Galiza Cuba

11 datos para saber máis sobre os vínculos entre Galiza e Cuba

Tanto a finais do século XIX como nas décadas dos 40, 50, 60 e 70, Galiza viviu unha sangría migratoria que levou a boa parte da poboación galega tanto a diversos países de Latinoamérica como do Continente Europeo nun contexto de fame, miseria e represión política, de feito, Galiza foi o territorio do Estado Español do que máis emigración saíu para América de Latina.

Esta emigración tan masiva levou a establecer grandes comunidades en países nos que deixaron pegada até na actualidade, como poden ser os casos da Arxentina, Uruguai, Venezuela, Suíza, Inglaterra, Brasil ou Cuba, que é do país que imos falar hoxe.

Historia da emigración Galega a Cuba

Xa nos séculos XVIII e XIX grupos de galegos foron á Illa a traballar, en moitos casos en condicións de escravitude, tanto nas obras do ferrocarril como nas plantacións de azucre. Temos que pensar que entre finais do século XIX e 1960 documéntase a chegada a Cuba de máis de 400.000 galegos e galegas, iso é máis que calquera cidade galega da actualidade.

Ben entrado o século XX, pouco a pouco, esta emigración cara á industria do azucre foi mudando, e o efecto chamada fixo que duns familiares viñesen outros, mais integrando outros sectores como a pesca, turismo ou en pequenos negocios de diferentes tipos. Tamén as mulleres galegas facían parte do servizo doméstico. Coa crise económica mundial do ano 1929 e a famosa Lei de Nacionalización del Trabajo do ano 1933, moitos volveron a Galiza e outros emigraron desde Cuba a outros países da zona.

Ley de Nacionalización del Trabajo foi duramente respostada polo movemento obreiro cubano, mais provocou o abandono da illa por parte de milleiros de galegos e galegas, se ben é certo que esta lei afectou en xeral ás persoas estranxeiras. Con esta lei buscaban, segundo eles, protexer o traballador nativo, obrigando ás empresas a que a metade do cadro de persoal fosen cidadáns cubanos, limitando os despedimentos unicamente ás persoas estranxeiras. Ademais, a lei pedía a repatriación forzosa de todos os estranxeiros desempregados da illa.

Este lei provocou tensións entre os gobernos de Cuba e España, e foi fortemente respostada polos traballadores e traballadoras cubanas. Os galegos non só estaban plenamente integrados senón que tiñan un peso económico moi importante no país. Moitas familias galegas xa contaban con fillos e fillas nacidos en Cuba mais a lei discriminaba aos seus pais.

Con todo, e aínda que milleiros de galegos e galegas decidiron volver ao país, unha vez pasada a Segunda Guerra Mundial reactivouse este fluxo migratorio, para frear definitivamente co triunfo da Revolución Cubana.

En definitiva, esta presenza tan importante de galegos e galegas fixo que se tecera unha forte comunidade de apoio mutuo entre a comunidade galega emigrante co obxectivo de manter viva a lingua, cultura e tradicións do seu país de orixe, apoiarse entre compatriotas pero tamén buscando influír na política e sociedade galega.

A continuación deixamos once sucesos que se deron en Cuba e que marcaron a historia de Galiza para sempre:

Himno Galego

O 20 de decembro do ano 1907 estreábase no Centro Galego da cidade da Habana o himno galego, interpretado pola Banda Municipal da Habana e musicados os versos de Eduardo Pondal por Pascual Veiga.

Foi estreado nunha celebración solemne no Gran Teatro do Centro Galego, unha celebración que marcou a historia da nosa terra xa que, desde a emigración cubana, deron o pulo definitivo a esta composición para a súa aceptación como símbolo da nosa nación.

De feito contan que Os Pinos era de obrigada interpretación en todos os actos e festas convocados polo Centro Galego da capital cubana o que indica o normalizados que estaban os nosos símbolos entre a comunidade galega no exterior.

Galiza Cuba
Partitura do Himno Galego

Bandeira Galega

Aínda que sabemos que xa tivera uso anteriormente en Galiza, a primeira imaxe que coñecemos da bandeira galega é a da carroza do Centro Galego da Habana, que desfilou na capital cubana o 15 de novembro de 1892. Ademais, a bandeira galega izouse por vez primeira en Cuba no ano 1904.

“A bandeira galega só ten dúas cores: branco e azul. O fondo é branco, e desde o ángulo superior da esquerda até o ángulo inferior da dereita, atravesando o centro, unha franxa de cor azul que debe ter de ancho a terceira parte do alto ou ancho total da bandeira”, publicado no ano 1898 no xornal O Eco de Galicia da Habana

Outro detalle importante é que o cadaleito de Curros Enríquez chegado a Galiza desde Cuba, viña cuberto pola bandeira galega o que indica novamente o normalizada que estaba na emigración.

Follas Novas

Follas Novas de Rosalía de Castro é un dos grandes poemarios en lingua galega xunto a Cantares Gallegos, posiblemente un dos libros máis importantes na historia do noso idioma. Ademais, foi publicado por vez primeira na Habana, no ano 1880 editado por La Propaganda Literaria de Alejandro Chao.

Compre destacar que a súa obra era coñecida en Cuba, e posiblemente máis popular, proporcionalmente ao que era coñecida no noso país. Rosalía sempre fixo referencia á emigración, por suposto á emigración en Cuba da que era ben coñecedora e da que recibiu axuda en numerosas ocasións en forma de subscricións populares, de feito o limiar de Follas Novas dedicoullo á xunta directiva e membros da Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galicia, da que ela mesma era socia honoraria.

Outro dato, é que Follas Novas foi o nome que escolleron para un semanario editado na Habana entre os anos 1897 e 1909.

Cemiterio Colón

O maior cemiterio de galegas e galegos non está na nosa terra senón na Habana. O Cemiterio Colón conta con case 200.000 galegos e galegas enterrados. Neste cemiterio podemos ver representadas numerosas provincias e comarcas repartidas en 58 panteóns e nel repousan os restos de figuras destacadas coma Xosé Fontenla Leal, impulsor na Illa da Real Academia Galega e do Himno Galego, o político independentista Fuco Gómez ou o poeta Ramón Armada Teijeiro entre outros. Este cemiterio foi deseñado polo arquitecto galego Calixto Loira no ano 1870 e foi declarado Monumento Nacional de Cuba no ano 1987, sendo o máis importante do país o que indica a importancia arquitectónica do mesmo e a importancia que ten na cidade.

Na nosa visita hai sete anos chamounos a atención os panteóns de Naturais de Galicia, erguidos entre os anos 1936 e 1941 e o de Naturais de Ortigueira, o maior de todos eles e datado do ano 1950. Ademais este cemiterio conta con mausoleos moi diversos como A Mariña, Chantada, Meira, Lourenzá, Navia de Suarna, Vilalba, O Valadouro, Viveiro, Sarria e outros das provincias de Ourense e Pontevedra.

Galiza Cuba
Ceminterio de Colón.

Universidade da Habana

Desde o ano 1992 existe a Cátedra de Cultura Galega da Universidade da Habana, froito dun convenio entre a Xunta de Galiza e a propia universidade e que na actualidade recibe o nome de Cátedra Xosé Neira Vilas. Desde este ano foron centos e centos de persoas as que puideron aprender lingua e cultura galega, ademais de dedicarse á divulgación de investigacións sobre estes tema na capital da illa.

Outro dato a destacar é que a Universidade da Habana entregou o título de doutor Honoris Causa a Xosé Neira Vilas, referente da literatura galega e quen deixou tamén unha profunda pegada en Cuba.

Non relacionado directamente coa Universidade mais si co ámbito da cultura, no ano 2008 Galiza foi convidada por primeira vez a unha Feira Internacional do Libro, neste caso a unha das máis prestixiosas de toda América Latina, a da Habana.

Galegos escravos en Cuba

Centos e centos de galegos traballaron como escravos nas obras do ferrocarril e nas plantacións de azucre, levados polo empresario Urbano Feijoo. Este home tiña como obxectivo encher de brancos a illa cubana xa que argumentaba que un galego facía o traballo de dous negros, ademais viña de ser prohibida a trata cos escravos negros. Aínda que prometeu un traballo seguro cunha xornada laboral, días de descanso, bo salario, etc. isto non foi así xa que tiveron que traballar xornadas de máis de doce horas ao día por un salario raquítico. Estes galegos foron maltratados e golpeados, morrendo moitos a consecuencia disto.

Contan que a maioría viñan da provincia de Lugo e partiron desde A Coruña, traballaban xunto a canarios e persoas doutras procedencias na caña de azucre, cafetais e nas obras do ferrocarril, nunhas condicións piores que a dos escravos negros. As protestas nas Cortes Españolas viñeron a raíz de que fosen chegando aos familiares as cartas onde estes maridos e fillos contaban as condicións de escravitude en que vivían, en moitos casos ocasionando a morte.

A sona de grandes traballadores chegaría aos Estados Unidos e levarían a centos de galegos ás obras da Canle de Panamá, a maioría nas mesmas míseras condicións. Isto provocou que a súa integración coas persoas negras fose total xa que existía unha empatía ao vivir ambos nas mesmas condicións.

Cubanos con ascendencia galega

Numerosos cubanos contan con ascendencia galega, entre eles Fidel Castro e Raúl Castro mais tamén o artista Antonio Machín, a maioría dos asaltantes ao Cuartel Moncada e figuras revolucionarias coma Pedro Trigos, Frank Pais ou Abel Santamaría. Tamén centos de galegos fixeron parte do bando cubano na Guerra de Independencia a finais do século XIX.

No caso da familia Castro sabemos que os pais eran procedentes de Láncara, na provincia de Lugo, mais no caso de Fidel Castro unha curiosidade é que foi secretario-letrado da Sociedade Fillos do Concello da Capela entre os anos 1951 e 1953, de feito foi o responsable de redactar o regulamento xeral.

O caso de Antonio Abad Lugo Machín é quizais máis descoñecido pero non por iso menos importante, xa que o seu pai era emigrante galego en Cuba, procedente da provincia de Ourense e chamado Juan José Lugo Padín. Ademais, nos anos setenta manifestou nunha entrevista na Voz de Galicia que por suposto que se sentía galego xa que o seu pai era de Ourense.

Non podemos rematar este apartado sen falar do mítico Frank Pais, nado en Cuba e asasinado pola policía en Santiago de Cuba no ano 1957 cando apenas contaba con 22 anos. Os seus pais eran Francisco País Pesqueira e Rosario García Calviño, naturais do Concello de Marín na provincia de Pontevedra.

Xermolos da Real Academia Galega

A Real Academia Galega tivo os seus xermolos na Habana. Alí naceu a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega que tiña como obxectivo promover a lingua galega, todo por iniciativa de entre outros, Xosé Fontenla Leal. Esta Asociación naceu no ano 1905 despois de que Manuel Murguía publicara un artigo en que propoñía a creación dunha academia da lingua. A Asociación Iniciadora foi creada por Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal e tivo centos de socios na capital cubana.

Conta Xosé Neira Vilas no seu libro Arredor do mundo, que Xosé Fontela se reuniu cun grupo de galegos en xuño de  1905 no Centro Galego da Habana tendo entre os asistentes a Manuel Curros Enríquez. Aí foi cando naceu esta Asociación tendo a Curros como presidente e a Alfredo Fernández Nan, de Allariz, como secretario.

Destacar que esta Asociación mantivo economicamente a Academia Galega durante tres décadas xa que esta comezou a medrar e os gastos a multiplicarse, o que, mais unha vez, mostra a importancia da emigración galega no propio día a día de moitos colectivos galegos.

Creación de escolas en Galiza

Segundo os traballos de investigación de Xosé Neira Vilas, o 80% das 310 escolas creadas en Galiza entre 1905 e 1930 foron financiadas pola emigración galega en Cuba. Esta colaboración foi tal que mediante as Sociedades de Instrución mandaban cartos ás localidades mais tamén material escolar, mobiliarios, compra de terreos e mesmo financiaban o salario dos mestres e mestras. Isto tivo tal impacto que en moitas localidades da provincia de Lugo conseguiron erradicar o analfabetismo de centos e centos de rapaces.

Por falar de casos concretos, a Sociedade Galega Viveiro e a súa comarca contribuíu con fondos para erguer 67 escolas, unha acción fundamental que buscaba que a rapazada non tivera que vivir nas condicións de analfabetismo que viviron nas décadas anteriores.

Nacionalismo galego

O nacionalismo galego tivo forte influencia da emigración cubana xa que de alí recibiu moitos cartos para poder levar adiante as súas actividades políticas.  En Cuba créanse, entre outras, a Irmandade da Fala da Habana (1917), a Xuntanza Nazonalista Galega da Habana (1920) ou o Comité Revolucionario Arredista Galego (1921), liderado por Fuco Gómez. Ademais desde alí escribiu parte dos seus libros Xosé Neira Vilas, un dos referentes da literatura galega, autor de Memorias dun Neno Labrego e que viviu na Illa entre 1961 e 1992

No caso do Comité Revoluzonareo Arredista Galego apostaba abertamente pola independencia de Galiza e tiña unha organización semiclandestina, lanzando a comezos dos anos trinta na Coruña un panfleto que falaba da independencia de Galiza como a única solución para os seus problemas. Isto provocou que Fuco Gómez tivera que acabar exiliado en Portugal mais non por iso deixou de loitar politicamente por Galiza e tamén polos dereitos das persoas negras na illa cubana.

Centro Galego da Habana

Nun artigo destas características non podemos deixar de falar do Centro Galego da Habana, hoxe coñecido coma o Gran Teatro de La Habana, o que, para o que escribe, é o edificio máis impoñente de toda a Habana, xunto co Capitolio.

O Centro Galego da Habana foi erguido pola emigración galega e non só funcionou como punto de reunión da colectividade senón que tamén deu axuda ás persoas que acababan de chegar á illa pero tamén atención sanitaria, educativa cultural, económica e social. Deste espazo saíron numerosos proxectos de baile tradicional, cultural, literario, etc.

Nas últimas décadas do século XIX a diáspora galega xa estaba activa en numerosas actividades mais tamén na atención a compatriotas ou mesmo no apoio a diversas iniciativas no territorio galego. Por exemplo, o Centro Galego, Sociedade de Instrución e Recreo axudou a Manuel Murguía a publicar o seu Historia de Galicia. Este Centro Galego chegou a ter un hospital chamado La Benéfica.

Ademais de estrearse o himno galego, nel tamén interpretaron a primeira versión musical do Negra Sombra, concretamente no ano 1892.

Aínda que xa existían outros edificios na zona, no ano 1908  comezaron as obras do edificio actual, de estilo neobarroco e rematado sete anos máis tarde, do que din que a primeira pedra foi traída do país, concretamente de Parga. Este edificio contaba con salóns de cine, salas para actividades culturais, salóns de xogos, oficinas e caixas de aforros, restaurantes, bares, etc.

Co triunfo da Revolución Cubana este edificio foi nacionalizado e hoxe é o Grande Teatro da Habana e sede do Ballet Nacional de Cuba.

Galiza Cuba
Centro Galego na Habana.

En definitiva, non hai artigo suficiente para narrar a importancia e influencia mutua que tiveron Cuba e Galiza, uns lazos que perviven até os nosos días. Estes son algúns datos mais poderíamos seguir, por exemplo falando de como Castelao deixou nos seus debuxos a situación das persoas negras en Cuba, os chamados Debuxos de Negros. Tamén de María Muñoz Portal, coruñesa que deixou unha fonda pegada en Cuba como musicóloga e pianista, do enorme traballo levado adiante por Xosé Neira Vilas na súa estancia en Cuba, ou mesmo da presenza da lingua galega na fala cubana, con exemplos tan claros como taranbaina, berrear, buraco, saia, achantar, escarrancharse, lacón, magoarse, sabechón, etc.

Estamos abertos a que nos deixedes máis datos e nun futuro poder ir ampliando este artigo ou mesmo facer unha segunda parte, porque aínda que son anos nos que levamos documentándonos mediante libros, documentais e principalmente na nosa estadía en Cuba, é imposible coñecer todos os datos dun fenómeno tan importante coma este

Para toda a xente que quere saber máis deste tema, deixamos as fontes de onde documentamos parte deste artigo:

  • Arredor do Mundo – Xosé Neira Vilas
  • Presenza galega en Cuba – Xosé Neira Vilas

Publicidade

Publicidade

Publicidade

1 comentario en “11 datos para saber máis sobre os vínculos entre Galiza e Cuba”

Deixa un comentario

Más artículos sobre Actualidade

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego