Descubre 10 lugares que ver en Rianxo

Publicidade

Se vos preguntamos por algo característico de Rianxo seguramente nos deades diversidade de opinións, xa que esta vila mariñeira ten moitísima riqueza histórica e cultural. Posibelmente faledes do seu fillo máis ilustre, Castelao, da mítica canción da Rianxeira, das festas de Guadalupe, do hórreo do Araño ou do escudo dos Mariño na fachada da Igrexa de San Xosé da Floresta da que Castelao se inspirou para crear a histórica bandeira da serea que hoxe temos á venda na nosa tenda online. E é que Rianxo é unha desas vilas que merece un ou dous días para a coñecer.

Rianxo. Imaxes cedidas a Orgullo Galego.

Onde está Rianxo?

Rianxo é un concello localizado na comarca da Barbanza, na provincia da Coruña, e ten preto outros concellos como Dodro, Catoira, Boiro, Lousame ou Rois, entre outros. A capital do país, Compostela, está a algo menos de 50 kms, Vigo a 1 hora, Pontevedra a 40 minutos, a Coruña a pouco máis dunha hora e Ourense a 1 hora e 30 minutos, polo que é factíbel visitala nun só día se non queres durmir na zona.

E, como se chaman os habitantes desta vila? Pois ben, o seu xentilicio é rianxeiro ou rianxeira, que deu nome á que sexa posibelmente a canción máis popular da nosa música e da que falaremos logo.

E que lugares podemos coñecer na nosa visita a Rianxo? A continuación imos elaborar unha lista de 10 lugares fundamentais na vosa visita a esta vila e que non debes perder.

Coñecer a Castelao

Rianxo é a vila que viu nacer ao noso máis ilustre galego, Castelao, polo que a referencias a el son un continuo ao longo de Rianxo. Na praza de Castelao hai un monumento na súa honra que é dos máis fotografados da vila, mais tamén se adoitan organizar roteiros para dar a coñecer a súa vida e obra e tamén a casa onde viviu e que mercou o seu pai ao volver da emigración. Casa que, por certo, están a traballar para convertela nun museo.

Aproveitando esta achega á vida do persoeiro nacionalista é imprescindíbel coñecermos as sereas que inspiraron a Castelao para deseñar a histórica bandeira da serea co lema “Denantes Mortos que Escravos” e que temos á venda na nosa tenda online. As sereas que o inspiraron, xa desde a súa mocidade, atópanse no escudo dos Mariño na capela do Patrocinio de Rianxiño entre outros. Tomando o lema do Terzo dos Galegos de Bos Aires que se enfrontaron ás tropas inglesas no ano 1806 e os escudos nobiliarios que hai en distintos edificios desta zona, na revista Nova Galiza en xullo de 1937 presentou a súa proposta de escudo de Galiza que representaba “a fouce de ouro sobor do fondo azul e a estrela vermella, como emblema do traballo e da liberdade”, representando a labregos, obreiros e tamén unha serea como símbolo heráldico galego.

O Hórreo do Araño, o hórreo máis grande do mundo

Fundamental na visita a Rianxo é achegarse ao Araño para contemplar a casa parroquial, a igrexa de Santa Baia, a capela adicada á Nosa Señora dos Milagres do Araño e a xoia do lugar: o hórreo. Del din que é o máis grande e con maior capacidade de Galiza e de todo o mundo, con 37 metros de longo, 2,40 metros de largo e 2,70 de alto, o que fai ver o poder económico da igrexa. Nel gardaban as colleitas, da que unha parte iría para a propia igrexa.

Imaxe Wikipedia.

Casas de Manuel Antonio e Rafael Dieste

Se non era pouco con Castelao, a vila de Rianxo tamén viu nacer a máis dous ilustres como Manuel Antonio e Rafael Dieste.

O poeta Manuel Antonio naceu nesta vila no ano de 1900 e foi o máximo representante do movemento vangardista de entreguerras. Coñecidos son o seu manifesto Máis Alá! ou o poemario De catro a catro, entre outros.

O escritor Rafael Dieste naceu en Rianxo no ano de 1899 e pertenceu á chamada Xeración de 1925. Entre outras obras escribiu Dos arquivos do trasnoA fiesta valdeira e atribúenlle en boa parte a creación do denominado Teatro Nacional Galego.

No caso de Dieste podemos ver na súa casa natal unha placa homenaxe, casa que vai camiño converterse nun pequeno museo da súa vida e obra. En canto a Manuel Antonio, na rúa de Abaixo número 24 está a súa casa natal que na actualidade é un museo sobre a súa vida.

Miradoiro do Pico da Muralla

No alto do Monte Picudo, a 678 metros de altitude, está o miradoiro do Pico da Muralla ou Monte da Muralla, unha das atraccións máis populares da zona aínda o seu acondicionamento sexa recente, do ano 2020.

As vistas desde este miradoiro, sinceramente, son impresionantes. Posibelmente é un dos máis espectaculares de todo o país e en días de ceos moi despexados podes chegar a ver as Illas Cíes xunto ás Illas Ons, a Illa da Toxa ou a Serra do Barbanza, entre outros lugares. Hai quen di que incluso podes chegar a ver as torres da Catedral de Santiago!

Como seguro que che chamou a atención o nome de “A Muralla”, efectivamente, neste lugar atópanse os restos dun antigo castro gravemente danado pola instalación de eólicos, apertura de pistas e distintos traballos forestais. O mellor é que o visitedes cun experto para que vos poida indicar a súa localización.

