13 praias que deberías coñecer antes de morrer. Curiosidades e lendas

Publicidade

Dicíamos noutro artigo que Galiza é o país dos ríos e das fervenzas, mais isto debería ser tamén extensíbel ás praias, xa que en case 1.700 km de litoral concentramos unhas 1000 praias. Con todo, esta cifra podería aumentar xa que algúns estudosos do tema indican que non se teñen en conta as abundantes calas que hai por toda a xeografía.

A provincia da Coruña é a que concentra máis areais de todo o Estado español cunhas 411, seguida pola provincia de Pontevedra con 374 e Baleares con 348. A nivel galego, o concello con máis praias por metro cadrado é a Illa de Arousa con 64 areais.

Achegados estes datos, imos comezar cunha listaxe de 13 praias que recomendamos visitar en calquera época do ano, tanto no verán coma no inverno, xa que aquí temos o privilexio de poder gozar delas con calor e bo tempo mais tamén con mar de fondo e temporais. Ademais, neste artigo queremos achegarvos curiosidades destas praias, datos que para a maioría de revistas e artigos turísticos pasan desapercibidos.

Por último, e aínda tendo en conta que a nosa capacidade de difusión é humilde, queremos sensibilizar sobre a necesidade de coidar os nosos espazos naturais: non emporcalos e respectar a súa flora e fauna.

Agora que sabedes estes datos, entenderedes por que non podemos elaborar un artigo con todas as praias, por que de seguro hai moitas que merecerían estar nesta lista e non o están. Sexa como for, comprometémonos a ir ampliándoa pouco a pouco, de feito animámosvos a deixar as vosas propostas nos comentarios.

Acompáñasnos nesta viaxe? Comezamos!

Praia das Rodas nas Illas Cíes. Fonte: Wikipedia.

Praia de Melide (Cangas do Morrazo)

A praia de Melide é un impresionante areal localizado na península do Morrazo, concretamente nun dos seus extremos, na zona do Cabo Home e entre os faros da Punta Robaleira e da Punta Subrido. Atópase dentro do Espazo Natural e Protexido das Dunas de Barra e costa da Soavela pertencente á Rede Natura 2000. Esta é unha praia de area moi finiña e moi branca na que bate o mar aberto e desde a cque podes desfrutar das vistas ás Illas Cíes e de todo o que ofrece a Costa da Vela. O marabilloso deste lugar é que non é unha praia só para o verán xa que no inverno a forza do mar é impresionante e son moitas as persoas que acoden desfrutar dun dos mellores solpores de toda Galiza.

O Morrazo é terra de lendas e personaxes mitolóxicas mais a páxina Galicia Encantada recolle unha lenda contada por algunhas das persoas maiores da zona que conta que un home orixinario de Cangas do Morrazo achegouse un día até esta praia para desfrutar das súas paisaxes e quedou marabillado mirando ao mar. Estivo tan ben e tan a gusto que cando decidiu volver a Cangas pasaran corenta e cinco anos e polo tanto xa non atopaba a súa familia nin veciños e amigos.

Solpor na Praia de Melide. Fonte: Orgullo Galego.

Praia de Rodas (Illas Cíes)

A praia de Rodas é a de maior extensión das Illas Cíes e posibelmente a máis popular entre os visitantes. Esta praia está situada na Illa de Monteagudo e está rodeada de augas frías e transparentes e dunha area branca que che fará lembrar ás imaxes populares de praias do Caribe.

A praia está pechada pola lagoa dos Nenos, un zona húmida mariña chea de peixes e crustáceos. Ademais, estas illas foron poboadas desde moi antigo, de feito puideron atopar restos de presenza humana do 3.500 Ac mais tamén un castro da idade de Bronce.

