Este outono toda Galicia quentou as brasas, xirou os tambores e preparou as castañas de ourizo para celebrar un dos seus costumes máis ricos. O magosto galego. O magosto de Galicia.
Neste artigo falamos de...
En que consiste o magosto de Galicia?
Unha das festas populares e tradicionais da nosa Terra é a coñecida como Magosto. Celebrada en todas as comarcas do noso País, mais con especial arraigo na zona de Ourense, Lugo e O Bierzo, organízase entorno á recollida de castañas. Ademais, nalgunhas comarcas do interior tamén se aproveita para probar os primeiros viños do ano; polo que é a festividade por antonomasia das colleitas que apaña o noso pobo no outono, mentres que nas bisbarras costeiras adóitase acompañar o froito dos castiñeiros con sardiñas.
En consecuencia, a acción de asar as castañas do outono convértese en todo un acontecemento social e festivo, que recibe diferentes nomes ao longo do noso territorio.
Magosto é a acepción máis popular, e recoñecida pola Real Academia Galega e a Real Academia Española. Non obstante, existen outras denominacións como “magusto”. Barállanse diferentes teorías sobre a orixe etimolóxica do termo galego magosto. As máis populares son as latinas magnus ustus (gran fogo) ou magnum ustum (que destaca o carácter máxico do lume).
Antano preparábanse as fogueiras con rachóns de breixo para asar as castañas recollidas no monte. Os mozos e as mozas da aldea saltaban por riba do lume, purificándose co fume e pasándose a borralla do carbón pola cara.
Ao final comíase a castaña, o pan, o chourizo, carne do porco da matanza e bebíase viño da zona, namentres se baila ao son dos gaiteiros e dos tamborileiros. Antigamente celebrábase en espazos abertos ao aire libre ou nos propios soutos nos que se apañaban as castañas, volvendo ao caer a noite a xente á aldea para continuar cunha foliada os rapaces do lugar.
Non obstante, os tempos mudaron, e con eles a forma de celebralo. Hoxe en día o magosto de Galicia faise a primeira hora da tarde, cando as ascuas do carbón xa empezan a quecer as castañas do tambor, do latón ou da pedra. A unha temperatura media de 200 ºC, os bullotes xa están listos en media hora.
Os magostos galegos festéxanse tanto nas aldeas rurais como Balboa ou nas cidades e zonas urbanas como Ourense. Durante toda a tarde os festeiros da zona comen as castañas asadas até a chegada da noite.
“Dirédesme que o magosto é o final do froito dos castiñeiros; e teredes razón, mais teredes que confesar que as viñas trocadas en xardín son ben belidas, e que as castañas se queiman entre risas e entre amores. Porque na nosa terra, astra a morte ten engado. E se non o credes, vinde ver a Galicia no mes de San Martiño.” Autor: Florentino López Alonso-Cuevillas.
Cando se celebra o magosto galego?
As datas dos magostos galegos varían dependendo da rexión de Galicia na que nos encontremos, achándose principalmente entre o 1 de Novembro, Día de Tódolos Santos, e o 11 de Novembro, Día de San Martiño, que coincide con outra senlleira tradición galega; a Matanza do porco, polo que se aproveita para asar un chourizos con pan. Nestas semanas é cando se suceden as festas dos magostos nas provincias do interior, sendo algúns dos principais os de Ourense, Chantada, Ancares, Folgoso do Courel e Xinzo de Limia.
Aínda así, taménpodemos atopar moitos magostos durante a segunda quincena de outubro. Por exemplo, na coñecida como Galicia estremeira é frecuente que se celebren no décimo mes do ano, como sucede nas localidades bercianas de Balboa, Barxas, Cacabelos, Toural dos Vados, Valtuille de Abaixo ou Viladepaos.
Dende cando existe o magosto de Galicia?
Este festexo ten unhas orixes milenarias que se perden na noite dos tempos. As súas connotacións máxico-relixiosas crean unha conexión entre o fume do lume das cachelas e o outro mundo, sendo este o motivo polo que aínda hoxe en día se celebra arredor do Día de Tódolos Santos nalgunhas zonas do país, nunha perfecta simbiose entre a cultura cristián e pagán.
Antigamente facíanse os magostos no adro das igrexas e nos camposantos galegos, pois a castaña simbolizaba a inmortalidade ao provir dunha árbore de longa vida como é o castiñeiro, que pode chegar a durar séculos, e que se pensaba que conectaba aos vivos co alén. Dise que a cada castaña que estalaba no lume supoñía a liberación dunha ánima pechada no purgatorio.
O historiador Manuel Murguía interpretaba o magosto galego como unha continuación da festividade de Defuntos, considerándoo un banquete ritual con significados funerarios. Outros historiadores reforzan esta relación que se produce entre os mortos e os vivos ao asar castañas. Na véspera do Día de Tódolos Santos celebrábase un magosto, no que se asaban os bullotes arredor da cachela. Ao rematar, as familias guindaban ao chan as castañas sobras exclamando: “Isto é para que xanten os defuntos!”.
O cronista como Bernando Barreiro describiu as paparotas que se celebraban na Galicia da Idade Moderna durante o Día de Defuntos, xa documentas no Século XVI: “Os notables da parroquia, dentro da capela, xantaban e bebían a fartar en altares convertidos en mesas para a ocasión. Os pobres, entrementres, preparaban castañas no adro mentres agardaban a xenerosidade dos principais.”
A castaña na nosa economía
Galicia é a comunidade autónoma que produce máis castañas, xa que en cada colleita apáñanse ao redor de 15 millóns de quilos; multiplicando así a sumo do que se recolle entre todas as outras comunidades recolectoras de bullote.
Dentro do noso país, O Courel é unha das zonas de produción máis importante, sendo a castaña unha fonte de riqueza para os seus tódolos seus veciños dende sempre.
Nos séculos anteriores, na economía de subsistencia da Galicia rural, a castaña era unha das principais fontes de alimento dos nosos devanceiros. O consumo deste froito non se daba nunhas determinadas semanas do ano, se non que a recolección e os magostos daban paso ao consumo das castañas durante todos os meses de outono e inverno.
Nalgunhas zonas da alta montaña lucense, como pode ser na aldea do Piornedo, na comarca dos Ancares, até hai unhas poucas décadas a dieta invernal consistía en almorzar e cear castañas cocidas durante as épocas máis duras do ano.
2 comentarios en “Todo o que quixeches saber sobre o Magosto galego”
de donde sae as castañas
Dos castiñeiros!