Vitoria Ogando e Adrián Estévez, dous filólogos que contribúen ao crecemento da gran enciclopedia na rede, explican como se fai a Galipedia.
Neste artigo falamos de...
Comunidade e ferramenta
Estevoaei é o nome de usuario na Wikipedia de Adrián Estévez. Filólogo de formación e empregado na industria editorial, é un dos editores máis veteranos da Galipedia (a wiki en galego), onde comezou a publicar no 2007 cando era estudante e tiña só 23 anos.
A Wikipedia en Galego é unha comunidade en Internet, unha ferramenta informativa, un babel intelixíbel, unha enciclopedia universal, unha guía do coñecemento dos nosos tempos que medra sen descanso a base do traballo voluntario de ducias de editores, a maioría anónimos.
“Empecei nun artigo de Evo Morales, que viñera dar unha charla a Pontevedra. Consultei a entrada, vin que estaba mal a data de nacemento e corrixina. A partir de aí comecei a cargar información. Ao principio sacaba fotos de parroquias, primeiro nunha área espiral na contorna de Pontevedra. Imaxes de patrimonio, vistas xerais, e cousas así con interese enciclopédico”, conta Adrián Estévez.
Niso (e noutras cousas) segue. En outubro de 2011 lanzouse o proxecto Ningunha parroquia sen imaxes. Xa completaron o traballo nas 926 parroquias da provincia da Coruña e nas 666 de Pontevedra.
A Wikipedia en Galego é unha comunidade.
“O factor humano é moi importante. Nestes momentos estamos todas bastante relacionadas e non hai moita discusión. É moi útil coñecérmonos. Sabemos das habilidades de cada unha e, cando hai dúbidas, saber a quen recorrer”. Na wiki galega contan con personalidades relevantes nalgún campo de coñecemento. Están edificando a Asociación de Amigas e Amigos da Galipedia e Coñecemento Libre (A3Gal) que entre os seus fins ten o de “converterse nun nodo máis deste intercambio de coñecementos universal, achegando contidos xerados pola nosa propia cultura e en lingua galega”.
Antes da pandemia eran habituais as xuntanzas presenciais e as reunións de debate e formación. Adrián Estévez é un dos que imparte obradoiros en colexios. A xente moza e os centros educativos son un público e uns espazos de interese prioritario no apostolado wiki. As posibilidades educativas da Galipedia son clamorosas, como clamoroso é o desinterese da administración educativa galega pola ferramenta.
“A Wikipedia permite un primeiro contacto rápido do alumnado. Mírao na Wikipedia, non has ser un experto, pero terás unha idea clara e atoparás moita bibliografía”, apunta Vitoria Ogando, unha das poucas mulleres editoras (apenas o 15%, fronte o 85% de homes), que foi docente e empezou colaborando con páxinas sobre literatura cando se xubilou. Ogando empezou en abril de 2017 e é a autora de páxinas sobre a obra de Agustín Fernández Paz (como Aire negro) e Suso De Toro (A sombra cazadora), entre outras.
“É unha fonte de información constantemente actualizada e plural, sen un interese ou unha ideoloxía que condicione a edición. Nun mundo rápido, de cambios constantes, a fiabilidade tamén consiste niso. Non hai ninguén arriba dicíndoche: ‘Isto non pode ser’. Todos podemos corrixir a todos. Hai conversa”, di Vitoria Ogando, que hoxe desenvolve un traballo “na segunda liña”: revisa textos, ligazóns mortas e cuestións que parecen menores “mais son parte importante desa fiabilidade que se foi gañando”.
Quen fai
Calquera usuario de Internet pode converterse en editor da Wikipedia. Hai un portal de benvida. E todos os artigos ofrecen un botón de edición a través do que se accede á publicación para corrixir, actualizar información desfasada ou engadir novos datos. A supervisión corre a cargo da comunidade, dos administradores.
A través do botón de cambios recentes entrase no rexistro da edición. “Se é xente nova, fago un chequeo, contrasto fontes, verifico que o formato e a ortografía sexan os correctos. Procuramos que haxa bastante diálogo. Cando entra alguén nova ou novo deixámoslle algunha mensaxe con consellos”, explica Estévez.
Xabier Cid e Beninho foron algúns dos mentores de Estevoei que continúan na Wikipedia en Galego. Hoxe, Xabier Cid e Estevoei son os dous burócratas da Wikipedia en Galego. É a comunidade a que elixe en votación os burócratas e os administradores e, aínda que estes teñen certas responsabilidades de xestión e control, a wiki é un mundo esencialmente colaborativo con relacións horizontais.
“Cada Wikipedia ocúpase dunha lingua, pero tamén hai asociacións a nivel de Estado. Por exemplo, Wikipedia España ou Wikipedia Portugal. Algúns de nós somos socios de Wikimedia España, digamos que é a asociación oficial para Wikimedia, a nosa matriz. Compartimos actividades e consultas, tamén coas asociacións de Catalunya e Euskadi, e con Portugal. Eu mesmo fun a Porto hai un par de anos e conteilles o proxecto das parroquias para facelo alí coas freguesías”, di Estévez.
Catalunya e Euskadi fomentan o uso das wikis nos centros de ensino. Mesmo os vascos crearon Txiquipedia, para o alumnado de Primaria. As wikis en castelán e portugués benefícianse moito de ter grandes comunidades de falantes e reciben achegas a moreas desde Latinoamérica. Na Galipedia hai dispoñíbeis 173.500 artigos. A wikigalega está no posto 52 na lista mundial. En inglés hai 6.295.000 artigos.
“Os perfís de usuarias e usuarios son un reflexo da sociedade actual”, concede Estévez. O feito de que haxa moitos máis editores que editoras produce efectos que custa salvar: o 81% das biografías con páxina son de homes; apenas o 19%, de mulleres.
“Non teño nin idea das razóns polas que pasa isto”, confesa Vitoria Ogando, “mais supoño que é o mal de sempre, sempre estamos por detrás”. Por idades, a distribución é “boa”. Non tanto en canto á relación entre usuarios urbanos e rurais. A Galipedia tamén dá conta do fenómeno da emigración. Hai xente editando desde o estranxeiro. “Temos moi bos artigos sobre Suecia, por exemplo”, di Estévez, e aproveita para lanzar un convite ás persoas xubiladas, “que teñen tempo, para que boten unha man”.
Control
Wikimedia mantén uns 400 servidores no mundo que facilitan a operación das webs. Entre outras cuestións, emite os criterios de edición, pon a disposición un software propio e garante os contidos con licencias propias. A fundación recibe doazóns –algunhas proceden das grandes compañías de Internet, que aproveitan o coñecemento que se xera na rede wiki– e inviste no hardware necesario para o mantemento e a investigación.
O traballo é voluntario, pero a fundación conta con persoal contratado para estas tarefas e tamén mediadoras para resolver conflitos entre usuarios. Ademais, organiza encontros internacionais, con axudas de viaxe para os participantes. Nos últimos anos, Adrián estivo nos celebrados en Cidade do Cabo e en Estocolmo, e noutros específicos sobre educación ou linguas minorizadas.
Na Galiza, a día de hoxe, hai unhas setenta voluntarias que editan habitualmente. Cada unha en función do tempo libre do que dispoña. “Animo á xente a que entre e vexa. A verdade é que lle colles gusto”, di Ogando. “Teño etapas nas que paso o mellor un mes sen entrar nela para nada, pero cando estou, é difícil deixarse saír. Ademais, eu buscaba algo sen obrigas. Non quería atarme a horarios de clases e cousas así. E tiña curiosidade”.
“En todos os niveis as decisións tómanse de forma asemblearia. A fundación ten autonomía completa”, sinala Adrián. “É certo que hai polémicas e as veces hai quen intenta, mesmo desde corporacións, modificar artigos no seu beneficio. O que sucede é que se lles volve en contra… o famoso efecto Streinsand. Houbo disputa ao redor da redacción do artigo Donald Trump. Pero aconteceu iso: canta máis polémica, máis neutralidade. Penso que está ben redactado. Así que benvida a polémica cando é construtiva”. En artigos controvertidos adoita haber varios editores e pídese a mediación de administradores.
No caso galego producíronse polémicas na adopción da norma. Finalmente quedou estabelecida a normativa da RAG. Tamén houbo debates a respecto da entrada Reino de Galicia. Un deles foi sobre o uso do termo “país” polas distintas acepcións. As disputas son habituais en cuestións de ideoloxías ou correntes políticas. Mais tamén na Wikipedia España houbo un intento de rebaixar certa carga negativa na entrada Eucalipto.
O método para salvar estas dificultades está na disciplina científica. A Wikipedia produce coñecemento, pero non é unha fonte primaria. As referencias e o acceso ás fontes son a base fundamental dos artigos. Cando se produce a mediación, do que se trata é de contrastar as fontes e procurar novas fontes para garantir certa obxectividade.
Parámetros de calidade
Hai outras salvagardas. Cada artigo ofrece unha páxina de conversa onde se pode debater sobre os contidos. A Galipedia ten unha media de 13 edicións por páxina. Rexistráronse máis de 5,7 millóns de edicións desde que naceu o 8 de marzo de 2003. O día que se edita esta reportaxe o artigo destacado na portada é a entrada sobre a India. As últimas actualizacións teñen a ver cun fabricante sueco de camións e con Cauca, un dos departamentos nos que se divide administrativamente Colombia. RubenWGA, desde Ferrol, e Nonsonninguen, que fai parte do Wikiproxecto 1.000 artigos que toda Wikipedia debería ter son dos máis activos a esta data. Na lista dos mil, as primeiras referencias son Sarah Bernhardt, Charlie Chaplin, Marlene Dietrich e Marilyn Monroe, na categoría de Actores, bailaríns e modelos.
