Fala, un sitio onde publicar en galego e poder volver ao que escribiches

Nota: Fala e Orgullo Galego colaboran para a publicación deste artigo.

Hai receitas que só existen nun grupo de WhatsApp. Hai fotos dunha festa que alguén subiu a Facebook e que agora só atopas se dás coa persoa que as publicou. E hai aquel texto que liches e que lle queres pasar a alguén, pero do que só lembras que levaba unha foto dun can.

Boa sorte coa busca!

Todo iso se publicou no seu día. O difícil é atopalo outra vez.

De aí vén a idea de Fala, unha plataforma para crear webs e blogs en galego de balde. O que publiques queda nun sitio cun enderezo que podes compartir. Ti decides que vai na portada, como organizas o contido e cando publicas. Fala ocúpase do servidor, das actualizacións e da seguridade.

Todo vantaxes. Explicámoscho!

Que pasa co que publicas cando deixa de ser novidade?

Imaxina isto.

A túa asociación organiza un roteiro. Ben. Podes anunciar a data e abrir as inscricións desde redes sociais. É certo. Cunha publicación en Instagram é suficiente.

Logo, ao rematar o roteiro, subes as imaxes como unha galería, un par de vídeos e unhas historias. E morre o conto.

Que pasa se queres compartir un mapa interactivo, unha nota sobre o tramo do camiño que estaba cortado e galerías explicadas con ligazóns e fontes de información? Que acontece se na primavera alguén che pregunta por onde pasaba a ruta? E se a asociación quere repetir o roteiro ao ano seguinte?

Pois que atopar esa información dentro do feed vai ser un traballo titánico. Co tempo, un post en redes sociais perde visibilidade.

Porén, se en paralelo subes todo iso a un artigo dunha web de teu, esa información queda recollida e dispoñible para sempre. O roteiro continúa accesible no mesmo enderezo web e pode aparecer nun buscador semanas ou meses despois. Se alguén atopa o mapa buscando rutas pola zona, tamén pode consultar na mesma web os outros percorridos que publicou a asociación.

Que che gustaría atopar en galego?

Igual levas anos reparando bicicletas e sabes explicar como axustar uns freos que rozan.

Ou acabas de devolver un libro que che prestaron e tes tres parágrafos escritos sobre el.

Se na túa casa aínda se fai o pan cunha receita que ninguén puxo por escrito, podes empezar por preguntarlle a quen o fai canto vén sendo exactamente «a fariña que pida».

En Fala collen esas tres cousas.

Tamén a web dunha banda que quere ter as datas dos concertos e o contacto no mesmo sitio, ou a dunha asociación á que lle preguntan cada semana onde se descarga a ficha de inscrición. Podes abrir un blog e publicar entradas, montar unha web con páxinas para a información que cambia pouco ou facer as dúas cousas no mesmo sitio.

Se empezas cun blog e máis adiante precisas unha páxina de contacto ou queres cambiar a portada, podes facelo sen volver empezar.

A quen busca como axustar uns freos igual lle dá o mesmo quen escribiu a guía. O que quere é que deixen de rozar. Se dá coa túa explicación e lle serve, xa atopou en galego o que viña buscar. Iso é parte do que queremos conseguir con Fala.

Como funciona Fala?

Para crear un sitio escolles un nome, indicas o teu correo e decides como queres comezar.

Terás un enderezo do tipo nome.fala.gal e un panel en galego desde o que podes escribir, subir fotos, crear páxinas e ordenar o que publiques. Hai deseños preparados para empezar e podes cambiar as cores ou o tipo de letra sen tocar código.

Crear e manter o sitio é de balde.

E se algún día queres levar o proxecto a outro sitio, podes descargar as entradas, as páxinas, as imaxes e os comentarios. Se levas anos escribindo nun blog, aí tes moitas horas de traballo. Poder levalas contigo importa.

Por onde empezar?

Pensa nunha cousa que xa explicaches dúas ou tres veces, nunha foto da que sabes a historia ou nunha pregunta que che gustaría que alguén respondese en galego.

Con iso xa tes para un primeiro artigo.

Cando escribas a segunda, terás onde poñela. E se dentro dun ano alguén che pregunta pola primeira, poderás pasarlle a ligazón sen botar a tarde buscando no móbil.

Podes crear a túa web ou o teu blog e publicar a primeira entrada cando queiras. Crear un sitio en fala.gal aquí.

Exemplos de deseños en Fala

Publicidade

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Más artículos sobre Natureza e terra

O Colar de zonchos: Significado dunha tradición de Defuntos

Para comprender o significado do colar de zonchos – ou colar de castañas – debemos achegarnos á maneira en que as sociedades antigas entendían o mundo. Naquel tempo, a natureza era un piar fundamental da organización social da vida. O alimento, o clima, os ciclos

16 lugares imprescindibles para visitar no Courel

A Serra do Courel é un dos lugares máis importantes do noso país xa non só a nivel ambiental senón tamén etnográfico, lingüístico e patrimonial. Nesta zona comezaron os traballos de recuperación dunha das figuras mitolóxicas do nadal galego, o Apalpador, mais tamén destaca pola

Os 12 presaxios da morte na tradición galega. Descubre cantos coñeces!

Os 12 presaxios da morte na tradición galega. Descubre cantos coñeces!