Desde Orgullo Galego lanzaremos este luns 20 de outubro o proxecto titulado “Martiño de Dumio: A espiritualidade popular no Reino da Galiza”, un proxecto que se desenvolverá até finais deste ano 2025 e no que levamos meses traballando
Ao abeiro do certame “Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia” da Área de Cultura da Deputación da Coruña, desde Orgullo Galego buscamos entender como pensaban e como crían os habitantes do século V tirando para isto do “De Correctione Rusticorum” de Martiño de Dumio.
Martiño de Dumio foi un relixioso cristián do século VI que, aínda sen ter nacido na Gallaecia, converteuse nunha figura fundamental que determinou non só os destinos do Reino naquela altura senón para os séculos posteriores. As decisións e análises de Martiño de Dumio influíron de tal xeito que chegaron até os nosos días.
O bispo chegou ao Reino Suevo da Galiza cara o ano 550 e tivo un papel fundamental na monarquía sueva, tanto a nivel cultural como relixioso e político.
O sermón elaborado polo bispo San Martiño de Dumio no s. VI, coñecido como De Correctione Rusticorum (Da corrección dos rústicos) supón unha fascinante aproximación á mentalidade relixiosa dos habitantes do Reino de Galiza na época.
O bispo deixa constancia do que el considera prácticas idolátricas, sendo estas, para os historiadores das mentalidades e antropólogas, unha fonte única para analizar ritos e crenzas da época alleas ao cristianismo, sobrevivindo moitas delas até os nosos días en forma de seres míticos ou tradicións
Este contido vaille ser coñecido a moita xente, xa sexa porque seguen a realizar estas crenzas e tradicións ou porque chegou até elas pola contorna, é fascinante pensar que tradicións e crenzas do século VI seguen vixentes no ano 2025 e fan parte das nosas vidas.
Así, Martiño de Dumio non só destacou pola conversión do Reino ao cristianismo ou polos fundamentais concilios de Braga, tamén por influír sen querelo na lingua galega, xa que el é responsábel de que chegasen até os nosos días os días da semana na forma das feiras. Tamén documentou cultos que chegaron até tempos recentes coma o culto aos animais, as aves e os agoiros, as crenzas e cultos máxicos ás fontes, cruces de camiños ou ás herbas, o tronco no lume, etc.
Para este proxecto, Orgullo Galego contaremos coa antropóloga Lidia Mariño quen será a condutora dos capítulos. Lidia Mariño naceu en Portosín no ano 1984, é diplomada en Fisioterapia, graduada en Antropoloxía Social e Cultural na UNED e conta coa titulación de varios cursos sobre antropoloxía, mitoloxía e ritualística galega, así como de investigación etnográfica, rituais con máscara e crenzas medievais.
No apartado da gravación e montaxe participará David Miranda, especialista en comunicación audiovisual, marketing dixital e estratexia de marca. David Miranda foi premiado no Youtubeiras polo proxecto Falemos do Reino de Galicia.
O proxecto contará tamén con subtitulado adaptado en lingua galega por parte profesional Jose Rodríguez, graduado en Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo.

Neste artigo falamos de...
Estrutura do programa
1.Apartado audiovisual
En primeiro lugar, o proxecto arrincará o luns 20 de outubro coa publicación dos dous primeiros vídeos de presentación, un formato audiovisual que nos levará até mediados de novembro xa que todos os luns e mércores publicaremos un vídeo, 8 na súa totalidade. Terán unha duración duns 2 minutos e medio e a través das condenas eclesiásticas de Martiño de Dumio, o público poderá mergullarse na forma de entender a espiritualidade do pobo que habitaba o reino de Galiza. Unha forma que batía en moitos puntos coa doutrina católica mais que, como iremos vendo, acabou por crear un sincretismo que chegou até os nosos días.
Nestes vídeos falaremos sobre os agoiros ligados aos animais, os ritos asociados á herba de namorar, o culto ás fontes, tamén da figura mitolóxica da Moura, os Amilladoiros, o tizón de Nadal, as vulcanais, etc
Os temas que tocamos estarán relacionados con lugares moi concretos do noso país, e así neste proxecto visitarán Santo André de Teixido, Noia, Porto do Son, Betanzos, Compostela, Outes, etc.
Conversa online: unha vez publicados os 8 vídeos tocará a quenda da conversa online mantida entre Borxa González Castro (Orgullo Galego) e Lidia Mariño (antropóloga). Unha conversa realizada no Mosteiro de Caaveiro (Fragas do Eume) e na que durante case 60 minutos afondaremos máis sobre os temas tocado nos 8 vídeos
2. Infografías, artigo e charlas
Este proxecto levará tamén a publicación de infografías e un artigo na páxina web de Orgullo Galego. Para rematar nos meses de novembro e decembro visitaremos varios centros de ensino para presentar o proxecto e mostrarlle ao estudantado a importancia do noso patrimonio así como da nosa historia, buscando levar o proxecto a todos os públicos e sensibilizar sobre o Reino de Galiza
Tanto os vídeos como as conversas poderán visualizarse na canle de Youtube de Orgullo Galego deitando as infografías, pequenos vídeos e o artigo nas súas redes sociais de Instagram, Facebook, Tik Tok, X, Telegram, Whatsapp e Bluesky.



