Ademáis da recuperación da figura do xigante mítico do Apalpador, existen máis tradicións e curiosidades relacionadas co nadal galego bastante descoñecidas, nomeadamente nas áreas urbanas.
O obxectivo desta entrada é poñer en valor, resgatar do esquecemento e difundir as diferentes tradicións asociadas ao noso nadal. Non tanto son persoaxes mitolóxicos, senon actividades e ritos que veñen de séculos atrás.
Se coñeces algunhas que non estean na lista, por favor, deixa un comentario ou escríbenos a info@orgullogalego.gal 🙂
Actualizaremos segundo vaiamos coñecendo máis!

Tizón de Nadal
O Tizón de Nadal ou Cepo de Nadal é un gran madeiro que na noiteboa se prende na lareira coidadosemanete limpa e varrida.
É unha tradición galega ligada a ritos pagáns indoeuropeos e celtas das celebracións do solsticio de inverno. Simboliza destruír o vello para dar paso ao novo.
Segundo a tradición, o madeiro debe ficar aceso na lareira até o aninovo.
Noiteboa
Até tempos recentes era día de abstinencia, polo que non se servía carne. Isto explica o costume galego de cear bacallau con coliflor neste día.
Noutros lugares céase con polbo, berza ou grelos. Entre as sobremesas máis típicas pódense citar a sopa de améndoas (en Verín) ou a compota de pera en Viño Tinto (Lugo).
Rito das Cédulas
En aninovo celébrase o Rito das Cédulas que en Verín recibía o nome de estrechos ou estrechas.
Consiste en xuntar mozas e mozos nun fiadeiro ou no adro da igrexa ao redor do lume novo para realizar un sorteo que os emparelle.
Colócanse os nomes dos homes e o das mulleres en dous botes distintos e sacaban alternativamente un papel de cada bote para formar as parellas.
No día de aninovo celebraban unha festa no que cada mozo ía acompañado da moza que lle tocou, bailando só entre eles.
Os Trubincos
Na parroquia de Salcedo (Pontevedra) existe unha figura mitolóxica asociada ao nadal coñecida como Trubincos.
Os Trubincos son uns trasnos propios do nada galego, amigos do enredo e de remexer as cousas. Baixan pola cheminea en noiteboa e se na casa non se teñen preparadas unhas piñas con brea para darlles como agasallo, fanche trasnadas e revolven todo o fogar.
Cantos de reis
Houbo un tempo no que foi tradición habitual ir cantar pola casas nestas festas.
Grupos de mozas e mozos percorrían a aldea cantando panxoliñas, cantos de nadal e de reis. Fermosas pezas da literatura popular que foron transmitidas oralmente ao longo dos séculos.
Como troco logo do seu cantar solicitaban o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, etc.) que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou unha foliada.
Na actualidade diversas asociacións están a recuperar a tradición.
Déano-lo aguinaldo
Canto de reis – autoría popular
anque sexa pouco
un touciño enteiro
e a metade doutro
Panxoliñas
O primeiro día de ano, e a miúdo continuando o ritual do día anterior, é tradición cantar panxoliñas, nesta data chamadas aninovos, anibóns ou xaneiras.
Tamén a cambio do aguinaldo que se lles entrega aos cantores, ao estar este día adicado aos Manueis, cantan ás persoas con este nome unhas coplas especiais chamadas precisamente manueis.
O protagonista resposta convidando a todos a unha rolda de viño.
As tempas
Na comarca do Condado adóitase saír á eira cun cirio aceso para saber de onde vén o vento, ás 12 da noite en punto.
O lugar desde o que sopre o vento indicará como vai vir o tempo e as colleitas do próximo ano. Así o vento do sur indica ano húmido, o nordés avisa que vai ser ano seco, o vento do leste indica un ano de fame e o vento do oeste indica unha anada abondosa.
As rondallas
Unha Róndalla e unha formación musical típica do Nadal.
Os seus inicios remóntanse aos anos 40 de século pasado chegando a haber nalgunhas aldeas como Zamáns ata dúas, aínda que moitas delas fixeron unha paréntese na súa historia de cando menos un ano, para volver mais tarde con mais forza.
As Róndallas adoitan estar formadas baixo o teito dunha Asociación de Veciños, e nestas datas, despois de polo menos dous meses de duros ensaios, saen á rúa para intentar facerlle o Nadal á xente un pouco mais levadeiro coa súa musica, as súas coreografías e os movementos das súas bandeiras.
O número de integrantes destas formacións vai dende os 40 e os 120 membros, e en moitas delas están presentes até tres xeracións.
A composicion das Rondallas pode chegar a ser tan variada como a exposta a continuación: Abandeirados, Capitan, Director, Cristos, Pandeiretas, Gaitas, Saxofóns, Frautas, Requintas, Trompetas, Trombóns, Baixos, Bombardinos, Tamboriles, Bombos de coiro, Caixas, Bombos de parche, Acordeons, Tarrañolas, Charrascas e Cunchas.
O repertorio destas formacións vai dende o mais tradicional até as cancións de moda.
Noite das Trangalladas ou noite dos Cancelos
No Concello de Pantón na contorna da Noiteboa ou o Día de Reis celebra a súa “Noite das Trangalladas ou Noite dos Cancelos” onde se sacan os cancelos á xente para pór no seu lugar toxos, carros ou contedores. Collíase tamén a roupa do tendal e colgábase nas árbores da aldea (nomeadamente a rouba interior) mentres os máis mozos bebían viño con azucre.
No propio Día de Reis cantábanse tamén os Reises e pedíase o aguinaldo.
Fontes: galipedia e asombradebouzapanda
5 comentarios en “O que debes saber das incribles tradicións do nadal galego”
E as danzas dos ranchos de Reis do Condado?
Non tiñamos ocos para poñer todas… apuntamos e intentaremos facer a segunda parte para este próximo nadal. Moitas grazas!!
Na miña casa o bolo de pan que iamos tomar na noiteboa tíñao que abrir a persoa de maior idade da casa (miña avoa). Cortaba ao longo un anaco de códea (algo máis de 10cm) con moi pouca miga.
Ese anaco quedaba no caixón do pan todo o ano, E na seguinte noiteboa cambiabámolo polo novo.
A particularidade desa peza de pan era que non se perdía en todo o ano, nin botaba “pelo” nin cambiaba de cor, só se poñía duro.
Non lembro o nome que tiña ese pedazo de códea, si é que o tiña.
Moi boas Marcos. Grazas por pasarte e comentar! Moi interesante todo o que contas. As tradicións da nosa terra son preciosas. Apertas!
A min sóame a tradición do pan máxico que teñen no País Vasco. Nunca escoitara que fixera na Galiza.