Existe unha lenda que conta que o mesmo Julio César estivo de corpo presenta nas Cíes durante a súa persecución dos pobos Herminios, de Portugal, quen fuxían das tropas romanas e se atrincheiraron nas illas

Por último, destacar que no ano 2007 o xornal británico The Guardian escolleu a praia de Rodas como a praia máis fermosa do mundo, o que lle deu sona a nivel internacional mais por desgraza contribuíu a súa masificación xa que as autoridades seguen sen reducir o número de visitantes na illa.

Panóramica da Praia de Rodas nas Cíes. Fonte: Wikipedia.

Praia da Lanzada (San Vicente do Grove)

A praia da Lanzada é un dos areais máis grandes e populares das Rías Baixas. Atópase na parroquia de San Vicente de Ogrobe, entre os concellos de Sanxenxo e Ogrobe. As súas praias son coñecidas polo uso para o surf mais tamén polos monumentos localizados na contorna como poden ser o Castro da Lanzada, a Torre da Lanzada, restos dun Castelo medieval ou a Ermida da Nosa Señora da Lanzada.

Destacar que esta zona está asociada a numerosas lendas, de feito A Lanzada foi un dos núcleos máis importantes dos curadores onde a xente acudía a curar a sarna, a lepra ou a quitar o meigallo. Quizais o rito máis coñecido e o do baño das 9 ondas que ten fins de fertilidade mais non o é menos o da Santa Compaña xa que os maiores din que nesta praia a Compaña collía as embarcacións para ir até a Illa de Ons.

Praia de Augas Santas ou das Catedrais (Ribadeo)

A praia das Catedrais é unha das máis populares do país e que por desgraza sufriu as consecuencias do turismo salvaxe. Algo que non sabe moita xente é que o nome da praia das Catedrais é relativamente moderno e está asociado ás formacións rochosas, xa que a xente da zona coñeceuna toda a vida como a praia de Augas Santas, nome que reivindicamos desde Orgullo Galego.

A base rochosa da praia ten uns 500 millóns de anos e os arcos rochosos son o proceso de erosión ao longo de tanto tempo. Na zona é habitual atopar numerosa fauna, no caso dos cantís a herba de namorar, perexil de mar ou o breixo e na propia praia as algas vermellas e as coralinaceas.

Como non podía ser doutro xeito, este lugar ten asociadas numerosas lendas. Unha delas conta que se quedas moito tempo cos pes na area da praia poderás ver como se abren e pechan os pasadizos segredos onde, segundo os maiores da zona, dormen os homes que o mar retivo enfeitizados. Outra das lendas di que no arco principal das Catedrais cada noite podes ver como se ilumina pola lúa e que nese momento é cando poderías predicir o futuro ou volver ao pasado. Ademais os mariñeiros do lugar contan que nalgunhas noites nas que a lúa apenas ilumina, podes ver como brillan os ollos verdes das sereas que marcan a chegada a casa.

Praia de Area Maior (Louro, Muros)

A praia de Area Maior é posibelmente unha das máis fermosas do noso país e cun entorno impresionante, rodeado polo monte Louro, un xigante de 241 metros, o faro de Louro a lagoa das Xarfas. O seu estado salvaxe e a forza do mar dálle un ambiente impresionante para desfrutar tanto no verán coma no inverno.

Ademais esta zona ten asociada diversas lendas, unha delas a que conta que na lagoa das Xarfas hai unha cidade asolagada na que é posíbel escoitar as campás da igrexa e as voces dos seus habitantes, principalmente na noite de san Xoán, algo que tamén sucede coa cidade asolagada de Antioquía en Xinzo de Limia. Os maiores do lugar contan que no monte Louro hai un pozo sen fin coñecido como Profundo, o que agocha un tesouro custodiado por un boi que podes escoitar bruar principalmente nas noites de forte temporal.

Praia de Area Maior. Fonte: Orgullo Galego

Publicidade

Publicidade

Praia de Teixidelo (Cedeira)

A praia de Teixidelo está localizada nos cantís da serra da Capelada e ten a característica de ser a única praia de area negra non volcánica de todo o mundo. Neste lugar podes atopar restos da ferralla do buque Bonnie Carrier que bateu na zona no ano 1986 mais tamén unha enorme fervenza que cae ao pe da praia xusto onde se unen dous regatos.

Para visitar esta praia facemos dúas recomendacións:

A primeira é facer a visita cunha guía xa que a zona é perigosa e existen uns criterios de conservación deste espazo tan singular. Podedes contactar previamente co Concello de Cedeira.

O segundo é que vos documentedes para ter un bo coñecemento do lugar polo que recomendamos este artigo de GCiencia.

Praia Negra de Teixidelo. Fonte: GCiencia.

Praia de Razo (Carballo)

A praia de Razo é unha das praias máis grandes de Galiza con 6km de lonxitude e na que bate o mar aberto, non por casualidade é unha das praias preferidas para facer surf. Este areal xa existía hai milleiros de anos mais estaba moito máis elevado, algo que podedes ver nalgunhas zonas praia. Segundo indican na web do Concello de Carballo, a praia é unha xoia xeolóxica xa que nesta zona do litoral bergantiñán nace a Depresión Meridiana, un dos fenómenos xeolóxicos máis importantes de Galiza.

Queremos destacar tamén que é un espazo dun alto valor ecolóxico tanto polas dunas como pola presenza de numerosas aves, de feito está declarada Zona de Especial Protección para as Aves.

Praia de Razo. Fonte: turismo.gal

Praia de Carnota

A praia de Carnota é o areal máis grande de Galiza con 7 km. A zona está arrodeada dunhas espectaculares dunas que ocupan 626.000 m² e marismas que son lugar de invernada de moitísimas aves. De feito este lugar está altamente protexido, declarado LIC Carnota-Montes do Pido e Zona de Especial Protección para as Aves. Segundo a revista alemá “Traum Strände”, esta praia é unha das 100 mellores do mundo, conclusión que tiraron despois de visitar 21 países e centos de praias.

Outro dos principais atractivos é que está rodeada polo mítico Monte Pindo, o chamado Olimpo Celta hoxe tan agredido por lumes e empresas multinacionais. Este lugar acolle numerosísimas lendas e personaxes mitolóxicas. A formación granítica do monte configurou pedras con formas ben curiosas mais as lendas da zona contan que realmente son os espíritos dos druídas e dos heroes celtas que permanecen para sempre neste monte.

Na zona tamén podemos atopar unha cova chamada a Cova da Casa da Xoana ou a Cova reverte demos, a presenza da Raíña Lupa, da mítica Moura ou de tesouros agochados na fervenza do Ézaro.

Praia de Doniños (Ferrol)

A praia de Doniños é un areal situado no Concello de Ferrol. Conxuntamente coa súa lagoa, Doniños constitúe un espazo case virxe de alta riqueza medio ambiental e protexido como LIC e ZEPA. Queremos destacar que as súas dimensión superan o quilómetro e medio e é unha zona de fortes correntes. Preto da praia podemos atopar o castro de Lobadiz, mais polo que este lugar é coñecido é  por que nos días 25 e 26 de agosto do ano 1800 as tropas británicas desembarcaron para atacar a cidade de Ferrol.

Doniños foi documentado ao longo da historia por persoas coma o padre Martín Sarmiento ou historiadores como Montero Aróstegui ou Manuel Murguía. Coma todas as praias con lagoa, ten asociadas numerosas lendas relacionadas con vilas asolagadas.

As lendas da zona falan dunha cidade chamada Valverde que, por estar chea de xente desagradecida, rematou por ser asolagada tras darlle as costas á Virxe. Tamén hai outra lenda que conta que a orixe do nome ten que ver con dous rapaces que se salvaron de morrer afogados grazas a que a súa nai os meteu nun cesto. Outra di que deriva dun antigo abade do Mosteiro de Xuvia que recibía o nome de Donnino, aínda que o máis probábel é que teña relación co antigo pobo dos Dumnios.

Praia de Doniños. Fonte: Gikipedia.

