Xoaniña, voa, voa, que teu pai vai en Lisboa. Que sabes deste insecto tan noso?

Publicidade

A xoaniña é un insecto da familia dos coccinélidos, da que a especie máis común é a chamada Coccinella septempunctata. Esta familia está caracterizada por ter unhas cores moi vivas e chamativas, xeralmente vermellas e con puntiños negros, aínda que tamén pode ser amarelo ou marrón, con raias ou con puntos, sendo a dieta moi influínte nesta cuestión. O seu tamaño, oscila entre os 0,8 e os 18 mm.

A súa presenza está documentada en todo o mundo, aumentando considerabelmente nas zonas máis cálidas, onde adoita vivir máis.

Xoaniña. Fonte: Diario Femenino

Diversidade de nomes.

En Galiza, o seu nome máis popular é o de xoaniña, mais recibe outros como poden ser: barrosiñamaruxiñapapasolpapoia, penoniña, polboretiña, reirreivoaniñavoíñaxoana, bechiño de Deus, coco de Deus, pita de Deus, costureira, paparei, penoniña, costureiriña ou cascarrubia, entre outros.

Por influencia do castelán, hai quen usa as formas mariquita ou mariquiña, termos que non existen na nosa lingua e que poñen en perigo as formas tradicionais, os máis de dez xeitos que temos para chamala en galego.

Esta especie adoitase alimentar de fungos, plantas, pole e néctar das flores. Tamén se alimentan de insectos como a mosca branca ou o pulgón, do cal din que pode comer até cen ao día, polo que son moi beneficiosas para o control biolóxico de pragas . Algunhas especies aliméntanse tamén de ovos e larvas de avelaíñas. O emprego de produtos químicos provoca, por desgraza, unha drástica redución da especie.

Por que dicimos que é tan noso?

Pois ben, está amplamente documentada a súa importancia  na cultura popular galega, na que podemos atopar moitísimos ditos referidos ás xoaniñas. A nosa tradición, igual que outras, considéraa signo de fortuna e boa sorte e por iso a tempos presente en tantos ditos e cancións. Por exemplo, en países como Rusia, Italia ou Turquía, ao ver unha xoaniña pódese pedir un desexo e é sinal de boa sorte. Tamén, a Galipedia indica que en turco recibe o nome de  “uğur böceği” que vén significar “becho da boa sorte”.

Na propia Galipedia tamén se explica que en zonas cristiás era habitual asocialas á relixiosidade, concretamente á Virxe María ou a Deus. En Galiza algúns dos nomes que ten asociados á relixión son bechiño de Deus, coco de Deus ou pita de Deus, pero non son os nomes máis comúns.

Aínda que nalgúns países do norte de Europa historicamente o nome facía referencia á deusa da fertilidade nórdica Freia, esta foi substituída pola Virxe María en grande medida nos nomes. Por exemplo: freyjuhœna (nórdico antigo) e Frouehenge cambiaron a marihøne (noruegués) e Marienkäfer (alemán), que significan ‘ave da Nosa Señora’. Ás veces o nome do insecto fai referencia directamente a Deus (en gaélico irlandés bóín Dé, en polaco boża krówka, en ruso божья коровка [bozhya korovka], todos os cales significan ‘vaquiña de Deus’).

Nestes anos puidemos comprobar en Orgullo Galego como eran moitos os ditos que nos deixastes nas publicacións referidas a este bechiño, os que varían dependendo de cada zona mais tendo a sorte como nexo común.

Xoaniña

Así, a continuación deixamos algunhas coñecidas e outras que puidemos recoller das vosas achegas e que se din no momento de capturar o insecto:

Cuco-rei, cuco-rei, por onde amores terei?

Cuco-rei, cuco-rei, cantos anos vivirei?

A resposta dependerá de cara a onde voe ou o tempo no que tarde en voar o insecto.

Publicidade

Publicidade

Tamén existen outros ditos referidos ás xoaniñas nos que podemos ver o uso das súas distintas variantes:

Xoaniña, voa, voa, que che dou pan con cebola.

Voa xoaniña voa que che hei dar pan de broa.

Xoaniña, voa, voa, que teu pai está en Lisboa e túa nai está na cama a comer pan e cebola.

Papasolín, cóntame os dedos, marcha para o ceo e volve para min.

Xoaniña, voa, voa vai e tráeme algunha nova.

Xoaniña, voa,voa que teu pai vai en Lisboa.

Maruxiña, voa, voa cara ao monte da Madroa.

Papasol, voa ,voa, que mañá ha de saír o sol.

Reirrei cantos anos vivirei? Vinte e cinco? non o sei (e comezabas a contar o número de anos até que voara).

Xoaniña de Deus, cóntame os dedos e vaite con Deus.

Voa, Xoaniña, voa, que teu pai foi a feira a comprar pan e cebola.

Voa, xoaniña, voa, que teu pai vai en Lisboa e che traerá pan e cebola.

Xoaniña

Labores no campo.

Cando se esfollaba o millo e aparecía unha xoaniña a xente adoitaba dicirlle: “Costureiriña bonitiña, dáme un alfinete de prata, para sacar unha espiña do corazón que me mata”.

Para saber que tempo vai vir.

Para saber o tempo que ía facer, collías unha e dicíaslle: “Porquiña rubia, porquiña rubia, dime se mañá fai sol ou chuvia”. Se voaba significaba que faría sol e se quedaba na man significaba que faría mal día.

Noutras zonas tamén nos comentaron que é habitual dicirlle cando a colles: “Papasolín, papasolin, vai ao ceo e dille a teu padrín que faga solín”. Se marcha voando é que fará sol, ou solín como din alí.

Para saber con quen ías casar.

Para saber con quen ías casar, hai un xeito que é dicirlle: “Reirrei con quen casarei?” E comezabas a dicir as letras do abecedario, e na letras na que a xoaniña emprendera o voo, esa sería a letra pola que comezaría o nome do futuro marido ou muller. Tamén contan que se rematas de dicir o abecedario e a xoaniña non voou, quedarías sen casar.

“A xoaniña andeira”

Tamén Xosé Neira Vilas escribiu un poema adicado á xoaniña.

Sobre o lombo do regueiro
navega unha xoaniña
nunha folla de salgueiro.

Vaise do eido nativo.
Quere ter diante dos ollos
paisaxes que nunca tivo.

Dende o intre que embarcou
sente unha fonda morriña
do prado onde se criou.

Mentres deixa atrás o val
vai dicindo polo baixo:
“ volverei ó salgueiral “.

E unha mañá raioleira,
por entre vimbios e fentas
voltou a xoaniña andeira.

Xosé Neira Vilas

¿E ti como lle chamas? ¿Que dito coñeces da túa zona?

Deixa os teus comentarios!

Pode que che interese:

16 lugares imprescindibles para visitar no Courel

A Serra do Courel é un dos lugares máis importantes do noso país xa non só a nivel ambiental senón tamén etnográfico, lingüístico e patrimonial. Nesta zona comezaron os traballos de recuperación dunha das figuras mitolóxicas do nadal galego, o Apalpador, mais tamén destaca pola súa arquitectura e a preservación de ritos, lendas, gastronomía e tradicións.

10 fervenzas para visitar polo menos unha vez na vida (parte 2)

Realizar unha lista de fervenzas para visitar require moitísimo tempo xa que en Galiza é raro o lugar que non teña unha ou varias fervenzas ou pozas. Por iso, despois do éxito da primeira parte na que tocamos algunhas das fervenzas máis populares, nesta segunda parte imos tocar outras 10 que puidemos visitar e que recomendamos coñecer, especialmente na época de choivas que é cando baixan no seu pleno esplendor.

Publicidade

Publicidade

5 comentarios en “Xoaniña, voa, voa, que teu pai vai en Lisboa. Que sabes deste insecto tan noso?”

  1. Grazas por adicarlle,este espazo a xoaniña. È o meu animal favorito, ou insecto,xa que eu levo o sobrenome de “xoana”.Grazas.

    Responder
  2. Na miña zona de Salvaterra do miño:
    Xoaniña voa voa
    que teu pai vai en Lisboa
    e tua nai vai no muiño
    pra che facer un boliño

    Responder

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!