“Existe un software para estimar a calidade en función de parámetros como o número de referencias ou as actualizacións”, explica Estévez. Tamén hai votacións para elixir os mellores artigos. Na wiki galega hai 213 “de calidade”, e 88 “bos”, segundo a propia comunidade. Aparecen sinalados cunha estrela dourada. Entre eles, as entradas sobre o filme Blade Runner, o Salto de esquí, o Alzamento de Pascua, a biografía de George S. Patton, o Autismo, as montañas do Kilimanjaro ou o Concerto para piano nº 24 de Mozart.
A Galipedia tamén se nutre de traducións –“non se abusa, e procuramos buscar que as referencias estean en galego”, di Estévez– e tamén suscita traducións. A enciclopedia avanza tamén cos debates sobre traducións, ou calquera cuestión, como por exemplo que facer cando a wiki en portugués deixa de usar o topónimo Xurés na referencia o lado luso da reserva.
As wikis falan de todo, mais tamén dependen dos intereses dos seus editores. En 30 días entre abril e maio na Galipedia interviñeron máis de 350 usuarios. Breogán2008, desde a Terra Chá e que leva dez anos na comunidade, foi un dos máis activos. Gústalle o cinema, mais tamén participa nun dos retos wiki sobre traducións. Levan deitado a 17 idiomas a entrada sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936 (un dos da estrela dourada) e a 13 linguas a páxina do Pórtico da Gloria.
Ás veces, nos obradoiros, ou nas reunións temáticas como a que mantiveron co aniversario da Xeración Nós, os administradores si que animan ás usuarias a atender a temas máis específicos.
A Wikipedia en Galego é unha enciclopedia universal porque, como di Adrián Estévez, “como lectores temos dereito, e apetécenos, ter dispoñíbel todo o coñecemento que se poida ter na nosa lingua”. Mais concede que “medra menos do que nos gustaría en comparación cos vascos e cataláns. Nótase que a situación sociolingüística é distinta”.
O que se ve e o que non se ve
Adrián Estévez deixa notar un certo pesimismo. “Non hai moita motivación. O que pasa na rede responde á falta de interese social pola lingua nun contexto de perda de falantes”. Ogando prefire miralo doutro xeito: “na rede o galego está mellor que noutros ámbitos coma o da transmisión oral, sen ir máis lonxe”.
Nos colexios e nos institutos de ensino do país apenas se crean plataformas didácticas. Tampouco non hai apoio institucional para que os activistas dixitais se acheguen ao profesorado. “A Galipedia sería unha ferramenta moi útil nas escolas e ademais alimentaríase do que se fixera nas escolas. Pero non pasa”, di Estévez. “O apoio institucional á lingua non se bota de menos só aquí. Falta absolutamente en todas partes. Todo desde a administración parece dirixido á desaparición do idioma”, láiase Ogando.
Maio (e xuño) serán bos meses para a wiki galega no número de consultas. Pasa sempre en época de exames finais ou selectividade. As páxinas útiles para os temas de estudo gozan dun pico de visitas. Ás veces sucede con asuntos de actualidade ou eventos deportivos. E, por suposto, coa celebración das Letras. A páxina de Xela Arias aínda non ten estrela, pero está sendo editada cada día.
A entrada Xela Arias editouse por primeira vez o 14 de maio de 2005, por Rocastelo, quen, por certo, acabou colaborando na wiki maorí como indica o seu perfil. Até agosto do ano pasado rexistrou 469 revisións editoriais. Algunhas delas dos bots que se utilizan, entre outras cousas, para correccións gramaticais. Desde o 22 de decembro até o 10 de maio houbo 182 edicións, máis dunha por día. Esta páxina recibiu máis de 15.000 visitas desde febreiro, 169 cada día.
Nas conversas máis recentes sobre a entrada de Xela Arias participaron Xabier Cid, Vitoria Ogando a través do seu nick Ogalego.gal (que tamén é o nome do seu blogue), HombreDHojalata, Atobar ou Lles, unha usuaria que no seu perfil comenta que participa do Wikiproxecto Mulleres, un traballo colaborativo “para amañar parte do nesgo sistémico de Wikipedia na súa cobertura sobre a participación feminina na cultura e as ciencias”. Os wikiproxectos son parte do laboratorio da Wikipedia. Abertos ao público, mais co foco en intereses moi concretos.
Ademais de retos propios, os activistas wiki atenden demandas dos usuarios como a lista de artigos solicitados, que pon a proba o vigor do proxecto. A lista en galego suxire entradas sobre Darío Rivas, o segredo bancario, a guerra civil portuguesa, Richard Ford, a batucada, a sexualidade dos Papas, a rúa do Progreso en Ourense, São Gregório en Melgaço e o solipsismo… Quen se anima?
Tamén queda por completar o catálogo de parroquias en Lugo e Ourense, o oriente galego e o sur galego, desde A Fonsagrada a Muíños. Precísanse fotos para rematar aquel proxecto que empezou hai dez anos. Consulta aquí os mapas. E únete.