Foi Xosé Ramón Estévez Pérez quen deu co documento datado en 1783 que daba conta da petición de Jorge Cisneros, coengo da catedral de Santiago, para a reparación de tramos do camiño na ponte de Sarandón e na baixada desde a Terra de Montes cara ao Ribeiro, o fío que uniu a ruta de Compostela a Ribadavia.
“Ribadavia e Compostela estaban unidas polo vínculo do viño. En 1164, Fernando II concédelle a vila o foro municipal. É o punto de partida para que varias ordes se establezan no Ribeiro. Entre elas, estaba a orde de San Juan del Hospital, encargada de coidar a peregrinación aos santos lugares. No último terzo do século XII os hospitalarios construíron en Ribadavia a igrexa de San Xoán e o hospital na rúa do mesmo nome, hoxe sede do Consello Regulador do Ribeiro. No século XVI, debido a que este hospital empobreceu, fundouse un novo co nome de Nosa Señora dos Anxos, dotado con trinta mollos de viño branco de renda perpetua…”
Explica o historiador Xosé Ramón Estévez, co autor con Castor Pérez no ano 2010 do libro [ver ‘Desbrozando o camiño. Parte I‘] que constituía até hai uns meses a principal base documental do Camiño Miñoto Ribeiro.
Nos anos oitenta, Xosé Ramón estudou paleografía co arquiveiro da catedral de Girona mentres traballaba como técnico de comercio. En Girona pasou once anos e o seu cuñado era o encargado da antiga sinagoga, hoxe museo. Alí comezou a interesarse pola historia da súa vila natal. Cada verán regresaba a Ribadavia e pasaba as mañás nos arquivos e visitaba o Histórico Provincial en Ourense. Foi ampliando o radio: San Clodio, Oseira, Melón, arquivo diocesano.
O investigador empezou a rescatar historias de nobres e reis que compoñen o pasado venerábel de Ribadavia, como a de Alfonso IX. “En 1188, Juan Arias de Novoa recibiu o encargo do rei Fernando II de León de coidar a Alfonso, o seu fillo de 11 anos e futuro Alfonso IX. E sendo aínda un neno, Alfonso IX, emitiu o seu primeiro documento como rei desde Ribadavia. Fernando II e Alfonso IX están enterrados na cripta dos reis en Compostela”, conta Estévez.
Ribadavia, atravesada pola gran historia do país e das guerras entre reinos, capital do Reino de Galiza, con García II no ano 1065, vila real e despois señorío cos Sarmiento, refuxio de xudeus contra a Inquisición, era o lugar indicado para topar pegadas do camiño. Desde a ponte da Veronza –desfeita en parte por unha riada hai dous anos– até as portas que se abren aos camiños medievais, pero sobre todo o vello patrimonio do viño, memoria inscrita en documentos e en edificacións.
“No ano 1217”, explica Estévez, “Alfonso IX mandou elaborar unha relación de bens da contorna. É un pergamiño de dous metros coas casas e viñas. Quería saber cales pertencían ao rei. Os mosteiros tiñan granxas, terras e viñas. O viño era a actividade económica central. Oseira, por exemplo, tiña tres fermosos lagares en San Paio de Ventosela”.
A partir do século XII, a chegada de peregrinos a Compostela esixiu aumentar o abastecemento de alimentos da cidade. O propio Cabildo de Compostela e os grandes mosteiros toman adegas e mesmo muíños no Ribeiro.
O camiño do viño, o dos arrieiros, empezou a reflectir en elementos relixiosos o seu vínculo co culto ao Apóstolo. De Ribadavia a Pazos de Arenteiro, e pola ponte de Sarandón, en Vedra, cara Compostela, onde entraba pola sétima porta, a de Mazarelos, onde está inscrito que por alí chegaba o viño de Castela do Riberio. “Si, Castela, dicíanlle a esta zona”, indica Xosé Ramón Estévez, “non está moi claro se polas torres, que non castelos, ou por outras denominación da época romana”.
“A ruta do camiño Miñoto Ribeiro consolidouse grazas ao viño. Mais se tivera que realizar unha historia do viño no Ribeiro precisaría cinco vidas”, asegura o historiador, e di que só no Arquivo Histórico do Reino de Galiza se conservan os documentos de uns 24.000 preitos sobre o viño vino, “a maioría son do Riberio… e logo estaría o Arquivo de Mareantes en Pontevedra e outros”. Estévez di que o comercio do viño era tan importante que a diplomacia fixo que se mantivera mesmo durante as guerras de Carlos V e Felipe II con Inglaterra.
