7 xeitos máis populares de cociñar castañas

Publicidade

As castañas son o froito galego por excelencia. Ata a aparición da pataca a partires do século XVI, a castaña era unha parte fundamental da cociña galega: empregábase para facer pan, guisos, doces e moitísimas outras receitas.

Aínda que o seu uso diminuíu co paso dos anos, as castañas seguen a ser as protagonistas do outono. Por iso, e co gallo do Magosto, traémosche unha escolla de receitas que podes facer con castañas.

Bo proveito!

Castañas. Fonte: Beatriz Cocina en YouTube.

Sobre as castañas

Propiedades nutricionais e beneficios das castañas

As castañas son o froito do castiñeiro, da familia das noces. Son ricas en carbohidratos, azucre e conteñen vitaminas e minerais como potasio, fósforo, ácido fólico, calcio e magnesio. Dependendo da variedade e do xeito de cociñalas, poden aportar desde 190 a 350 calorías por cada 100 gramos de castañas.

Engordan as castañas?

Non! As castañas teñen unha porcentaxe de graxas moi baixa, non teñen colesterol e son ricas en fibra. Isto quere dicir que che darán unha maior sensación de saciedade sen ter que consumir moita cantidade delas.

Onde se recollen as mellores castañas?

Sabías que un 80 % das castañas que se recollen en Galicia expórtase a outros mercados internacionais? Sen dúbida, Galicia é un dos mellores lugares do mundo para recoller castañas. De feito, algunhas zonas de Lugo, e máis en concreto os soutos do Courel, son os mellores espazos de castañas, os que máis cantidade de froitos producen e os que máis exportan castañas ao resto do mundo.

Outras castañas europeas de calidade excepcional pódense atopar nas zonas do sur de Francia, como nos soutos de Cévennes en Francia ou na rexión do Piemonte en Italia. Malia que a castaña europea ten unha calidade superior, nos últimos anos estáse a ver con frecuencia a castaña china, máis barata pero de menor calidade.

Temporada de castañas: cando é época de castañas?

O outono é a época principal das castañas. A colleita pode estenderse desde setembro ata mediados de novembro, dependendo da variedade e da zona da colleita. O seu consumo esténdese ata a época de Nadal.

Malia que non haxa froitos o resto do ano, podes conservar as castañas conxeladas e utilizalas para as túas receitas noutras épocas.

Publicidade

Publicidade

Os 7 xeitos máis populares de facer castañas

1. Castañas asadas

As castañas asadas ou torradas son un dos xeitos máis populares de facer castañas. É unha das formas máis sinxelas e rápidas de comelas, xa que non precisas doutros ingredientes. Para facer castañas asadas, podes metelas no forno, no microondas, na tixola ou facelas á brasa.

Non precisas máis que un puñado de castañas e un chisco de sal. 600 g acostúmanse usar para 4 racións.

Instrucións para asar castañas no forno:

  1. Fai un pequeno corte en cada unha das castañas, para que non estoupen coa calor.
  2. Méteas no forno a 200 ºC durante 25 minutos.

Instrucións para asar castañas no microondas:

  1. Fai un corte pequeno en cada unha das catañas.
  2. Méteas no microondas, a 800 W de potencia durante 2-3 minutos.

2. Castañas cocidas

As castañas fervidas tamén son unha opción sinxela e que podes gozar como guarnición ou soas. A miúdo esta receita vai acompañada de anís, que lles da un recendo moi especial.

Ingredientes:

  • Castañas
  • Sal
  • Auga
  • Grans de anís (opcional)
  1. Limpa as castañas e failles un pequeno corte a cada unha delas, para que non estoupen coa calor.
  2. Engádeas a unha pota con auga, sal e anís.
  3. Cóceas durante 40-50 minutos a lume medio.

3. Castañas fritas

Para fritir castañas, só tes que pelalas empregando o método de asalas previamente na tixola.

  1. Nunha tixola sen aceite, agrega as castañas a lume medio-alto.
  2. Deixa arrefriar as castañas e pélaas.
  3. Entón enche unha tixola con aceite e acende o lume. Cando estea quente, engade as castañas xa peladas ata que fiquen douradas.

Tamén podes cortar as castañas en anacos ou en láminas finas. Non esquezas que canto máis pequenos sexan os anacos, menos tempo che levará fritilos!

4. Castañas guisadas

Estes froitos son moi versátiles e podes engadilos a practicamente calquera prato. Pódelas empregar nos teus guisos, caldos ou estufados, do mesmo xeito no que engades as patacas ou outros vexetais.

5. Marrons glacés ou castañas confeitadas

A versión máis sofisticada e doce das castañas é seguramente o marron glacé. Esta receita típica do sur de Francia e do norte de Italia consiste en confeitar castañas con azucre. As castañas confeitadas ou marron glacé son ideais para rematar unha cea de Nadal ou calquera outra xuntanza especial.

