7 lugares espectaculares dos Canóns do Sil que deberías visitar unha vez na vida

Publicidade

A Ribeira Sacra atópase entre as provincias de Ourense e Lugo, e comprende as ribeiras do río Sil e do Miño. Neste ano 2021 o Comité de Patrimonio Mundial decidirá se entra na lista de Patrimonios da Humanidade o que podería contribuir a unha maior protección da zona mais tamén na masificación dun dos recunchos máis singulares de Europa.

Sexa como fora, o certo é que a Ribeira Sacra agocha algúns dos maiores tesouros que temos no noso país, desde árbores milenarias até miradoiros máxicos e sobre todo unha grande concentración de patrimonio románico, xa que este lugar agrupa o maior número de construcións de carácter relixioso de estilo románico de toda Europa.

Neste artigo falaremos sobre lugares dos Canóns do Sil que deberías visitar unha vez na túa vida, e aínda que estes son só 7 exemplos do moito que hai por ver, axudará a poder organizarte unha escapada de fin de semana.

Acompáñasnos nesta fantástica viaxe?

Balcóns de Madrid e Curral do Penso

A pouca distancia da localidade de Parada de Sil, atópanse xuntos os miradoiros máis mediáticos de todos os que existen nesta zona, especialmente o dos Balcóns de Madrid, o cal recibe tamén o nome de “Miradoiro de Torgás” e que agocha unha triste historia que contaremos a continuación

Unha zona de emigrantes

Cara mediados do século XX, foron moitas as persoas da zona emigraran a Madrid en búsqueda dunha vida mellor. Moitos deles marcharon a  traballar como barquilleiros, de feito en Parada de Sil poderás atopar unha estatua homenaxe.

Para ir a Madrid tiñan que coller o tren en Monforte de Lemos e para chegar alí a única opción era cruzar en barca o río Sil. Desde estes balcóns, as mulleres e os fillos despedían a estes homes, de aí que reciba o popular nome de Balcóns de Madrid.

Para chegar até estes balcóns tes dúas opcións: A primeira é deixar o coche en Parada de Sil e dar un agradable paseo de 15 ou 20 minutos mais se contas con pouco tempo o mellor que podes facer é deixar o coche no campo de fútbol e camiñar os 3 minutos de distancia.

Paseo do Canón do Río Mao

O río Mao na Serra de San Mamede (concello de Montederramo, Ourense).

Esta ruta que parte da Fábrica da Luz, ubicada en Parada de Sil, percorre a beira do río Mao e ten diferentes traxectos, un máis longo duns 16 kms e outro máis curto, líneal e duns 2 kms ida e volta que transcorren por unha pasarela de madeira e que é ideal para facer con cativos.

Ao longo desta pasarela poderás observar distintas árbores de ribeira así como paneis que mostran a fauna da zona e o agreste canón do río Mao. Xa cara o final da pasarela chegarás a unha pequena ponte de uso agrícola onde poderás optar por voltar sobre os teus pasos, ampliar o percorrido cun roteiro circular de 16 kms ou ben visitar a praia fluvial de Barxacova.

Destacar tamén que a Fábrica da Luz agora é un albergue turístico, bar e espazo de formación ambiental e conta cun pequeno aparcadoiro para deixar o coche.

Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

O Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil foi un dos máis importantes de toda a Ribeira Sacra, atópase na parroquia de Caxide (Parada de Sil) e está ubicado entre o fermoso Souto de Merilán. Este é un deses lugares no que a mestura da arte e a natureza provocan uns sentimentos imposibles de describir.

Aínda que hai documentos do século X e XI que mencionan este lugar, o mosteiro  corresponde a finais do século XII e comezos do XIII. Os monxes que habitaron o mosteiro deron un grande dinamismo á zona co comercio e produción da uva e da castaña. Xa entrados no século XV comezou a decadencia do mosteiro e acaba por desaparecer como abadía, pasando a formar parte do priorato do Mosteiro de Santo Estevo.

Entre os séculos XV e XVI reconstruiron o claustro e decoraron a igrexa con moitos dos frescos que aínda podemos ver a día de hoxe. A partir do ano 1835, coa desamortización, os monxes abandonan o recinto e pasa a mans privadas.

Aínda que a zona non conta cun aparcadoiro podes deixar o coche na beira da estrada sen nengún problema. A entrada ten un prezo simbólico que serve para a conservación deste espazo.

Publicidade

Publicidade

Necrópole medieval San Vítor de Barxacova

A poucos minutos das pasarelas do Canón do Río Mao, poderás aproveitar para visitar esta fantástica necrópole medieval, na que aconsellamos deixar o coche en San Lourenzo de Barxacova para facer posteriormente o percorrido a pé durante uns 10 ou 15 minutos.

Deste lugar non se saben datas exactas do seu abandono mais segundo a tradición oral da zona, as pedras da capela aínda estaban en pé ate finais do século XIX e posteriormente no século XX construiuse no penedo unha base de cemento para unha torre eléctrica.

Ademáis, nos traballos arqueolóxicos atoparon unha tégula romana e diversas moedas dos tempos de Sancho IV, Afonso V de Portugal e Enrique II.

A necrópole está composta por varias tumbas, é de acceso libre e está interpretada para poder coñecer as súas orixes.

Miradoiro de Vilouxe

O miradoiro que quita o alento.

Este lugar ubicado nos límites do Concello de Parada de Sil, tamén coñecido coma miradoiro do Loureiro, é posiblemente o máis espectacular da zona, mais a diferencia doutros, non ten ninguna baranda polo que tes que ter moito coidado.

Para chegar a el tes que deixar o coche á entrada do lugar de Vilouxe, ao carón dunha capela e  camiñar aproximadamente 10 ou 15 minutos entre hórreos, petos de ánimas e vivendas de arquitectura tradicional.

Miradoiro Pena do Castelo

Para chegar a este miradoiro temos que cruzar o río Sil e mudar cara a provincia de Lugo, xa que se atopa en San Martiño de Doade (Concello de Sober). Desde os 600 metros de altura, poderás observar as impresionantes vistas dos viñedos que forman parte da paisaxe desta zona.

Ademáis neste lugar hai unha pequena ermida adicada a San Amaro, desaparecida cara o século XIX e rehabilitada a comezos do XXI. Tamén na contorna hai os restos dun castro, hoxe case desaparecido.

Castiñeiro Entrambosríos

Un Souto máxico.

Trátase dun dos moitos castiñeiros milenarios que atoparás no Concello de Parada de Sil, destacando este por estar incluido no catálogo de “Árbores Senlleiras de Galiza”, polo que goza dun estatus de especial protección e coidado.

Esta árbore de máis de 15 metros de altura e 9 de perímetro, atópase entre un souto máxico que deixa sen palabras. Tamén ao carón do regato do Batán hai restos de muiños e sequeiros tradicionais que che transportarán a outra época.

Por último destacar que por esta zona transcorre un roteiro homologado PR G 98 de 17 kilómetros de percorrido.

Datos da Árbore:

  • Altura (m): 15,80
  • Perímetro normal (m): 9,30
  • Diámetro de copa (m): 17,10
  • Idade estimada: 700 anos

Agardemos que estes 7 lugares para visitar os Canóns do Sil, axuden a organizar unha viaxe por por unha zona de tanto encanto e até non hai tanto, descoñecida. En vindeiros artigos achegaremos outros lugares fundamentais para visitar na Ribeira Sacra.

Fe de erros: o Rio Mao nace na Serra de San Mamede (Montederramo, Ourense) e non no Inicio (Lugo).

Pode que che interese:

Guía completa para visitar os Ancares

A serra dos Ancares é unha cordilleira administrativamente dividida entre Galiza e Castela e León, localizada entre o oriente de Lugo e o Bierzo. No ano 2006 foi declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO e posiblemente sexa o maior tesouro galego a nivel medioambiental e cultural.

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.

Publicidade

Publicidade

2 comentarios en “7 lugares espectaculares dos Canóns do Sil que deberías visitar unha vez na vida”

  1. Sobreo Rio Mao:
    Non nace no concello de Incio que é de Lugo
    Vos xogou unha mala pasada o consultar onde nace o río pois hai outro que descorre polos concellos de O Incio, Boveda e desemboca no río Cabe – Monforte e de aí sacastedes o dato
    O Mao do que queredes falar nace no concello de Montederramo si ouvesedes mirado un mapa xa vos decatariades do tema ..pero o de sempre NOTICIAS PARA ADIANTE…
    Esto mesmo lle pasou tamen o Faro de Vigo
    Hai outros pequenos faio …. pero vou pasar xa estou canso de tanta información con erros

    Responder
    • Bo día, Xose Antón. Efectivamente tes razón que hai un erro no artigo. O Río Mao ao que nos referimos nace na Serra de San Mamede (no concello de Montederramo), e non en Lugo. E si, é un erro baseado en buscar rápido ese dato concreto, que no momento de escribir descoñeciamos. Estivemos onda as fotos que acompañan o artigo, non no nacemento do mesmo.

      Dito isto, supoño que se nos sigues desde hai tempo verás que nin somos un xornal nin o noso obxectivo é “sacar novas e para adiante”. Nin aquí nin nas nosas redes sociais. Tampouco temos decenas de xornalistas e redactores (como o Faro de Vigo) que revisen o que escribimos.

      Con todo, grazas por indicarnos o erro. Unha aperta!

      Responder

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!