Os montes de Pena Trevinca están situados ao leste da provincia de Ourense. Aquí podemos atopar o punto máis alto de Galiza con algo máis de 2100 metros de altitude. Este é un espazo protexido declarado zona especial de conservación (ZEC) e zona de especial protección para as aves (ZEPA). Atravesa parte dos concellos da Veiga, Viana do Bolo, Carballeda de Valdeorras e O Bolo e aínda con todas as proteccións legais e contando cunha riqueza enorme a nivel patrimonial e paisaxístico, por desgraza, non está libre de ameazas como pode ser a industria eólica.
Neste artigo falaremos sobre un roteiro que parte desde a aldea da Ponte, situada no Concello da Veiga e que é un auténtico museo ao aire libre en canto a arquitectura popular e simboloxía de protección nas vivendas. Por desgraza, non é allea ao proceso de despoboamento polo que poderás atopar moitas vivendas en estado ruinoso. Ademais, pola aldea cruza o río Xares coas súas augas transparentes e moi frías.
Neste artigo falamos de...
Inicio do Roteiro
Esta ruta circular parte desde a aldea da Ponte situada no Concello da Veiga, a uns 1100 metros de altitude e ten de aproximadamente 17 quilómetros. Boa parte do roteiro ten unha pendente bastante importante que se agudiza unha vez se chega ao refuxio dos cazadores, lugar no que se pode gozar dunhas vistas impresionantes das montañas nevadas de Trevinca e das minas de volframio. O punto máis alto do traxecto acádase no alto do Fial, a case 1850 metros de altitude, cunha panorámica inmellorábel de todas as montañas e da Lagoa da Serpe, o noso primeiro obxectivo.
Unha vez chegas ao alto do Fial é preciso descender nun camiño moi pequeno, cheo de pedras e cunha forte pendente que leva á mítica Lagoa da Serpe, situada a 1700 metros de altitude.
A lenda da Lagoa da Serpe
A lagoa da Serpe é un espazo de orixe glaciar, formado no período cuaternario, único en toda a Península Ibérica. Este lugar tan fantástico acolle unha lenda que conta que nesta lagoa vive unha enorme serpe e que nas noites de lúa chea convértese nunha moza moi fermosa que ten como obxectivo pedirlle a calquera mozo que pase por alí que a axude a desencantarse.
Esta moza tan fermosa e de cabelos longos e negros adoita estar nas rochas da lagoa penteándose, especialmente triste, agardando que algún rapaz vaia desencantala. Ademais, isto só sucede na noite de San Xoán.
Din na zona que un rapaz da aldea de Xares tentouno unha vez, sen éxito. A fermosa moza explicoulle que tiña que ir ao día seguinte, moi cedo, e que non se preocupara por vela en forma de serpe. Ela cruzaría a lagoa ate chegar onda o rapaz, momento no que este tería que lle cuspir dentro da boca.
A rapaza explicoulle que se facía exactamente o que lle pedía, casarían. Finalmente todo sucedeu tal e como explicara a moza mais o rapaz ao ver unha serpe de tal tamaño acabou por saír da auga e fuxir cheo de medo.
Tamén existe outra versión que di que un rapaz da aldea da Ponte fixo todo o que lle pediu a rapaza e que acabaron por casar, por iso non se volveu ver no lugar.
Os máis vellos do lugar contan que cando xa eran cativos, dicíanlles que non se achegaran a esta lagoa por que poderían ser devorados por unha serpe xigante.
Na páxina Pradaweb contan como foi a conversa entre esta moza e o rapaz:
“Mira mozo, sei que es valente e arriscado e confío no teu valor para desencantarme. Eu ao saír o sol desaparecerei e convertereime de novo en serpe. Atravesarei de novo a lagoa e cando me achegue a ti deberás cuspirme na boca, que levarei aberta. Se o fas así tornarei a ser o que son agora e romperase o embruxo, e deste xeito non sufrirei.
Mira muller, son home probado e non temo a nada. Se vin aquí é para que sexas sempre coma agora, romper o encantamento e casar contigo.
Ese será o agasallo para quen logre superar o medo de verme coma unha serpe, e igualmente serán del as enormes riquezas que atesouro e o reino que me pertence.
Comezou a saída do sol, e desapareceu a moza e apareceu unha xigantesca serpe que cos seus asubíos facía tremer ó “teso”. O cal impresionou ó mozo que, pese ó seu valor, fuxiu espantado, esquecendo as súas promesas.”
Esta lenda está recollida por D. Eduardo Ávila Bustillo en 1965, segundo o relato dunha testemuña presencial dos feitos.
Derrota á lagoa de Ocelo
Despois deste impresionante lugar o seguinte obxectivo é a Lagoa de Ocelo, para o que é necesario descender un tramo de pendente que na actualidade (primavera de 2021) está sen rozar polo que apenas podes ver nin o camiño nin as sinais e é moi doado perderse. Recomendamos levar activado o GPS coa ruta, polo menos para a metade do traxecto ate a lagoa.
Preto da fermosa Lagoa de Ocelo, están as lagoas de Carrizais e Laceira, moito máis pequenas e,se se tedes sorte, veredes animais bebendo. Por esta zona pasa outro roteiro, a chamada ruta das Lagoas.
A lagoa de Ocelo tamén é de orixe glaciar e está situada entre impoñentes montañas, a uns 1525 metros de altitude. Este é o lugar perfecto para facer a última parada antes de comezar o tramo final do roteiro.
O tramo desde a lagoa de Ocelo até a aldea da Ponte quizais é o menos atractivo (non por iso deixa de ser fermoso) xa que transcorre por unha pista de terra e montañas. Sexa como for, as vistas seguen a ser impresionantes e posibelmente atopedes moitos cabalos nunha área enorme e valada.
A Casa das Pedriñas e a Cántara da Moura
E para rematar, se aínda tedes tempo, recomendamos visitar dous lugares fundamentais no Concello da Veiga. O primeiro é a Casa das Pedriñas, un edificio de arquitectura modernista feita por un veciño pedra a pedra durante moitos anos e para a que usou materiais reciclados.
O seu autor, Daniel Mancebo, faleceu no ano 1998 quedando a casa sen finalizar, polo que desde aquelas non recibiu ningunha outra pedra e o seu proceso de deterioro é importante xa que a familia non vive na Veiga.
O segundo lugar a visitar é a Cántara da Moura, lugar cunhas formacións graníticas impresionantes e polo que transcorre o río Corzos. Ademais o lugar está arrodeado de bosque de ribeira e é un espazo perfecto para pasar o día. Na zona tamén están situadas algunhas covas como a Cova dos Fuxidos, lugar onde se refuxiaron os represaliados pola ditadura franquista.
En canto á Cántara da Moura, existe unha lenda que di que no seu interior vive unha fermosa moura, quen abandona o lugar por momentos para pentear os seus cabelos dourados cun pente de ouro mentres agarda que as mozas de Corzos recollan o gado e se acheguen a xunto dela.
No momento no que esas mozas pasen ao carón da moura, ela deixa caer o seu pente. Se esas mozas recollen o pente, a moura premiará a súa bondade cunhas moedas de ouro. Mais, se non o fixera, a moura castigaraas converténdoas nunha pedra.