos de mascaradas do mundo. Xunta a milleiros de enmascarados e centos de milleiros de visitantes, coa participación de grupos de toda Bulgaria e doutros países europeos como Galiza, Portugal, Romanía, Irlanda, Grecia, Macedonia, Serbia, Alemaña, Polonia, Italia, Francia, etc. Constitúe un grande escaparate das tradicións de inverno e está recoñecido como Patrimonio Cultural Inmaterial pola UNESCO, xa que ademais de enmascarados participan numerosos grupos de música e baile tradicional búlgaro ou grego.

Baixo a nosa experiencia, é unha oportunidade enorme para coñecer esa diversidade que temos en toda Europa, os seus ritos, mascaradas e tradicións, tamén para atopar semellanzas co noso entroido galego e poder intercambiar coñecementos de distintas culturas. Con todo, hai que ter en conta que o Surva é un desfile, desfile no que as mascaradas están fóra do seu ámbito e polo tanto non realizan os ritos característicos, e isto é importante resaltalo para non levar unha decepción. No noso caso foi unha oportunidade de coñecer outras mascaradas, poder investigar máis sobre elas e quen sabe se no futuro, poder visitar o seu lugar de orixe.

Que son os Kukeri?

O Kukeri é unha tradición folklórica de Bulgaria na que homes vestidos con elaborados disfraces realizan danzas e rituais destinados a afastar os malos espíritos e atraer a boa sorte para a nova tempada agrícola. Os traxes inclúen máscaras de animais ou seres sobrenaturais, cornamentas, pelo, dentes e grandes chocas e pezas metálicas que producen un forte estrondo ao moverse. Ao igual que na Galiza, estes ritos representan a expulsión do inverno e a chegada da primavera, o renacer da natureza e o inicio do período das colleitas.

O Kukeri de Pernik é o máis coñecido e multitudinario, celebrado durante séculos e preservado pola comunidade local, o que lle valeu recoñecemento como patrimonio cultural pola UNESCO

Os traxes, feitos artesanalmente, son moi vistosos e simbólicos: representan a loita entre o ben e o mal e a vitoria sobre as forzas negativas, sendo unha das expresións máis potentes do ritualismo de inverno en Europa do Leste. 

O espazo no que se desenvolveu este festival da mascarada era o centro da cidade, nunha enorme praza por onde desfilan os distintos entroidos e agrupacións folklóricas. Tamén conta con numerosos postos onde poder xantar comida tradicional e mercar produtos relacionados co festival, mesmo hai un pequeno mercado de produtos artesanais. 

Como conclusión, podemos dicir que foi unha experiencia impresionante, algo que non poderíamos ter vivido sen a existencia de Orgullo Galego, o que nos fai máis conscientes de como este proxecto foi medrando e avanzando. Tede en conta que non estivemos co público senón dentro do propio desfile, o que nos deu unha mellor perspectiva para coñecer e entender toda a riqueza alí presente.

Na viaxe de volta falabamos como nuns entroidos tiñan un rito, noutros tiñan outro, nalgúns unha figura concreta mais o entroido galego ten todo, o pack completo”, non somos conscientes da riqueza e diversidade que temos no país, amais nun proceso de recuperación de máis e máis entroidos. Por iso, é importante poñer en valor o Entroido non como un produto turístico, tampouco polos cartos que poida dar, senón coma unha festividade, un tesouro cultural que cómpre protexer. Precisamos producir máis contido teórico e divulgativo, para nós e a nivel internacional, precisamos levalo máis aos centros de ensino, sacar máis documentais, seguir deixando ao pobo que sexa o actor activo do mesmo, en definitiva, tratalo como o que é, un tesouro cultural legado polos nosos antergos.

Algo que pensaba na viaxe de de volta é que, de que serve declarar o entroido como Ben de Interese Cultural (BIC) cando logo é a xente dos entroidos galegos quen ten que pagarse do seu peto a viaxe até Bulgaria? Que sentido ten ter unha consellería de cultura cando logo despilfarran os cartos en todo menos en cultura? Como pode ser que a Xunta de Galiza non apoie algo tan importante como mostrar o noso nun evento protexido pola UNESCO?

Aínda con atrancos, o pobo galego sempre logra abrirse paso. Que viva o entroido!

Galería de vídeos

Publicidade

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Más artículos sobre Natureza e terra

O Colar de zonchos: Significado dunha tradición de Defuntos

Para comprender o significado do colar de zonchos – ou colar de castañas – debemos achegarnos á maneira en que as sociedades antigas entendían o mundo. Naquel tempo, a natureza era un piar fundamental da organización social da vida. O alimento, o clima, os ciclos

16 lugares imprescindibles para visitar no Courel

A Serra do Courel é un dos lugares máis importantes do noso país xa non só a nivel ambiental senón tamén etnográfico, lingüístico e patrimonial. Nesta zona comezaron os traballos de recuperación dunha das figuras mitolóxicas do nadal galego, o Apalpador, mais tamén destaca pola

10 fervenzas para visitar polo menos unha vez na vida (parte 2)

Realizar unha lista de fervenzas para visitar require moitísimo tempo xa que en Galiza é raro o lugar que non teña unha ou varias fervenzas ou pozas. Por iso, despois do éxito da primeira parte na que tocamos algunhas das fervenzas máis populares, nesta segunda

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego