A festividade de San Xoán correspóndese á noite que vai do 23 ao 24 de xuño, coincidindo na tradición relixiosa cristiá co nacemento de Xoán o Bautista. A orixe deste festexo é anterior á chegada do cristianismo, e celebra o solsticio de verán, do cal xa temos constancia desde o principio dos tempos. Esta data ten moitísima tradición no noso país, cun forte arraigo antropolóxico e sendo polo tanto un das máis celebrados polos galegos e galegas.
Como dicimos anteriormente, aínda que conserva moitos elementos pre cristiáns, na actualidade é unha festividade completamente cristianizada, se ben é certo, esta celebración é anterior á presenza de dita relixión, tanto en Galiza como noutros territorios onde celebraban a vitoria da luz sobre a escuridade. A noite de San Xoán coincide co día de maior luz de todo o ano e polo tanto a noite máis curta, comezando a minguar os días a partir desta noite. Ademais, como ten indicado o antropólogo Rafael Quintía, esta é unha noite na que suceden cousas que en datas normais non adoitan acontecer, mais disto falaremos a continuación.
Neste artigo falamos de...
Ritos e tradicións do San Xoán
A noite de San Xoán é unha noite máxica que conta con multitude de ritos asociados ao lume e á auga e na que as ondas do mar, as fontes milagreiras, as cacharelas e as plantas, cobran unhas propiedades curadoras.
Os ritos arredor do lume
A Cacharela
O lume ten un papel moi importante nesta noite tendo as cacharelas un papel predominante. Tal é a súa importancia que ao longo da xeografía galega recibe distintos nomes como poden ser fogueiras, cacharelas, cachelas, lumeiradas, cachadas, laradas, lumeiro, luminarias ou lumaradas.
Nos días previos á noite de San Xoán, a veciñanza vai xuntando a leña nun punto amplo e aberto, principalmente adoitan ser cruces de camiños e prazas aínda que na actualidade é habitual facelas tamén en amplos parques e por suposto nas praias. Na propia noite do 23 para o 24 préndenlle lume mentres se adoita comer sardiñas con pan de millo, beber viño e danzar ao redor dela.
No momento no que a fogueira está case consumida e polo tanto ten moi pouco lume, a tradición di que debes saltala tres veces -aínda que nalgúns lugares saltan 5, 7 ou 9 veces, tendo que ser sempre número impar- co obxectivo de purificarse e afastar o mal de ollo, pois esa é a función principal das chamas, consumir as impurezas e protexerte do meigallo no novo ano solar. Nalgúns sitios incluso saltan espidos por que din que así é moito máis efectivo.
Para este rito de protección, é habitual usar diferentes fórmulas como as que indicamos a continuación:
Salto por riba
do lume de san Xoán,
para que non me trabe
cadela nin can
nin bicho vivinte
que ande polo chan.
Tamén adoitan usarse outras fórmulas semellantes como as seguintes:
Salto por riba do lume de san Xoán para que non me morda cadela nin can.
Sálvote lume de San Xoán para que non me trabe cadela nin can nin cantos males han.
Salto por riba do lume de San Xoán para que non me trabe nin cóbrega nin can.
Nas aldeas tamén era habitual afumar o gando, co obxectivo de telos protexidos e afastados do meigallo. Para acadar isto movíano entre as fogueiras e nalgunhas ocasións afumaban directamente as cortes e os animais con fachóns. Con este mesmo motivo, afumaban árbores e terras como rito de protección mais tamén para acadar boas colleitas.
Algúns ditos arredor desta tradición eran:
Ve-lo lume, ve-lo pan, cada espiga seu toledán.
Ve-lo lume, ve-lo pan, Dios che dea bo gran.
Lume, lume, alumea o pan, Deus che dea moito grao, cada grao coma un bugallo, cada pe coma un carballo.
Os ritos arredor da auga
Na noite de San Xoán, a auga é outra das forzas da natureza que acada propiedades máxicas. Segundo di a tradición, ten un papel fundamental tanto para curar enfermidades como para afastar o mal da persoa.
Así, a auga das fontes, dos ríos, das lagoas ou mesmamente a do mar, concentran propiedades curadoras que non teñen no resto do ano. Por exemplo, din que a auga na que se reflicte o sol ao amencer ten propiedades máxicas e que as mozas fan uso dela para adquirir maior saúde e beleza aínda que tamén serve para afastar o meigallo. Este proceso tamén se da coa auga das fontes, e especialmente fontes que concentran lendas desde tempos antigos.
Hai un dito que di:
Día de san Xoán, alegre
meniña, vaite lavar,
pillarás auga do paxaro
antes de que o sol raiar
Irás arrente do día
a i-auga fresca a catar
da auga do paxariño
que saúde che ha de dar.Corre meniña, vaite lavar
alá na fonte te has de lavar
i a fresca i-auga desta manecida
cor de cereixa che ten que dar.Se arraiar, se arraiará
tódalas meigas levará;
xa arraiou, xa arraiou,
tódalas meigas levou.
Outra das crenzas que hai arredor das augas curadoras é que podes curar o bocio se bebes de sete fontes distintas durante a noite de San Xoán mais tamén podes curalo se tomas as pingas que deixa o orballo. Na Galipedia indican que en Xavestre (Trazo), se bebes a auga que sae de sete ou nove muíños, quedarás libre de feitizos. Tamén explican que en Entrimo, os veciños e veciñas purifícanse salpicándose de auga os uns aos outros. Nas Vendas de Barreira (Riós) din que a moza que recolla a flor da auga casará dese día nun ano.