Despois, o declive está por explicar. Anselmo López Carreira sostén que foron conflitos bélicos e fronteirizos os que favoreceron a crecente importancia do viño do Porto, e relata como en época de Carlos III alguén propuxo facer navegábel o Miño como vía de saída do viño do Ribeiro. “Non había cartos para tal obra, seguro, porque España sempre estivo arruinada polas guerras que emprenderon os reis”, reflexiona Xosé Ramón Estévez. Os preitos do viño e os dos arrieiros, o portazgo (taxa) por cruzar a ponte de San Clodio, a memoria das barcas que cruzaban o Miño, rescatada tamén por Olga Gallego, con traballos que aparecen como pano de fondo da investigación de Estévez e Castor Pérez.
As barcas son outro fito no camiño Miñoto Ribeiro. “Desde o sur, os camiñantes que chegaban a aldea de Reza, para cruzar o Miño usaban un paso de barca, cruzaban a Francelos e desde alí ían a Ribadavia. Cando a barca non estaba operativa ou tiñan que pagar a peaxe, seguían por un camiño de ferradura até a ponte de Castrelo de Miño, a ponte que aparece na documentación do século XIII, e cruzaban e desde alí chegaban a Ribadavia a través doutra ponte, a de San Francisco, con orixe tamén no século XIII”. O relato desta parte da ruta é de Jorge Lamas, o arqueólogo encargado de realizar a proposta de trazado que completou a documentación entregada ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o 12 de setembro de 2019.
Neste artigo falamos de...
O mapa
En 2018, a Asociación de Concellos do Camiño Miñoto Ribeiro encargou ao arqueólogo Jorge Lamas unha proposta de trazado que presentar diante da Xunta de Galiza para que a ruta sexa declarada vía cultural, paso previo ao recoñecemento como camiño xacobeo. Entre outubro dese ano e abril de 2019, Lamas elaborou o mapa e catalogou os elementos culturais na contorna do camiño.
“Despois de ter consultado a bibliografía existente e facer o baleirado de documentos, cartografía, fotos aéreas antigas, micro-toponimia, catálogos de Patrimonio, a tarefa consistiu n un traballo de campo percorrendo toda a traza co fin de rastrexar, estudar, delimitar os elementos patrimoniais localizados a carón do camiño e centrarse en aqueles que puidesen ter que ver coa existencia dunha ruta de media-longa distancia tanto no transporte de mercadorías como o viño como no tráfico de camiñantes”, resume o arqueólogo.
O resultado: 55 mapas, 227 elementos catalogados, dos cales 48 son cruceiros ou cruces, 39 igrexas, 22 capelas e/ou ermidas, 14 muíños, 10 petos de ánimas, 21 pontes e pontillóns, 17 pazos e casas grandes, 6 fontes ou lavadoiros, 12 adegas históricas (das cales tres teñen esculpidas cunchas de vieira de cando menos o século XVI), 1 mosteiro, 1 eremitorio, 5 eiras de hórreos, 17 mámoas, 3 castros, 3 estacións con petróglifos, 2 castelos, 6 restos romanos, 2 fornos, e 2 Encomendas. “Hai outros a maiores que por estaren en núcleos urbanos quedaron rexistrados de xeito global dentro da ficha de cada núcleo”.
O mapa actual do camiño vén reforzar o carácter do camiño que estableceran as investigacións de Castor Pérez e Xosé Ramón Estévez. “Os tres elementos que definen este camiño son o río Miño, como vía de comunicación natural; o viño, como produto da terra e de comercio; e, finalmente, as augas quentes ou termais, e as súas características sanadoras”, conta Jorge Lamas.
Esta viaxe, na parte galega, ten o seu Roncesvalles no Hospital de Santa María do Condado, como adoita explicar Castor Pérez. A carón do Miño, ese é o punto onde conflúen as rutas que pasaban por Castro Leboreiro, Entrimo e Lobios desde a Portela d’Home, e as que viñan por Melgaço.
Mais o punto central do camiño é Ribadavia, unha vila medieval que foi capital do Reino da Galiza, sede eclesiástica, casa das grandes familias que dominaron o sur do país, os Sarmiento. De todo iso fala Xosé Ramón Estévez que rastreou a vida nun hospital de peregrinos a partir de documentos do Nosa Señora dos Anxos. “Había un hospitaleiro e un médico. Acollían peregrinos, pero tamén persoas maiores e xente desamparada. Despois foi unha escola e chegou a albergar á banda de música. Non teño moi claro cando se fundou o hospital antigo… estivo o Hospital de San Juan, da orde de San Juan, do século XII. Despois a orde foi para Beade. Había tamén outras hospederías, como a de Santiago de Alén, do outro lado do río, era municipal”.
“Nestas terras dábanse toda clase de cepas e viños, non só unha variedade. O cultivo introducírono os romanos. No castro de San Lucía, en Castrelo de Miño, apareceu un lagar de pedra moi ben conservado. E tamén había oliveiras e mel. En época dos Reis Católicos limitouse o cultivo do aceite para beneficiar Al-andalus. O mel deu no hidromel, que se servía como bebida refrescante aos peregrinos…”
O recoñecemento
“Despois de vinte anos de traballo, os investigadores empezan a ver posibilidades de que o camiño se recoñeza e se recupere.
