O Reino de Galiza: Coñecer o pasado para construírmos o futuro

Publicidade

Desde que Orgullo Galego comezou a súa andaina no ano 2016, a divulgación da nosa historia foi un dos principais obxectivos que nos marcamos. Neste campo, un dos períodos máis fascinantes como é o do Reino de Galiza tivo e ten moita importancia. Así, dentro das nosas humildes capacidades, publicamos infografías, artigos, historias e mesmo conversas con historiadores como Anselmo López Carreira que mereceu o premio do público do concurso Youtubeiras.

Neste ano 2022 a área de Cultura da Deputación da Coruña lanzou uns fondos para a divulgación de Proxectos Culturais do Reino de Galiza. A iniciativa foi un completo éxito e, cun límite de financiamento de 20 proxectos, presentáronse máis de 120 propostas.

Orgullo Galego tivo a enorme sorte de poder formar parte deses 20 proxectos escollidos polo xurado, onde podemos atopar documentais, roteiros, videoxogos, etc., en definitiva, moitísima calidade que mostra a riqueza e importancia que ten este período no conxunto do pobo malia o ocultamento ao que o teñen sometido.

Desde a comunidade decidimos dedicarlle moitos esforzos á nosa proposta, que baixo o título “O Reino de Galiza: Coñecer o pasado para construírmos o futuro”, busca a visibilizar do Reino de Galiza, mostrar a realidade con datos e rigorosidade, acompañados de expertos e expertas da materia que contribúan a mudar ese relato hexemónico que considera un dos reinos máis importantes de Europa como unha anécdota sen case percorrido.

Para mostrar a nosa proposta utilizaremos as redes sociais como non podía ser doutra maneira. Se internet e as redes sociais son o principal espazo de socialización da nosa sociedade, entendemos que a nosa historia ten que estar presente neste campo, para poder chegar a un público amplo diverso e poder complementar outros espazos de divulgación máis habituais.

Entre os meses de xullo e novembro desenvolveremos un ambicioso proxecto nas nosas redes sociais mais que terá como centro neurálxico o apartado web reino.orgullogalego.gal. Facebook, Twitch, Twitter, Instagram, Telegram ou Tik Tok contarán con numeroso material de diversos períodos do Reino de Galiza. Todo o proxecto contará cunha identidade gráfica propia vinculada á actual que xa temos.

Desde xa estamos traballando para coordinar datas e material, mais xa podemos pasar a presentar o que será o programa de Orgullo Galego que leva como título “O Reino de Galiza: Coñecer o pasado para construírmos o futuro”.

Programa

Conversas online no Twitch

  • Conversa con Anselmo López Carreira: Por que o Reino de Galicia desapareceu da historiografía española? Esta conversa será na segunda quincena de outubro, se non hai novidades, o 20 de outubro ás 20h30.
  • Xosé Ramón Hermida Meilán: Revoltas galegas contra Castela, do século XIII ao XV. Esta conversa será na primeira quincena de setembro.
  • Manuel Gago Mariño: Os viquingos: Relación e presenza no Reino de Galicia. A conversa será na primeira quincena de outubro.
  • Carlos Barros Guimeráns: As Revoltas Irmandiñas. A conversa será o día 12 de setembro ás 21h.
  • Eva Moreda Rodríguez: O Códice Calixtino: A música no Camiño de Santiago na Idade Media. O Reino de Galicia como centro de peregrinación. A conversa será o día 20 de xullo ás 21h.
  • Alexandre Peres Vigo: A imaxe do Reino de Galicia, dos galegos, e da súa lingua a finais da Idade Media. A conversa será na última semana de agosto.
  • Francisco Rodríguez Sánchez: A evolución política do reino medieval galego (séculos X-XV). A conversa será na última semana de outubro.
  • Héitor Picallo Fuentes: O ciclo artúrico e o escudo do Reino de Galicia. A conversa será na primeira semana de novembro.

Lembrar que todas estas conversas serán anunciadas con antelación nas nosas redes sociais e poderás seguilas en www.twitch.tv/orgullogalego sen necesidade de ter Twitch, aínda que é recomendábel facer conta e seguirnos para poder facer preguntas no chat. Nos días seguintes a cada conversa subirémola definitivamente á nosa canle de Youtube.

Publicidade

Publicidade

Artigos formativos

Estes artigos serán publicados nun apartado específico sobre o Reino de Galiza en reino.orgullogalego.gal e posteriormente estarán en todas as nosas redes sociais. Todos eles serán publicados entre os meses de xullo e novembro.

  • Xosé Ramón Hermida Meilán: O Reino de Galicia nas crónicas europeas.
  • Manuel Gago Mariño: Historias do Reino de Galicia.
  • Francisco Rodríguez Sánchez: A evolución política do reino medieval galego (séculos X-XV).
  • Carlos Barros Guimeráns: Artigo introdutorio ás Revoltas Irmandiñas.
  • Eva Moreda Rodríguez: Cantigas de Amigo: Música e natureza no Reino Medieval de Galicia.
  • Xosé Miguel Andrade Cernadas: 2 artigos: O Reino de Galicia entre o reinado de García e o de Afonso VII (1065-1157) // Galicia na cartografía da Europa medieval.
  • Alexandre Péres Vigo: As raíñas galegas no século X.
  • Borxa González Castro: Introdución histórica á existencia do Reino Suevo de Galiza. Comprendermos a súa importancia.
  • Borxa González Castro: A lingua do Reino de Galiza.
  • Héitor Picallo Fuentes: Cálices e trevos galegos na emblemática medieval europea.

Vídeos para Tik Tok

Nesta rede social subiremos 4 vídeos específicos sobre distintos períodos do Reino de Galiza.

Posteriormente divulgarémolos tamén nas outras redes sociais aínda que o obxectivo central é achegar a nosa historia a unha plataforma cunha presenza importantísima da xente máis nova. Sairán todos entre os meses de setembro e outubro, con datas de inicio do primeiro o 8 de setembro.

  • Que é o Reino Suevo?
  • Xoán de Gante, Duque de Lancáster e Rei de Galicia
  • Vitiza, un visigodo rei de Galicia
  • A importancia da fundación de Pontevedra no Reino de Galicia

Infografías para redes sociais

Desde o mes de setembro tamén comezaremos a divulgar en Facebook, Instagram, Twitter e Telegram varias infografías que buscan achegar contido máis sintético pero de igual importancia nestas redes sociais. En total serán 10 infografías que terán como data de inicio o martes 13 de setembro.

  • Existencia dun panteón real na Catedral de Santiago
  • Presenza do Reino de Galiza na Cartografía Europea
  • O Reino Suevo, primeiro reino dentro dos límites do Imperio Romano que acuñou moeda propia
  • Quen foi o rei Hermerico?
  • Raíñas de Galiza: Sancha e Urraca
  • Que é o priscilianismo?
  • Quen foi García II?
  • Que foi a Era Compostelá?
  • Maeloc. Unha pequena introdución ao bispo galego
  • O Reinado de Requiario

Para rematar, dicir que todas as publicacións levaran os cancelos #UnReinoPorDescubrir #ReinodeGaliza e #ReinodeGalicia.

Tamén a plataforma de Youtube servirá como espazo para subir pequenos cortes das conversas (shorts) e mesmo dos videos de Tik Tok. Este é o traballo que desenvolveremos nos vindeiros meses, seguide as nosas redes sociais para estar atentos e atentas a todos os anuncios e non perder nada, aínda que todo este contido quedará permanentemente subido na nosa páxina web e na canle de Youtube.

Pode que che interese:

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.

Santa Clara: un tesouro de 750 anos

Até hai ben pouco o centro de Pontevedra contaba con 12.575,21 metros cadrados que estiveron pechados durante 750 anos á cidadanía. Este espazo do que falamos é o Convento de Santa Clara, recuperado a finais do ano 2021 polo Concello de Pontevedra por 3,2 millóns de euros. Esta operación foi unha das maiores en materia de recuperación de patrimonio das últimas décadas en Galiza.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!