No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes (que o son!) están cargados de historia, o que, ao noso parecer, da un plus de interese. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.
Neste artigo imos recomendar doce lugares para visitar cheos de lendas, historias… e que achamos importante conservar xa que fan parte da nosa tradición e da nosa historia. Estamos abertos a que recomendedes máis lugares para engadir en futuras ampliacións deste artigo.
Imos aló!
Neste artigo falamos de...
O Val das Mouras
O Val das Mouras é un lugar xeolóxico coñecido como cárstico que gañou popularidade nos últimos anos entre a xente que vai visitar o Courel. Este lugar, localizado no desvío á aldea de Mercurín e na parte alta da aldea da Ferrería vella, está rodeado por un souto e ten unha beleza imposible de captar nunha imaxe. As augas percorren o subsolo e a erosión formada deu lugar a unhas formacións rochosas impresionantes.
Recibe o nome de Val das Mouras xa que se pensaba que esta figura mitolóxica habitaba na zona. Lembremos que as Mouras están representadas como mulleres de cabelos longos que agochaban tesouros.
A Pena dos Namorados (Carballiño)
Ao carón do paseo fluvial do Arenteiro, no Concello do Carballiño, atopamos a Pena dos Namorados. O lugar que ocupa este penedo pénsase que puidera ter sido un santuario, un lugar de ritos relixiosos mais tamén un asentamento do Paleolítico que puidera ter tido continuidade até a Idade Media como punto defensivo.
A rocha está relacionada con lendas sobre namorados, de feito existe unha lenda que conta esta historia: un mozo pagán chamado Boán para conquistar á súa namorada Marta, que era cristiá, pediu axuda a unha sacerdotisa. Esta ofreceulle unha bebida de duplo efecto: se Marta estaba namorada del, volvería louca. Se non, faría que ficase namorada. Ao parecer a Marta xa estaba namorada polo que toleou e suicidouse desde este penedo.
Alén de lendas de namoramentos, probablemente este penedo teña moito que ver con cultos de fecundidade, cóntase que moitas parellas ían dar voltas arredor desta pedra para fortalecer o seu amor.
O Castelo de Doiras
No municipio de Cervantes, concretamente no lugar de Ponte de Doiras temos un dos monumentos máis importantes da zona, o Castelo de Doiras, localizado a case 800m de altura e nun lugar no que posiblemente tivese existido un castro.
Neste castelo existe unha lenda moi importante asociada a unha cerva branca. Aldara era unha moza que moraba no castelo e desapareceu nas profundidades do monte días antes de casar cun mozo chamado Aras. Estiveron días e días na súa busca mais ao non atopar nada dérona por morta.
Varios anos despois, nunha saída de caza do seu irmán, este deu cunha fermosa cerva branca, deulle caza e, como non era quen de cargar con ela cortoulle unha pata para poder demostrar que cazara esa peza. Xa de volta no castelo, unha vez que sacou a pata decatáronse de que non era unha pata de corza senón o brazo dunha moza que levaba nun dos dedos da man un anel familiar, concretamente o da súa irmá Aldara. De regreso no monte, no lugar en que deixara o corpo da cerva branca, estaba o corpo da súa irmá.
Contan en Galicia Encantada que o cervo (macho e femia) ten ampla presenza nas literaturas, tanto no ciclo artúrico, cando Galaaz, Bores e Perceval contemplan a transformación dun cervo branco en cabaleiro, como nos relatos de corte haxiográfico, caso de Nascien, O Eremita, contemplando como o Grial é transportado por un cervo branco.
O cervo acompaña nas representacións a Artemisa-Diana na mitoloxía greco-romana, sendo considerado moitas veces como símbolo da boa sorte, como sucede coa cerva branca de Sertorio, ou, no caso da cerva de Cerinia, como animal obxecto dun dos traballos de Hércules.
Outra lenda é a que ten que ver cun pai que maldeciu ao seu fillo coa frase “Xa que tanto che gustan as mozas, así andes tras das lobas”. Este acabou por converterse nun lobishome.
A Cidade das Costas do Alén ou Cidade dos Mortos
Hai tres ou catro anos fomos visitar este lugar recomendado por unha persoa da zona e aínda que nese momento o camiño non estaba en bo estado, alucinamos co que atopamos e coa historia que agocha detrás.
A Cidade dos Mortos atópase na parroquia das Estacas, no Concello de Fornelo de Montes e ao carón do río Alén. É unha pequena concentración de pequenos chozos tradicionais, que se pensaba que eran lugares de refuxio para gandeiros que tiñan que pasar boa parte do tempo co gando. A zona é moi popular pola conservación dos chozos.
