Guía completa para visitar os Ancares

Publicidade

Desde Orgullo Galego queremos dedicar unhas páxinas no noso web a eses recunchos especiais da nosa terra que contan cunha mística especial que os fai únicos. Contamos xa cun artigo do Courel, unha reportaxe da Serra do Xurés e hoxe toca falar dos Ancares.

A serra dos Ancares é unha cordilleira administrativamente dividida entre Galiza e Castela e León, localizada entre o oriente de Lugo e o Bierzo. No ano 2006 foi declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO e posiblemente sexa o maior tesouro galego a nivel medioambiental e cultural.

Neste artigo recomendamos diversos lugares para visitar nos Ancares, sempre desde a nosa experiencia que foi tendo Piornedo como punto de chegada e de base. Por suposto que imos esquecer lugares mais preferimos recomendar o que coñecemos e en posteriores edicións ir ampliando. O patrimonio dos Ancares é infinito.

Acompáñasnos nesta viaxe?

Aldea de Piornedo

O noso punto central para visitar os Ancares é sempre a aldea de Piornedo, un lugar fascinante que ten moitísimo que coñecer mais tamén unha organización veciñal que loita día a día polo seu territorio. Ademais se queres facer roteiros, sen dúbida Piornedo é unha boa escolla aínda que hai outros moitos lugares como na Campa da Braña.

A aldea de Piornedo é un lugar pertencente á parroquia de Donís, localizada no Concello de Cervantes. O seu grande atractivo son as pallozas, construcións típicas con centos de anos e que aquí persisten na súa meirande parte, se ben é certo o apoio institucional para o seu mantemento é case inexistente.

Para entender o lugar e coñecer o modo de vida na palloza, recomendamos visitar a Casa Museo do Sesto, unha palloza-museo na que tamén podes mercar artesanía local. Xunto ás pallozas e a Casa Museo, en cada recuncho da aldea podes atopar algo interesante, desde a simboloxía protectora nos hórreos até a Igrexa de San Lourenzo, os bancos de madeira feitos por un dos seus veciños, os ovos con chourizo e patacas ou a propia Fonte de Piornedo, construída por subscrición popular e que contén unha inscrición “Hízose en 1787. Viva Piornedo”

Nesta aldea existen colectivos como Teitos de Piornedo ou a Asociación o Teixeiro que organizan actividades culturais como poden ser a Festa da Pandeira, polavilas ou actividades en defensa do seu patrimonio. De Piornedo Anda falaremos no seguinte punto 😊.

Roteiros

Sen dúbida un dos motivos para visitar os Ancares é percorrer as súas montañas na multitude de roteiros existentes. Tedes roteiros en Navia de Suarna, a suba ao Pico 3 Bispos desde o Campo da Braña, outros desde Doiras ou mesmamente podes achegarte a Porto Ancares para subir ao Miravales e ao Cuíña.

En Piornedo contan cunha das subidas máis clásicas que é a do Pico Mustallar cunha altura de 1935 metros. Este é un roteiro exixente e como en todos hai que ter unha mínima preparación física e coñecemento do percorrido. Neste traxecto podes aproveitar para amplialo e ir a outros lugares coma o propio Cuíña, 3 Bispos, Corno Maldito, Penedois, Agulleiro, etc.

Pero sen dúbida se queres realizar uns roteiros guiados, cun pouco menos de exixencia e con xente do lugar que coñece e ama o seu territorio, non podes perder as andainas que organizan Lola e Isolina desde Piornedo Anda. Estes roteiros adoitan realizarse todos os domingos pola mañá e combinan paisaxe coas lendas, historias e mitoloxía da zona.

Neste artigo falamos un pouco máis sobre os roteiros ao Mustallar e ao 3 Bispos.

Donís

Ao carón do propio Piornedo tedes San Fiz de Donís. Este lugar é coñecido pola súa alta porcentaxe de emigración a Barcelona, pero tamén pola feira que se celebraba antigamente e a Capela da Nosa Señora das Neves de Xantes que ben merece unha visita.

Como curiosidade histórica, no ano 1873 e nun momento de moitas dificultades para a poboación, o alguacil de Cervantes quixo cobrar a contribución mais os veciños deste lugar negáronse xa que a consideraban moi elevada. Este alguacil non cesou unas súas ameazas polo que a xente de Donís optou por secuestrar ao recadador e proclamar a República Independente de Donís, república que puxo fin en poucos días a Garda Civil.

Imaxe: Galipedia

As Pontes de Gatín

Ás portas dos Ancares no Concello de Becerreá e concretamente nas Pontes de Gatín temos unha ponte románica que cruza o río Navia e que é unha marabilla ver. Como sucede en todo país, este lugar contén unha lenda que nos di que a ponte naceu dunha promesa: O Demo sabía que a xente tiña moitas dificultades para cruzar o río polo que decidiu ofrecerlles a edificación desta a cambio de que lle entregaran o primeiro ser vivo que nacera. A veciñanza non sabía que había unha veciña embarazada mais o diaño (que non é parvo) si.

Houbo algo que non tivo en conta e é que nunha palleira naceron aos poucos días uns pequenos gatiños, “gatíns” como din na zona. O demo enfadado, tivo que aceptar a estes gatiños. De aquí din que vén o nome. Existen outras versións desta lenda que falan dun rapaz namorado dunha rapaza da outra beira e tamén da entrega dun gato negro ao mesmísimo demo.

Castelo de Doiras

Se vas a Piornedo por Pedrafita do Cebreiro, unha parada obrigatoria é o Castelo de Doiras o cal garda unhas lendas que contamos no artigo que deixamos máis abaixo. Este Castelo recibe tamén o nome de Castelo da Ferrería e é unha fortificación medieval erguida no século XV, procurando a defensa do territorio galego nunha das vías do Camiño de Santiago, fundado por Paio Guindós.

Hoxe en día (Marzo 2023) está en obras de rehabilitación mais na zona podemos gozar doutros roteiros sinalizados.

Lendas do Castelo de Doiras.

Imaxe: Galipedia

Bosque dos Grobos

Voltando ao concello de Becerreá e moi preto das Pontes de Gatín, non podemos perder un dos paraísos máis descoñecidos dos Ancares, o bosque dos Grobos. Este lugar é ideal para visitar xunto coa Ponte de Gatín xa que están moi perto un do outro.

Entre os Concellos das Nogais e Becerreá e xusto ao carón da Estrada Nacional VI, unha vez pasemos a ponte de Cruzul temos o acceso para o Bosque dos Grobos, un conxunto de rocas kársticas e bosque autóctono galego.

Este lugar podemos percorrelo en poucos quilómetros pero tamén hai un roteiro de case 15kms que nos leva por unha zona marabillosa. En definitivo, son dúas hectáreas cheas de rochas de orixe calcáreo, musgo, fentos, carballos, castiñeiros ou abeleiras. O bosque dos Grobos é Zona de Especial Protección.

Este foi o lugar onde gravaron no ano 1970 parte do filme “El bosque del lobo”, dirixida por Pedro Olea e baseada no libro sobre a historia de Romasanta. Recentemente, Eloy Enciso gravou parte final do filme “Longa Noite”.

Castro Santa María do Castro

Despois das Pontes de Gatín e camiño a Navia de Suarna, se nos desviamos un chisquiño podemos visitar un dos castros máis impresionantes da zona e do país, o Castro de Santa María do Castro que posiblemente tivese como función a explotación de minerais da zona.

Este poboado está localizado na parroquia do Castro dentro do Concello de Cervantes. Está datado da idade de Ferro e aínda que podemos velo en superficie, calcúlase que só está escavado unha mínima parte do total do recinto.

Sobre os restos do castro construíuse unha necrópole medieval que reutilizou as pedras do propio castro. Enriba mesmo tamén está a igrexa de Santa María e o seu cemiterio, que como era habitual, serviu para cristianizar o lugar.

Torre de Doncos

Ao carón da A-6 e moi pretiño do Bosque dos Grobos, recomendamos visitar a Torre de Doncos, os restos dun Castelo medieval coñecido como a Fortaleza de Santo Agostiño.

Este lugar está localizado no Concello das Nogais, a unha altura de 614 metros ao carón do río Navia e actualmente conta cun miradoiro para poder desfrutar del desde as alturas.

A torre foi edificada no século XV e abandonada no ano 1603 e era propiedade da familia dos Valcarce. Ao igual que o Castelo de Doiras, o seu papel era de carácter defensivo.

Torre de Torés

Na vosa viaxe aos Ancares, se por casualidade pasades por Triacastela camiño as Nogais, neste último concello tedes a Torre de Torés, datada do século XV e pola que os seus veciños levan anos loitando para salvala dunha destrución case total.

Aínda sendo un monumento BIC a propiedade é privada e precisa unha intervención urxente, de feito houbo unha cesión de uso ao seu Concello.

Conta a lenda que este Castelo foi fundado pola Raíña Lupa logo de se converter ao cristianismo e que puido ser edificado enriba dun castro. Ao parecer, o posible primeiro señor deste Castelo sería Lobo Leberio, fillo da raíña Lupa e dun señor romano.

Publicidade

Publicidade

Pallozas San Román de Cervantes

No Concello de Cervantes e moi pretiño do Castro, podemos visitar as Pallozas e o hórreo, un conxunto etnográfico que nas nosas visitas sempre atopamos pechadas no seu interior mais que non impediu desfrutalo igualmente no exterior.

Como recomendación dicir que chamedes ao Concello uns días antes para informarse sobre a visita do interior dunha delas e dentro podedes ver como era a vida antes nas pallozas e numerosos apeiros.

Navia de Suarna

Estamos xa en Navia de Suarna, un dos lugares máis impresionantes de todos os Ancares e nos que paga a pena pasar o día ou mesmo ficar a durmir.

Este Concello limita co da Fonsagrada e está atravesado polo río Navia. O concello forma parte da Rede Natura 2000 e da Reserva da Biosfera pola UNESCO e A Proba é o municipio maior. Contan que este lugar naceu como fortaleza para vixiar os camiños de paso, de feito non podemos perder a súa impresionante ponte de 13 metros de altura e un único arco.

Na vila tamén contan co Castelo dos Altamira, declarado BIC no ano 1994 e que foi reconstruído despois das revoltas irmandiñas. Por desgraza está completamente abandonado, moi danado por obras posteriores e polo que a xente da zona leva anos loitando para recuperar este valor cultural.

O certo é que nesta vila manteñen cun casco histórico moi interesante, murais en distintas paredes ou para a época do verán distintas praias fluviais ao longo do río Navia. Nos arredores temos diversos roteiros para realizar, mámoas, dólmens e castros.

Suárbol

Estamos en Piornedo, xa vimos a aldea e fixemos algún dos roteiros da zona. Que podemos facer agora? Pois ben, a menos de 10 minutos en coche tedes a aldea de Súarbol, pertencente ao concello de Candín, no Bierzo.

Este é un lugar moi pequeniño mais un paseo polo lugar é moi agradábel. Segundo contou a xente vella este lugar antes era  coñecida como Ambasaugas xa que na aldea hai dous ríos, un á entrada e outro á saída.

A aldea caracterízase polos hórreos típicos da zona e polas pallozas, de feito Suárbol chegou a ter unha das pallozas máis grandes do Bierzo, que por desgraza ardeu nos anos 50. Tamén tedes a igrexa de Santa María, de estilo barroco clasicista do século XVII e declarado BIC no ano 1995.

Pan do Zarco

Continuamos despois de Suárbol e podemos achegarnos a Pan do Zarco, as brañas onde antigamente subían co gando e onde podían pasar varios meses, de aí que atopemos estas edificacións que hoxe xa non conservan o colmo no teito. Sexa como for é un lugar interesante para coñecer.

Porto de Ancares

Desde Piornedo, Suárbol ou Pan do Zarco temos moi preto Porto de Ancares, punto de unión entre a provincia de Lugo e o Bierzo, de aquí saen roteiros dos que falamos antes coma o Cuíña ou o Miravales mais tamén é un fermoso lugar de miradoiros para observar toda a zona como é o miradoiro de Valouta. Porto de Ancares está a unha altura de 1648 metros e pertence á provincia de Lugo.

O topónimo Porto de Ancares vén de moi atrás, de feito está documentado xa no século VI xa que nun documento en latín do II Concilio de Braga do ano 527, falan deste coma Portum Ancares.

Valouta

Tamén moi pretiño de Piornedo e no lado berciano temos a fermosa aldea de Valouta, unha boa opción se imos a Suárbol, Pan do Zarco ou Porto de Ancares.

En Valouta podes tomar algo mais tamén visitar a súa concentración de pallozas, hórreos ou mesmo subir ao Miravales nun percorrido alternativo. No lugar tamén atopamos unha igrexa dedicada a Santiago e un antigo foxo do lobo coñecido coma Corralón dos Lobos.

Murias de Rao

Se visitades Pan do Zarco ou Valouta e continuades pola estrada, ides atopar ese outro Ancares máis descoñecido, entre montañas impresionantes e con moitísimo patrimonio para visitar, desde miradoiros até alvarizas, coñecidas aquí coma cortíns. Nós quedamos pampos ao percorrer co coche esta zona, dádelle unha oportunidade porque é impresionante e aínda estando en Piornedo, é posíbel visitalo na metade dun día.

Neste lugar queremos destacar o Miradoiro de Murias de Rao no que podemos observar as impresionantes Penas de Murias. O nome de Murias podería referirse a un terreo cercado con pedras ou muro grande segundo Elixio Rivas Quintas na súa Contribución ao diccionario Galego (2001).

Murias de Rao pertence á Reserva da Biosfera dos Ancares e foi declarada área reserva da biosfera no ano 2006 pola UNESCO xunto a Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá. Tamén foi declarada Zona especial Conservación (ZEC) en 2014 pola Unión Europea e Rede Natura 2000.

Pereda de Ancares e Castiñeiro de Vilasumil

Se xa queredes alonxarvos un pouquiño, aínda que é igualmente posíbel desde Piornedo (nós de feito fomos no mesmo día), non podedes perder o Castiñeiro de Vilasumil e Pereda de Ancares, todo na mesma estrada.

Este castiñeiro está en Vilasumil, localizado no Concello de Candín en terras bercianas e podes ir desde Porto de Ancares. Contan que é un dos máis antigos de toda Europa e con toda probabilidade supera os 800 anos. Ao seu carón tedes a igrexa románica de Vilasumil.

De Camiño a Vilasumil non debes deixar de parar en Pereda de Ancares, tamén territorio berciano e pertencente ao concello de Candín. Esta aldea é punto de parada para moitas persoas que percorren os Ancares e tamén conserva unha palloza en moi bo estado de conservación, de feito podes visitala mais recomendamos preguntar no bar que hai alí.

O Cebreiro

O Cebreiro é posiblemente o lugar máis popular da zona, paso obrigatorio do camiño de Santiago e famoso polas súas pallozas. Santa María do Cebreiro ou O Cebreiro, como é coñecida popularmente, é unha parroquia pertencente ao concello de Pedrafita do Cebreiro está situada a 1300 metros de altitude na comarca dos Ancares. O seu topónimo procede do latín cebrarium e entre outras cousas é coñecida por ser a primeira localidade galega do Camiño Francés. De feito, desde aquí estamos a uns 150 km de Santiago de Compostela.

Neste apartado non imos máis que recomendar este artigo especial sobre o lugar:.

Para rematar recomendamos algunhas contas como poden ser Colectivo Patrimonio dos Ancares, o Argueiro dos Ancares ou Ancares Reserva Natural Etnográfica.

Pode que che interese:

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.

16 lugares imprescindibles para visitar no Courel

A Serra do Courel é un dos lugares máis importantes do noso país xa non só a nivel ambiental senón tamén etnográfico, lingüístico e patrimonial. Nesta zona comezaron os traballos de recuperación dunha das figuras mitolóxicas do nadal galego, o Apalpador, mais tamén destaca pola súa arquitectura e a preservación de ritos, lendas, gastronomía e tradicións.

Publicidade

Publicidade

2 comentarios en “Guía completa para visitar os Ancares”

  1. Unha das cousas que máis me impresionan desta comarca, aparte da paisaxe e os monumentos históricos, son as pallozas. Comprendo que vivir nelas xa non é moi funcional, porén preservalas si é importante e é un atractivo turíatico. A súa reparación é algo que lle temos que agradecer ás asociacións veciñais da zona.

    Responder
    • Totalmente dacordo, é o noso patrimonio, dun xeito ou doutro son castros que chegaron até hoxe, e por desgraza aínda que a Lei Autonómica obriga á propia autonomía a mantelas, non o están a facer, resisten grazas á xente.

      Responder

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!