Nos últimos anos podemos escoitar como uns dos temas máis recorrentes a nivel político e mediático é o da contaminación e a necesidade de construírmos cidades máis humanizadas e, en definitiva, ao servizo da cidadanía. Nestes debates adóitase poñer enriba da mesa cuestións como a das peonalizacións, a redución de emisións de gases e a do transporte privado.
Coa chegada da pandemia estes temas volveron á palestra e non foron poucas as cidades de todo o mundo que iniciaron procesos de transformación urbana. O que non nos contan é que hai unha cidade galega que é pioneira, que iniciou este proceso hai dúas décadas e que na actualidade goza de recoñecemento a nivel galego e mundial. Esta cidade é Pontevedra.
Tentaremos achegar algúns datos da conversión de Pontevedra nunha cidade de moda, mais tamén falaremos sobre a súa historia e recomendaremos lugares para visitar. Por suposto, todo desde a óptica dun pontevedrés amante da súa cidade e dos seus recunchos.
Comezamos!
Neste artigo falamos de...
As orixes de Pontevedra
Pontevedra é unha cidade localizada nas Rías Baixas á beira do río Lérez, capital da provincia homónima. Existe unha lenda fantástica que conta que o responsábel da fundación da cidade sería Teucro, un heroe da Guerra de Troia que chegou até estas terras após ser expulsado polo seu pai Telamón. Consérvase tamén documentación e restos que apuntan ao Imperio Romano como orixe da cidade.
No ano 1169 o rei de Galiza e León Fernando II outorgou o foro aos habitantes de Pontevedra, sendo un dinamizador esencial para a cidade Nos seguintes séculos a cidade viviu épocas de moita actividade económica vinculadas coas actividades pesqueiras concentradas arredor do porto e barrio da Moureira.
Esta época de grande actividade económica acadou o seu máximo esplendor cando no ano 1467 o rei Henrique IV concedeu á cidade a honra de celebrar unha feira franca libre de impostos que tería 30 días duración e que se celebraría quince días antes e quince días despois da festividade de San Bartolomeu. Esta feira franca recuperouse no ano 2000 coa súa celebración no casco vello e contorna, tendo a Praza da Ferraría como centro neurálxico como sucedía séculos atrás. Esta nova feira franca implica a toda a cidade e atrae milleiros de turistas.
Esta época de esplendor rematou e froito das guerras o comercio exterior viuse danado gravemente, o que levou a unha decadencia económica que provocou a redución á metade da súa poboación sendo até ese momento unha das vilas máis poboadas do país. Desta enorme crise non se recuperaría até que no século XIX, co nacemento das provincias, converteuse nunha vila administrativa e funcionarial.
Pontevedra destacou tamén por ser un referente cultural xa que aquí non só naceu a Misión Biolóxica de Galiza senón tamén o histórico Partido Galeguista no ano 1931. Esta cidade foi un dos xermolos do nacionalismo galego e aquí desenvolveron a súa actividade cultural e política referentes como Castelao, Alexandre Bóveda, Víctor Casas, Lois Pintos, Sebastián González García entre outros moitos.
Chegou a transformación urbana
Os que somos de Pontevedra (si, quen escribe isto, aquí vive) lembramos como nos anos noventa a nosa era unha cidade de paso, case ninguén adoitaba parar e moito menos pasar a noite. Como dicimos, Pontevedra era a cidade de paso para ir até Ogrobe, Sanxenxo, Vigo, Portonovo ou o Morrazo, e o certo é que tiñamos un casco vello moi fermoso mais non se lle sacaba proveito e o habitual era atopar moitos edificios sen rehabilitar. Consecuentemente, nesa década dos noventa a cidade perdeu poboación.
A partir do ano 2000 e coa chegada de Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) ao poder a cidade comezou unha transformación urbana que chega até a actualidade, iniciando a rehabilitación e recuperación do casco vello mais tamén de todo o centro urbano. Substituíronse rúas ateigadas de coches e con beirarrúas case inexistentes con amplos espazos para a circulación a pé e mesmo en bicicleta, en definitiva, a recuperación de espazos públicos para as persoas.