Ingredientes (para 6 persoas):

  • 40 g de castañas
  • 200 g de azucre branco
  • 200 ml de auga
  • Canela (en po ou en rama)
  • Casca de limón

Instrucións:

  1. Facer un pequeno burato ou corte en cada unha das castañas.
  2. Cocer 40 g de castañas en 200 ml de auga durante 10 minutos.
  3. Pelar as castañas cocidas, aclaralas e reservalas.
  4. Nunha pota pequena, facer ferver a mesma cantidade de auga que de azucre. Engadir a casca de limón e a canela e deixar reducir uns minutos ata que se faga o almibre.
  5. Volver a cocer as castañas, desta vez durante 20 minutos a lume amodo, sen que fervan demasiado para que non se esnaquicen.
  6. Engadir as castañas ao almibre e deixalas durante 10 minutos.
  7. Apagar o lume e deixar arrefriar ata o día seguinte (unhas 24 horas).

Para facer un auténtico marron glacé, deberías repetir o proceso do baño no almibre durante os dous días seguintes. Tamén pódelas servir glaseadas, confeitadas ou en almibre cun só baño. Outra maneira de servir as castañas caramelizadas ou glaseadas é cubríndoas cun baño de chocolate.

6. Marmelada de castañas ou crema de castañas

Seguindo a liña doce do marron glacé, atopamos a marmelada de castañas, que podes facer na casa practicamente cos mesmos ingredientes. Para un resultado máis cremoso, podes facer a seguinte receita, utilizando leite ou nata en troques da auga.

Ingredientes:

  • 500 g de castañas peladas e xa cocidas
  • 250 g de azucre branco
  • 80 g de azucre moreno
  • 1 vaso de auga
  • Vainilla (opcional)

Instrucións:

  1. Cocer as castañas en auga e pelalas.
  2. Nunha pota, engadir o vaso de auga e os dous tipos de azucre. Co lume a intensidade media, facer que ferva ata ter un almibre lixeiro.
  3. Engadir ao almibre as castañas, esmagándoas coas mans. Engadir a vainilla e mesturar ben.
  4. Deixar que a mestura ferva e entón baixar o lume ao mínimo. Deixar cocer a mestura durante 30 minutos ou ata que teña unha consistencia semellante ao dunha marmelada.

7. Fariña de castañas: saúdable e sen glute!

Xa temos dito que as castañas son un alimento versátil, que serve para case calquera prato, tamén na repostería. A fariña de castañas pódela conseguir asando as castañas e moéndoas ata que fique un po fino. Pódela utilizar para facer pan, biscoitos, bicas, etc. utilizándoa no canto da fariña de trigo.

Tes algún outro bo xeito de tomar as castañas? Compárteo connosco na sección de comentarios!

Pode que che interese:

A receita das orellas, un doce típico do Entroido galego

Ao igual que as filloas, as orellas son un dos produtos típicos do entroido e aínda que podemos atopalas en boa parte das confeitarías, moitísima xente segue a facelas na casa xa que o proceso non ten maior dificultade. Como fas as túas? Déixanos un comentario!

Como facer as filloas? Curiosidades e receita

Falar das filloas non é algo sinxelo, hai moito debate arredor deste tema e tamén moita variade nas filloas dependendo da zona do país. Ti como as fas? Déixanos a túa receita e se tes segredos para desfrutar desta auténtica delicia.

Publicidade

Publicidade

13 comentarios en “7 xeitos máis populares de cociñar castañas”

  1. A castaña que rica é. Os nosos antergos cociñaban con ela antes de que chegase a pataca. É toda unha delicia, e que ben ule no magusto …

    Responder
    • Tes moita razón Carmen. A castaña non é só un alimento delicioso, é que o coidado dos soutos e a súa recollida axuda a manter limpo e vivo o monte, favorecendo a abundancia de biodiversidade vexetal e animal. Son todo vantaxes!

      Responder
  2. SABEIS QUE AS CASTANAS SON MALISIMAS PARA LOS DIABETICOS. LA CANTIDAD DE CARBOHIDRATOS ES ENORME. 4 CASTANAS HACEN SUBIR EL AZUCAR EN LA SANGRE CASI 100 PUNTOS. YO SOLO PUEDO COMER UNA O DOS CUANDO LAS ENCUENTRO AQUI EN AMERICA. LAS QUE HAY VIENEN DE ITALIA Y EL PRECIO POR UNA LIBRA ES ASTRONOMICO. DIOS LES BENDIGA A TODOS.

    Responder
  3. Comía castañas cuando era chico. Mi familia las hacía en una lata de dulce de batatata perforada. Les hacían tajos con un cuchillo y las asaban sobre un calentador. Que lindo recuerdo.

    Responder
  4. Moitos bos recordos me tren as castas. De nena nosa nai as cocía con anís silvestre e unha vez peladas e frias fasianos un collariño e ivamos comendo

    Responder
  5. Castañas asadas e viño con mel.?
    son da provincia de Ourense nos nunca lle votamos sal deixamolas uhos días estendidas no corredor da casa hasta que se ponen mustiñas e xa non lles fai falta sal.

    Responder

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!