O lobo en Galiza. Unha historia de amor e odio

Publicidade

Se tivésemos que falar dun animal que provoque sentimentos polarizados na sociedade galega desde o inicio dos tempos até a actualidade, posibelmente todo o mundo citaría o lobo. O Canis lupus pertence á familia dos cánidos, xunto a outros animais coma o raposo, o coiote ou o chacal. Mais, destes é o lobo o que mantivo un maior vínculo co ser humano ao longo dos séculos, de feito nel está a orixe can domesticado, animal fundamental do noso día a día.

Imaxes de lobos. Fonte: Wikipedia.

Onde se atopa o lobo?

A súa presenza esténdese polos continentes de Europa, Norte América e Asia, aínda que tamén foi introducido en Australia.

O número de exemplares reduciuse drasticamente nos últimos séculos xa non só pola caza á que foi sometido senón tamén pola destrución do seu hábitat. Galiza é un dos territorios con maior densidade de toda a Unión Europa cunhas 90 mandas, isto é: entre 600 e 800 exemplares presentes no 94% do noso territorio.

A pesar disto temos que ter en conta que este animal segue a ser moi maltratado e diversos estudos indican que entre 150 e 200 lobos falecen ao ano entre disparos de furtivos, atropelos, lazos e veleno.

As tradicións e mitoloxías galegas e o lobo

Tal é a importancia da presenza do lobo no noso país que podemos atopalo presente na tradición oral, lendas, mitoloxía, toponimia, crenzas ou mesmo na arquitectura.

Así, non é raro atopar nomes de lugares que fan referencia a este animal, como pode ser Matalobos, Lobomorto, Lobeira, Covas de Lobos, Fonte do Lobo, Forca do Lobo, Lobosandaus, Serra da Loba, Lobelle, Foxo do Lobo ou Rabo de Lobo entre outros. Incluso hai espazos que teñen nomes que evocan a sucesos relacionados co lobo, como en Lobios onde hai un lugar que recibe o nome de “Onde o Lobo matou o boiciño” ou outros que o levan no seu escudo, como sucede no concello ourensán de Lobeira.

Por suposto, a súa presenza é importantísima tamén en todo o relacionado a ditos, refráns e cantigas como algunhas das que poñemos a continuación:

“Nesta terra de Lubeira/ andan os lobos por ela;/ vámonos deiquí, meus ollos,/ meus ollos, vámonos dela” 

“Traballo che ha de custar/ pra me atrapares a min:/ quíxome comer o lobo/ i eu máis ca ile corrín”

“Come o lobo de toda a carne, menos da súa, que a lambe”

“Na terra de lobos ouvear coma todos”

“O lobo ten a forza de un home e a astucia de doce”

“Lobos dunha mesma camada non se traban”

“En abril está a loba no cubil, en maio sae co pai ao lado, en san Xoán atrévese co can, en Santa Mariña xa colle a cabritiña, en agosto sae co pai ó rostro”

“Marzo marzán, á noite cara de lobo e a mañán cara de can”

“Se marzo marcea non queda can nin ovella, nin pastor coa súa pelella, nin o can coa súa carranca, nin o lobo coa súa zanca”

“Cando o lobo vai roubar, lonxe das casas vaino buscar.”

“Cando un lobo come a outro, non hai que comer no souto.”

“Coa auga en san Xoán xa se revolve o lobo ao can.”

Loberno. Fonte: Wikipedia Mitoloxía Ibérica

Se falamos da presenza do lobo na cultura popular, temos que referirnos si ou si ao lobishome ou licántropo, que non deixa de ser un home que se pensa lobo e que polo tanto ten un comportamento similar a el. No noso país existe unha crenza que di que se un matrimonio tiña sete ou nove fillos varóns sen ningunha muller polo medio, o último quedaría marcado polo estigma da fada, converténdose polo tanto nun lobishome. Tamén hai a crenza do neno que nace directamente cos síntomas dun lobishome e que cada certo tempo reprodúceos ou incluso relacionan esta transformación con nacer na noite de Nadal ou do Venres Santo.

Un dos casos máis coñecidos de toda Europa é o de Manuel Blanco Romasanta, ao que lle chamaban o lobishome de Allariz ou o sacaúntos. Un home que naceu nunha parroquia do Concello de Esgos e que admitira ter asasinado a 13 persoas, mais xustificábao alegando que se convertía nun home lobo. Un lobishome adoita fuxir da casa pola noite, pois é no momento no que se transforma, e esta transformación pode durarlle unhas horas, días ou incluso anos. Ademais, temos unha popular obra de Vicente Risco publicada no ano 1923 chamada “O lobo da xente” baseada na lenda galega do home lobo que actúa na comarca de Trives.

Publicidade

Publicidade

O lobo e as lendas

Por suposto existen moitísimas lendas asociadas a este animal, como pode ser a que conta que se che intenta atacar un lobo o mellor que podes facer é espirte, así dese xeito fuxirá xa que só atacan aos homes vestidos. Existen outras como a dos mozos que atopaban o lobo cando ían visitar as súas namoradas. Non podemos esquecer de falar do loberno, unha criatura máxica que se pensa que é froito da unión dunha raposa e dun lobo e que ten capacidade para paralizar a xente coa mirada e, tamén, de ver a través das paredes. Din que é xordo polo que non serve de nada berrarlle e que adoita visitar os cemiterios para desenterrar os cadáveres e devoralos. Este animal causa auténtico pánico na poboación ao nivel de permitirlle comer os seus animais se é que decide atacalos.

Na zona da Limia recolleuse a lenda dun lobo branco do cal din que se é visto ouveando enriba dun penedo significa que vén anunciar a morte dunha veciña ou veciño.

E para rematar este apartado, recomendamos lendas e contos que recollen na páxina Galicia Encantada, tales coma a da Raíña Loba, as peguiñas e o lobo, o lobishome do Incio, o raposo e o lobo ou o lobo incendiario entre outros moitos, por que o certo é que non todas as historias son negativas e tamén as hai  que mostran o lobo como un animal astuto, doce e gardián dos montes.

Se o lobo é parte fundamental do noso patrimonio inmaterial, tamén poderíamos dicir que a súa presenza é responsábel de contarmos cun rico patrimonio arquitectónico relacionado con el. Isto é debido á presenza dos chamados foxos do lobo que na actualidade están nun limbo entre a protección e preservación dalgúns e o abandono dunha grande maioría.

A caza do lobo. Antes e agora

O foxo do lobo recibe tamén o nome de lobeira ou couso e outras coma cortello, na Zamora galegofalante. É unha construción de carácter tradicional que se empregaba no rural galego para dar caza deste animal, aínda que tamén en ocasións o seu uso ía destinado para outros animais que causaban estragos no gando.

Para dar caza ao lobo o habitual era que nas aldeas se organizaran de xeito comunitario e organizado polos concellos parroquiais, principalmente na primavera e no verán xa que era a época de cría deste animal, para cazalos ou dirixilos cara ao foxo onde tiñan unha ovella ou unha galiña como presa e, unha vez atrapado, matalo a pedradas, paus ou con armas de fogo.

Por exemplo, existen documentos nos que o Arcebispo Xelmírez ditou decretos obrigando a participar todos os sábados das batidas contra o lobo.

Na actualidade consérvanse varios foxos do lobo que podes visitar coma o Foxo do Lobo de Entre Cabezas en Viana do Bolo do que nos dixeron que servía tamén para cazar lobishomes, o Foxo do Lobo da Anta en Cerdedo-Cotobade, os foxos de Guende ou Parada de Sil ou o impresionante Foxo do Lobo de Campo en Covelo, entre outros.

Como podemos ver ao longo deste artigo, o lobo era un animal que causaba grande respecto e sobre todo temor. Por iso se di “viches o lobo?”  cando alguén ten moita cara de medo.

O medo a este animal viña tanto polo ataque ao gando e mesmo aos cans como ás propias persoas, das que se recollen moitas lendas e historias aínda que na práctica case ningún estaba probado. É máis, un lobo non adoita atacar a unha persoa a non ser que se vexa moi acurralado. Este medo tamén foi alimentado polo cristianismo, que consideraba o lobo como un animal propio do demo, un animal que lle causaba todo tipo de males aos labregos. De feito era habitual entre os labregos non dicir a palabra lobo se non referirse a el coma o fillo do demo, o tragón, o ovelleiro, o outro, o becho, o dos dentes grandes…

Foxo do Lobo. Fonte: Concello de Covelo

O lobo é patrimonio galego

Todas estas lendas e crenzas chegaron até a actualidade e, nos últimos meses, este astuto animal volveu ao debate público coa proposta feita polo Goberno de España para que entre no listado de especies de protección especial, o que supón na práctica a fin da caza á que se ve sometido ao norte do río Douro. Neste debate volveron aflorar os históricos argumentos do necesario da caza para evitar a sobre poboación e o ataque ao gando fronte a outros argumentos que defenden a súa preservación, mesmo algúns gandeiros alzaron a voz en defensa desta medida solicitando á Xunta unha mellor xestión das axudas por ataques do lobo e subvencións para balados eléctricos ou o mantemento dos cans pastores.

Ademais, tamén están poñendo no centro do debate o abandono do monte que provoca máis lumes e polo tanto menos alimento para o lobo mais destacando que este animal é unha peza clave no equilibrio dos ecosistemas, xa que é o depredador natural do corzo e do xabaril.

En definitiva, cada vez son máis as persoas que defenden a necesidade de protexer o lobo, un animal que fai parte do noso patrimonio, que non se pode entender a nosa historia sen a súa presenza e que reivindican un plan específico de protección para evitar a súa desaparición e a curto prazo as nulas políticas de protección existentes. Por suposto, coa necesaria atención e protección das persoas que traballan no rural e que en moitas ocasións son desatendidas e non se lles ofrece solucións.

Pensades que podemos convivir humanos e lobo? Viches algunha vez un?

Déixanos os teus comentarios!

Pode que che interese:

16 lugares imprescindibles para visitar no Courel

A Serra do Courel é un dos lugares máis importantes do noso país xa non só a nivel ambiental senón tamén etnográfico, lingüístico e patrimonial. Nesta zona comezaron os traballos de recuperación dunha das figuras mitolóxicas do nadal galego, o Apalpador, mais tamén destaca pola súa arquitectura e a preservación de ritos, lendas, gastronomía e tradicións.

10 fervenzas para visitar polo menos unha vez na vida (parte 2)

Realizar unha lista de fervenzas para visitar require moitísimo tempo xa que en Galiza é raro o lugar que non teña unha ou varias fervenzas ou pozas. Por iso, despois do éxito da primeira parte na que tocamos algunhas das fervenzas máis populares, nesta segunda parte imos tocar outras 10 que puidemos visitar e que recomendamos coñecer, especialmente na época de choivas que é cando baixan no seu pleno esplendor.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!