A Santa Compaña, que non é santa pero si acompaña

Lidia Mariño, antropóloga

Que é a Compaña?

As descricións dadas polos informantes sobre a Compaña son moi variables, sendo quizais as que máis se repiten as das luces e as dunha comitiva de almas en pena. Sexa cal sexa o caso, vela supón un agoiro de morte, o aviso de que alguén está próximo a finar. Velaquí uns testemuños dos meus informantes:

“A xente cando vía a Compaña vía luses, así como unha morea de luses. Eu teño visto luses nas Raposeiras, e cando vía luses nas Raposeiras había defunto. E había tamén quen vía xente.”

Luces:

“Daquela cando había alghén que estaba mal, iban os vesiños para estar coa familia da casa que non querían que estuvera sola a xente da casa cando morrera. E meu pais cando viñan de volta de velar un neno de 7 anos que lle mordera unha víbora e tiña o pé inchado, meu pai ó chegar a casa díxolle a miña nai: “E logho ti non vistes a morea de luses, o que viña pola Cortiña Vella?” Aghardou un pouco a que marcharan as luses, volveu á casa e xa acababa de morrer o rapas.” 

As descricións de luces son, ás veces e coma neste caso, referidas polos camiños. O xeito de describilas polos informantes lembra aos vagalumes ou lucecús (tamén vella morta ou vella facendo as papas) que antes eran moito máis abundantes. De feito, está presente en case todas as culturas indíxenas do mundo a asimilación dos vagalumes coas almas dos defuntos.

Outras veces as luces son vistas polo ceo, dúas ringleiras de romeiros ataviados de branco e levando cadanseu cirio, nunha descrición que lembra moito á Vía Láctea. Pois esta, a simple vista desde o noso planeta, amósase como dúas filas brancas cheas de luceciñas. De feito, dise na nosa tradición que a Vía Láctea é o camiño que fan as almas dos defuntos que integran a Compaña cara Santo André de Teixido ou Compostela para entrar no Máis Alá.

Os informantes insisten unha e outra vez, en todos os recunchos de Galicia, en que a Compaña deixou de verse coa luz eléctrica. A iluminación nocturna tamén fixo que se deixara de ver a Vía Láctea no ceo e que estean a desaparecer os vagalumes.

Xente:

“Un home dixo unha ves que viña do mar e dixo que iba a morrer en Mantoño alá dixo non sei quen, e o defunto que o había de levar Xan e Perico e Pelaio que veu el á Compaña e conoseu el á xente que o levaba e foi serto que morreu ese e os que el veu os que levaban a caixa. Mi padre tiña moito poder deso, mi padre vía. Iba unha ves para botala aghua de noite e cheghou alí e viña a Compaña pola aghua e mi padre dou volta xa non foi para Mourelos, veu para a casa. E diante da porta alí estaban unha morea de xente e estaba o cura e estaba un home coa crus arrimado á sepa da viña.”

Tamén é habitual referir á Compaña como a procesión dun enterro ou como almas vestidas con hábitos brancos ou negros, levando cirios, campaíñas, un caldeiro de auga bendita e, a persoa á fronte, unha cruz. Esta moitas veces é un vivo que, se non consegue traspasarlle a cruz a outro vivo que atope polos camiños, acabará morrendo. Isto explícase porque pasa a noite coa Compaña, non dorme e a súa saúde vai minguando. De feito, cando se vía a alguén con cara de non durmir dicíaselle: “Ti andas coa Compaña de noite ou que?”

Graffiti da Compaña en Pontevedra. Fonte.

Que nomes recibe a Compaña?

Santa Compaña, Compaña, Acompañamento, Estadea, Estantiga, etc. Os primeiros nomes fan referencia á crenza de que no camiño ao Máis Alá nunca estamos sós, senón que sempre se vai en compañía. O último é dun grande interese, pois tense suxerido que derive de Hoste Antiga.

Hoste Antiga ou Cacería Salvaxe son os nomes xenéricos para un mito moi estendido por todo o contexto indoeuropeo. Consiste nun exército pantasmal integrado por espíritos de mortos, demos e bruxas. Esta comitiva cruza os ceos nas noites de inverno, especialmente aquelas de treboada, pois a Hoste descríbese como a causante das mesmas co seu terrible estrondo. Segue á tropa unha manda de cans, de feito, en ocasións os propios cazadores son vistos coma lobos ou homes-lobo. Ver esta espectral comitiva considérase un presaxio de morte, e os que a atopan no camiño son arrastrados para formar parta da hoste durante toda a noite. Nalgúns lugares, a estes vivos que van na comitiva entrégaselles unha pata da presa que perseguen, sendo case imposible desfacerse dela.

Autores como Lisón Tolosana vinculan a nosa (Santa) Compaña con este mito: tamén contan as nosas lendas que se aparecen estas almas en pena nas noites de inverno e que velas supón un presaxio de morte, así coma o perigo de ter que acompañala e recibir a cruz para portar (pata animal no mito precristián). Malia os intentos de adaptar a comitiva ao cristianismo como unha silenciosa procesión cristiá, Lisón expón descricións dadas polos informantes nas que se reflicten os ecos da antiga Cacería, pois fálase dos ouveos dos cans que a acompañan, do terrible estrondo que as precede e das fachas coas que a comitiva se alumea.

A Cazaría salvaxe en 1872 debuxado polo pintor noruegués Peter Nicolai Arbo

Cando aparece?

Contan os informantes que Defuntos marca a data en que a Compaña comeza a transitar polos camiños. De feito, nesta data non se deixaba saír aos máis cativos tras o solpor, por medo a atoparse con ela.

Pero existe aínda outro vencello máis entre a Noite de Defuntos e a Compaña. E é que en Galicia tamén nos “disfrazábamos” nestas datas. E póñoo entre aspas porque o xeito correcto de dicilo é “vestirse” de ánimas. Os máis vellos falan de vestirse con sabas brancas e poñer enriba da cabeza unha cabaza tallada en forma de cara e cunha vela dentro. O obxectivo era imitar á Compaña e asustar aos viandantes. Outras veces a cabaza poñíase nunha vara que se levaba en alto, cubertas tamén a vara e a persoa con sabas. Noutras ocasións a cabaza poñíase nos valados ou colgábase dunha árbore para que se movera co vento. En todos os casos dise que o obxectivo era reproducir á Santa Compaña e gastar bromas aos que se atoparan con ela.

Tamén se conta que non só se facía nesta noite, senón que podía facerse en calquera momento da época escura do ano. Xustamente a época na que se refire que a Compaña anda polos camiños:

“En Defuntos non había a salvajada que hai hoxe, e dáme moita pena cando fan esas carnavaladas por Defuntos, o defunto que descase en pas. O de poñer velas dentro dunha calabasa ou dun melón iso fasíancho calquera día, eso de furar unha calabasa e meter unha vela dentro era para asustar a calquera, como había tanto conto que había a Compaña pois poñíancho nunha encrusillada. E había quen se vestía de fantasma así cunha sábana pola cabesa para meter medo (…) A calavera fíxoa Fulano cun melón, fixo a careta esa e meteulle a vela dentro, e fórona levar ó regho. E, ó chegar xente alá e viron a calavera e escaparon caghando ostias disindo que estaba a Compaña alá.” 

Como se protexe dela?

A tradición di que o mellor é botarse a un lado e non obstaculizar o seu paso, se non corremos o risco de ser arrastrados por ela e obrigados a formar parte da espectral comitiva. Algúns informantes din que hai que facer como que non a ves, outros que se non dá tempo a apartarse hai que botarse ao chan e deixar que nos pasen por riba.

Pero a medida de protección que máis se repite é a de debuxar un círculo na terra do chan -preferiblemente cunha poliña de oliveira bendita- cunha estrela de cinco puntas dentro feita dun só trazo, sen levantar o pau do chan. Cómpre meterse dentro e o círculo protexeranos, pois a Compaña non pode entrar nel. De feito, é tan potente, que algúns informantes refiren deixar unha pequena abertura nel, se non tampouco poderemos saír, así mo relatou esta velliña:

Disque había xente que despois de morrer que a vías, e que esa persona pois que vías que andaba penando. E entonses ti queríaslle requerir, queríaslle preghuntar que era o que nesesitaba e tiñas que faser un sírculo, chamábanlle o Sírculo do Salamón -porque eses contos oíanselle disir ós vellos de antes que aghora eso non se oe- fasías un sirco ghrande pero non o podías serrar, fasías un sirco e deixabas o burato aberto e ti metíaste dentro e entonses desíaslle: “De parte de Dios, que é o que nesesitas?” E entonses esa alma desíache: “Pois quero que lle teñas unha misa que tiña ofresida a tal sitio, a tal santo ou o que sea”  Entonses como deixaba o burato aberto salías para fora pero se serras, o burato, despois ten que sacalo o cura. E eso chamábanle o Sírculo de Salamón. Ti fas o sirco e despois méteste dentro e despois falas co defunto.

