(Ver parte 1) · (Ver parte 2)
Entre febreiro e decembro de 2020 o Camiño Ribeiro Miñoto medrou cara ao sur á procura dun punto de partida en Braga. Co empeño do historiador Castor Pérez e a dilixencia duns políticos hábiles e con algo diso que se chama visión liderados por Manoel Batista, presidente de la Câmara Municipal de Melgaço, conseguiuse levantar o Caminho.
O futuro do Ribeiro Miñoto revivido comeza xa.
Neste artigo falamos de...
Unha peregrinación á inversa
En moitos sentidos foi unha peregrinación á inversa, cara ao inicio do camiño. Foino porque a recuperación da ruta lusa empezou en Cevide (Melgaço), no punto máis ao norte de Portugal. Porque a política marcou o ritmo da investigación e non ao revés, como acontecera na parte galega e foino tamén porque o recoñecemento do impulsor do camiño, o historiador ourensán Castor Pérez, produciuse antes en Portugal logo de vinte anos documentando o tramo galego.
Aos pequenos concellos galegos polos que transcorre a ruta levoulles anos organizar e despexar o camiño administrativo e máis rozar o camiño físico. Mais en Portugal Pérez deu con interlocutores atentos e con capacidade política para tomar decisións e executalas.
Reuniuse un par de veces a comezos do ano pasado con Manoel Batista, a quen lle descubriu a ruta que se estaba a abrir cara a Compostela coa posta en valor dun camiño medieval ligado ás peregrinacións xacobeas. E non tivo que explicar moito máis. Para finais do verán, a golpe de teléfono, Batista foi incorporando un tras doutro a representantes das Cámaras que atravesa o camiño: Monção, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez, Vila Verde e Braga.
No pasado decembro o goberno portugués deu o paso. A Secretaria de Estado de Turismo de Portugal, Rita Marques e a directora xeral de Turismo da Xunta, Nava Castro, asistiron á sinatura dun consorcio das cámaras lusas para lanzar o Caminho Ribeiro Minhoto.
Ademais, a Castor Pérez o recoñecemento chegoulle nese acto, no que Manoel Batista gabou “o coñecemento científico construído nas dúas últimas décadas” e manifestou que os municipios portugueses responderon ao desafío lanzado desde a Galiza para formalizar “a certificación deste Caminho que integra os Camiños de Santiago”.
A decisión dos políticos portugueses supuxo o empurrón definitivo para que a Asociación do Camiño que agrupa os concellos galegos avanzase definitivamente para completar a roza e os trámites administrativos.
Agora o Camiño Ribeiro Miñoto/Caminho Ribeiro Minhoto está aberto.
De Braga a Cevide
A devoción por Santiago na antiga capital da Gallaecia remóntase á segunda metade do século XIV cando se ergueron as igrexas de São Tiago da Sé e São Tiago da Cividade.
O culto, por suposto, é anterior. O primeiro documento que se conserva con referencias ao apóstolo data do século IX, cando o bispo Nausto de Coimbra consagrou a igrexa de Castelo de Neiva a Santiago.
Porén, as relacións de poder entre Braga e Santiago foron sempre tensas: empezando polos votos a Santiago (un pagamento á Catedral de Compostela) ordenados por Ramiro II no ano 834, e que a Arquidiocese de Braga se negou a pagar.
Mais o argumento do Apóstolo tamén animou as peregrinacións con fins políticos como a do rei Don Manuel (Manuel I) no ano 1502 ao seu regreso das Indias trala conquista do Brasil. O Venturoso visitou Compostela durante tres días nun ambiente festivo e con amplo dispendio segundo as crónicas, pero antes parou en Braga render tributo ao apóstolo dos suevos: São Martinho de Dume.
Desde Ponte da Barca don Manuel proseguiu o camiño rumbo noroeste pola vía que hoxe leva de Ermelo a Lindoso e despois a Compostela, Santiago de Aceredo e Entrimo, e continúa por Castro Laboreiro e Azoreira seguindo o curso do río Troncoso até Ponte Barxas, tomando despois dirección a Desteriz e Santa María do Condado deixando Cevide ao oeste.