Porén, diversos estudos afirman non poder confirmar que os chozos fosen para coidar do gando e a propia xente da contorna non lembra que tivesen uso gandeiro, algúns mesmo teñen cruces dentro e existe unha lenda na zona que fala duha “cidade” onde acompañaban á xente maior para morrer, a cidade do Alén. Algúns din que era para persoas con enfermidades contaxiosas, outros que era para pasar os últimos días antes de morrer.
O Monte da Peneda
O monte da Peneda é un lugar mítico que se atopa na parroquia do Viso, no Concello de Redondela. Este lugar é considerado un punto de división entre Soutomaior e Redondela.
Froito da súa localización estratéxica a case 330m de altura e cunha vista panorámica de toda a ría de Vigo, ao longo da historia foi empregado como castro, castelo medieval, cobrou grande importancia nas Revoltas Irmandiñas e nos conflitos nobiliarios e tamén como lugar de peregrinación para quitar meigallos e mal de ollo.
No seu interior ten un túnel, hai quen di que era parte das comunicacións co castelo de Soutomaior, outros afirman que era parte dunha mina romana mais a realidade di que non está clara a súa función. Non podemos esquecer a sobreira localizada ao carón do miradoiro, unha impresionante árbore catalogada como Senlleira, que leva séculos vixiando toda a zona, a ría de Vigo e mesmo as Illas Cíes. Aos pés desta sobreira contan as lendas que os mouros agochan un tesouro.
O Portalén
O Portalén está localizado no Monte Seixo (Concello de Cerdedo-Cotobade) e fai parte do conxunto de monumentos míticos e lendas que acollen esta zona.
O Portalén é un lugar de contacto cos finados, na época de escuridade adoitan aparecer ofrendas en forma de froita, castañas, candeas e mesmo cartos. Isto adoita acontecer sobre todo no mes de novembro (defuntos) mais faise até rematar o inverno.
Cal é o rito do Portalén? Pois ben, tes que cruzar a porta de leste a oeste cunha ofrenda (pan, viño, candeas, castañas…), fas unha pregunta ás ánimas e no vento recibes a resposta. Por suposto tes que ter moita precaución e saír no mesmo sentido, senón a túa alma queda para sempre no alén. Algo importante é que non podes dicir a resposta xa que che poden quitar a voz para sempre.
Ao carón disto atopamos o Marco do Vento do que din que posiblemente sexa un menhir de tres metros de altura no que confúen as forzas do universo.
A Pena dos Namorados (Ponteareas)
A Pena dos Namorados é outro penedo localizado no Concello de Ponteareas que no pasado foi refuxio de cazadores, chegaron a atopar na zona ferramentas da Idade de Bronce.
No lugar atoparemos numerosas pedriñas xa que a el acoden mozos e mozas para saber como lles vai ir no futuro co amor, utilizando para isto o rito das tres pedras.
De costas ao penedo temos que tirar por riba do ombreiro tres pedriñas. Se as 3 pedras fican no alto do penedo significa que casarás no prazo dun ano, se fican dúas o prazo será de dous anos e se apenas resta unha pedra, a voda vai tardar anos. Aliás, se non fica ningunha, non casarás nunca.
Aseguran os máis vellos da bisbarra que noutro tempo vivía no castelo do Sobroso o Don Álvaro de Sarmiento, pai dunha fermosa rapaza en idade de namorar; Aldina, que así se chamaba, entregáralle o seu amor a Tristán, un labrego da zona ou señora da fortaleza da Picaraña, segundo quen nolo conte.
Seica os amantes facían por verse nos solpores nun lugar afastado de miradas indiscretas: a Pena dos Namorados. Estas citas clandestinas chegaron a ouvidos de Don Álvaro, que decidiu verificar o ruxe-ruxe. Disfrazado de mendigo vai seguindo os pasos de Aldina até chegar ao lugar e comprobar cos seus propios ollos o que aló acontecía. Cheo de carraxe agarda agochado até que marche a súa filla e encara o amante. Don Álvaro cegado pola ira comeza a pelexar até que a súa espada atravesa o namorado corazón de Tristán. Despois arromba o corpo contra as silveiras e marcha.
Aldina, descoñecedora do acontecido, segue asistindo á súa cita diaria na Pena dos Namorados. Por tres noites agarda a chegada de Tristán sen obter novas. Entre bágoas, na terceira noite escoita badaladas do mosteiro de Canedo e a figura pantasmal de Tristán aparece no lugar para lle explicar que o seu corpo foi achado por un veciño e que foi o seu pai, Don Álvaro, quen lle deu morte. Dille tamén que esas campás anuncian o seu enterro e que, en tres días máis, estarán xuntos para sempre.
