Se lle preguntas a calquera persoa cal é o himno de Galiza todo o mundo dirá, e con acerto, que é “Os Pinos”: un poema escrito por Eduardo Pondal cara a finais do século XIX. Agora ben, de preguntares por unha canción representativa do noso país, que xa sexa un himno popular e que todo o mundo cantase algunha vez, unha das que máis papeletas tería para ser a resposta é A Rianxeira.
Unha canción que, con toda probabilidade, é a máis coñecida da nosa historia.
Neste artigo falamos de...
Cal é a historia da Rianxeira?
Esta popular canción foi composta en 1947 na cidade de Bos Aires (Arxentina) por Anxo Romero Loxo: galego nacido en Rianxo, emigrado con 24 anos e cun papel moi activo na comunidade galega da capital arxentina. Contan que nunha reunión no local da Sociedade de Rianxo, Anxo Romero propúxolle preparar unha canción para recibir a Castelao no porto á súa chegada a Bos Aires a Xesús Frieiro Dourado, alcumado Pinciñas, fillo de galegos e con moita capacidade para escribir letras de cancións.
Entón, todos os presentes tiñan claro que esta canción debería referirse a Rianxo, vila natal do ilustre nacionalista. Ademais, a patroa de Rianxo, a virxe de Guadalupe, sería o tema central na letra. Así pois, investigaron nas cantigas populares da zona e estiveron durante semanas compoñendo a canción até que finalmente a interpretaron por primeira vez no recibimento a Castelao no ano 1947, aínda que xa se estreara dous anos antes polo Coro Castelao de Bos Aires.
E por que a Castelao?
Anxo Romero Loxo tiña un forte compromiso co galeguismo e co país e, de feito, a súa muller confirmou que tanto ela coma el eran parte do Partido Galeguista. Ademais uníaos un forte vínculo de amizade con Castelao e coa súa familia.
Cando Castelao abandonou o cargo de ministro da República no exilio decidiu deixar París para regresar a Bos Aires, onde foi recibido como un heroe pola comunidade galega, xa que era unha honra acoller entre eles a quen posibelmente foi o galego máis popular do século XX.
A Rianxeira e Segovia
Recentemente fíxose pública diversa información que vincula a música da Rianxeira a unha canción popular segoviana chamada “Encima de ti me Pongo”, orixinaria do libro “Cancionero de Castilla la Vieja” e composta no ano 1932 por Agapito Marazuela (referente na música de Castela, militante do PCE e preso polo franquismo).
Nese mesmo ano preséntase e gaña o Concurso Nacional de Folklore.
A letra da Rianxeira
Aínda que non o pareza, nin o texto nin o motivo da súa primeira letra tiñan un carácter relixioso e, como indica a Galipedia, “sérvense da figura metafórica da Virxe, para realizar unha evocación á figura da muller galega traballadora do mar”. Tendo claro o contido da letra, o seguinte foi poñerlle un título, que sería “Ondiñas da nosa ría”.
Grazas á súa difusión na radio o seu éxito foi tal que no ano 1950 gravouse o tema na cidade de Montevideo (Uruguai), sendo a empresa RCA Victor a encargada da edición do disco. Durante os seguintes anos a canción chegou tamén a Galiza.
En Rianxo soaba no balcón do bar Feliciano, que era o único que contaba cun gramófono. O dono do bar recibiu un exemplar do disco grazas a un amigo que estaba na Arxentina e que llo fixo chegar por unha veciña que regresaba da emigración. Isto levou a que as coplas orixinais incorporaran fragmentos doutras que a levaron á forma que coñecemos na actualidade.
Letra orixinal
Moito me gustas, rianxeira
Ondiñas da nosa ría
que estás aquí na Arxentina
verche cantar e bailar
como alá na terra miña.
Ondiñas veñen, ondiñas veñen
ondiñas veñen e van
non te embarques Rianxeira
que te vas a marear.
Qué guapa estabas, rapaza
cando te vin na Ribeira
tíña-la cara morena
coma a Virxe Rianxeira
Ondiñas veñen, ondiñas veñen
ondiñas veñen e van
non te embarques Rianxeira
que te vas a marear.