Praia do Rostro (Fisterra)

A Praia do Rostro é unha desas marabillas naturais que podes atopar na Costa da Morte. Esta é unha praia salvaxe, con forte ondada e ventos que crearon un enorme sistema de dunas. O seu nome vén dunha punta da zona chamada punta do Rostro e segundo conta Fernando Cabeza Quiles en Quepasanacosta.gal, “este topónimo, aplicado tamén a un pequeno cabo das Sisargas, procede do substantivo latino rostrum -i, que nomeaba o peteiro das aves ou, máis en xeral, un obxecto con forma saínte”.

Esta praia ten numerosas lendas asociadas, unha delas é a da presenza na zona dun pobo prerromano chamado “o pobo dos nerios”. De feito a lenda di que a súa cidade está debaixo das áreas da Praia do Rostro. Mais un lugar tan mítico é obvio que ten moitas máis lendas, algunhas asociadas á Raíña Lupa, ou ao Apóstolo Santiago.

Praia Punta Carreirón (Illa de Arousa)

A praia de Punta Carreirón está localizada na paradisíaca Illa de Arousa, lugar con praias e calas fermosas para gozar tanto no verán como no inverno. Esta praia atópase dentro do Complexo Ons – O Grove, declarada ZEC mais tamén Zona de Especial Protección para as Aves.

Os ventos da zona esculpiron fermosas pedras que reciben os nomes de Con do Crocodilo, Con de Escorregadoira ou Con do Fuciño do Porco entre outros. Este lugar é rico en lendas e mitoloxía e ten personaxes asociados como o dos mouros, o da espada do rei Excalibur ou das sereas.

Praia Punta Carreirón. Fonte: Galicia Única

Praia das Furnas (Porto do Son)

A praia das Furnas atópase na península do Barbanza, concretamente na parroquia de Xuño, concello de Porto do Son e destaca por ser unha praia case salvaxe, con zonas perigosas para o baño froito das correntes e a ondada, e polas formas das súas rochas que forman pequenas covas e piscinas de auga salgada, de aí que recibe o nome de Furnas.

Ademais nesta praia poderás atopar diversas homenaxes a Ramón Sampedro xa que este foi o lugar do fatal suceso que o deixou tetrapléxico.

Praia das Furnas. Fonte: Wikipedia.

Praia de Lagoelas (Aldán, Cangas)

A península do Morrazo é un dos lugares de Galiza con máis praias, a maioría delas fermosas praias de area moi branca e augas cristalinas. Aldán é un deses recunchos paradisíacos das Rías Baixas no que pararemos hoxe para falar dunha pequena cala chamada Lagoelas.

A curiosidade desta praia é que para chegar a ela tes que camiñar máis de 2 km, o que disuade a moitas persoas de achegarse a ela. Ademais, non ten servizos de baño, bar ou socorrismo.

Atópase moi preto de Cabo Udra polo que é un lugar fantástico para pegarse un baño ou desfrutar do solpor e dun ceo estrelado.

Praia de Lagoelas. Fonte: turismo.gal

Pode que che interese:

16 lugares imprescindibles para visitar no Courel

A Serra do Courel é un dos lugares máis importantes do noso país xa non só a nivel ambiental senón tamén etnográfico, lingüístico e patrimonial. Nesta zona comezaron os traballos de recuperación dunha das figuras mitolóxicas do nadal galego, o Apalpador, mais tamén destaca pola súa arquitectura e a preservación de ritos, lendas, gastronomía e tradicións.

10 fervenzas para visitar polo menos unha vez na vida (parte 2)

Realizar unha lista de fervenzas para visitar require moitísimo tempo xa que en Galiza é raro o lugar que non teña unha ou varias fervenzas ou pozas. Por iso, despois do éxito da primeira parte na que tocamos algunhas das fervenzas máis populares, nesta segunda parte imos tocar outras 10 que puidemos visitar e que recomendamos coñecer, especialmente na época de choivas que é cando baixan no seu pleno esplendor.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!