A serra do Larouco, hoxe fronteira física e política entre Galiza e Portugal, constituíu durante moito tempo un lugar de nexo e conexión espiritual entre ambas comunidades. A montaña, como elemento divisorio entre poboados, erguíase como espazo liminal e hierofánico, punto de encontro para comunidades veciñas, pero tamén destas co sagrado.
Alén do interese natural e xeolóxico deste espazo e a súa contorna, o Larouco e os lugares que o circundan son fascinantes no referente á historia, cultura e mitoloxía do noso pobo. A propia toponimia é un indicio do tesouro que alí se agocha.
Explicámosche os por ques.
Neste artigo falamos de...
Quen é o Larouco?
Larouco ou Larauco son epítetos que aparecen ligados aos teónimos Reve, Reue ou Reo nesta contorna. A raíz céltica Laro- (chaira) concorda con exactitude coa xeografía física desta montaña cun cumio chairo e prolongado a máis de mil metros de altitude.
E é que os nomes dos deuses rexistráronse en moitos puntos do territorio galaico, ligados á toponimia de ríos, montes, comunidades…¹ xa que os lugares que se teñen identificado con cultos precristiáns normalmente son puntos de interese natural con características xenuínas.
Isto podería levarnos a pensar que os galaicos profesaban unha relixión animista na que se veneraba a natureza e os espíritos da mesma que conxugaban esa perfección da paisaxe e os cambios meteorolóxicos e estacionais. Pero, canto menos nos últimos tempos previos á romanización, a relixión da que temos constancia é politeísta.
Antes de continuar, é preciso facer uns breves apuntamentos sobre a relixión dos galaicos en base á información que dela dispoñemos. Ao seren os pobos castrexos ágrafos, non deixaron rexistros escritos propios que nos relaten que, a quen, como e por que se veneraba na época; para responder a estas preguntas só podemos unir as pezas que chegaron até os nosos días en forma de rexistros escritos da época romana e de restos arqueolóxicos, utilizar o método comparativo fronte ao pouco que sabemos de contextos similares, e analizar certas supervivencias mitolóxicas que chegaron até os nosos días e que manteñen coherencia con todo o anterior.
Os achádegos de restos materiais de época romana que rexistran nomes de deidades autóctonas son abondo para pensar nun panteón propio galaico rico e diverso. Estes deuses, cos seus atributos e características, non serían tan diferentes dos que podemos atopar noutras relixións antigas en distintas partes do mundo.
A fin de contas, as preocupacións para unha persoa da Idade do Ferro que vive nun clima temperado serían moi semellantes entre diferentes culturas, e todos eles precisarían uns deuses que axudasen a interpretar o mundo no que vivían e que favorecesen as condicións de vida cun clima amable, que xerase boas colleitas, caza abondosa, fertilidade, éxitos nas batallas ou unha xustiza superior á dos homes.
Sabemos da querencia que teñen de antigo os conquistadores por rexistrar vitorias sobre outros pobos e por xustificar a imposición cultural sobre bárbaros incivilizados. Que os romanos exerceran esta práctica deixounos, a día de hoxe, pequenos esbozos dos cronistas da época que explican como exercían a súa fe os galaicos. Sabemos así de altares, ofrendas e sacrificios que nos axudan a interpretar os restos arqueolóxicos.
Cabe imaxinar un panteón estruturado e organizado, cunha xerarquía de deuses con distintos atributos e posicións xerárquicas. Neste olimpo hai cinco nomes que se repiten constantemente en rexistros epigráficosde todo o territorio da Gallaecia:Lug, Navia, Reve, Bandua e Coso. Grazas ás aras votivas atopadas podemos saber da súa importancia e interpretar cales podían ser os seus atributos.
¹ Así temos Reo Bormanico, Reo Parameco, Reve Anabareco, Reve Veisuto, Reve Marandicui, Reve Langanidaeco, Reve Vadumico…
E é que coa romanización a cultura dos castros non desapareceu dun día para o seguinte; deuse un contexto de superposición no que a relixión galaica seguiu viva en convivencia coa relixión que o Imperio romano trouxo consigo. Nesta circunstancia, cando os atributos dos deuses eran similares, a fronteira entre o culto ao deus galaico e ao deus romano diluíase. Grazas a que o Imperio trouxo tamén consigo a lingua escrita, o culto transformouse e as ofrendas tornáronse en aras que fan referencia aos nomes dos deuses homenaxeados, moitas veces coa dobre teonimia galaica e romana presente.
Así, interpretamos que Coso cumpría a función de protector do poboado e favorecía os pactos e os intercambios comerciais. Bandúa, pola súa banda, aínda que tería certa función psicopompa, sería un deus guerreiro relacionado con Marte, quen de favorecer a cohesión social e a formación de vínculos. Navia, posiblemente adorada como a gran deusa, estaba asociada ás augas, á fecundidade, á vida, pero tamén á morte. Lug aparece asociado a Mercurio, inventor das artes, protector dos camiños e guía das ánimas cara ao alén. A presenza pancéltica de Lug amplía a cantidade de rexistros de que se dispón e podemos saber tamén del que era un deus trifuncional, representado ás veces con tres cabezas. Por último, Reve aparece en aras mencionado xunto co Xúpiter romano: un deus supremo, celeste, con poder sobre a meteoroloxía, pero cun aspecto escuro e punitivo similar ao do Dagda irlandés. Todo semella indicar que o panteón se completaría cun nutrido grupo de deuses menores que a romanización asimilou como ninfas, lares e outras deidades das que non se rexistraron tantas evidencias nos restos atopados.
Pensamos entón en Reve-Larouco como un deus de deuses: o noso Xúpiter, Zeus, Dagda. O seu nome aparece en múltiples aras votivas nas que se lle outorgaba o título de deus Máximo, o que levou a identificalo cunha deidade poderosa. Ao dominar os ceos, determinaría o destino do ano e das colleitas e, polo tanto, tamén a riqueza e o alimento, algo esencial para os galaicos que, aínda que non tiñan xeito ningún de intervir na meteoroloxía, dependían por completo dela. Pensábase que, por facer referencia o seu nome á chaira, podía tamén estar vinculado a ese espazo chan e difuso do Alén e mesmo ao tránsito entre ambos os mundos. Esta era a información da que se dispoñía até principios do século XXI.
O congreso que o mudou todo
En outubro de 2008, en Montalegre, centro administrativo do planalto barrosão, celebrouse o I Congreso Transfronteirizo de Arqueoloxía de Montalegre: un evento de encontro e divulgación para especialistas de ambos os lados da raia.
Na presentación de benvida ao evento, o padre Fontes —sacerdote que dedicou boa parte da súa vida a investigar, difundir e preservar as tradicións dese espazo poroso que supón a raia seca— falou dunha peza conservada na igrexa de San Miguel Arcanxo, en Vilar de Perdizes. Trátase dun baixorrelevo granítico que podería ser unha representación icónica do deus Larouco. De ser así, a importancia da peza é incalculable.
Baixo unha trapa no chan do coro da igrexa, vese integrada como parte do muro unha pedra duns 50 cm de longo cunha talla en baixorrelevo que representa unha figura antropomorfa de trazos moi simples, pero cunhas características distintivas máis que importantes: uns brazos longos e fortes, un gran martelo na man dereita e un falo de dimensións esaxeradas. Na man esquerda non chega a percibirse que obxecto porta, aínda que algunhas teorías falan de que quizais un lóstrego ou unha serpe enroscada complete a figura. A imaxe utilizouse na construción do muro da igrexa tombada e sitúase nun lugar no que está premeditada e discretamente agochada, o que revela que quen ocultou a peza coñecía o valor simbólico que esta tiña.
A contorna
O contexto da contorna reforzaría a hipótese de que se trate dunha representación desta deidade. O cumio do monte Larouco atópase a só 5km de distancia, e a presenza de numerosos núcleos poboacionais nesa área na Idade do Ferro reforza a idea deste culto compartido.
| Poboado | Comarca | Distancia á Igrexa |
| Castro de Vilar de Perdizes | Barroso (Montalegre) | 1km |
| Castro de Solveira | Barroso (Montalegre) | 3,5km |
| Castro de Meixide | Barroso (Montalegre) | 5km |
| Castro de Padornelos | Alta Limia (Montalegre) | 7km |
| Castro de a Cela-Santo André | Barroso (Montalegre) | 6km |
| Castro de Tourém | Alta Limia (Zona raiana) | 8km |
| Castro de Cambeses do Río | Barroso (Montalegre) | 10km |
| Castro de Morgade | Barroso (Montalegre) | 12km |
| Castro de Donões | Barroso (Montalegre) | 14km |
| Castro de Montalegre (Castelo Velho) | Barroso (Montalegre) | 12km |
| Castro da Saceda | Alta Limia (Cualedro) | 9km |
| Castro de San Millán | Alta Limia (Cualedro) | 11km |
| Castro da Madanela | Baixa Limia | 13km |
| Castro de Puxedo | Baixa Limia (Lobios) | 14km |
| Castro da Cela | Baixa Limia (Lobios) | 15km |
De ampliarmos o radio, o número de poboados sería aínda maior.
Ademais, nestes poboados próximos, foran atopadas múltiples referencias epigráficas:
| Divindade | Lugar de achado | Distancia a Vilar de Perdizes |
| Reve Larauco | Vilar de Perdizes (Montalegre) | 0,5 km |
| Reve Larauco | Solveira (Montalegre) | 3 km |
| Reve Larauco | Padornelos (A Mezquita, Ourense) | 7 km |
| Reve Larauco | Chaves / A Veiga do Tâmega | 18–20 km |
| Reve Larauco | Montalegre (zona urbana) | 10 km |
| Deo Larauco | Área limiá–tamegana | 15–20 km |
| Laravco (variante latina) | Chaves | 20 km |
| IOM Laravco | Chaves | 20 km |
É importante tamén considerar que na localidade de Vilar de Perdizes, saíndo xa da vila, atopáronse dúas aras votivas romanas que mencionan a Larouco e a Xúpiter. A visibilidade que se ten do monte neste punto, a aparición das dúas aras xuntas e o feito de que a tradición oral fale dun antigo altar na zona indican que esta localización puido ser un importante lugar de culto ao deus, o chamado Altar de Pena Escrita. Hoxe queda tan só unha rocha granítica con gravados de coviñas e unha cubeta, mais na vila de Montalegre pódense visitar as aras.
Por último, o perfil deste monte é especial. Máis que unha montaña que separa, foi un punto de encontro, un axis mundi para todos os poboados da contorna, sempre visible, sempre presente. Impoñente, aínda que de perfil redondo. Pola súa forma e altitude, é unha montaña que favorece a formación de treboadas, fenómeno que, no tempo, precisaría dunha explicación para quen as presenciaba, e que quizais os mitos relacionados co propio Reve-Larouco podían dar.
Que nos di a iconografía?
O feito é que, pese a ser unha figura tosca, achega moita información. Estamos ante unha representación que nos aproximaría á cosmovisión galaica da Idade do Ferro, e este feito por si mesmo xa é de gran valor pola rareza que supón.
A imaxe representa un home de pé, espido, cun gran falo, tórax e brazos. Esta representación desproporcionada pode facernos pensar en que quen tallou esta imaxe quería plasmar a forza, a virilidade, quizais un Deus Pai da comunidade, con poder sobre a fertilidade dos homes e das terras.
Na súa man dereita porta unha ferramenta que podería ser un martelo, un mazo ou un machado, que, máis aló dunha simple ferramenta de traballo, podería representar un instrumento de poder, equiparable ao raio de Xúpiter, ao martelo de Thor ou ao mazo de Dagda; un martelo para desencadear treboadas, para castigar desde os ceos: o poder para exercer a súa xustiza. Por outro lado, na man esquerda, a talla está danada e só podemos especular; algúns estudosos falan tamén dunha serpe. O simbolismo dos ofidios vén de moi antigo, como amosan as representacións de serpes en petróglifos ao longo e ancho do noso país. Mentres o martelo daba a Larouco o poder sobre os ceos, a suposta serpe conectaría o deus co profundo da terra, co inframundo, tendo así o poder absoluto sobre os humanos.
Hai outros deuses como Larouco noutros pobos?
Hai moreas de deuses en mitoloxías de todo o mundo que teñen semellanzas con Larouco. O deus Dagda da mitoloxía irlandesa, que tamén era representado cun gran falo e portando un gran mazo, asociábase coa fertilidade, a agricultura, a virilidade, a forza, o coñecemento, a maxia, e tiña o poder sobre a vida e a morte, a meteoroloxía e o paso do tempo.
Pero non é o único deus doutra mitoloxía que ten paralelismos con Larouco: o Taranis dos celtas, o Thor dos xermanos, o Sucellus galo… Mais a comparación máis certeira será a que os mesmos romanos asumiron ao asentarse nesta comarca: o culto a Xúpiter e a Larouco superpuxéronse, e testemuño deste feito son as aras atopadas que recollen ambos os teónimos xuntos. A presenza de inscricións como «I(ovi) O(ptimo) M(aximo) Larauco» amósanos como os mesmos romanos identificaron coa súa máxima deidade o deus local do monte Larouco. Xúpiter, deus das alturas, dos montes e lugares elevados, tamén das treboadas, do raio, e soberano sobre todo e todos. O mesmo paralelismo que os romanos aplicaron á semellanza entre Xúpiter e Zeus aplicárono aquí entre Xúpiter e Larouco.


A evolución da crenza. Deixaron os galaicos de crer no Larouco?
A cosmovisión dun pobo, o seu xeito de entender e explicar o mundo, non é algo que mude ou deixe de existir da noite para a mañá. Durante os preto de 500 anos de romanización, os galaicos recibiron influencia da relixión, crenzas e costumes latinos, que acompañaron a evolución do seu culto. As aras que vimos de mencionar son un exemplo de superposición na que a crenza traída polo Imperio perméa na crenza orixinaria, manténdoa dalgún xeito viva.
Despois, a cristianización supuxo un proceso lento pero férreo de resignificación de crenzas, ritos e lugares de culto. Deste esforzo da Igrexa cristiá por exercer o dominio relixioso no territorio deixa boa mostra Martiño de Dumio no De correctione rusticorum. O pobo rendía culto a diferentes deuses do seu panteón segundo o obxectivo que quixese acadar; cada deidade tiña a súa especialidade. A Igrexa católica vehiculizou eses cultos específicos a través da devoción aos santos, avogados de cuestións particulares mais sempre subordinados ao Deus único e todopoderoso.
En Vilar de Perdizes, a talla deste suposto Larouco agóchase nunha igrexa dedicada a San Miguel Arcanxo. San Miguel é un guerreiro celestial, que coa súa espada de luz impón a xustiza de Deus, combatendo ao diaño mesmo, ao mal. Ocupa un lugar importante no organigrama celestial, sendo o líder das milicias anxelicais. Ten un perfil de guerreiro protector, unha importancia central dentro da Igrexa católica, e un culto que se localiza moitas veces en montañas ligadas a cultos precristiáns. Non será acaso a devoción a San Miguel herdeira do culto ao Larouco?
Por outro lado, alén do terreo relixioso, no ámbito da mitoloxía chegou até os nosos días o que parece unha clara supervivencia da figura do Larouco: o Tronante ou Nubeiro. Un ser que habita por riba das nubes e, ao pisalas ou golpealas cun martelo, produce treboadas. Pese á evolución do culto, o mito mantívose como explicación dos fenómenos atmosféricos até hai ben pouco. Mais non é a única lenda que perdurou e que pode estar relacionada co Larouco: no Pico Sacro tense recollido a lenda de dous xigantes que portaban martelos e gardaban as portas do Alén; esta lenda concordaría tanto coa descrición física como coa función psicopompa.
Como non podía ser menos, unha deidade que sobreviviría (dun xeito ou outro) a todas estas inclemencias da historia ben merece unha romaría. E foi así que, hai algo máis dunha década, tras os fortes lumes sufridos na comarca de Cualedro en 2015, un grupo veciñal da raia tentou recuperar unha festa na honra do deus Larouco como xeito de convivio e irmandade. Esta celebración, que xa existira e se deixara de celebrar ben entrada a década dos 80, reunía veciños de ambos os lados da raia aos pés da Pena Muller, e tiña o seu punto álxido na ofrenda á deidade.
O certo é que, con romaría ou sen ela, estas comarcas ben merecen unha visita. Percorrer as aldeas dun e doutro lado da raia e os seus castros veciños, facer un roteiro pola serra, visitar o Museo Etnográfico do Padre Fontes en Montalegre, onde se custodian as aras votivas a Larouco, e, a poucos quilómetros, os restos do que se pensa que foi o altar de Pena Escrita. A contorna convida a descubrir e a deixar voar a imaxinación, a perderse e reencontrarse cun anaco da nosa historia.
Se queres saber mais:
- Vento e chuvia – Manuel Gago
- Santuarios de la Galicia céltica – Marco García Quintela, Manuel Santos Estévez, Rosa Brañas
- Un novo deus para os Galaicos, A cristianización de Gallaecia – Óscar Núñez García
- Dicionario dos seres míticos galegos – Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda





