10 fervenzas para visitar polo menos unha vez na vida (parte 2)

Publicidade

Realizar unha lista de fervenzas para visitar require moitísimo tempo xa que en Galiza é raro o lugar que non teña unha ou varias fervenzas ou pozas. Por iso, despois do éxito da primeira parte na que tocamos algunhas das fervenzas máis populares, nesta segunda parte imos tocar outras 10 que puidemos visitar e que recomendamos coñecer, especialmente na época de choivas que é cando baixan no seu pleno esplendor.

Con todo, somos conscientes que hai moitísimas máis fervenzas que merecen unha visita polo que animamos a deixar as vosas recomendacións nos comentarios para poder visitar proximamente.

Comezamos!

Fervenza de Rexiu ou Vilamor

Esta fervenza é un dos múltiples tesouros que agocha o Courel e ten a facilidade de estar xusto ao carón da estrada, polo que non hai que camiñar para visitala. Esta pincheira (como lle chaman nesta zona ás fervenzas) acada 20 metros de altura que no inverno é un auténtico espectáculo. Algo que chama a atención son as cores marróns froito da enorme cantidade de ferro que contén.

Está localizada na estrada que une Folgoso do Courel coa Pobra do Brollón e pasa por lugares como Vilamor ou Froxán. Unha vez cruzas o río Lor á altura de Baldomir, atopamos unha zona sinalizada a man dereita onde poder aparcar e acceder á fervenza.

Imaxe: Orgullo Galego

Fervenza da Pedreira

A fervenza da Pedreira é perfecta para visitar se ves desde Quiroga ou estás hospedada/o en Folgoso do Courel ao atoparse á entrada da vila. A man dereita hai unha sinal e un espazo moi pequeno para aparcar.

Esta fervenza é unha espectacular parede de pizarra duns 30 metros de altura nos que non hai maior dificultade para visitala, o percorrido non chega aos 5 minutos xa que non son máis de 200 metros, cun pequeno desnivel e é moi recomendábel en época de choivas. Iso si, debemos sempre levar calzado adecuado xa que é posíbel que teñamos que sortear o Rego do Val.

Imaxe: Orgullo Galego

Fervenza Auga Caída

Falar da Fervenza de Auga Caída é falar dunha das fervenzas máis populares do noso país, con todo o que iso supón, para ben e para mal. A Fervenza de Auga Caída está localizada na parroquia de Marce no Concello de Pantón en plena Ribeira Sacra. Na parte de arriba hai espazo para aparcar e un panel que indica a distancia e posibilidades, xa que podemos ampliar o percorrido até o Castro de Marce.

Segundo o panel do comezo o percorrido dura 1 km 400 metros e outros tantos para volver, baixando até o fondo do Canón do Miño e salvando un desnivel duns 220 metros.

O traxecto transcorre entre impresionantes fragas que un día foron terreos de cultivo e coincide unha parte co roteiro PR-G-162. Dicir tamén que non é unha ruta dura mais debemos extremar a precaución no traxecto final que é a zona que máis pode esvarar e onde salvamos maior altura. A volta é en continua subida e sen ser algo exixente, hai que telo en conta porque logo vemos moitos comentarios de familias afirmando que é unha percorrido duro.

Con todo, o esforzo paga a pena para desfrutar deste tesouro da Ribeira Sacra.

Imaxe: Orgullo Galego

Poza da Moura de Domaio

A Poza da Moura está localizada en Domaio (Moaña) e é moi popular no verán cando vai a xente bañarse nun lugar cunhas vistas impresionantes á Ría de Vigo, se ben no inverno non perde espectacularidade. Ademáis o paseo desde a urbanización de Domaio é moi curto e conta con outros atractivos coma os muíños restaurados.

Esta poza recibe auga do río Muíños e garda unha lenda moi común na nosa terra e que imos contar a continuación.

Conta a lenda que hai moito tempo chegou a Domaio, un mouro moi rico que tiña unha filla de gran beleza.

Esta moza namorouse tolamente dun labrego da zona, e víanse ás agochadas na Poza xa que o pai lle prohibira quedar con el.

A moura non fixo caso do pai mais un día este sorprendeunos.

O pai, cheo de carraxe deulle morte ao mozo, e a filla, chea de dor, somerxeuse na poza onde afogou.

Froito disto, recibiu o nome de Poza da Moura e hai quen di que na noite da San Xoán a moza aparece peiteando os seus cabelos e que, ás veces, se lle escoita cantar. Tamén nas noites de verán di a xente da zona que se lle pode escoitar laiarse de dor.

Imaxe: Orgullo Galego

Fervenza da Feixa

A Fervenza da Feixa é un dos tesouros do Concello de Redondela que non hai tanto foi acondicionado para poder ser visitado. Conta cunha pasarela de madeira ao carón dos muíños que che permite desfrutar da fervenza desde distintos puntos nun traxecto que non chega aos 300 metros.

Esta fervenza está localizada en Santo Paio de Abaixo, na parroquia de Reboreda e conta con espazo para aparcar tanto na parte de arriba como na de abaixo, xusto por onde pasa a ponte do tren.

Imaxe: Orgullo Galego

Fervenza de Casariños

No comezo do roteiro dos Chozos da Laxe que parte da área recreativa da Laxe (Concello de Fornelos de Montes) está localizada a Fervenza de Casariños, non moi coñecida e unha das máis espectaculares de todo o país e máis tendo en conta que esta é unha das zonas con maior porcentaxe de precipitacións.

Para ver a fervenza temos dúas opcións, a primeira desde un barco na parte de enriba e a segunda aos pes da propia fervenza, baixando por un camiño que pode esbarar moito, polo que hai que ter precaución na baixada.

A escusa para visitar esta fervenza é perfecta para realizar o roteiro dos Chozos da Laxe.

Imaxe: Orgullo Galego

Pozas do Mallón

As Pozas do Mallón foron un grato descubrimento no noso percorrido pola Serra do Xurés. Se ben é certo que estivemos neste lugar nos meses de verán, na época de inverno ten que ser unha marabilla pola cantidade de auga que cae ao longo das pozas.

Localizada na aldea de Olelas, famosa polo vira, a concertina e por ser o santuario da vaca cachena, estas pozas nacen na Serra do Laboreiro. No tramo final é habitual ver no verán a xente bañándose, especialmente aos emigrados que veñen da Francia a pasar as vacacións, xa que nesta zona a emigración foi moi forte e case toda cara este país.

Para chegar ao inicio do percorrido tedes que baixar co coche, nunha estrada que remata aquí. O percorrido é lineal e podemos amplialo até o Miradoiro das Pozas de Mallón, sempre sinalizado.

Seimeira de Vilagocende

A Seimeira de Vilagocende está localizada na Fonsagrada, nun dos concellos máis orientais do noso país. Hai quen di que é a fervenza máis espectacular de Galiza e cómpre dicir que Seimeira é outro xeito de de chamar a estes saltos de auga.

O río Porteliña é quen nutre este salto xigantesco de case 50 metros de altura, sinalizado e cun pequeno traxecto moi sinxelo para chegar a el que non supera o quilómetro, sempre rodeado de bosque autóctono. Dicir que o tramo final está habilitado por unha pasarela de madeira e mesmo hai un espazo habilitado para poder xantar.

Imaxe: Orgullo Galego

Fervenza de Coto Grande

A Fervenza de Coto Grande é outro dos grandes atractivos do roteiro dos chozos da Laxe (Fornelos de Montes) e outra opción se só imos visitar a fervenza de Casariños.

Pouco antes da Área Recreativa da Laxe está a aldea da Airoa desde onde podes acceder a esta fervenza derivada do río Valdohome, por un camiño exixente pero non demasiado longo. No noso caso puidemos vela mentres realizamos o roteiro dos Chozos.

Imaxe: Orgullo Galego

Fervenza de Liñares

A Fervenza de Liñares é outro dos tesouros que agocha o fermoso Concello da Lama, outro dos lugares máis chuviosos da provincia de Pontevedra e que no inverno é un espectáculo.

No noso caso visitamos esta fervenza no roteiro “Tralos pasos do río Xesta” que ten unha duración duns 7,5 kms. Con todo, é posíbel visitala sen necesidade de realizar o roteiro, chegando ao inicio deste roteiro na parroquia de Liñares. Alí xa tedes un panel indicativo para chegar até ela e hai varias opcións para poder contemplala.

Imaxe: Orgullo Galego

Ver tamén a primeira parte do artigo con 6 espectaculares fervenzas.

Pode que che interese:

Guía completa para visitar os Ancares

A serra dos Ancares é unha cordilleira administrativamente dividida entre Galiza e Castela e León, localizada entre o oriente de Lugo e o Bierzo. No ano 2006 foi declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO e posiblemente sexa o maior tesouro galego a nivel medioambiental e cultural.

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!