O Cebreiro: As pallozas e a lenda do Santo Graal

Publicidade

Santa María do Cebreiro ou O Cebreiro, como é coñecida popularmente, é unha parroquia pertencente ao concello de Pedrafita do Cebreiro está situada a 1300 metros de altitude na comarca dos Ancares. O seu topónimo procede do latín cebrarium e entre outras cousas é coñecida por ser a primeira localidade galega do Camiño Francés. De feito, desde aquí estamos a uns 150 km de Santiago de Compostela.

Como diciamos, este lugar foi sempre un punto importantísimo no Camiño de Santiago e aquí podemos atopar o que foi o Hospital de san Xiraldo de Aurillac (hoxe un hostal). Recibe este nome cando no ano 1072 pasou a mans dos monxes da abadía francesa de Aurillac por decisión do rei Afonso VI. Dise que este hospital xa existiría anos atrás, o que podería xustificarse polo entorno de montaña no que se encontraba localizado. Con todo, o mantemento do hospital ao longo dos séculos debeuse á consolidación do Camiño Francés como ruta de peregrinación.

Na actualidade segue a ser un punto fundamental do Camiño de Santiago. Ademais, esta localidade foi declarada Conxunto Histórico Nacional grazas á conservación dos seus edificios, principalmente das pallozas: edificacións nas que vivía a xente até ben avanzado o século XX.

Que debemos visitar no Cebreiro?

Palloza no Cebreiro. Fonte: Orgullo Galego

Igrexa de Santa María a Real

Esta igrexa, que no seu tempo formou parte dun mosteiro, chegou a ser unha das máis importantes de toda Galiza. Foi fundada por monxes beneditinos no século IX e dise que é o monumento relixioso máis antigo de todo o Camiño Francés, se ben é certo que sufriu modificacións e rehabilitacións ao longo dos séculos. Ao seu carón está o hospital de Peregrinos abandonado tralo proceso de Desamortización de Mendizábal.

Nesta igrexa podemos atopar unha pía bautismal do século XVIII que servía para realizar o bautismo por inmersión, un cáliz do século XII ou un relicario doado polos Reis Católicos na súa viaxe no ano 1486.

A situación da igrexa e o clima tan duro da zona estarían detrás da lenda que conta que os monxes do mosteiro facían soar a campá case a diario co obxectivo de orientar as e os peregrinos nos días de mal tempo.

Tamén hai outra lenda que conta un milagre relacionado cun veciño moi devoto: este ía todos os días á misa, sen importar o tempo. O sacerdote sempre se ría del e un día comentou en alto que que facía alí co día tan malo que viña, que total ía para ver un “anaco de pan e un pouco de viño”. Porén, cando lle estaba a dar a eucaristía, o pan e o viño convertéronse en carne e sangue. Din que os sepulcros antropomorfos da igrexa pertencen a este sacerdote e ao veciño.

Trala desamortización este lugar perdeu importancia até que o párroco da capela, Elías Valiña Sampedro, apostou por impulsar o Camiño Francés e devolverlle o esplendor á parroquia. Durante anos adicouse a estudar o Camiño e mesmo marcou as rutas xacobeas e contribuíu a manter en pé o lugar nun momento de moita emigración. 

Elías Valiña faleceu no ano 1989 e hoxe conta cun busto a carón da igrexa. Del é parte do mérito de recuperación do tránsito dun camiño que na actualidade é o máis importante e numeroso de todas as rutas que chegan a Compostela.

Igrexa de Santa María a Real. Fonte: Orgullo Galego

Pallozas do Cebreiro

Posibelmente o principal atractivo do Cebreiro sexa o conxunto de pallozas que podes atopar a carón da igrexa.

O seu principal atractivo é o seu característico teito de palla. Nos anos setenta deixaron de vivir nelas os seus últimos ocupantes despois de séculos habitándoas. Na actualidade a maioría están musealizadas para poder coñecer como era a vida na zona. No interior dunha palloza convivían persoas e animais, cunha distribución e arquitectura perfecta para aturar as fortes nevaradas do inverno, sendo a lareira e a cociña o lugar onde se facía a vida no seu interior.

Na nosa última visita a entrada era de balde e ademais puidemos ver moitos utensilios e ferramentas de traballo no campo.

Se queredes coñecer máis pallozas, na zona dos Ancares hai moitas, especialmente en Piornedo.

Publicidade

Publicidade

Monumento ao Peregrino

No Alto de San Roque recibe a visitantes e peregrinos unha impresionante estatua en homenaxe aos peregrinos que chegan ao Cebreiro despois dunha longa xornada. Atópase a 1270 metros de altitude e foi realizada polo escultor José María Acuña, quen quixo simbolizar o esforzo dos peregrinos nunha zona con fortes nevaradas e vento.

Desde esta zona tes fermosas vistas dunhas montañas que no inverno adoitan estar brancas mais no verán locen o verde tan característico do noso país.

Lenda do Santo Graal

Como contamos ao comezo do artigo o Cebreiro tamén é coñecido pola lenda do Santo Graal. Cando durante un día de inverno un veciño da aldea de Barxamaior chamado Xoán Santín foi (como facía case a diario) recibir a eucaristía, cando despois de que o cura, que usara este cáliz,  lle botou en cara medio entre risas medio enfadado que aturase o mal tempo só para ver apenas un anaco de viño e pan, estes convertéronse en carne e sangue, véndoo como un xesto cara o devoto veciño e un aviso ao sacerdote que rifaba a esta persoa.

A lenda tamén conta que as campás da igrexa comezaron a soar e a virxe que se atopaba dentro do templo rendeu homenaxe a este veciño colocándose de xeonllos e inclinando a cabeza en sinal de respecto, posición que aínda conserva até a actualidade.

Din que esta lenda se estendeu por toda Europa grazas a peregrinos, clérigos e xoglares e, séculos despois nunha visita dos Reis Católicos ao Cebreiro, a raíña Isabel decidiu levar o cáliz milagreiro mais ao saír da vila os seus cabalos voltaron a toda presa até a igrexa, o que provocou o terror na raíña decidindo devolvelo ao seu sitio.

Este cáliz podemos velo na actualidade dentro da igrexa de Santa María a Real e até din que é o mesmo que fai parte da bandeira galega. Como dato curioso podemos destacar que sobreviviu ás guerras entre franceses e ingleses que houbo na zona, cando as reliquias foron agochadas na aldea de Foxos, non correndo tan boa sorte todos os libros antigos deste lugar.

Aínda na actualidade hai quen di que o Graal, o cáliz que utilizou Xesucristo durante a Derradeira Cea, é o mesmo que está no Cebreiro e que deu lugar a todas estas historias.

Gastronomía

Se por algo destaca o Cebreiro é polo seu queixo fresco, un queixo que é habitual consumilo con mel, noces e incluso castañas. A historia conta que a finais do século XVIII era o queixo máis caro de Europa, desexado polas cortes de medio continente.

Os peregrinos fixeron correr a voz de que nesta zona había un queixo que facía as delicias de todos os seus visitantes. De feito, na historia xeral do Reino de Galiza recóllese como no ano 1750 falan deste queixo como un “dos mellores gustos e os máis delicados do mundo”. Tamén se recolle unha Orde de 1746 que dispoñía do envío semanal deste queixo para consumo nas Casas Reais de varios reinos de Europa.

Se queres comer na zona tes 2 opcións: a primeira son os restaurantes do propio Cebreiro e a segunda é baixar a Pedrafita, onde quizais os prezos sexan algo máis económicos. Sexa como for, a calidade en ambos sitios é impresionante.

Tanto as carnes coma o cocido e os pratos de culler son o máis desexado desta zona, tendo como característica a castaña, que se atopa presente en case todos eles.

Ademais de todo o citado anteriormente recomendamos percorrer as pequenas rúas desta parroquia, cunha arquitectura completamente coidada e preparada para o visitante. Esta é unha boa visita para coñecer o Courel e os Ancares, lugares relativamente próximos a Pedrafita do Cebreiro.

Vistas desde O Cebreiro. Fonte: Orgullo Galego.

Pode que che interese:

Guía completa para visitar os Ancares

A serra dos Ancares é unha cordilleira administrativamente dividida entre Galiza e Castela e León, localizada entre o oriente de Lugo e o Bierzo. No ano 2006 foi declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO e posiblemente sexa o maior tesouro galego a nivel medioambiental e cultural.

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.

Publicidade

Publicidade

2 comentarios en “O Cebreiro: As pallozas e a lenda do Santo Graal”

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!