Nun momento histórico no que o abandono do rural é case total e as institucións non levan a cabo políticas de fixación de poboación nin de desenvolvemento económico, a autoorganización de diferentes sectores da poboación para o manter vivo amósase como a única alternativa.
Nos últimos anos colleu forza o debate do aproveitamento da castaña como alternativa ao monocultivo extensivo do eucalipto e do piñeiro que tanto dano están a facer nos nosos montes.
Diversos estudos indican que os beneficios económicos da castaña serían moito maiores, fixarían poboación e terían maior percorrido a longo prazo xa que o mercado tanto a nivel galego como internacional é moi amplo e podería xerar moitos postos de traballo. Isto non implica que non existan problemas como os prezos baixos, a entrada no mercado galego de castaña foránea ou os atrancos burocráticos, mais precisamos políticas a longo prazo para ter un monte vivo e con futuro.
Para coñecer a realidade do sector da castaña falamos coa Cooperativa Amarelante, un proxecto de recuperación de soutos abandonados, xeración de riqueza no rural e combate contra o despoboamento. Nesta pequena entrevista contannos os problemas que atopan mais tamén as oportunidades que abre o sector da castaña.
Para quen non coñeza Amarelante. Quen sodes e como nacestes?
Amarelante Sociedade Cooperativa Galega naceu no 2013 en Manzaneda co obxectivo de revitalizar esta zona a través da recuperación de soutos abandonados e darlle valor engadido á castaña. Actualmente somos nove socias (nos inicios dez).
Rexémonos polos principios de sostinibilidade, xustiza social e respecto polo medio rural. Estamos convencidas das posibilidades reais de vivir no rural, non de sobrevivir.
O voso traballo está centrado na produción de castaña. Cantas hectáreas de soutos xestionades? Nunha realidade minifundista como é a de Galiza, traballades en soutos da vosa propiedade ou tamén alugades a propietarios?
Actualmente xestionamos unhas nove hectáreas, principalmente en Manzaneda e tamén algún souto de Trives. A cooperativa non ten soutos en propiedade, son cesións das veciñas. A algunhas págaselle un alugeiro e outras cédenolos porque así están coidados. Deste xeito, castiñeiros que estaban abandonados desde fai anos agora atópanse en produción (encargámonos da súa debouca, desbroce, vacinación…) o cal é unha gran ferramenta contra o lume.
A vosa cooperativa emprendeu unha viaxe na dirección contraria do que por desgraza é habitual no noso país, a de vivir do rural. Que atrancos atopastes ao longo destes anos? Pensades que as institucións favorecen o cooperativismo galego no rural como é neste caso a produción de castaña?
Os atrancos que atopamos non collerían nesta entrevista. O resumo é un exceso de burocracia para xestións que, a priori, deberían ser simples. A falta de crédito é outro dos grandes problemas. Certo que optamos a axudas públicas pero sempre hai que adiantar os cartos e as entidades bancarias non sempre dan facilidades.
Pensades que con apoio institucional sería posíbel que naceran por toda a xeografía máis iniciativas centrada na castaña como é a vosa?
O apoio institucional é necesario xa que, por exemplo, poderían facerse máis campañas de promoción dos nosos produtos posto que é moi difícil –ou case imposible– poder posicionarse frente a grandes empresas ou intermediarios.
Respecto ás axudas que convocan, moitas veces non se adaptan ás particularidades do país no que vivimos. Por exemplo, fai uns anos convocaron unhas para a plantación de castiñeiros ás que non puidemos optar as pequenas produtoras polas esixencias e, sen embargo, si puido facelo Amancio Ortega para unha plantación en Sobrado dos Monxes.
Desde Medio Rural teñen agora en marcha un proxecto para recuperar soutos abandonados (prevén pór en produción 2.000 hectáreas antes do ano 2025). Agardamos que non acaben en mans de grandes empresas.
Un dos problemas que temos no país é o do monocultivo de eucalipto e piñeiro mais tamén o abandono do monte. Fronte a isto teñen saído estudos que indican que a longo prazo é máis rendíbel economicamente a explotación da castaña. Que opinades disto?
Pois é algo evidente para nós. Cremos non só no feito de que se pode vivir e traballar no rural, senón que pensamos que hai que facelo apostando polos recursos que xa temos, que ademais de ser rendibles, non supoñen un atentado contra os ecosistemas como sucede co eucalipto, que á fin e ó cabo é unha especie importada de fóra.
Ourense é un dos principais focos de incendios no noso país. Por que pensades que sucede e que intervención precisa o monte alén de políticas de combate contra os lumes.
O monte arde por moitas razóns pero unha das principais é por estar abandonado. Para que isto non suceda sería necesario unha reformulación total do rural e, para iso, é imprescindible a implicación real da administración. Se os soutos están en produción, se hai gando, se hai unha unión dos produtores para comercializar conxuntamente os seus produtos a un prezo xusto, se as grandes multinacionais alimentarias non venden por debaixo do coste real… entón sería posible vivir dignamente no rural.
E que retos afronta o voso sector tanto no presente coma no futuro?
Un dos principais retos é a unión de pequenos produtores para alcanzar un prezo xusto da castaña en fresco. Ademais, é vital apostar polos produtos elaborados para conseguir un valor engadido e romper coa estacionalidade. De momento en Amarelante facémolo coas castañas secas, a fariña de castaña e a bica, pero temos en marcha outros produtos.
Unha das cousas que máis lle sorprende á xente é a variedade de castañas. Cal traballades vos e en que se diferencia doutras?
As principais variedades son ata 16. Nós traballamos principalmente con amarelante, que é unha castaña de gran tamaño e cun brillo moi característico. Tamén temos, aínda que en menor proporción, a negral.
E xa entrando de cheo no campo gastronómico, de que xeito recomendades consumir a vosa castaña, xa que temos moitas receitas para levar adiante con este produto tan saboroso.
(Referímonos ás castañas secas). Un dos xeitos de consumila é o tradicional, con leite (purgazos). Tamén se pode engadir ao cocido, a un asado ou un guiso. Outra receita moi saborosa son castañas con ovos fritidos.
2 comentarios en “Recuperar o rural, poñer en valor a castaña”
A diversificación de usos nos bosques e a aposta pola castaña é fundamental para acadar obxectivos de desenvolvemento sustentable, soberanía alimentaria, etc. Pero é necesario puntualizar ou diferenciar varios puntos chave:
1. A diversificación de usos debe atender á distribución das masas naturais de castiñeiro e potenciarse nos concellos do Leste de Galicia (montaña Luguesa e Ourensá) con miles de Ha de soutos que están SEN XESTIONAR!
2. Non se pode menosprezar ao piñeiro alegando ser monocultivos cando os piñerais son o ecosistema NATURAL máis extendido en Galiza, adaptado a terreos secos e estériles, fundamental para a obtención de madeira e, en moitos casos, imprescindibles para conservar a biodiversidade en terreos nos que non se dan outras especies.
3. A produción de fibras vexetais (papel, textil) suministrada polo eucalipto é tan necesaria coma comer castañas. A súa zonificación está nas comarcas costeiras, diferenzando claramente bosques para produción industrial de bosques para recoleción-conservación.
4. O problema real nas comarcas que poden entrar a producir castaña a nivel industrial é por unha falta total de planificación forestal, trabas da propiedade (catastro), un déficit sangrante de servizos no rural, de infraestructuras, políticas de vivenda, acceso subvencións, etc. A falta de intervención pública desincentiva a fixación de poboación e impide que se den os usos tradicionais do solo. Cómpre máis pedagoxía en lugar de queixarnos de que o problema son outras especies. Cada ecosistema ten a súa función e uso preferente, tendo en conta que o 50% do territorio está protexido.
5. Amarelante, unha das cooperativas máis importantes de GZ só está a a xestionar 10 Ha de bosque. Para chegar ao obxectivo da Xunta de xestionar 2.000 Ha necesitarase incentivar a constitucion de 200 novas cooperativas o cal require dunha enorme inversión para que a xente poda instalarse e traballar no rural e, de momento, estase empezando a abordar no ano 2021!
6. A mesma vontade política que permitiu durante 30 anos plantacións de eucalipto case sen control nin planificación (porque son rentables no curto prazo) é a mesma que favorece agora a construción de macro-parques eólicos saltándose as leis medioambientais. Ao final as inversións quédanse nos bosques e industrias adicados á produción intensiva de madeira e fibras (ou para os eólicos) e deixando de lado outras producións tan importantes e estratéxicas coma a da castaña.
O Piñeiro de Monterrei é unha praga que está a penetrar por exemplo en toda a provincia de Ourense, principalmente en zonas que arderon como pode ser o Xurés onde está a perder toda a masa forestal autóctona e frondosa en deprimento deste piñeiro, igual en moitas outras zonas da provincia e que ten un único beneficiario, FINSA. Co eucalipto o problema non é o 20% que se está a traballar, é o 80% abandonado que debería comezar a erradicarse en plans a longo prazo.