Nos inicios algunhas destas medidas tiveron certa oposición social e non eran poucos os comerciantes que pensaban que o seu negocio desaparecería ao non poder chegar co coche á porta do estabelecemento. Co paso do tempo demostrouse que isto non era así, senón ao contrario, o comercio viuse favorecido xa que máis persoas pasaban a pé diante deles e iso implicou un aumento considerábel da apertura de comercios e estabelecementos de hostalaría. Ademais, o turismo familiar comezou a medrar e Pontevedra pasou a ser un destino máis nas vacacións de milleiros de persoas.
Falemos de datos
Beirarrúas case inexistentes, grandes emisións de gases, enormes caravanas, contaminación acústica, atropelos, o 70% das augas residuais vertidas ao río Lérez, río Gafos abandonado, sendeiros case inexistentes…
Este proceso de transformación trouxo a Pontevedra 40 km de sendas peonís e ciclistas, un 50% dos espazos públicos urbanos pasaron de ser de preferencia para o automóbil a preferencia para o peón, peonalizouse o 100% do casco histórico e rehabilitouse boa parte del, o 72% de desprazamentos internos son a pé ou en bicicleta, a redución de emisión de gases foi dun 65% 500 kg por hab./ano e a eliminación de verteduras de residuos líquidos sen depurar o 70%.
Ademais, durante catorce anos non houbo ningún atropelo mortal, algo no que influíu moito ser unha vila pioneira na redución da velocidade a 30 km/h no casco urbano e periurbano e a 10 km/h nas rúas peonís. Outro elemento polémico, mais que deu resultados evidentes, é o dos lombos: esas pequenas elevacións nos pasos de peóns que provocan a redución drástica da velocidade. Todo este proceso de transformación tivo un carácter moi inclusivo xa que desapareceron case todas as barreiras físicas para cadeiras de rodas e carros infantís.
Pensemos que antes desta transformación urbana no centro da cidade entraban case 150.000 coches diarios e algo máis dun 30% estaban de paso, non paraban na cidade mais agora ese tráfico descendeu en pleno centro un 97%. Isto viuse complementado con 2000 prazas de aparcamento gratuíto nos arredores da cidade desde os que se chega á praza da Peregrina (pleno centro) en 5-15 minutos.
Todo isto provocou que a maior parte dos cativos vaian a pé aos colexios e os atropelos non mortais descenderan drasticamente de 69 no ano 1998 a 4 no ano 2013.
Despois disto, outros retos hai pendentes por enfrontar como unha ampliación do servizo de aparcamento público (aínda que en Pontevedra non hai zona azul ou zona verde), mellora do transporte público e extensión destes procesos ao rural.
Recoñecemento internacional
Os datos falan por si mesmos mais o recoñecemento galego, estatal e internacional é incuestionábel. No ano 2014 Pontevedra foi galardoada pola ONU Hábitat como unha das cidades de Europa máis cómodas para vivir.
Un dos principais recoñecementos foi o convite a participar no Cumio do Clima de París, sendo a única cidade galega participante, convidada expresamente pola alcaldesa de París e o comisionado especial da ONU para as cidades e o cambio climático.
Ademais, a cidade recibiu outros premios por parte da DXT, ONCE, Intermodes de Bruxelas, Center for Active Design en New York, Mobilidade intelixente en Hong-Kong e Shenzhen, etc.
En canto a cifras de turismo o recoñecemento é obvio, case 43.000 persoas pasaron polo punto de atención turística do Concello e preto de 2000, o 5% do total, manifestaron que o motivo principal da visita era coñecer o modelo de cidade.
Que podemos visitar en Pontevedra?
Se queres visitar Pontevedra o aconsellábel é ficares 2-3 días e aproveitar para visitar outros lugares da contorna como Combarro (Poio), a fervenza do Río Barosa (Barro), Cabo Udra (Bueu), Cabo Home (Cangas) ou lugares como o concello de Cerdedo-Cotobade. Ademais, tes a menos de media hora Sanxenxo, Portonovo, Ogrobe e a fabulosa praia da Lanzada.
Para visitar o Concello de Pontevedra deberías adicarlle dous días, necesarios para coñecer o casco vello, o centro urbano, os museos como o Museo Provincial, o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, as ruínas de Santo Domingo ou a área arqueolóxica da Caeira (localizada no Concello de Poio mais ao carón de Pontevedra).
E que 8 cousas son imprescindíbeis na túa visita a Pontevedra?