Cevide é a outra porta ao camiño galego. Xa se contou aquí que en Cevide está o marco nº1 que divide o territorio en dúas nacións. Un slogan afortunado (Aquí comeza Portugal) fixo popular estes últimos anos a aldea na ribeira do Miño e axudou na descuberta da ruta.
Entre Braga e Cevide a ruta é unha sucesión de pontes que permitiron o tránsito sobre o río Cávado, o Homem, o Limia, o Vez, o Mouro e, finalmente, o Miño.
Os fitos no mapa estaban trazados mais a chave para a recuperación da ruta estaba na toponimia e nas pegadas das encomendas e dos hospitais que dan conta da vinculación dun camiño relacionado co culto xacobeo.
No seu estudo sobre a parte lusa Castor Pérez sinala como os historiadores portugueses lamentan a falta de documentación para contrastar a presenza de encomendas. Esa carencia atribúena á queima dos documentos por frades templarios cando se declarou ilegal a súa orde.
“Porén, si aparecen referencias. Como as das memorias parroquiais da freguesía de Lago, onde o río Homem alcanza o Cávado, que dan testemuño da importancia do paso para a xente procedente de Braga. Alí a Orde do Hospital posuía tres casas e a Sé de Braga tamén tiña unha. O paso cara ás vilas de Pico de Regalados, Ponte da Barca e Arcos tivo importancia durante séculos”, explica Pérez. “Seguindo o camiño hai vestixios da Orde de Malta en Regalados e das ordes do Hospital e do Temple en São Cristóvão e máis ao norte en Valadares, Monção.”
O historiador recompilou anotacións sobre hospitais de peregrinos nos séculos XII e XIII no Tombo do Mosteiro de Fiães. Tamén encontrou constancia da fundación de hospitais en Santa María de Távoa e en São Pedro de Souto, en Arcos de Valdevez e do Hospital de Monção. No seu traballo inclúe a lista de vinte e dúas referencias a hospitais, encomendas e padroeiros referidos a Santiago entre Vila Verde e Melgaço que elaborou José Marques para o seu ensaio O culto de São Tiago no norte de Portugal, de 1992.
“Hai neste itinerario Ribeiro Minhoto outros mosteiros cuxa documentación está pendente de estudo para fundamentar aínda máis este camiño como ruta de peregrinación”, conclúe Castor Pérez.
Pontes e comercio
O trazado medieval entre Braga e Monção que une o río Cávado co Miño a través do Val do Vez xa era utilizado en época romana, mais probabelmente como unha vía secundaria. Na alta Idade Media a ruta tornouse importante, en especial a partir do século XIII ou século de ouro, polo desenvolvemento económico que alentou a construción de moitas pontes.
As pontes, abundantes e en bo estado de conservación, son un dos atractivos do camiño. A ruta permite o paso pola ponte de Vilela, sobre o Vez, unha construción medieval que puido ser unha obra de ampliación ou reforzo dunha antiga estrutura romana na época na que o tránsito aumentou, a ponte sobre o Vez en Ponte da Barca, ou a ponte do Mouro, célebre por que nela tivo lugar un encontro de conspiradores medievais.
Tamén son construcións notábeis as pontes modernas de Arcos e a Ponte do Bico, que data de 1866 e serve ao paso entre Braga e Vila Verde.
A cartografía foi recoñecendo a evolución do camiño como vía principal. A partir do século XVIII os mapas xa non deixan lugar a dúbidas mais os peregrinos xa desapareceran, como os exércitos e os reis e, antes mesmo, as encomendas. A toponimia e as capelas conservaron a singularidade xacobea que estivo agochada até estes últimos meses cando, co gallo do Xacobeo’21, as oportunidades do turismo masivo espertaron o interese das cámaras lusas, que botaron contas.
Portugal estima en 300.000 os peregrinos que transitan cada ano os camiños xacobeos cara o norte. Un novo camiño animará a quen xa completaron algunha das outras rutas e atraerá máis peregrinos. Eses eran os cálculos que facía en decembro pasado Rita Marques naquel acto en Melgaço.
O impulso do Camiño Ribeiro Minhoto vén do sur, como tantos outros impulsos que están por chegar se se abre a porta.