Ao albor, cando Andina volve ao Castelo, cruza co seu pai sen mediar palabra e péchase na torre da Homenaxe. Será a última vez que Don Álvaro a vexa con vida, morrería ao terceiro día.
Santo André de Teixido
Santo André de Teixido é un dos lugares máis místicos que temos no país, considerado desde hai séculos unha das portas do Alén. Está localizado no Concello de Cedeira.
Din que a Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo. Este lugar é un dos centros de peregrinación máis importantes para os galegos, onde existiu un santuario precristián, un lugar que era a porta cara o alén.
A Santo André de Teixido poden ir as ánimas acompañadas polos familiares quen foron previamente á tumba do finado para convidalo facer a viaxe. Tamén poden ir reencarnados en animais coma cobras, serpres, lagartos… neste caso se os atopas no camiño non lles podes facer mal algún xa que son as ánimas na súa derradeira peregrinación.
A primeira referencia escrita é este documento en galego do ano 1391:
“Iten mando yr por min en romaria a Santo Andre de Teixido, porque llo tenno prometido, et le poznan enno seu altar hua candea commo he hua muller meu estado”
A Lanzada
A praia da Lanzada é un dos areais máis grandes e populares das Rías Baixas. Atópase na parroquia de San Vicente d´Ogrobe, entre os concellos de Sanxenxo e Ogrobe. As súas praias son coñecidas polo uso para o surf mais tamén polos monumentos localizados na contorna como poden ser o Castro da Lanzada, a Torre da Lanzada, restos dun Castelo medieval ou a Ermida da Nosa Señora da Lanzada.
Destacar que esta zona está asociada a numerosas lendas, de feito A Lanzada foi un dos núcleos máis importantes dos curadores onde a xente acudía a curar a sarna, a lepra ou a quitar o meigallo. Quizais o rito máis coñecido é o do baño das 9 ondas que ten fins de fertilidade mais non o é menos o da Santa Compaña xa que os maiores din que nesta praia a Compaña collía as embarcacións para ir até a Illa de Ons. Se ían anunciar a morte podías vela en forma de procesión mais non levaban sempre un ataúde, podías ver unhas luces no mar e posteriormente o ataúde na porta desa persoa. Outro xeito de velos era con luces na praia o que indicaría que morreu alguén.
Existe tamén outra lenda de fecundidade que consiste en pór ofrendas florais no chamado Berce da Santa, unha rocha que se atopa na rompente da ermida.
A lendaria Santa Mariña de Augas Santas
A parroquia de Santa Mariña de Augas Santas está situada a 6 kms do centro histórico de Allariz e concentra un riquísimo patrimonio histórico, arquitectónico e cultural.
Para visitar este lugar é imprescindíbel que coñezas a lenda de Augas Santas. No castro galaico-romano de Armeá vivía un prefecto romano chamado Olibrio. Un día coñeceu a Mariña, unha rapaza orfa e pastora que vivía na zona. Este prefecto tentou convencela para que abandonara o cristianismo, e perante a negativa de Mariña, esta sofreu moitísimos martirios que tampouco fixeron mudala de idea.
A lenda di que durante días foi pendurada, secuestrada, ferida con pentes de ferro, afogada nun estanque…mais acababa por recuperarse logo de tres días. Até din que tentaron queimala nun forno do que foi rescatada por San Pedro, quen a refrescou nunha pía da zona.
Visto que isto non xurdía efecto decidiron decapitala. A súa cabeza acabou rebotando tres veces no chan e alí xurdiron tres mananciais de auga onde din que nacen augas santas que curan enfermidades e botan fora a malos espíritos. No lugar onde a decapitaron existe unha igrexa parroquial de estilo románico.
Lagoa da Serpe
A lagoa da Serpe é un espazo de orixe glaciar situada en Pena Trevinca, formado no período cuaternario, único en toda a Península Ibérica. Este lugar tan fantástico acolle unha lenda que conta que nesta lagoa vive unha enorme serpe e que nas noites de lúa chea convértese nunha moza moi fermosa que ten como obxectivo pedirlle a calquera mozo que pase por alí que a axude a desencantarse.
Esta moza tan fermosa e de cabelos longos e negros adoita estar nas rochas da lagoa peiteándose, especialmente triste, agardando que algún rapaz vaia desencantala. Ademais, isto só sucede na noite de San Xoán.