- Na túa visita é obrigatorio percorrer a múltitude de prazas da cidade. Así, temos o centro neurálxico que son as prazas da Ferraría e da Peregrina e por outra parte a praza da Leña, a praza da Verdura, a praza do Teucro, a praza de España (tamén coñecida como praza do Concello), a praza de Méndez Núñez, a praza de Alonso de Fonseca, a praza de Curros Enriquez, a praza do Peirao, a praza de Ourense, a praza da Pedreira, a praza da Estrela, a praza das Cinco Rúas e as prazas de San Xosé e da Fonte dos Nenos. Todas estas prazas están localizadas no casco vello agás as dúas últimas, que aínda así están a moi poucos minutos de calquera das outras.
- Perderse polo casco histórico e fixarse nos detalles arquitectónicos que agocha calquera edificio, desde un escudo nobiliario até unha balconada ou unha columna. Parar a tomar unha cervexa nos seus bares e achegarse ao comercio local é obrigatorio.
- Degustar a gastronomía da cidade. En calquera sitio comerás ben aínda que os lugares máis populares para xantar son os bares da rúa Figueroa, a praza da Verdura, a praza da Leña e o mercado municipal, onde tes os postos de venda e enriba unha serie de postos onde probar o peixe fresco da ría.
- Os museos: Visitar o Museo Provincial de Pontevedra, o que posibelmente teña a maior exposición de debuxos, pintura e utensilios de Castelao, mais tamén o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais e as ruínas de Santo Domingo. Estes 3 lugares son fundamentais na visita a museos da cidade.
- Pontevedra, cidade de igrexas. O concello de Pontevedra concentra numerosas igrexas, mais se tiveramos que seleccionar catro fundamentais, estas son a de Santa María, a da Virxe da Peregrina, a de San Bartolomeu e, xa nas aforas, a igrexa de Santo André de Xeve. Outros lugares de culto no casco vello son o santuario das Aparicións e a capela das Ánimas.
- Pasear á beira dos seus ríos, o Lérez e o Gafos. O río Gafos nace en Figueirido (Vilaboa) e desemboca na ría de Pontevedra na zona das Corbaceiras. Durante o proceso de recuperación do espazo público da cidade unha das grandes actuacións foi a da rehabilitación do río Gafos e a habilitación dun sendeiro de 11 km. Na actualidade existen proxectos moi ambiciosos para desenterrar o río ao seu paso polo barrio de Campolongo. Este é un lugar moi agradábel tanto para pasear como para facer deporte e coñecer a súa flora e fauna. En canto ao río Lérez, recomendamos pasear polo río ao paso da cidade mais tamén pola zona da Xunqueira e sobre todo a senda do Lérez que vai até Ponte Bora.
- Coñecer o antigo barrio mariñeiro da Moureira. A Moureira é un antigo barrio mariñeiro que tivo como principais actividades económicas a salga e toda a actividade arredor do peixe. De feito, este foi o porto máis importante de todas as Rías Baixas e un dos principais de todo o territorio galego. Esta actividade quedou ligada á zona a través da súa arquitectura mariñeira e tamén nos nomes dalgunhas rúas como pode ser a rúa da Sardiña, a praza do Gremio de Mareantes, a rúa da Ribeira dos Peiraos, o peirao das Corbaceiras, etc.
- Pontevedra a cidade das pontes: No transcurso do río Lérez ao seu paso pola cidade, poderedes admirar a multitude de pontes que cruzan o río aínda que a vida xira en torno á histórica ponte do Burgo. Tamén están a ponte da Barca, que conecta Pontevedra con Poio, a ponte das Correntes, a ponte de Santiago, a ponte dos Tirantes e a aasarela da Illa do Covo. Ademais, o concello organiza unhas visitas guiadas a estas pontes nas que podes coñecer historias ligadas a elas.
E xa para rematar, se tes algo máis de tempo, recomendamos visitar xa ás aforas da cidade outros lugares que non están no circuíto turístico como poden ser a lagoa de Castiñeiras, o Pazo de Lourizán, o parque etnoarqueolóxico das cabanas prehistóricas do outeiro das Mouras ou a illa do Covo na Xunqueira. Por último, insistimos, pérdete de novo polas rúas do casco vello.