No mes de maio do 2017, a Asociación de Concellos do Camiño Miñoto Ribeiro reuniuse en Ribadavia para dar un empurrón ao proxecto dos historiadores. Un mes despois conformouse o Grupo de Investigación Histórica do Camiño Miñoto Ribeiro, do que fan parte Xosé Ramón Estévez, Cástor Pérez e Jorge Lamas. En xullo daquel ano, o concello de Vedra organizou as primeiras xornadas sobre o camiño. E en agosto, mentres no concello de Pontedeva se inauguraba o primeiro tramo da ruta despois dos traballos de limpeza e sinalización, en Beariz a Asociación de Amigos de Terra de Montes desenvolvía unha xornada sobre o camiño.
O proceso de divulgación da ruta xacobea fóra do ámbito académico estaba en marcha. En outubro de 2018, os investigadores presentaron o seu traballo no terceiro Congreso Internacional da Auga. En xullo de 2019, en Castro Leboreiro (Portugal) produciuse a primeira reunión de concellos do camiño galegos e portugueses. Participou da xuntanza o conselleiro de Cultura, que unhas semanas despois recibiría o estudo técnico e histórico completo para a súa avaliación pola dirección xeral de Patrimonio.
“Na parte portuguesa, o camiño aínda é unha historia pouco coñecida. É lóxico. Estamos a falar dunha ruta que hai douscentos anos que non se transita. Ninguén vén por aí, as vías de comunicación hoxe son outras”, resume Xosé Ramón Estévez. Mais o camiño que conduciu raíñas peregrinas, arrieiros, clérigos, xentes na procura de traballo ou curación, exércitos, xornaleiros e nobres, revive aos poucos nas investigacións de estudosos do seu territorio. E, conta Xosé Ramón, en Melgaço, na cámara (o concello) e na biblioteca, deixaron algúns exemplares do libro “por se acaso o camiño empeza a callar tamén do outro lado da raia”.
A pasada sexta feira, o 7 de febreiro, os investigadores tiveron unha cita na Cámara de Melgaço parafalar co alcalde e outras autoridades municipais e activar o Miñoto Ribeiro tamén do outro lado da raia.
As poboacións
Está é a relación dos 81 núcleos rurais da parte galega que atravesa o itinerario e que figuran na documentación facilitada por Jorge Lamas. Están agrupados por concellos, nunha ruta de sur a norte.
- Concello de Lobios: Vilameá e Lobios.
- Entrimo: As Quintás, A Feira Vella, O Casal, Terrachán, Ferreiros, Bouzadrago, A Pereira.
- Padrenda: Azoreira, Lapela, Monte Redondo, San Amaro, Lordelo, O Condado.
- Pontedeva: Trado.
- Cortegada: Vilanova da Barca, Cortegada, Os Muíños, A Eirexa, Meréns.
- Arnoia: Lapela, Outeiro da Cruz, A Paixón, Sendín, San Amaro, Porqueira, Reza.
- Castrelo de Miño: Reigoso, Padreiro.
- Ribadavia: San Paio, casco urbán de Ribadavia, Regodeigón.
- Beade: núcleo de Beade.
- Leiro: Bieite, O Ibedo, Barzamedelle, A Ponte, San Clodio, Gomaríz.
- O Carballiño: Fonteantiga, Banga, Cimadevila, Cabanelas.
- Boborás: Pazos de Arenteiro, A Vila, Salón, O Iglesario, Eiravedra, Paredes, Vilachá, Feás, A Fenteira.
- Beariz: As Antas, A Ermida.
- Forcarei: Portela de Lamas, Soutelo de Montes, Vilapouca, Ventoxo, O Cachafeiro, Forcarei, Vilar, Chamosa, O Salgueiro, Leboso, Quintillán, Meavía.
- A Estrada: Castrelo de Arriba, Salouzáns, Fontecova, A Igrexa, San Pedro de Ancorados, A Pica, O Pazo, O Piñeiro, A Ribeira.
- Vedra: A Ponte de Sarandón, O Cruce de Sarandón.
- Boqueixón: Pazos, Vilar.
- Concello de Santiago: Santiago de Compostela.
2 comentarios en “O camiño Miñoto Ribeiro (parte II: de Ribadavia a Compostela)”
Polo menos dende o ano 2009 xa hai unha asociación que lle da nome a ese camiño.
Os concellos, que pagan 500 euros/ano e son uns 17, solo aparecen cando se acercan eleccións, qué maneira de despilfarrar os cartos dos cidadáns!
Moi boas, Xaquín. Seguro que a xestión sempre se pode mellorar, está claro. Grazas por pasarte e comentar!!