A vaca cachena: A historia dun animal que estivo a piques de desaparecer

Publicidade

Son moitas as persoas que, percorrendo a Serra do Xurés, seguramente se cruzaron cunhas vaquiñas moi cativas e cuns cornos moi grandes. A vaca cachena é unha raza bovina das máis senlleiras do noso país, perfectamente adaptada aos lugares da alta montaña e terreos de difícil acceso. Non por acaso, a súa orixe está nas montañas do Xurés-Gerês. Se por algo destacan estas vacas é pola súa enorme cornamenta e o seu pequeno tamaño, sendo unha das razas máis cativas de todo o mundo.

Historicamente foi usada para tanto para o traballo como para a produción de leite e de carne. Na actualidade o seu uso é case en exclusivo para a carne, unha das máis saborosas do mercado.

Vaca Cachena. Imaxe de Orgullo Galego

Orixes da vaca cachena

A vaca cachena é unha raza orixinaria do sur de Galiza e do norte de Portugal. Historicamente, a súa presenza correspondía aos concellos que forman parte do Parque Natural da Baixa-Limia-Serra do Xurés, e máis concretamente ás aldeas da Illa e de Olelas. Nestes lugares quedaban os últimos exemplares nos anos noventa, nun momento no que esta e outras razas autóctonas estiveron a piques de desapareceren. A súa presenza tamén se extende aos montes da Serra do Quinxo e do Laboreiro, onde na actualidade tamén as podemos ver polas estradas e os montes.

As súas orixes non se coñecen, mais xa hai referencias a esta raza na Xeografía Xeral do Reino de Galicia (Vicente Risco, 1936). Segundo indica Boaga, os primeiros datos sobre a raza foron recompilados polo entón inspector de hixiene pecuaria e xefe provincial de gandeiría de Ourense, don Javier Prado Rodríguez, “Lameiro”, quen entón facía distinción entre a “cartellá”, que contaba con grandes cornos branco-amarelentos coas puntas negras e outra vaca que chamou “liliputiense”, rústica e que vive en liberdade en pastoreo constante nas montañas do concello de Entrimo, que, a parte do seu reducido tamaño, ofrece como signo característico unha franxa ao longo da cara de coloración máis baixa.

Como curiosidade, historicamente recibiu outros nomes como pisca, galleira ou galluda.

Vacas Cachenas. Imaxe de Orgullo Galego

Publicidade

Publicidade

Crise e recuperación da cachena

Durante os anos oitenta e noventa viviuse unha crise sen precedentes, e polo que din os datos, apenas quedaban 300 exemplares localizados nos montes de Olelas (Entrimo). Algúns datos falan de só 100 exemplares a finais dos oitenta polo que a posibilidade da súa desaparición era moi alta. Hai que ter en conta que o Ministerio de Agricultura rexistrou nesta comarca máis de 3000 exemplares de cachena cara ao ano 1947.

Poucos anos despois iniciouse un plan de recuperación desta raza e a cachena chegou aos montes de Lobios, Muíños, Bande, Quintela de Leirado, Calvos de Randín, A Veiga, Baltar ou A Mezquita. Pouco a pouco comezaron a recuperarse as cifras de décadas anteriores até que chegou o boom da cachena, que a fixo sair do sur da provincia de Ourense a outros lugares do conxunto de Galiza e estabelecerse nas catro provincias. A súa boa fama foi tal que mesmo se chegaron a comprar exemplares para outros territorios coma Asturias, Euskadi, Castela e León, Cantabria ou mesmo Estremadura.

Cando nos anos noventa a Xunta de Galicia iniciou o programa de recuperación os censos falaban de 151 cabezas. Agora, no censo de 2019, contabilizáronse 4607 cabezas, o que ratifica a recuperación da raza. Neste traballo tivo tamén moito que ver a Asociación de Criadores da Raza Cachena (CACHEGA), que naceu no ano 1999 para a protección da cachena e que xunto coas asociacións das demais razas autóctonas formaron no ano 2001 Galicia-BOAGA.

Na actualidade a carne de vaca cachena é famosa pola súa calidade e a súa demanda medrou moito, tanto para restaurantes como para consumo familiar, polo que todo apunta a que a súa conservación estaría garantida a curto e medio prazo.

Desde as institucións ten que seguir a apoiarse todos os proxectos de recuperación da vaca cachena xa que, ademais de seguir mantendo en pé a unha raza autóctona, estas contribúen notábelmente na limpeza dos montes ao ter a capacidade de acceder a zonas de difícil acceso e polo tanto funcionar coma un mecanismo de prevención dos lumes. Ademais, tamén axudan a dinamizar a economía do rural e fixar poboación en zonas moi afectadas polo despoboamento.

Vaca Cachena. Imaxe de Orgullo Galego

Pode que che interese:

16 lugares imprescindibles para visitar no Courel

A Serra do Courel é un dos lugares máis importantes do noso país xa non só a nivel ambiental senón tamén etnográfico, lingüístico e patrimonial. Nesta zona comezaron os traballos de recuperación dunha das figuras mitolóxicas do nadal galego, o Apalpador, mais tamén destaca pola súa arquitectura e a preservación de ritos, lendas, gastronomía e tradicións.

10 fervenzas para visitar polo menos unha vez na vida (parte 2)

Realizar unha lista de fervenzas para visitar require moitísimo tempo xa que en Galiza é raro o lugar que non teña unha ou varias fervenzas ou pozas. Por iso, despois do éxito da primeira parte na que tocamos algunhas das fervenzas máis populares, nesta segunda parte imos tocar outras 10 que puidemos visitar e que recomendamos coñecer, especialmente na época de choivas que é cando baixan no seu pleno esplendor.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!