Para comprender o significado do colar de zonchos – ou colar de castañas – debemos achegarnos á maneira en que as sociedades antigas entendían o mundo. Naquel tempo, a natureza era un piar fundamental da organización social da vida. O alimento, o clima, os ciclos da terra e o paso das estacións determinaban os ritmos da existencia. Había unha auténtica cosmovisión da vida e do mundo, un conxunto de ritos e crenzas que daban sentido ao tempo e á morte.
Pero… que é realmente o colar de zonchos?
Neste artigo falamos de...
O inicio do período escuro do ano
Entramos no período escuro do ano: as hortas deixan de ser fértiles, chove, vai frío e os días acúrtanse, a natureza adormece, os animais migran ou hibernan. Neste tempo celébranse festividades profundamente enraizadas na cultura galega como Defuntos, Magostos, Nadal ou o Entroido, e a figura principal desta época son as ánimas que veñen do alén
Durante os días de Defuntos, a castaña convértese no produto estrela, e con ela, o castiñeiro, unha árbore chea de crenzas e ritos asociados. Moitas crenzas populares relacionan o Magosto cun banquete funerario, unha maneira de agradecer as colleitas e honrar ás ánimas dos antepasados, pero son varias as teorías. En distintas culturas da Península era costume deixar castañas na mesa pola noite para ofrecerllas ás ánimas que están connosco. Así, a relación entre a castaña e a morte é clara.
É neste contexto no que se enmarca o colar de zonchos, tamén coñecido como rosario de castañas. Non é unha tradición asociada a un único día, senón un costume que se estendía ao longo de todo este período.
Como elaboramos o Colar de Zonchos?
Primeiro deixamos secar as castañas. Logo cócense coa casca, en pouca auga, engadindo anís e sal. Unha vez cocidas e arrefriadas, ensártanse cun fío e unha agulla, formando longos colares que logo se penduran do pescozo.
E para que se usan?
A tradición di que era sobre todo a cativada quen os levaban, tanto para comelos como para ofrecelos á xente. Contan que cada castaña comida simbolizaba a liberación dunha ánima do purgatorio —o mesmo que se dicía cando as castañas estoupaban ao facerse- Ademais, o costume deu lugar nas últimas décadas a concursos en que se competía por ter o colar máis grande. Mesmo en lugares como Vigo, A Coruña, A Mariña ou Ourense, era común atopalos á venda nas portas dos cemiterios. Os máis vellos lembran pelexas por ter o colar máis grande ou mesmo por comer as catañas doutros e conservar o colar o maior tempo posible.
Que significado pode ter?
O castiñeiro é unha árbore de longa vida, símbolo de forza e inmortalidade, e por iso a castaña, froito do outono, tamén se asociou á continuidade da vida.
O Purgatorio, segundo a tradición cristiá, é o lugar onde as ánimas se purifican antes de acadar a gloria. En Galiza, o culto ás ánimas é moi antigo —velaí os numerosos petos de ánimas espallados polo país—, e prácticas como a do colar de zonchos encaixan nesa devoción: axudar ás ánimas a acadar a luz e, ao tempo, buscar a súa protección.
Tamén se di que estes colares protexían a cativada, razón pola que eran eles quen máis os levaban enriba. Quizais este costume sexa, pois, unha mestura de ritos cristiáns e precristiáns, unha especie de sincretismo entre distintos xeitos de entender a morte, ou, polo contrario, un rito cristián asociado á liberación das ánimas, non o sabemos.
Conversa sobre o significado de Defuntos co antropólogo Rafael Quintía:
Como está este rito na actualidade?
Co abandono do mundo rural e o cambio nas crenzas, esta tradición foi perdendo forza. Tamén diminuíu o consumo e o valor social da castaña. Con todo, a práctica sobreviviu en moitas zonas de Galiza —na Coruña, Ferrol, a Mariña Lucense ou arredores de Compostela— e, nos últimos anos, revive grazas ao labor de escolas, asociacións culturais e redes sociais.
Hoxe, o colar de zonchos recupera o seu espazo como parte do noso patrimonio inmaterial. Temos a fortuna de que non desapareceu de todo e de que moitas persoas o lembran de primeira man. A súa recuperación é, pois, doada e natural, sempre que saibamos respectar o seu significado e aceptar a súa evolución: ao fin, a cultura é un ser vivo que muda e se adapta sen perder as súas raíces.
Non podemos rematar sen lembrar a fermosa cita de Rosalía de Castro nos Cantares Gallegos (1863), onde alude aos zonchos (a castaña cocida) como símbolo popular e saboroso do outono galego:
«Has de cantar/ que che hei de dar zonchos;
has de cantar,/ que che hei de dar moitos»
E tamén o conto de Defuntos “O Rosario de Castañas” de Bernardo Bermúdez Jambrina, publicado en Revista Gallega o 5 de novembro de 1904. Nese relato, unha avoa fai un rosario de castañas para o seu neto co desexo de que reze polos seus pais e, despois da súa morte, o pequeno continúa o rito, rezando polas ánimas ata caer tamén xunto a ela. Unha historia chea de tenrura e simbolismo que, coma o colar de zonchos, une o amor, a memoria e a fe no poder da vida máis aló da morte.
-¡Miña abolita! Pasadomañán é o día dos difuntiños. ¿Háme facer un rosario de castañas tan grande coma o do ano derradeiro?
-Sí, miña xoyina, sí, hei mercar un ferrado de zonchos é heiche facer un, moito mais grande qu’o que ten pendurado da cintura o frade franciscano que che dou onte as mazás tabardillas. Pero dinantes tes que ser bó, adeprendel-as leuciós, obedecer cando eu te chamo é sobre todo facer ó que che dixen, rezar todal-as noites pol-os teus pais.
-¿E quen son os meus pais, aboliña? ¿Por qué non veñen a verme y-a darme bicos coma mos dás tí e como llos dan á Xiliño, o do lado, os seus pais?
-Cala, neniño, cala: non poden vir porqu’están no ceo. Reza, reza por eles. Quero que te acostumes á rezar pra que cando eu morra pidas tamén á Dios pol-a miña alma.
[Mais tristemente, e non sen antes facerlle o rosario de zonchos ó netiño, a aboíña morre tras sufrir un accidente, atropelada polo imprudente señor do Pazo da Sal. O seu corpo é trasladado ó Pazo:]
O salón do Pazo da Sal vístese de colgarellos mouros. No medio, colocada n-unha caixa, moura tamén, descansa o corpo da tía Antona. De rodillas diante d’ela está o pobre pequeno: ten pendorado ao pescozo un rosario longo de castañas e chora esconsolado salayando con angustia que parte á y-alma.
Aquel día era o de difuntos. As doce da noite daban na campá do Pazo, cando a xente que estaba no salón mouro quedouse suspensa e ademirada. A tia Antona ergueuse na caixa e dirinxíndose ao neto díxolle: “Xorxiño, reza pol-os teus pais e por min, reza”.
O pequeno, sonrinte e contento, comezou a marmular un rezo docísimo como o rezo d’un anxel: as xentes maquinalmente caeron de xionllos é acompañaron nas suas oraciós ao neno, que caeu morto cando terminou de repasar entre os seus dedos as castañas do rosario que lle fixera a aboliña.
Conversa coa antropóloga Lidia Mariño sobre o tempo de Defuntos:
Foto de portada: Fondo Fotográfico Rey-Henningsen. Arquivo Fotográfico do Museo do Pobo Galego