O orballo da herba tamén contan que ten propiedades máxicas e por exemplo, en Riós, as meigas transfiren os seus poderes á herba ao deitarse sobre ela. Así, para curar a sarna, a persoa enferma ten que durmir espido ou botarse enriba desa herba. En canto ao gando, era habitual levalo sobre esta herba para protexelos de distintas enfermidades e de meigallos que lle puideran botar outras persoas.
Rito das nove ondas
Unha tradición moi popular é a do rito das nove ondas na praia da Lanzada, para o que as mulleres que non teñen fillos e desexan traer vida ao mundo, deben saltar as 9 ondas chegada a media noite. Previamente a isto deben acudir ao chamado berce da Santa, localizado ao carón da Ermida da Lanzada, e deitarse sobre el. Algúns estudosos din que este rito se celebra a finais de agosto e non no San Xoán, aínda que está documentado o uso das ondas do mar para fins de fecundidade e curación.
Ademais de ser favorables para a fecundidade, estas augas tamén conceden boa sorte e curan enfermidades a todo o mundo que fai uso delas na noite de San Xoán. Aínda na actualidade é habitual atopar a persoas nesta noite facendo estes ritos na praia da Lanzada.
Curiosamente, este rito non só podemos atopalo nesta praia se non que está documentado na praia de Louro (Muros), localizada ao carón da mítica lagoa das Xalfas, e pénsase que era algo máis estendido polo país, atopando testemuñas tamén no Val Miñor e no Morrazo.
As herbas de San Xoán
Un dos ritos con máis sona é o que ten ás herbas de San Xoán como protagonistas. Como sucede con outros xa mencionados, nesta noite tanto a auga como estas herbiñas acadan propiedades curadoras
Nos días previos é habitual saír ao monte recoller estas herbas, que varían segundo a zona do país, indo desde o fiúncho ate o fento, espadana, codeso, malva, romeu, herba punteira, herba luisa, xesta, herba de San Xoán, follas de Nogueira ou de carballo, etc. O noso consello é que faledes coa xente maior da vosa zona para saber cales usar, aínda que a cifra adoita ser de 7 herbas distintas.
Para poder acceder ás súas propiedades curadoras, debes deixalas en auga – a poder ser auga de sete fontes distintas- durante toda a noite ao aire libre, á luz da lúa e deixar que se empapen do orballo, logo tes que lavar a cara con elas nas primeiras horas do día seguinte. Feito isto, estarás protexido durante todo o ano e tamén axudará a curar enfermidades da pel e mesmo a rexuvenecela.
Nalgúns lugares do país o que fan con estas herbas secas é colocalas na porta da vivenda mais tamén nas portas das cortes do gando ou mesmo arredor do campo co obxectivo de protexelos das meigas e do meigallo xa que nesta noite din que as meigas andan soltas facendo o mal. Tamén hai quen di que se estas herbas non se manteñen frescas e vivas, significa que veñen tempos de mala sorte e enfermidades.
Outros ritos, lendas e tradicións
Ate tempos recentes era moi habitual realizar ritos adiviñatorios durante esta noite. Así, un dos máis coñecidos entre as mozas era o de botar a clara dun ovo nun vaso, exactamente ás doce da noite e deixalo aquí ate o amencer, co obxectivo de saber cal ía ser a profesión do seu futuro marido . Dependendo da forma que acade podería ser un mariñeiro, un labrego, un carpinteiro, un ferreiro…aínda que tamén pode augurar a morte de alguén da casa.
Unha lenda moi popular na zona de Xinzo de Limia e que está asociada á auga, é a que conta que na cidade asolagada de Antioquía, durante a noite de San Xoán, e concretamente na media noite, podes sentir as campás das torres das igrexas desta mítica cidade e que cos primeiros raios de sol, podes ver os campanarios de ditas igrexas.
E como non podía ser doutro xeito, a personaxe mitolóxica da moura tamén fai aparición na Noite de San Xoán, algunhas veces con forma de fermosa muller que se peitea os seus cabelos longos e negros como é o caso da lenda da Lagoa da Serpe (Pena Trevinca) e da que falamos noutro artigo desta web.
Posiblemente unha das tradicións que máis perdurou no tempo e que nos últimos anos perdeu moita forza, é a de saír polas vilas e aldeas para mover as cancelas, carros, arados ou mesmo o gando, xa que a xuventude ampárase na escuridade da noite para cometer as súas falcatruadas. Na actualidade esta tradición aínda se mantén nalgunhas vilas onde é habitual atopar ao día seguinte colectores, sinais e mesmo animais na outra punta da vila.
Por último falaremos tamén da lenda do Monte Neme (situado entre os concellos de Malpica de Bergantiños e Carballo) e concretamente na chamada Eira das Meigas, que non é máis que un cromlech no que contan os maiores, na noite de San Xoán achegábanse as meigas para facer aquelarres e debater que facer esa noite cos vivos. Unha lenda similar a esta podemos atopala na praia de Areas Gordas (Coiro, Cangas) de onde era María Soliña. A lenda di que as meigas reuníanse neste areal na noite de San Xoán para realizar os seus aquelarres.
En definitiva, son moitas as lendas e ritos asociados a esta noite máxica, e posiblemente cada aldea contaba coa súa propia lenda. Cóntanos todo o que coñezas sobre ritos e tradicións de San Xoán!
1 comentario en “Descubre os ritos, crenzas e tradicións da noite de San Xoán”
En Campobecerros (Castrelo do Val) aprendín da miña avoa os ritos da auga e do ovo que aí arriba describides, coa diferencia de que según a forma da clara do ovo na auga, lese o futuro próximo. Se che parece unha igrexa pode ser casamento ou enterro, se sae un berce un fillo… E tamén artrancaban as rúas e cambiaban os carros de curral, pero esto xa se perdeu.