Vacaloura ou escornabois camiñando sobre follas

O que todo o mundo debería saber sobre a vacaloura, o escaravello máis grande de Europa

Se nos preguntasen polo animal galego por excelencia seguro que pensabamos na vaca. Algúns dirían que o porco, porque del se aproveita todo e a súa carne alégranos as paparotas desde sempre.

Ou polo menos desde hai ben de tempo.

Se nos preguntasen por un animal en perigo de extinción (ou polo menos fortemente ameazado) seguro que debullariamos as siluetas de grandes mamíferos como baleas ou osos.

É difícil pensar nun insecto. Nun que vive entre nós e do que a súa presenza é cada día menor, até o punto de estar considerada unha especie ameazada.

Dáse unha curiosa realidade, que nos é sinxelo mirar fóra pero moi difícil mirar dentro. E resulta que a protagonista deste artigo é de dentro, é un insecto e está ameazada: a vacaloura.

Vacaloura ou escornabois camiñando sobre follas
Vacaloura. Imaxe de Sindo Mosteiro en Flickr

Que é a vacaloura?

A vacaloura é o escaravello máis grande Europa, aí de nada.

Déixanse ver habitualmente nos meses de verán, comezando a saír das árbores onde viven en xuño e rematando coa reprodución a finais de agosto.

Son, como dixemos, de gran tamaño. Aínda así hai diferenzas, pois o macho é moito máis grande que a femia (de 5 a 9 centímetros o macho, de 2,5 a 5,5 centímetros as femias).

Non só son diferentes en tamaño, senón tamén na súa forma.

Os machos teñen as mandíbulas (tamén chamados cornos) moito máis desenvoltas, e son nas que pensamos inmediatamente ao falarmos deste escaravello.

As mandíbulas das vacalouras están pensadas para loitar entre elas co obxectivo de buscar femias para a reprodución.

Onde vive a vacaloura?

A vacaloura vive principalmente nas árbores e o seu papel é fundamental no bosque galego ao axudar ao enriquecemento dos solos e á rexeneración.

Ten unha vida moi curiosa.

Mantense en estado larvario até 5 anos mentres que se alimentan de madeira en descomposición, polo que a súa vida fóra dos bosques é case imposible.

Unha vez rematado ese estado larvario ten lugar unha metamorfose completa dando paso a unha efémera vida adulta, que non adoita superar os vinte días.

De que se alimenta a vacaloura?

Como comentamos o alimento principal da vacaloura é a madeira en descomposición.

Son moi comilonas, gostando especialmente dos carballos, castiñeiros ou outras árbores de folla caduca. Razón pola cal é moi difícil velas en bosques de eucaliptos, sendo o monocultivo deste un problema para a súa vida, e a “limpeza” de madeira podre dos montes, outra.

Outro alimento do que teñen verdadeira atracción é ao zume das froitas maduras e das árbores.

As mandíbulas dos machos, alén do seu grande atractivo e da ferramenta que teñen para loitar entre si, aféctalles directamente á alimentación, dificultándolla en grande medida.

Vacaloura ou escornabois
Vacaloura. Imaxe de Fins Eirexas en Flickr.

Que nomes ten?

O seu nome científico é Lucanus cervus, aínda que en Galicia o seu nome común é vacaloura ou escornabois.

Dependendo da rexión na que te atopes pode ter outros nomes como Ciervo Volante (en castelán) ou Arkanbelea (en éuscaro).

Mitoloxía ao redor da vacaloura

A principal lenda popular que atopamos sobre a vacaloura é a atribución de propiedades máxicas para defendernos das bruxas e do mal de ollo.

Para isto hai que matar ao escaravello e conservar a súa cabeza (e as súas grandes mandíbulas, naturalmente) como amuleto. Unha irracionalidade que, xunto coa nefasta xestión forestal e os lumes, ameazan de xeito real a súa supervivencia.

Os cornos das vacalouras usados para este fin coñécense como licornos ou alicornos.

Na literatura galega estivo moi presente en múltiples obras:

Non teño medo ós teus ditos
nin medo do teu meigallo
que ando cunha vacaloura
e catro dentes de allo

Ramón Cabanillas

Ou…

Sabugueiro de folla repinicada…
collereiche un ramallo na madrugada…
Cocereiche con cornos de vacaloura
con fiuncho e con ruda dos arredores,
da ermida feituqueira da Virxen loura
pra facer un feitizo pros meus amores.

Fermin Bouza Brey

Ademais como esquecer a mítica canción do Xabarín Club de Carmiña Vacaloura, que a tantas nenas e nenos traumatizou.

E ti, gostas da vacaloura?

Publicidade

Publicidade

Publicidade

7 comentarios en “O que todo o mundo debería saber sobre a vacaloura, o escaravello máis grande de Europa”

  1. Podeis contribuir a conocer su distribución y abundancia colaborando con el Grupo de Trabajo sobre Lucánidos Ibéricos (entomologia.rediris.es/gtli) y con stagbeetlemonitoring.org). En Galiza, el grupo Hábitat colabora desde hace unos años en esta labor de seguimiento.

    Responder
  2. Nós temos unha colonia de máis de 20, máis machos que femias, aparecen cando maduran as brevas e desaparecen en poucos días morrendo. Os machos pelexan moito, semellan aquiles animais que se enganchan cos cornos para defender o territorio ou as parellas.
    Non paro de facerlle fotos e videos.

    Responder

Deixa un comentario

Más artículos sobre Natureza e terra

16 lugares imprescindibles para visitar no Courel

A Serra do Courel é un dos lugares máis importantes do noso país xa non só a nivel ambiental senón tamén etnográfico, lingüístico e patrimonial. Nesta zona comezaron os traballos de recuperación dunha das figuras mitolóxicas do nadal galego, o Apalpador, mais tamén destaca pola

10 fervenzas para visitar polo menos unha vez na vida (parte 2)

Realizar unha lista de fervenzas para visitar require moitísimo tempo xa que en Galiza é raro o lugar que non teña unha ou varias fervenzas ou pozas. Por iso, despois do éxito da primeira parte na que tocamos algunhas das fervenzas máis populares, nesta segunda

7 roteiros para coñecer Galiza (parte 2)

Despois do primeiro artigo sobre 5 roteiros para coñecer Galiza que foi todo un éxito, recibimos numerosas mensaxes pedindo que ampliaramos pouco a pouco esta lista de roteiros. Así, decidimos sumar outros sete que temos feito e polo tanto temos coñecemento sobre os mesmos.

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego