10 petróglifos para introducirse na arte rupestre (I)

Publicidade

Un petróglifo é un gravado feito na rocha ao aire libre e que representa un xeito de comunicación previo á escritura: unha pedra que fala. Esta palabra tan coñecida significa ‘pedra tallada’, xa que vén das palabras gregas petros (pedras) e glyphein (tallar). As representacións máis antigas datan do Paleolítico Superior, aínda que a súa presenza aumenta considerabelmente durante o Neolítico, isto é, hai 10.000 ou 12.000 anos. Podemos atopar petróglifos en todos os recunchos do mundo agás na Antártida e, aínda que a súa representación pode variar moito, atopamos representacións similares en espazos moi lonxanos.

Galiza é un dos territorios de Europa con maior concentración de petróglifos, feitos case todos a comezos da Idade de Bronce e unha parte importante deles concentrados na provincia de Pontevedra. Contamos con representacións tan senlleiras como labirintos, armas, cervos, serpes ou cabalos. Esta concentración é moi grande, aínda que na actualidade continúan aparecendo novos petróglifos aínda sen catalogar.

Como sucedeu con moitos dos castros galegos, algúns deles foron cristianizados e moitos gardan lendas asociadas á moura, aos mouros e a outras personaxes da nosa mitoloxía. En definitiva, os petróglifos son representacións que nos queren transmitir cousas non só co debuxo se con onde están localizados e coa súa orientación.

Que 10 petróglifos debes coñecer para introducirte no fascinante mundo da arte rupestre?

Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro

Este parque é a principal xoia da arte rupestre galega e un dos máis importantes de toda Europa. Pertence á Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico e contando con varios petróglifos declarados como Ben de Interese Cultural.

Este recinto está formado por un Centro de Interpretación, un poboado da Idade do Bronce e unha extensa área de 22 ha e algo máis de 3 quilómetros de amplitude que conta con numerosos petróglifos, destacando entre eles o petróglifo da Laxe dos Carballos no que podemos ver un grande cervo. Outros destacábeis son a Laxe da Forneiriña, Outeiro dos Cogoludos I e II, Fonte da Pena Furada ou a Laxe dos Cabalos entre outros.

A nosa recomendación é que fagades unha visita guiada, ben polo día ou sobre todo pola noite, momento no que mellor podes observar estas representacións.

Petróglifos de Mogor (Marín)

Estes petróglifos están localizados na parroquia de Mogor, no Concello de Marín, a poucos metros da praia de Mogor, e aínda que na actualidade apenas son visíbeis tres deles, no seu momento chegaron a existir até sete gravados que desapareceron pola construción da estrada, as urbanizacións da zona e labores de cantería.

As tres representacións existentes reciben o nome da Laxe dos Mouros, Pedra dos Campiños e Pedra do Labirinto. Esta última, a máis impoñente de todas, consta de coviñas e representacións circulares en forma de labirinto, algo pouco habitual na arte rupestre do país. Contan na zona que tradicionalmente recibía o nome de Pedra da Moura Encantada.

Posibelmente sexan dos petróglifos máis populares do país e xa no ano 1866 Murguía incluíunos no seu libro Historia de Galicia. Na actualidade conta cun pequeno centro de interpretación para coñecer a historia dos petróglifos e en concreto os de Mogor. Habitualmente adoitanse organizar visitas guiadas nocturnas.

Petróglifos do Casal do Mouro (Ambroa, Irixoa)

Irixoa é un municipio da comarca de Betanzos, moi preto da cidade da Coruña. Nesta zona contan con numerosos monumentos megalíticos como castros, mámoas ou petróglifos.

Parque Arqueolóxico de Tourón (Ponte Caldelas)

A pouco máis de 15 minutos de Pontevedra, na parroquia de Tourón (Concello de Ponte Caldelas) nun lugar coñecido como Detrás do Outeiro, atoparemos o parque arqueolóxico de arte rupestre máis importante desta zona que conta con cinco estacións e un Centro de Interpretación que non está aberto a diario polo que é preciso avisar previamente para a visita.

As cinco estacións reciben os nomes de Laxe das Cruces, Coto da Siribela, Outeiro da Forcadelas, Coto das Sombriñas e Nabal de Martiño. Pódense visitar nun percorrido case circular e neles atopamos representadas escenas de cazas, cérvidos, círculos ou trísceles realizados no final do Neolítico e da Idade do Bronce.

Ecoparque arqueolóxico do Monte Tetón (Tomiño)

Este ecoparque está localizado na parroquia de Santa María de Tebra (Tomiño) e conta coa particularidade de ter o maior petróglifo de círculos concéntricos de Europa: o chamado petróglifo de Portaxes. Outro dos máis significativos da zona é o petróglifo de Real Seco e ambos forman parte dunha pequena ruta circular formada por case douscentos gravados. Destacan dúas estación principais nos que poderás observar animais, círculos, cazoletas…

Na zona tes unhas fermosas vistas de todo o Val Miñor e do Baixo Miño, aínda que a masiva presenza de eucaliptos oculta e estraga en boa medida o encanto da zona. En definitiva, este é un lugar de obrigada visita e, como sucede cos xa citados, recomendamos contactar co Concello para coñecer posíbeis visitas guiadas.

Petróglifos da Coutada (Taboexa, As Neves)

As Neves é un dos principais lugares de toda a provincia de Pontevedra con maior riqueza arqueolóxica, xa que aquí podes atopar castros, petróglifos, muíños, mámoas. Por desgraza nos últimos anos este lugar sufriu salvaxes incendios forestais que arrasaron con boa parte dos montes do Concello.