A Virxe de Guadalupe
vai no iate de Baltare
lévana os rianxeiros
a remolque polo mare
Letra actual
Ondiñas veñen
ondiñas veñen e van
non te embarques rianxeira
que te vas a marear.A virxe de Guadalupe
cando veu para Rianxo,
a barquiño que a trouxo
era de pau de laranxo.Ondiñas veñen
ondiñas veñen e van
non te embarques rianxeira
que te vas a marear.A virxe de Guadalupe
cando vai pola ribeira,
descalciña pola area
parece unha rianxeira.Ondiñas veñen
ondiñas veñen e van
non te embarques rianxeira
que te vas a marear.A virxe de Guadalupe
quen a puxo moreniña,
foi a raíña de sol
que entrou pola ventaniña.
Ondiñas veñen
ondiñas veñen e van
non te embarques rianxeira
que te vas a marear.
En definitiva, unha canción que se elaborou con todo o cariño do mundo para recibir a Castelao e que axiña se converteu nun himno da emigración galega. A súa popularidade é tal que podemos cantala tanto nunha taberna como nunha discoteca, nun campo de fútbol ou nunha romaría.
E é que non hai ningunha outra canción que se transformase de tal xeito nun símbolo de amor e saudade pola terra. Uniu á emigración con Galiza e na actualidade une a todo un pobo.
Durante elaboración deste artigo contáronnos que hai máis de 50 versións desta canción, versións feitas en moitísimos estilos musicais.
Por último, queremos sinalar algo que nós pediron desde Rianxo e é que fóra de alí non se canta ben a canción xa que se di “non te vaias rianxeira” e non “non te embarques rianxeira”.
Coñecías esta historia? Cóntanos nos comentarios en que lugares cantaches ti a nosa Rianxeira.
11 comentarios en “A Rianxeira. Historia dunha canción que se converteu nun símbolo”
Ola, son Hermes de Salvador de Bahia, Brasil. Os meus avós son de Moscoso, Pazos de Borbén, Pontevedra. Estou encantado coa “Historia da Rianxeira”. Aquí en Salvador cantamos A Rianxeira cando xuntamos á comunidade galega, animando as festas.
Un saúdo para Brasil, Hermes. E para todos os galegos que estades alá. Grazas por pasarte e comentar!!
GRAZAS, SAÚDOS DE SALVADOR DE BAHIA, BRASIL!
Hola, soy de Buenos Aires, Argentina. Hermosa historia, la cantaba en la casa de mi suegros, gallegos ambos. Y luego se las enseñamos a amigos argentinos y cada vez que vamos a Galicia es la cancion que siempre cantamos con primos.
Un saúdo a Arxentina e todas as persoas galegas ou amigas de Galicia que vivides alá! Grazas por pasarte e comentar!
Hola soy Hugo Fernández Abeijón y también Baleirón. Mi abuelo Abeijón de Noia y vivió en la casa de esa Sociedad en Bs. Aires y mi abuela Baleirón de Lousame. Soy de Bs. Aires y aún no viaje a Galicia. Deseo encontrar mis raíces y familiares y quiero viajar. Estoy en contacto permanente con gallegos de esos apellidos en Argentina, pero sin resultado
Moi boas Hugo! Agardamos que canto antes podas vir e coñecer as túas raices. Un forte saúdo a todos os galegos no exterior. Grazas por pasarte e comentar!!
A Rianxeira, o primeiro canto aprendido sin mesmo falar galego de aquelas. Cantada en todas as celebracíos da famila. Un canto de amor a terriña para os que están lonxe, un canto de amor dos que quedan para os que teñen que ir. Nunca faltou.
A Rianxeira, un himno galego internacional <3
Teño unha cuestión, por que se cambiou a letra da Rianxeira?
Realmente creo que non hai un motivo concreto, simplemente comezou a extenderse, xurdiron moitas versións e acabou por quedar máis oculta a que é verdadeiramente a letra orixinal