Ao igual que as filloas, as orellas son un dos produtos típicos do entroido e aínda que podemos atopalas en boa parte das confeitarías, moitísima xente segue a facelas na casa xa que o proceso non ten maior dificultade.
As orellas son un doce típico galego mais tamén en zonas como León, Asturias, no norte de Portugal e mesmo en zonas dos Pirineos cataláns, Valencia e Baleares, se ben é certo nalgúns destes lugares son típicos da Semana Santa. Seica recibe este nome xa que a forma é similar á orella do cocho e nalgunhas zonas de Galiza reciben o nome de orellas de frade, quen sabe se por ter estes fama de papóns ou pola orella dalgún frade.
As teorías sobre a súa orixe son diversas mais contan que podería vir duns doces que facían as comunidades xudeas afincadas no país mais non hai nada claro sobre isto. Porén, a súa presenza está documentada desde hai varios séculos.
Feita esta pequena introdución imos falar da receita e do proceso de elaboración que xa estamos no entroido, mais antes e ao igual que no artigo das filloas, imos meter outra cita do Álvaro Cunqueiro no seu libro “A Cociña Galega” que fala destas como “propias do martes lardeiro xunto ás filloas, bica, as follas de limón e as chaolas, outra variedade de orellas”
Estas cantidades varían dependendo de para cantas persoas sexan mais como sabemos que sodes larpeiras/os, van cantidades decentes:
- 3 ovos da casa
- 100 gramos de manteiga derretida
- 1/2 kg de fariña
- Sal (moi pouquiña)
- 50 ml de Auga morna
- 200 ml de leite (do país!)
- Reladura de limón (só medio)
- Unha cullerada de anís
- Aceite de oliva extra virxe (para fritir)
Proceso de elaboración
En primeiro lugar temos que mesturar todos os ingredientes e amasalos ben até ter unha masa consistente, fina e firme (lembra botar un pouquiño de fariña por enriba da mesa para que non fique pegada). Cando teñamos a masa ben preparada deixámola repousar un par de horiñas (é o que fai miña avoa porque dicía que así ficarían triscantes, mais penso que cunha hora é suficiente) até comezarmos a darlle forma para fritilas posteriormente.
Os ingredientes que tedes que mesturar son basicamente todos agás o azucre glas/azucre que ficaría para o final, unha vez feitas.
Despois de todo este proceso tedes que botar bastante aceite nunha tixola e unha vez ben quente, botamos as orellas, non botedes demasiadas, penso que con dúas é suficiente (dependendo do tamaño da tixola, claro). Unha vez ben fritidas, botámolas nun prato con papel que poida absorber o aceite e por último botamos azucre glas ou normal por enriba.
Xa feitas, deixámolas repousar outro pouquiño e xa estarán listas para degustar con toda a familia!
Cal é a túa receita?
6 comentarios en “A receita das orellas, un doce típico do Entroido galego”
En Irán tamén as fan, aínda que non teñen unha data particular, fanas no ano novo persa, nowrooz, que coincide co principio da primavera. Chámanlles gush-e-fil, orellas de elefante (https://en.wikipedia.org/wiki/Gosh-e_fil), pola forma que teñen.
Este feito daríalle confirmación a seren de orixe xudea, xa que en Irán hai unha minoría hebrea importante.
É unha das teorías a da orixe xudea, logo outra fala que é común usar ese tipo de produtos en distintas culturas do mundo. A verdade que é complexo saber cal é real
Si, evolución converxente, a idea non é tan complicada, así que é fácil que se inventase o mesmo en sitios distintos.
Por certo, noraboa pola páxina, moi ben feita, é moi útil.
Graciñas!!!
Eu son llionés e aquí tamén as facemos nos antruejos, chamámoslas igual, ”orejas de carnaval” ou “oreyas” en bable.
Saúdos dun veciño.
Saúdos!!