Como vemos, a medida de protección tamén serve para interactuar coas propias ánimas que van penando na Compaña e preguntarlles que necesitan para poder transcender. 

Cara onde camiña?

É habitual que o destino último da Compaña sexa o mar ou, máis concretamente, unha illa no medio do mar. Vexamos algúns exemplos. Contan as lendas que a Compaña, tras recoller as almas dos defuntos no cemiterio, diríxese o campo da Lanzada a descansar, antes de emprender a viaxe cara as illas Ons, morada das almas dos defuntos. Outras veces o destino é a da Toxa ou a antano do Grove, malia que hoxe península. E aínda hai máis:

Alonso Romero e Fernández de la Cigoña recolleron a crenza entre os poboadores da illa de Sálvora de que cando morría un veciño a súa alma se transformaba nunha ave e emprendía o voo para cruzar dende Sálvora ata o illote de Noro, pois neste lugar moraba a Santa Compaña. Alonso Romero di que na illa de Ons se cre que a alma dos que morren se despraza por mar ata a illa de Onceta ou cara ao Oeste ao lugar das sombras e da morte. Segundo Aparicio Casado, para os mortos dos lugares costeiros as illas representan o final do camiño, así para os veciños de Bueu ese final está na illa de Ons, mentres que os veciños da Escusa (Poio) o sitúan na illa de Tambo[1]. Na Illa de Tambo aínda se dá un fascinante dato máis: é un boi de ouro o que transporta as almas e faino cando a Moura o invoca dende a illa.

Outras lendas falan de que a Compaña camiña pola Vía Láctea cara Santo André de Teixido, levando a aqueles que non fixeron a peregrinación en vida. E non é casualidade que exista en Teixido un farallón de pedra cristianizado como a barca do Santo. E digo cristianizado pois o propio párroco nas súas misas di que se trata do recordo da antiga barca de Caronte que transportaba os mortos Alén. Tampouco é casual que en moitos lugares de Galicia os farallóns sexan vistos como bois, pois Caronte é a deidade grega, na nosa indíxena xa vimos como o transporte era habitual que o fixera un boi. En todo caso, esta crenza ten relación co feito de que na nosa terra o sol se poña no mar, marcando así o comezo do Mundo dos Mortos. E por iso os finisterraes atlánticos como portas de entrada ao Alén

[1] QUINTÍA PEREIRA, R. (2016): “A Nosa Señora da Lanzada. A idea do Máis Alá na xénese dun santuario costeiro” (p.491-512). En Actas do III Congreso Internacional sobre Cultura Celta: “Os Celtas da Europa Atlántica” 2011. Instituto Galego de Estudos Célticos.

Imaxe de portada: Camilo Díaz Valiño.

Publicidade

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Más artículos sobre Cultura, historia, tradicións e mitoloxía

Martiño de Dumio: a espiritualidade popular do Reino da Galiza

Desde Orgullo Galego lanzaremos este luns 20 de outubro o proxecto titulado “Martiño de Dumio: A espiritualidade popular no Reino da Galiza”, un proxecto que se desenvolverá até finais deste ano 2025 e no que levamos meses traballando Ao abeiro do certame “Fondo de proxectos

Día das Letras Galegas: as cantareiras e o cancioneiro popular galego

Nota: os materiais fotográficos e sonoros (referenciados ao pé) incluídos nestes traballos publícanse por cortesía do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego) no que se albergan os fondos Schubarth-Santamarina e da Agrupación Folclórica Aturuxo ao

Por que poñemos xestas nos coches e nas portas?

Cando chega o mes de maio, en moitos lugares de Galiza e o Norte de Portugal é habitual ver xestas e flores nas portas das casas, nos coches, nas fiestras ou nas embarcacións, e antigamente nos carros. Cal é o motivo? Pois ben, temos que

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego