Cincuenta cantigas e rimas para o san Xoán

Publicidade

Versos clásicos dunha noite que é unha arela de comuñón coa terra e unha promesa de felicidade. Unha festa que é, ante todo, un fito que ordena o tempo.

Lume de san Xoán.

Entre o ceo e a terra

A celebración do san Xoán serve como fito para informar das condicións do clima nesta época, facer prognósticos e advertir das dificultades de certos fenómenos meteorolóxicos.

Ata san Xoán non quites o gabán.

Maio pardo e san Xoán claro valen máis que os bois e o carro.

A auga de san Xoán leva o viño e tolle o pan; ou A auga de san Xoán tolle o viño e non dá pan

Ata o san Pedro, o viño ten medo.

Con pan ou sen pan, o que non morra vivirá por san Xoán

En san Xoán, o tempo aínda pon cara de can.

E a data tamén serve como referencia para o estado doutras viandas. Por exemplo, o salmón, o mel ou a lamprea:

En abril, o salmón para min, no maio para o criado, e no san Xoan para o can.

O enxame de abril, pra min; o de maio, pra meu amo, i o de san Xoán, pro can

Lampreas en san Xoán, pra o can

O dito máis recorrente é o da sardiña e o pan, que nas súas versións máis clásicas di:

En san Xoán, a sardiña molla o pan;
En san Xoán a sardiña pinga o pan.

Máis tamén hai outras recomendacións gastronómicas:

O coello, por san Xoán, e a perdíz por Navidá.

No san Xoán deixa o touciño e come pan.

O día vale ademais para definir etapas no crecemento dos animais.

En abril está a loba no cubil, en maio sae co pai ó lado, en san Xoán atrévese co can, en santa Mariña xa colle a cabritiña, en agosto sae co pai ó rostro.

En abril, cátanos no cubil; en maio, xa son bo gallo; en san Xoán xa lle dou a carreira ó can; en santa Mariña xa vou pola cabritiña; en agosto xa vou co meu pai polo rostro; en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro.

En san Xoán, o raposiño come pola súa man.

Entre marzo e abril sae o cuco do cubil, e entre san Xoán e a sega marcha o cuco para a súa terra.

Pero o marcador máis importante do san Xoán é que chegou o momento ter espantado o demo do traballo, como apuntan estes outros ditos sobre as tarefas no campo, que se volven máis levadeiras: 

En maio, déitome e caio. En san Xoán, déitome no chan.

En san Xoán, a fouce na man

Por xuño, onde anda o mozo?, ou está na aberta ou no pozo

Polo san Xoán andan coa gaita na man.

Quen ara no san Xoán, ou está tolo ou non ten pan.

Posta de sol. Foto: Wikipedia

Flores e augas

O día propio do san Xoán o mundo desprega ademais o seu manto máxico. A promesa está no abrente, despois da festa da noite. Un romance popular celebra a fortuna da moza que colle a primeira flor, a da auga fría:

Cal será a meniña, cal, que colla a fror d’auga fría?
Non será dama, nin deuda, que será a princesa Aldina,
a princesa namorada, filla do rei de Galicia.

Non hai outra coma ela, tan feitiña e tan bonita.
c’aqueles seus ollos craros, da color d’auga da ría.

Só ti Aldina serás, quen leve a fror d’auga fría:
Érguete do teu leito nena, ven cara á banda do mar
qu’anque ti soiña veñas tornarás en compañía.

Esa flor da auga fresca, a máis pura, serve para espantar meigas e meigallos… outra tradición di que o rito que atinxe singularmente ás mozas casadeiras. 

Irás ao abrente do día
a auga fresca catar
da auga do paxariño
que saúde che ha de dar.

Corre, meniña,
vaite lavar
alá na fonte
te has de lavar,
e a fresca auga
desta amañecida
cor da cereixa
che ten que dar.

Se arraiar,
se arraiará
tódalas meigas levará,
se arraiou,
xa arraiou,
tódalas meigas levou.

Peladas eran
peladas serán
tódalas meigas
que andan polo chan.

Unha versión máis estendida resume o rito:

Día de san Xoán, meniña vaite lavar;
pillarás auga de paxaro antes que o sol raiar.

O día no solsticio de verán está inzado de elementos purificadores. Lavar a cara en sete fontes ou recibir as sete ondas durante ocabrente son accións con recompensas máxicas.

Esta era unha cantiga propia do Val Miñor cando as mozas baixaban a praia esa mañá:

Ide tomar nove ondas,
antes de que saia o día,
e levaredes convosco
as nove follas de oliva.

Un pouco máis ao norte, na Lanzada, cuxa beleza resiste aínda á desfeita do turismo masivo, a tradición recolle as propiedades curadoras daquelas augas.

