O Apalpador, mítico xigante tradicional galego

Fantásticas tradicións. As principais personaxes do nadal no Estado Español

A festividade do nadal é unha festa de carácter cristiá que conmemora o nacemento de Xesús de Nazaret.

Tanto a Igrexa Católica como as Igrexas Protestantes e a maioría das Igrexas Ortodoxas celébrana o 25 de decembro, mais hai outras igrexas orientais que a celebran o 7 de xaneiro, xa que non aceptan o calendario gregoriano.

Como moitas outras tradicións, a festividade do nadal ten a súa orixe nunha festividade pagá, concretamente o solsticio de inverno que sucede cando se revirte a tendencia ao alongamento das noites e acurtamento das horas diúrnas.

Os romanos adoptaron a celebración na mesma data e o cristianismo asimilouna coma o día do nacemento de Cristo, mesturando ritos de carácter popular con outros novos, como pode ser no caso galego do Tizón de Nadal, a Árbore de Nadal, o Apalpador etc.

O nadal galego comparte rituais con outros puntos de Europa, aínda que conta con certas peculiaridades. O que si é global é a imposición cultural do Papa Noel americano (impulsada a partir de mediados do século XX) a costa da perda doutras personaxes propias de cada cultura, ao mesmo tempo que entrabamos nun ciclo de consumismo masivo.

O Estado Español ten unha gran riqueza cultural en canto a personaxes propios destas datas, que presentamos a continuación:

O Apalpador en Galiza

O Apalpador, Apalpa-Barrigas ou Pandigueiro é a figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición do Nadal do que existen testemuñas nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares, aínda que se está a recuperar en toda Galiza.

Trátase dun vello xigante que vive nas devesas facendo carbón e labrando na madeira para facer enredos. Viste esfarrapado e cheo de remendos, usa boina e fuma en pipa.

O Apalpador baixa a noite do 24 ou 31 de decembro segundo a zona, para visitar a nenas e nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano. Déixalles unha presada de castañas, eventualmente algún regalo e deséxalles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándolles “así esteas todo o ano“.

Recreación do Apalpador, por Leando Lamas
Recreación do Apalpador, por Leando Lamas

O Olentzero en País Vasco e Navarra

O Olentzero ou Olentzaro é unha personaxe da tradición do nadal vasco. Trátase dun carboeiro mitolóxico que trae os agasallos. Caracterizado coma un home de bo comer, vive nos bosques, lonxe das cidades. Alí emprega o seu tempo en crear carbón vexetal até que chega o inverno e baixa ás vilas desde as montañas. 

O estudoso Claude Labat afima que “o Olentzero debe ser situado dentro das celebracións do solsticio de inverno“, simbolizando o vello que se queima para deixar paso ao novo

Unha etimoloxía probable do termo indica que é unha palabra composta de onen ‘bo’ e zaro ‘tempo’ que redundaría na celebración do solsticio de inverno e a chegada do ano novo. A súa primeira referencia atópase nos Foros de Navarra.

Imaxe do Olentzero. Fonte: Cadena Ser

O Tió de Nadal en Catalunya e Aragón

O Tió de Nadal é unha personaxe mitolóxica catalá moi arraigada en Catalunya. Esta tradición tamén se pode atopar en Occitania baixo o nome Cachafuòc ou Soc de Nadal, e en Aragón como Tronca de Nadal ou Toza. Estaría emparentado co tizón de Nadal galego, un tronco que se deixa queimar dende a Noiteboa até Aninovo para afastar os espíritos da casa.

O 8 de decembro comézase a dar de comer cada noite a un tronco e tápase cunha manta para que non pase frío.

O día de Nadal ou na véspera, ponse o Tió ao lume e fáiselle defecar a base de darlle golpes de bastón, acompañados das chamadas cancións do Tió.

O Tió nunca defeca obxectos grandes (estes xa os traen os Reis Magos) senón lambetadas, barquillos e turróns para os máis pequenos. Segundo a comarca, tamén defeca figos secos e cando deixa de defecar (porque xa non lle queda nada) bota un arenque salgado, un allo, unha cebola, ou ouriña no chan.

Tió de Nadal
Tió de Nadal. Foto de cugat.cat

 O Anguleru en Asturies

L’Anguleru (pescador de angulas) é unha personaxe de ficción da cultura popular asturiana que se encarga de traer agasallos aos nenos na Noiteboa.

Dacordo co imaxinario popular, l’Anguleru habita durante todo o ano no Mar dos Argazos, preto do triángulo das Bermudas, coidando anguías e angulas até que volve a Asturias na súa barca, denominada L’Angulina, a noite do 24 de decembro.

Esa noite, mentres os nenos celebran a Noiteboa, adícase a pescar angulas para vendelas logo na lonxa e así poder mercar agasallos. O Anguleru entra través do río Nalón.

Imaxe do Angulero. Fonte: asturies.com

O Tientapanzas en Écija

En Écija manteñen unha figura similar ao Apalpador chamada Tientapanzas, que foi recuperada polos veciños da localidade e é paseada cada Nadal por esa vila andaluza.

Este popular personaxe percorre as rúas desta poboación sevillana na fin de semana entre o Nadal e a véspera do novo ano. Vai dar un gran paseo, que nos últimos anos inclúe Xigantes e Cabezudos, sendo unha antiga tradición que tamén se recuperou.

Imaxe do Tientapanzas. Fonte hoteles.com

O Esteru en Cantabria

O Esteru é un leñador forte, cunha boina, unha pipa e barbas grandes, que sempre vai acompañado do seu machado, o seu bastón e o seu fiel axudante, El Burru. Vive nos bosques de Cantabria e adícase durante todo o ano a cortar leña, agás os días de Nadal, no que fabrica xoguetes que despois trasladará ás casas de Cantabria e parte de Asturies.

A historia sobre esta crenza foi recollida en lugares como Llanes, Cobijón e Ruiseñada. Neste último municipio, o Esteru goza de gran popularidade e aparece cada ano na súa cabalgata dos Reis, especialmente nos últimos anos do século XX e comezos do actual.

É polo tanto, xunto ás Anjanas, un dos símbolos máis representativos do Nadal en Cantabria.

Imaxe do Esteru. Fonte Cantabria Rural

Fontes: Wikipedia e O Portal das Palabras.

Publicidade

Publicidade

Publicidade

2 comentarios en “Fantásticas tradicións. As principais personaxes do nadal no Estado Español”

  1. Na miña casa o Pandigueiro erea un cervo xigante que che apalpaba o bandullo co fociño, e deixaba coroas de castañas e leña. Pero se non cantabas e facías festa, non baixaba do monte, e se tiñas moitos doces na casa non che deixaba ningún outro.
    Cando me enterei de que alguén colleu o carboeiro Cántabro e misturouno co Pandigueiro, case me da un paro. Qué cousa máis pouco ben poñer a un vello carboeiro que vive so no monte a lle apalpar o ventre ós meniños. De pesadelo.

    Responder

Deixa un comentario

Más artículos sobre Cultura, historia, tradicións e mitoloxía

Día das Letras Galegas: as cantareiras e o cancioneiro popular galego

Nota: os materiais fotográficos e sonoros (referenciados ao pé) incluídos nestes traballos publícanse por cortesía do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego) no que se albergan os fondos Schubarth-Santamarina e da Agrupación Folclórica Aturuxo ao

Por que poñemos xestas nos coches e nas portas?

Cando chega o mes de maio, en moitos lugares de Galiza e o Norte de Portugal é habitual ver xestas e flores nas portas das casas, nos coches, nas fiestras ou nas embarcacións, e antigamente nos carros. Cal é o motivo? Pois ben, temos que

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego