Incendios (I). Cambio de enfoque para responder ao cambio nas condicións

Publicidade

En menos dunha década os lumes avanzaron tres xeracións. A velocidade, a potencia calorífica e a capacidade de destrución dos incendios forestais multiplicouse en todo o planeta mentres os operativos de extinción miran uns para os outros na procura de respostas. Hainas, pero custa aplicalas.

“Os operativos son como transatlánticos, poden virar, si, pero lentamente… e non temos tempo, o próximo incendio pode ser imposíbel de apagar, xa os estamos vendo”, di un dos bombeiros forestais galegos consultados para a elaboración desta serie de reportaxes sobre o problema máis urxente de cada verán. Polo de agora, a finais de xullo, a clave da contención é que o verán está sendo frío.

Brigadista no lume de Sobradelo, en Carballeda de Valdeorras, a mediados de xullo. Imaxe: BRIF Laza

A evolución do problema en cifras

Tendo en conta os datos dos últimos 45 anos, o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza (Pladiga) establece tres períodos na evolución dos lumes:

Entre 1976 e 1990, en doce das quince anualidades, superáronse as 30.000 hectáreas queimadas. O máximo estableceuse en 1989 con 200.000 hectáreas afectadas. A media de lumes por ano era de tres mil, máis de cincuenta mil en todo o período.

De 1991 a 2006 moderáronse as estatísticas de hectáreas queimadas, e só en seis anualidades se superou a cifra de 30.000 ha. Os lumes detectados aumentan, “posibelmente pola mellora dos sistemas de información”, até alcanzar unha media de dez mil por ano.

De 2006 a 2020 rexístrase “un descenso xeneralizado das medias tanto de superficie queimada (aprox.17.000 ha/ano) como de número de lumes (2.950 ao ano)”. Soamente nos anos 2011 e 2017 supéranse as 30.000 ha queimadas, estando practicamente a maioría do resto dos anos por debaixo das 15.000 ha.

O Pladiga 2021 tamén subliña que a metade dos Grandes Incendios Forestais (GIF, os que superan as 500 ha. afectadas) suceden na provincia de Ourense, segundo os rexistros das últimas tres décadas. Ourense rexistra “case o dobre de lumes de media que cada unha das outras provincias e con máis da tripla de superficie queimada respecto a Pontevedra e practicamente 6 veces máis que A Coruña e Lugo”.

Entre 2011 e 2020, “Ourense segue acaparando boa parte do total en ambas cuestións xa que no seu territorio sucederon o 38,99% dos lumes chegando a arder o 58,98% da superficie que se queimou en Galiza”, di o Pladiga.

Distribución por anualidade dos lumes na provincia de Ourense entre 2011 e 2020. Fonte PLADIGA 2021

No referido aos grandes incendios, o Pladiga anota: “merece mención no caso de Pontevedra que o 62,91% da superficie queimada no período corresponde a este tipo de incendios e ademais chama atención a diferencia notable da superficie media dos GIF para esta provincia (2.323,55 ha) incluso en comparación coa media para Ourense que é sensiblemente menor (1.405,23 ha). Resulta digno de mención, o feito de que nos dous anos mais conflitivos da década (2011 e 2017), boa parte das incidencias tiveron lugar avanzado o mes de outubro, no ocaso do período contemplado como de alto risco, sendo anos nos que se deron unhas circunstancias determinadas (principalmente seca prolongada e condicións meteorolóxicas) que facilitaron o desenvolvemento de numerosos incidentes en espazos cortos de tempo (días) o que elevou a dificultade nos labores de extinción”.

As cifras da serie histórica axudan a entender unha parte da realidade actual dos lumes aos que se enfronta cada verán o servizo público galego de extinción de incendios forestais, un dos máis potentes do Estado en canto a recursos materiais e humanos e cunha bagaxe enorme na loita contra o lume.

O maior risco concéntrase nos grandes lumes, que acontecen habitualmente no sur do país, en épocas concretas do ano e circunstancias climatolóxicas moi determinadas… pero imprevisíbeis. Este é un factor clave en todas as áreas do planeta onde os dispositivos de extinción enfrontan incendios que ameazan poboacións e veciñanza. Os GIF son recorrentes pero a súa recorrencia non é regular. Así que os expertos esfórzanse por entender o fenómeno na situación actual.

Distribución territorial dos GIF nun mapa de concellos e distritos forestais entre 2011 e 2020. Fonte PLADIGA 2021

O escenario

Estamos diante dunha nova xeración de lumes: a sexta. Nunha década, a morfoloxía e dinámica dos incendios máis perigosos mudou varias veces. Na Galiza, fundamentalmente polo abandono do rural, a vexetación chegou até a contorna das aldeas e os lumes empezaron a poñer vidas humanas en perigo (cuarta xeración). Iso exixiu que o dispositivo se concentrase en salvar aldeas. A dificultade foi maior cando os lumes empezaron a presentar varios focos (quinta xeración). Nos últimos anos, a capacidade do dispositivo para controlar os incendios viuse desbordada polos lumes de sexta xeración. Son lumes máis rápidos, que producen unha maior carga calorífica e son capaces de crear as súas propias condicións atmosféricas para a súa propagación…

“Nos últimos anos temos datos obxectivos para apreciar ese cambio. Prodúcense incendios cunha velocidade de propagación máis rápida, que arrasan dez mil ou oito mil hectáreas por hora; incendios que matan xente. Temos que asumir o cambio no escenario. Non estamos diante de cambios puntuais, senón de cambios substanciais. Este tipo de lumes están superando cada día a dispositivos de extinción moi poderosos como o canadiense ou o australiano… hai un lume nos EUA que non se vai poder parar en tres meses”, comenta un bombeiro forestal que leva tres décadas traballando no servizo público en Ourense.

Brigadistas despois do lume de Guimarei, Verín. Imaxe: BRIF Laza

“Hai que mellorar o tempo de resposta: a velocidade e calidade da primeira intervención é clave. E hai que mellorar o ataque ampliado en función da evolución do lume. Temos un servizo potente, ben distribuído, é eficaz, mais estamos diante dun novo tipo de incendios, nunha porcentaxe aínda pequena, pero que empezan a exixir novas respostas. E modificar dinámicas non é fácil”.

O dispositivo galego está aprendendo. A Consellería de Medio Rural, responsábel do servizo público de extinción, introduciu dinámicas de análise e formación. Esta liña de traballo tomou pulo despois da saída de Tomás Fernández Couto da dirección da política da Xunta neste ámbito até o ano pasado. Entre as traballadoras e traballadores dos distintos niveis do operativo hai poucos que o botan de menos.

Publicidade

Publicidade

O verán 2021

Galiza é o territorio do Estado español que presenta maior intencionalidade incendiaria. Se a iso se lle suma que, polas condicións meteorolóxicas, no que vai de ano as ignicións reducíronse, é posíbel que se poidan concentrar en períodos máis curtos. “E máis ignicións en períodos mais curtos poden provocar unha saturación do sistema de extinción”, avisa o bombeiro.

Nos anos noventa e primeiros dous mil, o dispositivo estaba sometido a moito estrés polo número de lumes, mais o período era máis dilatado. Agora rexístranse menos lumes, pero son máis difíciles de combater.

“Levamos un ano bo en canto a siniestralidade. Pode ser polas condicións meteorolóxicas, ou pode ser que a conciencia social estea cambiando e se lle plante menos ao monte… Todo vai depender da meteoroloxía, porque ademais no país dáse outra circunstancia: canto máis adversas son as condicións meteorolóxicas para a extinción, máis se lle planta lume ao monte”.

As queimas en labores agrícolas e forestais están prohibidas desde finais de maio. As rozas en montes intensificáronse a partir de xuño. “Cando chegaron as subvencións e os convenios”, critican traballadores do servizo de extinción. “Non ten sentido facelas en pleno verán”. Polo momento, o verán suave e mesmo húmido axuda.

Os incendios son circunstanciais: apenas houbo lumes que superaran o centenar de hectáreas queimadas na última quincena de xullo, ardeu en Carballeda de Valdeorras a semana pasada, e a anterior en Salvaterra de Miño e no Folgoso do Caurel. O operativo sofre as carencias de persoal doutros anos, polas baixas que non se cobren, hai moitas cuadrillas incompletas; pero este ano aínda non tivo que enfrontar situación de estrés ningunha.

“A chuvia, unha pouca calor, monte moi deshidratado… o polvorín segue aí. E se hai quen prenda…”, avisan os traballadores. “É un cóctel complicado. O mellor que pode pasar é que non se usen os mecheiros”, resumen.

Brigadistas no lume de Guimarei, Verín. Imaxe: BRIF Laza

Os cambios lentos e os cambios rápidos

O cesamento en novembro pasado de Tomás Fernández-Couto, á fronte do dispositivo desde 1996, substituído por Manuel Rodríguez, un veterano con experiencia directa tamén de como se traballa en Portugal, refrescou algo as ideas no servizo de extinción. Mais os cambios son lentos. “Isto é un barco moi grande, é o operativo máis grande do Estado español, non é unha piragua… e os barcos grandes tardan en virar. Pero, o rumbou mudou, e penso que na dirección axeitada, mais hai que lle dar tempo”, valora o bombeiro máis veterano.

Os cambios son lentos tamén na percepción social do problema e na responsabilidade á hora de usar o lume para labores agrícolas ou forestais. Na Galiza o uso do lume cambiou. Hai menos coñecemento de como usalo, e as condicións (climatolóxicas) nas que se usa entrañan riscos maiores. Advirten os expertos que as condicións do solo non cambiaron tanto como cambiaron as atmosféricas.

Os factores que determinan que atmosfera acumule máis enerxía e produza incendios máis violentos. O primeiro factor é que o ambiente no solo sexa máis seco e cálido. O segundo é que se acumule máis humidade en capas intermedias -a maior combustíbel, maior temperatura, maior evaporación, maior humidade nesas capas-. E, o terceiro, que haxa capas máis altas cunha temperatura máis fría do normal. Estes tres factores asócianse cos incendios máis violentos, os lumes de sexta xeración.

Entrega de motobombas, en marzo pasado. Consellería de Medio Rural.

Mais alá da lentitude do operativo en adaptarse ás novas circunstancias e da rapidez dos cambios nas condicións físicas, está a cuestión do combustíbel. “A disposición de combustíbel en Galiza é enorme”.

O operativo está deseñado para responder diante do lume. A prevención é outra cousa. Mais os traballadores son conscientes da importancia de reducir o combustíbel e afastalo das poboacións. “Temos un problema de interface, sempre o houbo, pola dispersión, pero o abandono do rural complica as cousas, o combustíbel, o monte, está as portas das aldeas”. Mais non se pode rozar todo o rural. O que busca Medio Rural, e iso é parte do cambio de rumbo, é identificar lugares estratéxicos. Levará tempo…

“O positivo é que a Administración pública galega parece ter asumido o novo escenario. Os lumes xa non son o mesmo nin son sempre iguais. Esa era a visión estándar. Mudou, está mudando”, di o bombeiro forestal. “Agora estase impoñendo unha visión técnica, a que xurde de experiencias en todo o mundo, nos EUA, Australia, Chile, Canadá, Brasil, Portugal ou Bolivia. Son coñecementos avanzados en meteoroloxía, en piroconvección, que nos indican un cambio substancial nos lumes. Os datos están aí. E os países están reaccionando. California pasou todo o 2020 en emerxencia permanente. Os grandes incendios poñen en xaque a economía de Australia. Tamén arden enormes extensións nos países escandinavos. A visión estándar xa non vale. E a Administración galega abandonouna… Iso é bo”.

Traballos de restauración no Xurés en novembro do 2020. Consellería de Medio Rural

Pode que che interese:

Publicidade

Publicidade

2 comentarios en “Incendios (I). Cambio de enfoque para responder ao cambio nas condicións”

  1. A realidade é que a maior parte da culpa é das políticas forestais impulsadas pola Xunta, mais o saqueo de cartos públicos que fai a xunta dos presupostos adicados á extinción cada ano, que por certo, é un dos máis altos do territorio español con perto de 200 millons anuais. Namentres Andalucía ten o mesmo presuposto para o dobre de provincias e ten un dos mellores operativos do mundo, con xente profesionalizada, recursos materiais renovados e instalacións de verdade. Aquí seguimos coa carroceta do 1970, a funda, e con unhas instalación baixo uralita….Eu preguntome…….. ¿onde van os cartos destinados á loita contra o lume da Xunta?…¿pode que nalgún que outro chalét con vistas á praia?.
    As partidas presupuestarias para contratación dos medios aéreos é moi apetecible por moitas empresas do sector e o amiguismo está á orde do día en Galiza.

    Responder

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!