Din na zona que un rapaz da aldea de Xares tentouno unha vez, sen éxito. A fermosa moza explicoulle que tiña que ir ao día seguinte, moi cedo, e que non se preocupara por vela en forma de serpe. Ela cruzaría a lagoa ate chegar onda o rapaz, momento no que este tería que lle cuspir dentro da boca.
A rapaza explicoulle que se facía exactamente o que lle pedía, casarían. Finalmente todo sucedeu tal e como explicara a moza mais o rapaz ao ver unha serpe de tal tamaño acabou por saír da auga e fuxir cheo de medo.
Tamén existe outra versión que di que un rapaz da aldea da Ponte fixo todo o que lle pediu a rapaza e que acabaron por casar, por iso non se volveu ver no lugar.
Os máis vellos do lugar contan que cando xa eran cativos, dicíanlles que non se achegaran a esta lagoa por que poderían ser devorados por unha serpe xigante.
As lendas das Sisargas
As Illas Sisargas son un arquipélago localizado na Costa da Morte (Malpica) está formado pola illa Sisarga Grande, a illa Sisarga Chica e a illa Malante.
Estantiga ou Santa Compaña
Primeiramente destacar que a Illa Sisarga Grande e a Illa Sisarga Chica están separadas pola Canle da Estantiga, ou dito doutro xeito, Canle da Santa Compaña. Nas lendas precristiás o mundo dos mortos está alén do océano polo que se conta que a estantiga pasaría por esta canle para levar aos mortos ao outro mundo. Isto atopámolo tamén en Fisterra, A Lanzada, San Andrés de Teixido…
Lugar de Culto
Plinio e Ptolomeo situaban “nalgún lugar da costa occidental da Gallaecia” un lugar de culto a Hércules onde habería unhas Aras de sacrificio na honra de César Augusto. Nunca se concretou o lugar e hai quen di que podería ser o propio Monte Pindo ou noutros lugares da costa da Morte mais a hipótese leva a referirse a estas illas.
Son as Illas Caesaricas?
O pai Sarmiento, que as denomina Cisargas, propuxo a hipótese de que o nome das Sisargas estaba referido a Xulio César, quen cara ao ano 60 a. C., chegou á Gallaecia, e someteu a súa parte Norte, aparecendo entre os ártabros, aos que, segundo as crónicas romanas, aterrorizaría coas súas naves, polo que se someterían decontado aos romanos. Esta hipótese supón que o seu nome latino sería *insulas Caesaricas, en acusativo plural, desvelando o estadio lingüístico actual a influencia seseante.
Cultos precristiáns
Conta a lenda que este lugar foi zona de cultos ás serpes. De feito existe unha lenda que conta como San Hadrián librou esta zona das serpes ou dunha gran serpe, tocando o chan co seu bastón e esmagando á propia serpe e deixando o lugar libre de serpes. Todo isto apunta á cristianización de cultos precristiáns.
8 comentarios en “12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias”
Ola!! Encántanme todos os vosos artigos! Parabén pola vosa iniciativa!!! Teneis información sobre o Val Miñor e concretamente Baiona? Veña, dádenos un pouco de vivibilidad aos de Rias Baixas!
Aperta!
Sandra
Das Rías Baixas publicamos moito nas nosas redes xa que o que che escribe é desa zona. A ver se facemos un artigo con lugares das Rías Baixas, polo de pronto tes algún por aquí e uns artigos sobre Cabo Home, Pontevedra e Combarro. Graciñas!!
Grazas por contestar. Referíame máis en concreto a Baiona, Nigrán e Gondomar. Un saúdo
Conta con iso, a ver se facemos algo sobre toda esa zona e o Baixo Miño.
Ola.
Está ben, so lle engadiría un mapa ou as coordenadas para dar cos sitios.
O que si quero é facer unha corrección:
O monte da Peneda non é do Viso en Redondela, non en exclusividade. Como dicides, é punto de división con Soutomaior e, de feito, o cumio onde está a capela é de Soutomaior, como tamén o é boa parte do monte en si.
Saúdos.
Ohh boto de menos, Penas de Rodas no concello de Outeiro de Rei. Ou o nacemento do Miño, o pedregal de Irimia, que tamén ten a súa lenda.
Realmente faltan moitos sitios moi interesantes, pero sería un artigo interminábel hehe. Iso si, faremos unha segunda parte!
Que boa iniciativa tivechedes, eu esto aprendendo moito de Galiza e a tener un vocabulario máis completo do galego grazas a vos, é un agasallo poder ler todas estas cousas, GRAZAS