Un mito non é máis que un relato imaxinario baseado na tradición e a lenda creado para explicar o universo, a orixe do mundo, os fenómenos naturais ou todo aquilo que non ten explicación sinxela.
Os mitos adoitan conter un ou varios seres mitolóxicos que protagonizan esa historia, que adoita ser transmitida de xeración en xeración de xeito oral.
Neste artigo falamos de...
Que é un ser mitolóxico?
Un ser mitolóxico é unha criatura lendaria propia da tradición escrita ou oral dun pobo e que protagoniza un mito.
Algúns deles teñen unha orixe baseada en criaturas reais, en híbridos de criaturas que existen na natureza, na tradición oral de viaxeiros ou grupos de poboación illados e outra teñen unha orixe puramente literaria.
Nós temos unha gran cantidade de seres mitolóxicos galegos, que a miúdo se relacionan entre si e forman parte da nosa cultura. Poden vir tanto a través de expresións de orixe sagrado ou de orixe popular.
Neste artigo queremos realizar unha antoloxía dos máis senlleiros, aos que lles iremos adiancando posteriormente artigos de estudo e análise profundo. A tradición mitolóxica e lendaria galega é moi extensa e así debemos presentala:
Cales son os seres mitolóxicos galegos?
A Meiga
Segundo a tradición popular, unha meiga é a muller con coñecementos de maxia e bruxaría, ademais de menciñeira. Entre as súas cualidades figuran a capacidade para facer feitizos e meigallos, males de ollo e adiviñación.
A figura da meiga está moi arraigada na tradición popular, e diferénciase da bruxa en que esta actúa sempre con maldade, podendo tratar e pactar co demo. A figura da meiga achégase moito máis a unha muller de aldea, concerta idade mais con maior heteroxeneidade no resto en comparación coa bruxa.
O Lobishome
Un lobishome é un home que se cre convertido en lobo e se comporta como tal. Os lobishomes son os protagonistas de moitas lendas populares galegas.
Na Galiza a tradición sinala que se un matrimonio ten sete ou nove fillos homes sen que nacese ningunha muller no medio, o último queda mancado polo estigma da fada, converténdose en lobishome.
Foxe para o bosque por un período de sete anos, e nese tempo non pode ser ferido nin capturado. Con todo, na tradición galega tamén existe o neno que nace xa con trazos do lobishome e que padece ciclicamente os síntomas.
A Maruxaina
A lenda di… A Maruxaina é unha serea loura, metade peixe metade muller.
Vive na cova de San Vello, alá nos Farallons, entre percebes e mexillóns, onde pasa o tempo fiando con frebas de liño.
Nos días de temporal sóbese ao alto da sombriza, berrando e tocando o corno. Hai quen di que para avisar aos mariñeiros do perigo que corren, outros que para enganalos e levalos ao naufraxio.
Os Mouros
Os mouros son un pobo de criaturas sobrenaturais presentes en mitos e relatos entendidos polo norte da Península Ibérica (Galiza, Asturias e o norte de Portugal). Eran presentados como pagáns sen bautismo e noutro tempo tamén eran coñecidos como xentís.
Os homes eran escuros e en ocasións deformes. As mulleres eran fermosas feiticeiras roibas e de pel branca, aínda que nalgúns relatos populares se asocian coa aparencia de vellas bruxas e meigas.
As Lavandeiras
As Lavandeiras son uns seres fantásticos da mitoloxía galega con orixe na mitoloxía celta, que tamén se poden observar en Asturias, Cantabria, a Bretaña e Irlanda.
Son espíritos que aparecen nas noites de lúa chea nas beiras dos ríos, onde lavan sabas manchadas dunha sangue que nunca marcha. Acotío aparecen próximas ao lugar onde unha persoa está a piques de falecer.
O Apalpador
O Apalpador é a figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición do nadal que se está a recuperar en toda Galiza.
O Apalpador baixa nas noites do 24 ou do 31 de decembro segundo a zona para visitar aos nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano.
Déixalles unha presada de castañas e, eventualmente, algún agasallo. Deséxalles que teña un bo ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurando “así estexas todo o ano“.
O Sacauntos
O Sacauntos é unha personaxe asustanenos, grande e mal vestido.
O Sacauntos, de olla terrible, dedícase a sacarlle a graxa aos nenos pequenos até deixalos nos ósos. Unha vez ten o unto, marcha para o bosque onde o come para volverse forte e vigoroso coma os nenos.
Segundo outros, desta forma saca cartos ao venderlla aos vellos para cambiar o seu sangue por outro máis novo. A orixe da personaxe pode ser medieval, polos casos de antrofaxia que se deron nas grandes fames,
A Coca
A Coca ou Tarasca é un ser da mitoloxía galega que vive nas augas do mar ou dos ríos.
É un animal mostruoso con corpo de dragón e cola de serpe. Do lombo nácenlle dúas enormes ás, semellantes ás dos morcegos. Ten catro patas armadas de fortes gadoupas.
Na súa faciana alumean uns ollos terribles sobre unha enorme boca con grandes dentes.
Can do Urco
O Can do Urco ou Can do Mar é unha figura mitolóxica galega que adoita adoptar a forma dun enorme can negro ou branco con cornos e orellas longas que sae do mar arrastrando cadeas.
A súa presenza, como a de moitas outras figuras fantásticas semellantes, é considerada un mal agoiro. Un aviso dunha morte próxima.
Segundo conta a mitoloxía popular, este animal vive en Borrón, un lugar con terribles néboas que pertence ao “outro mundo“.
A Raíña Lupa
Aparece no Cócide Calixtino no que se conta como chegados os restos do Apóstolo Santiago son depositados na propiedade dunha señora chamada Lupa.
Esta mándaos onde o gobernador de Duio coa intención de que se desfada deles, mais o gobernador morre no intento.
Tempo despois volven os discípulos co corpo xunto de Lupa e esta, con malicia, mándaos ao Monte Ilicino (O Pico Sacro). Neste monte hai unha cova cun dragón, que é a entrada do inferno. Mais a presenza da Cruz mata ao dragón e os touros bravos que levaban fanse mansos milagrosamente.
Lupa, coñecedora de que o seu plan fracasara, convértese ao cristianismo e axuda na construción da morada do Apóstolo.
A Santa Compaña
A Santa Compaña representa un dos mitos máis populares de Galiza. Esta lexión nocturna está formada por ánimas que camiñan cos pés descalzos en dúas ringleiras e envoltas en sudarios.
Cada pantasma porta unha luz e só un lixeiro vento e o cheiro a cera indican a súa presenza. Á fronte vai un especto de maior tamaño, a estadea.
En ocasións levan un cadaleito no que trasladan un familiar da persoa que presenza o paso. Esta non tarda en morrer. Pode ocorrer que o que atopa a esta comitiva se vexa obrigado a seguila portando unha cruz e un caldeiro.
Os Trasnos
Un trasno ou trasgo é unha criatura imaxinaria, unha especie de demo invisíbel, propio da tradición popular galega. Denomínase tamén diaño, distinto do Demo, e nunca tan maligno coma este.
Adoita ser de hábitos nocturnos e serve para explicar sucesos de causa aparentemente descoñecida, sobre todo accidentes que comportan un dano non grave.
Así o trasno argalla para facer que rompa a louza, que se perdan as chaves, que caia un valado, que enleen os novelos que estea fiando unha moza, etc. O trasno tamén pode andar detrás dunha persoa e seguila a todas partes.
Breogán
Breogán é un mítico Rei céltico da Galiza. Existen moitas versións sobre el nas que é presentado como o gran referente mitolóxico da nosa terra.
Galiza descríbese poeticamente no Himno Galego como Fogar de Breogán.
Dacordo coa lenda irlandesa incorporada no século XI ao Libro das Invasións de Irlanda, o Rei Breogán, fundador da nación céltica galega, construíu na cidade de Brigantia unha enorme torre dunha altura tan magnífica que os seus fillos podían ver unha beira verde do outro lado do mar desde o seu cumio.
Ith
É fillo de Breogán. Desde o algo da Torre construída polo seu pai unha noite albiscou Irlanda.
Co permiso do seu pai foi alá nun barco de coiro e bimbio montado no seu cabalo. Pero alí morreu a mans dos habitantes da illa e o seu corpo volveu a Galiza empurrado polas correntes.
Os guerreiros de Míl Espáine, o seu irmán, de seguido embarcaron cara Irlanda e conquistárona.
Artai
Artai, segundo a mitoloxía galega, é o fillo maior de Brigo, o primeiro poboador de Galicia.
As lendas din que el foi o fundador do pobo dos Ártabros, que se espallaron polas Mariñas betanceiras cara ao Cabo Fisterra, e que lle deu nome á vila de Arteixo.
Tivo unha filla chamada Celt, proxenitora da raza celta.
Míl Espáine
Mil é o antecesor dos habitantes de Irlanda e unha personaxe da mitoloxía galega. É o sobriño de Ith e o neto de Breogán.
A lenda irlandesa escrita no século XI no Libro das Invasións de Irlanda conta que os oito fillos de Mil e os nove irmás de Ith foron os que partiron desde Brigantia cunha fronta de naves para conquistar a terra onde Ith foi asasinado polos Tuatha Dé Danann.
Brath
Di a lenda que Brath, fillo de Death, tivo un fillo chamado Breogán. Foi criado até o intre que puido levar armas.
Pasado certo tempo, Brath morreu e Breogán ocupou o Principado. Moitas desputas e desacordos orixináronse entre as diferentes tribus que habitaban Galiza, polo que surxiron loitas entre eles.
Porén, foi Breogán cos seus soldados e xentes os que lograron a vitoria en cada batalla sometendo ao resto de tribos.
Pepa a Loba
Pepa a Loba é unha figura mítica de Galiza, é unha figura lendaria de bandoleira galega de finais do século XIX, que, segundo a lenda, acadou a súa fama asaltando camiños e roubando a caciques e cregos.
Pepa a Loba é a muller arquetipo do bandoleirismo xeneroso moi espallado en Europa como Robin Hood en Inglaterra. Pode ter relación coa raíña Lupa e ten semellanzas coa Peeira dos Lobos.
Meiga Chuchona
A meiga chuchona é unha figura mítica do imaxinario popular galego que dá orixe a unha lenda tradicional que se coñece co mesmo nome. Dacordo coa lenda, a meiga chuchona entra ao empardecer o día nas casas onde hai cativos para lles chuchar o sangue, motivo que os fai enmagrecer até quedar co corpo mirrado.
Recóllese na obra de Rosalía no poema “aires, airiños, aires”
O Tardo
O tardo é un ser imaxinario, propio da mitoloxía galega, a quen se considera responsable dos pesadelos nocturnos. Esta especie de trasno é, segundo algunhas versións, un ser peludo e de cor verde.
No concello de Calvos de Randín tense recollido algunha lenda sobre este personaxe.
Na novela A rúa do noxo, obra de Eliseo Alonso, un dos protagonistas afirma, cando está bébedo, que leva con el un tardo amestrado.
Tía Xoana
Muller que vive no faiado e que ten por misión afastar os nenos del. é coma un “coco” para asustar aos meniños.
Ten o pelo branco e longo, a cara totalmente enrugada, un ollo e un só dente.
Co dente rilla todo o que atopa no faiado, déitase nunha ucha e tira con forza da tapa e tira con forza para que ningúen a poida abrir.
A Procesión das Xás
A procesión das Xás ou procesión das Xans trátase dunha procesión semellante á da Santa Compaña Mais nesta non son as pantasmas dos mortos as que van nela, senón as pantasmas dos vivos.
Marchan en dúas fileiras e levan un cadaleito. Canto máis á beira do cadaleito vaian os membros das ringleiras, máis axiña morren. O encontro dáse case sempre nas encrucilladas dos camiños, onde é costume deterse cos defuntos para que os cregos boten responsos.