As ondas da Lanzada no só axudan á fertilidade das mulleres, senón que ademais espantan ao demo: 

Levei a miña muller
á Lanzada, ás nove ondas;
leveina a desenfeitizar
e botar os demos fóra

E mesmo se seguía o rito de varrer na igrexa de Nosa Señora da Lanzada para expulsar do corpo espíritos malignos.

Unha volta darás
nela has de varrer
tres moedas deixarás
se para o ano queres volver.

E non só as augas de fontes, ríos ou mares, mesmo o orballo constitúe un elemento purificador. Mollarse na herba, nos prados, até nos campos de centeo… é anovarse.

Publicidade

Publicidade

O lume

O san Xoán, como traxecto purificador, é antes lume e noite que día e auga.

Polo san Xoán baila o sol no chan.

O rito na noite consiste en saltar as fogueiras (ou cacharelas) e serve para afastar males futuros e males pasados que perseguen ás persoas.

Salto por enriba
do lume de san Xoán,
para que non me trabe
nin cobra nin can.

En san Xoán, as bruxas fuxirán.

Na fogueira de san Xoán, todos caen ó chan.

Sálvame lume de san Xoán, para que non me trabe, nin cadela nin can.

O salto sobre o lume é, para as mozas e os mozos, un rito iniciático nas seguintes etapas da vida:

Meu coraçao salta de alegria
Na fogueira do teu olhar
S. João é minha romaria
Contigo terei de casar

Por ser noite de san Xoán,
noite de encantos e bruxas.
Por ser noite de san Xoán,
téñoche amor Maruxa.

Casaivos, mozos, casaivos
que as mozas baratas van,
vintacinco por un carto
fiadas hastra Sanxuán.

Tamén, advirten as cantigas, pode ser fonte de frustración

Na fogueira saltas’te
Com o martelinho te bati
Nem por isso me mostras’te
Porque me queimei por ti

A festa é lume para o corpo, necesario, segundo advirte a tradición a través dalgúns refráns ou cantigas.

A noite de san Xoán, pasaralo ben, e o día seguinte, mal.

Na noite de san Xoán, non te deites ata a mañá.

Madrugada de san Xoán,
madrugada máis garrida,
que baila o sol cando nace
e ri cando morre.

Malia o desgaste…

San Xoán, pola mañán cara de can, a mediodía cara de alegría.

San Xoán e san Andrés, fai Dios que non sexan cada mes.

nin o santo parece resistirse á troula.

San Xoán pideu a Cristo
pra que non o adormentase
para ver bailar o sol
no día da súa romaxe

Cando san Xoán bebe viño, ponse moi vermelliño

O consello refraneiro máis sensato é este:

Na noite de san Xoán, fai o que todos fan.

Lume por san Xoán no norte de Europa. Foto: Janne Karaste

O sexo

O solsticio de verán é un espertar da sensualidade. Se a promesa do amor romántico está no abrente, na noite alumea o sexo. Sirvan estas rimas portuguesas ligadas á voluptuosidade da festa como exemplo: 

S. João é padroeiro
De uma festa popular
O teu manjerico é matreiro
Na tua fogueira vou saltar.

Nos tres santos vou folgar
Contigo ó minha amada
Se a tradiçao é saltar
Pois bem aqui vai martelada.

Salta na fogueira ardente
Como cascatas sedentas
Orvalhadas e semente
Da sede não aguentas.

Sou assim e pouca treta
Na fogueira vou saltar
É bom que ninguem se meta
Quando contigo bailar.

Celebración da vida

O san Xoán é, como calquera outra festa, unha celebración da vida, todo o que acontece despois dos ritos de lume e auga.

Lume, lume, alumea o pan;
Deus che dea moito grao,
cada grao coma un bugallo,
cada pe coma un carballo.

E tamén precisa o seu contrapunto, a vellez que encamiña cara a morte:

Polo san Xoán, a vella preguntará, cando virá o verán.

S. João nas Fontainhas
Já lá fui muito ano
Agora as minhas perninhas
Não obedecem ao amo

O ciclo da vida que inaugura o san Xoán tamén atinxe á natureza, e o mundo mantén a súa orde:

No mes de san Xoán secan as fontes e arden os montes.

O mes de xaneiro é o xeadeiro; febreiro, muliñeiro; marzo, esqueiroso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro; en seitura, sol; e en agosto, mellor.

Pode que che interese:

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.

Santa Clara: un tesouro de 750 anos

Até hai ben pouco o centro de Pontevedra contaba con 12.575,21 metros cadrados que estiveron pechados durante 750 anos á cidadanía. Este espazo do que falamos é o Convento de Santa Clara, recuperado a finais do ano 2021 polo Concello de Pontevedra por 3,2 millóns de euros. Esta operación foi unha das maiores en materia de recuperación de patrimonio das últimas décadas en Galiza.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!