A Rianxeira

Como contamos noutro artigo na nosa web, a histórica canción da Rianxeira estreouse na cidade de Bos Aires como homenaxe e recibimento a Castelao, sendo creación do rianxeiro Anxo Romero Loxo e Xesús Frieiro Dourado. En Galiza estreouse por primeira vez no balcón do bar Feliciano, xa que era o único que contaba cun gramófono. O dono do bar recibiu un exemplar do disco grazas a un amigo que estaba na Arxentina e que llo fixo chegar por unha veciña que regresaba da emigración.

Este era un bar de moitísima actividade cultural. Alí Castelao e os seus curmáns abriron a Sociedade Cultural, era parada habitual de Rafael Dieste e un recuncho onde atopar moitos libros e axitación cultural.

Na actualidade segue aberto, na rúa do Medio 36, polo que é un lugar imprescindíbel para coñecer e e onde tamén se pode parar a xantar.

A Rianxeira. Imaxe cedida a Orgullo Galego

Museo da Escultura de Nós Nuco

Na rúa de San Xosé número 15 está o museo de Escultura Nós Nuco, onde o artista rianxeiro Robustiano Losada “Nuco” mostra na súa propia casa máis de 150 obras de diversos temas, mais case todas ligadas ao propio Rianxo. Esta exposición é guiada polo propio autor polo que é unha boa oportunidade de coñecer de primeira man as obras deste carpinteiro xubilado.

Publicidade

Publicidade

Torres e petróglifos

Na coñecida Punta da Torre ao carón da praia do mesmo nome atopamos os restos dunha antiga torre defensiva que probabelmente formase parte dun Castelo, de aí que o lugar reciba o nome de Castelo da Lúa. A súa función era a mesma que as doutras torres que atopamos na zona: a defensa das vilas dos ataques de piratas e saqueadores que asolaban as nosas costas.

Este Castelo ten unha lenda asociada que conta a historia de dous prisioneiros que eran amantes. Un día tentaron fuxir da prisión mais o cabaleiro foi asasinado con ataques de frechas e a muller morreu afogada, xa que o Castelo estaba rodeado de auga. Conta a historia que ao día seguinte atoparon ambos corpos abrazados e que finalmente foron enterrados xuntos ao carón do propio Castelo. A lenda di que que en noites de lúa chea esta ilumina a tumba destes namorados.

Aínda que na zona hai catalogados 59 conxuntos arqueolóxicos, varias mámoas e diversos petróglifos, neste artigo destacaremos os máis coñecidos, os petróglifos dos Mouchos, localizados ao carón do lugar de Brión, e nos que podemos desfrutar (preferentemente a última hora do día) duns cérvidos, un humano a cabalo e varios cazoletas.

Museo do Mar de Rianxo

E, por se eran poucos, non podía faltar o museo do Mar, tan ligado a esta vila mariñeira. Como indican na súa páxina web este museo podes atopalo nun antigo edificio chamado a “Casa do Coxo” onde poderás ver nas súas tres plantas embarcacións tradicionais e todo o relacionado co traballo no mar.

Sen dúbida un bo xeito de achegarse á principal actividade da vila nos últimos séculos.

O mar de Rianxo. Imaxe cedida a Orgullo Galego

Aldea maldita de Abuín

Posibelmente a moita xente lle vaia soar este nome, xa que saíu no programa Cuarto Milenio. Esta é a aldea maldita de Abuín, lugar abandonado despois da morte dunha parte importante dos seus veciños e veciñas.

A historia conta que caeu unha maldición sobre a veciñanza da aldea o que provocou o seu abandono. Unha das lendas di que a xente do lugar roubou no mosteiro da Armenteira, entregando o roubado ao cura para que o agochara. Ao día seguinte o cura apareceu morto e nos días posteriores foron falecendo unha boa parte dos veciños, o que os levou a pensar que estaban malditos despois do roubo. Algúns deles buscaron o roubado para levalo de volta ao mosteiro mais ao non atopalo decidiron fuxir. Outras falan de tesouros agochados e ataques viquingos mais non se sabe con certeza o que aquí sucedeu. Con toda probabilidade unha epidemia sería a causante de tantas mortes.

Estas lendas foron tan estendidas que até o propio Castelao contou por escrito como a súa avoa lle contara a lenda duns ladróns que asaltaran o mosteiro da Armenteira e como nos días seguintes foron aparecendo todos mortos.

Gastronomía

Nunha visita a Rianxo é fundamental comer na vila, xa que un dos seus maiores reclamos é a gastronomía. Nos seus restaurantes poderás comer de todo, mais o principal son os pratos de mar e, se tivéramos que destacar un produto a probar si ou si sen dúbida é a xouba en todas os seus estilos: empanada, fritidas…

Estas son apenas 10 cousas que podes facer na túa visita a Rianxo, mais o certo é que a vila dá para moito máis. Tamén podes visitar as súas praias, entre as que se atopan a fermosa Praia das Cunchas ou outras como a de Tanxil, Porrón o Tronco, camiñar polo paseo marítimo que vai ata Taragoña, facer unha andaina polo río Te ou sobre todo perderte polas súas rúas e desfrutar do ambiente, da arquitectura e por suposto non perder as grandes festas de Guadalupe!

Cala en Rianxo. Imaxe cedida a Orgullo Galego

Pode que che interese:

Guía completa para visitar os Ancares

A serra dos Ancares é unha cordilleira administrativamente dividida entre Galiza e Castela e León, localizada entre o oriente de Lugo e o Bierzo. No ano 2006 foi declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO e posiblemente sexa o maior tesouro galego a nivel medioambiental e cultural.

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!