A Avelaíña
A avelaíña, matacandís ou velairiña é un insecto próximo á bolboreta. Ambas son da orde dos lepidópteros. Teñen hábitos nocturnos, se ben é certo que tamén hai especies crepusculares e diúrnas.
Segundo a tración, poden ser unha manifestación de augurios, dependendo da cor.
Se é branca é un bon presaxio, mais se son negras veñen cousas malas, xa que segundo a lenda as negras son almas en pena que reclaman axuda dos vivos.
O Basilisco
Animal fabuloso con corpo de serpe e patas de ave, ao que se lle atribuía a facultade de matar coa mirada.
Conta a lenda que o basilisco naceu dun ovo sen xema posto por un galo, despois de levalo sete anos no ventre, despois é criado por un sapo.
Tía Xoana
Muller que vive no faiado e que ten por misión afastar os nenos del. é coma un “coco” para asustar aos meniños.
Ten o pelo branco e longo, a cara totalmente enrugada, un ollo e un só dente.
Co dente rilla todo o que atopa no faiado, déitase nunha ucha e tira con forza da tapa e tira con forza para que ningúen a poida abrir.
O Ollaparo
O Ollaparo é un xigante dun só ollo no centro da fronte.
Viven nas covas que hai polo monte (sobretodo nas zonas de lugo e ourense) e que se dedica a arrasar os campos e os montes, aliméntanse de seres humanos.
As súas compañeiras, as Olláparas son aínda máis feroces ca eles.
A Marimanta
A Marimanta é unha muller fea e encorvada, cun papo moi grande e envolta nunha manta. Leva no lombo un saco e vai pedindo esmola. esta muller rouba nenos e fainos desaparecer. Crese que a marimanta veu de lonxe, seguramente por mar, na época dos celtas.
Se a vemos e o saco vai anudado debemos zarandeala até que solte á vítima. Nunca se soubo o lugar onde deixa aos raptados.
O Comellón
O Comellón é un trasno moi gordo.
Polas noites entra nas casas comer todo o que atopa por diante, gosta moito de comer nas camas alleas mais tamñén é moi coidadoso, non quere ser descuberto.
As Xacias
Os Xacios ou As Xacias son seres da mitoloxía galega coa metade inferior dun peixe e a metade superior humana, masculina ou, sobre todo, feminina. Segundo contan as lendas, encántalles a auga e habitan nas pozas dos ríos.
A Ribeira Sacra, o Río Miño ao seu paso polos Concellos lucenses de Chantada, Pantón ou O Saviñao puideron ser o berce das Xacias, que tanto poden vivir no río ou en terra.
A existencia foi recollida por Ramón Castro.
O Nubeiro
O Nubeiro é unha personaxe da mitoloxía galega de aspecto forte e grande, vestido con peles negras, capaz de provocar tormentas e dirixir os raios á vontade. Asóciase con todo o relativo ao fenómeno da treboada.
Sae polas mañás das ferrerías para cabalgar os ceos provocando tormentas e lanzar raios e volve a media noite aompañado de cobras e lagartos.
En ocasións baixa á terra para ver o resultado das súas fazañas ou para pedir asilo nalgunha casa ou cabana, logo de perder algunha nube.
O Home Vaca
En Masón do Reino na Carballeda (Piñor) houbo un caso de maldición no que un mozo foi transformado nunha vaca de grandes cornos.
Segundo din, ía ás portas dos fiadeiros e daba cornadas na porta mais nunca chegaba a entrar.
O Gatipedro
O Gatipedro é unha figura mitolóxica galega que fai mexar aos nenos na cama. Ten forma de gato branco cun corno mouro na cabeza.
Visita as casas polas noites, para nas habitacións nas que hai nenos durmindo e entón ponse a verquer auga polo seu corno.
O neno durmido, escoitando o pingar da fonte do garipedro, soña que mexa e de verdade mexa na cama. Segundo a tradición, para espantalo é necesario botar unhas areas de sal diante da porta e a carón da fiestra.
Os Biosbardos
Os Biosbardos son unha figura mitolóxica que existe na Galiza e coa que se fan piadas.
Hai xente que invita a cazar Biosbardos pola noite, que é cando saen. Cazar Biosbardos, sen matalos, é apaixoante. Son, desde logo, moi esquivos e poden até mexar pola xente.
Son de diferentes tamaños e formas indefinidas. É preciso ter un saco e un pau para cazalos.
Teñen un encantamento: “Biosbardos vide ao saco que eu te agardo”.
[En actualización]
Fontes: Wikipedia.
22 comentarios en “A escolma definitiva dos seres mitolóxicos galegos máis senlleiros”
Unha entrada moi interesante. Os galegos temos moitas fadas e trasnos como os dos Fragas do Eume, o bosque máxico atlántico por excelencia. Seguirei a publicación, moitas grazas :)) )
Ricardo, estamos moi contento de que gostes da entrada. Imos ila aumentando co paso dos días até facer unha antoloxía ampla e seria. Ademáis, o obxectivo é ir creando artigos propios das personaxes máis senlleiras co paso das semanas 😀
Está ben a recompilación, pero o seu sería unha páxina para cada un, con algo máis de información e, sobre todo, ilustracións. Así queda algo soso.
Moi boas, Xan. Xa, sería o seu… este artigo é só unha escolma. Co paso do tempo intentaremos ir ampliando a información sobre cada un. Ao final é bastante traballiño :). Apertas!
Interesante e ampla. Quero ler un pouco máis, pero aviso que teño un par de aportes en mente: as xans en Remuíño, Arnoia, e Louredo, Cortegada, son luciñas, sen referencia a procesións nin mortos (segundo me din os veciños a día de hoxe) e historias de xacias no Miño, á altura de Ourense, recolle algunha Miguel Mosquera Paans nos seus libros de lendas. Un saúdo e graciñas por esta síntese e escolma tan bela!
Moitas grazas, Félix. Gustaríanos seguir aumentando a nosa escolma. Intentaremos investigar máis das que comentas a ver se podemos ir facendo deste artigo algo grande. Apertas e grazas por pasarte!
Creo que ese Félix non era eu! 😂
Un saúdo e pasarse por sxlouredo.blogspot.com 😉
Muito bem, mas os mitos são *apospasmas que ligam o passado pagão com o presente cristão da Galiza Celta . Distingue tempora e concordabis Jura
https://www.youtube.com/watch?v=b5ioqthxHlA&feature=emb_logo
Moi boas, André. Grazas por pasarte e comentar. E por deixar ese recurso audiovisual. Apertas!!
Entendendo que é unha escolma, non estarei de máis unha foto, ou debuxo, de cada un deles.
Certo… a ver se no futuro podemos ir actualizando!
Interesantísimo ??
Moitas grazas!
E o Pedro Chosco?
Iremos ampliando pouco a pouco, a verdade que hai moitísimos!
Na miña zona, o “conxuro” para cazar os biosbardos era: “Biosbardos vide ó fardo que alpabarda por ti agarda”. Como se pode apreciar, era un chisquiño mais explícito no seu caracter de burla que se lle facía a quen non coñecía o tema.
Graciñas pola info, Moncho
Acórdomo de cando era moi cativo, que miña aboa falabame do “Meleiro”: cando estabamos no monte coas vacas e me levava un anaco de pan con algo mais para comer, o acabar o compango sempre lle decía que non quería o pan, ela contestábame que o deixase pousado enriba dunha pedra, que mais tarde pasaría o meleiro e botarialle mel para que me soupese mellor e despois xa o comería (moitos anos mais tarde decataríame que co “meleiro” se refería á fame, a cando mais tarde tivera fame)
Que interesante e canta sabiduría tiñan e teñen os nosos avós e avoas
MONCHOOOOOO
O Gatipedro inventouno Cunqueiro. Non debera figurar como ser mitolóxico popular ou tradicional.
Hai un cómic que lin fai pouco titulado Sentinelas da Lúa carmesí que lle dá unha interesante volta de torca ao tema da mitoloxía galega.