Despois destes lumes apareceu no lugar de Taboexa unha laxe cun dos petróglifos máis importantes do sur da provincia de Pontevedra, atopada logo dunha visita para valorar os danos dos incendios. Estes petróglifos atópanse preto doutros coñecidos como petróglifos de Morgallón e neles podes atopar multitude de animais e coviñas.

A nosa recomendación é que aproveitedes a visita para coñecer outros elementos patrimoniais e o Centro de Interpretación do Patrimonio e Local Socio-Cultural de Taboexa.

Fonte: Concello das Neves

Petróglifos da Caeira (Poio)

Estes petróglifos están localizados no Concello de Poio nun dos laterais do Monte Tomba. A estación conta con máis de vinte gravados, estando algúns deles declarados como Monumento Histórico Artístico e parte da arte rupestre de Terras de Pontevedra. Foron descubertos a comezos do século XX grazas ao traballo de Ramón Sobrino Buhigas, aínda que eran uns completos descoñecidos para boa parte da poboación da zona até hai non tantos anos.

O lugar está habilitado cunha pasarela de madeira e, a carón do coñecido Casal de Ferreirós, atópase o Centro Arqueolóxico da Caeira. Recomendamos visitalo aínda que para chegar a el é preciso o coche, xa que non está na propia zona do parque arqueolóxico.

Diversos estudos constatan que na zona é probábel que existise un poboado da Idade de Bronce que tería relación con estes gravados, nos que podemos ver variedades de representacións como cervos, cazoletas ou diversas figuras antropomórficas.

Desde o propio parque arqueolóxico temos unha vista privilexiada da cidade de Pontevedra.

Petróglifo do Chan da Ferradura (Amoeiro, Ourense)

Este conxunto de gravados rupestres atópanse na parroquia de San Pedro de Trasalba, no Concello de Amoeiro. Segundo contan na Galipedia foron descubertos ao longo dos traballos de seguimento arqueolóxico da construción dun gasoduto a finais de 1990. De feito, durante estes traballos, atoparonse trinta rochas con gravados distribuídas en vinte grupos.

A maior parte dos gravados son coviñas e están distribuídas en grupos en torno ao Chan da Ferradura, se ben é certo tamén hai círculos concéntricos, cruces e ferraduras. O gravado está orientado cara a unha abertura natural do abeiro que mira cara ao sueste e xa na altura o seu descubridor ponderou a posibilidade de que estivese orientada cara o solpor no solsticio de inverno. A rocha onde está o gravado separouse dunha rocha maior e foi deslizada lixeiramente para situala na boca do abeiro.

Petróglifos da Cabeciña (Oia)

Os montes de Oia acollen unha das maiores concentracións de petróglifos da zona e aínda na actualidade continúan a aparecer novos elementos, se ben é certo que outros se foron degragando a consecuencia dos lumes.

Na Serra da Groba e concretamente en Mougás, érguense os restos dun castro sinalizado e que conta cunha recreación dunha vivenda prehistórica. Ao seu carón temos os petróglifos da Cabeciña, gravados rupestres con formas de labirintos, círculos concéntricos, coviñas e cazoletas o que indica que nesta zona houbo unha continuidade de grupos humanos durante séculos.

Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

O Monte Pituco atópase a 313 metros de altitude sobre o nivel do mar e desde aquí podemos contemplar unhas espectaculares vistas das rías de Vigo e de Pontevedra. Este lugar, que comparten os concellos de Marín e Pontevedra, sufriu ao longo dos anos moitísimas agresións ao seu patrimonio, mais tamén ao monte en forma de grandes extensións de eucaliptais.

Hai uns anos as comunidades de montes de Lourizán, Salcedo (Pontevedra) e San Xulián (Marín) crearon un roteiro na zona para dar a coñecer todo o patrimonio existente co apoio de numerosos colectivos e asociacións da zona. Este espazo recibiu o nome de Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

No lugar temos unha ruta circular sinalizada de algo máis de 4 kms e na que podemos desfrutar de mámoas, fontes, unha recreación dunha aldea neolítica así como numerosos petróglifos, como poden ser o Conxunto Rupestre do Outeiro da Mina, Conxunto Rupestre de Pornedo, do campo de Tiro, do Outeiro da Hedra, do Pumariño, etc.

En definitiva, este é un lugar de obrigada visita se pasas pola zona. Ademais, podes aproveitar para visitar o Castro da Subidá, Castro das Croas e os petróglifos de Mogor, todos a poucos minutos de distancia.

Con este último petróglifos rematamos esta primeira lista de petróglifos para visitar, aínda que nos comprometemos a ampliar a lista e na medida do posíbel saír da provincia de Pontevedra (onde se concentra a maior parte dos gravados descubertos) para coñecer outros ao longo do país.

Que outros petróglifos recomendas? Déixanos o teu comentarios!

Pode que che interese:

Guía completa para visitar os Ancares

A serra dos Ancares é unha cordilleira administrativamente dividida entre Galiza e Castela e León, localizada entre o oriente de Lugo e o Bierzo. No ano 2006 foi declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO e posiblemente sexa o maior tesouro galego a nivel medioambiental e cultural.

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.

Publicidade

Publicidade

2 comentarios en “10 petróglifos para introducirse na arte rupestre (I)”

  1. Pois o ghorghalado no Rosal
    Os petroglifos de Couso moi cerca do Tetón.
    Os petroglifos de Campolameiro que están fora do Paar, que hai mais que dentro.

    Responder

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!