Quen é Francisco Fernández del Riego? Día das Letras Galegas 2023

Publicidade

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro do ano 1913 e faleceu en Vigo o 26 de novembro do ano 2010. Escritor, editor, crítico literario e militante do galeguismo, foi un activo loitador pola lingua e cultura galega até o seu falecemento.

Vida e primeiros anos

Francisco Fernández del Riego naceu nunha familia na que eran 11 irmáns. O seu pai foi Vicente Fernández Díaz, activista agrarista e comerciante de Cedofeita (Ribadeo). A súa nai era Amada del Riego Fernández, descendente dun escribán. Contan que o seu pai foi voluntario na Guerra de Cuba, onde fixo fortuna na cidade da Habana para logo regresar a Galiza.

Francisco cursou o Bacharelato superior na sección de letras no Colexio dos Escolapios de Monforte de Lemos. No ano 1930 comezou os seus estudos de Dereito na Universidade Complutense de Madrid, cidade na que comezou a ler a algúns dos clásicos galegos e onde viviu a proclamación da Segunda República.

Ao ano seguinte regresou a Compostela, cidade para a que se mudara a súa familia e na que ademais de continuar os estudos de Dereito, comezou tamén a carreira de Filosofía e Letras.

Despois de asentarse en Compostela, podemos dicir que entrou en contacto coa vida cultural e política galega. Dirixiu a revista Universitarios, foi activista da FUE (converteuse en delegado estudantil), desempeñou a secretaría da revista Alento e participou en numerosos actos e mobilizacións universitarias. Todo isto levouno a colaborar no Seminario de Estudos Galegos, A Nosa Terra, El Pueblo Gallego ou a editorial Nós, levándoo a tomar contacto con figuras como Ricardo Carvalho Calero, Ánxel Casal, Antonio Fraguas ou Lois Tobío entre outros.

Como se indicou anteriormente, coa súa chegada a Compostela comezou o compromiso político e cultural. Ademais da colaboración con distintos xornais, no ano 1931 publicou un manifesto galeguista en Vilanova de Lourenzá e comezou a colaborar no Partido Galeguista e o Seminario de Estudos Galegos.

Este compromiso levouno a ser escollido como secretario xeral da agrupación Ultreia, nomeado Secretario Xeral da Federación de Mocedades Galeguistas (1933), neste mesmo ano publicou o seu “Índice cultural e artístico do Renacimiento galego” e desde 1934 formou parte de Galeusca, facendo parte do seu Consello Galego xunto con Otero Pedrayo, Fernando Calvet e Rezola. Tamén foi designado por Alexandre Bóveda como secretario da Asemblea de Concellos, espazo que tiña como obxectivo a redacción do proxecto de Estatuto de Autonomía. De feito participou activamente en prol do Estatuto xunto a Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao ou Alexandre Bóveda entre outros. No ano seguinte publicou “Presencia de Galicia nos vieiros da arte nova”.

Golpe de estado franquista

Coa chegada do golpe de estado franquista e o inicio da Guerra Civil, comezou unha represión feroz no territorio galego. Así, Fernández del Riego foi inhabilitado para a docencia e polo tanto perdendo o seu posto como profesor de Dereito na Universidade de Compostela despois de ter acadado a licenciatura no ano 1934. Co golpe de estado fixo parte en nome do Partido Galeguista no Comité de Santiago que analizaba a situación que se estaba a vivir.

Para evitar a represión ou o asasinato, alistouse no exército, xa que era coñecido o seu percorrido político nas Mocedades Galeguistas, a prol do Estatuto de Autonomía ou no Seminario de Estudos Galegos.

Cómpre destacar que recibiu unha sanción por parte do Tribunal de Orde Pública o que provocou que tivera que agocharse durante un tempo. O Tribunal de Responsabilidades Políticas sancionouno finalmente con tres anos e un día de inhabilitación especial para o desempeño de cargos públicos de mando, confianza e directivos.

Remate da Guerra Civil e inicio da ditadura franquista

Despois da Guerra Civil abandonou Santiago de Compostela para instalarse definitivamente na cidade de Vigo.  Nesta cidade proseguiu co seu traballo en prol do galeguismo e a cultura galega, de feito foi parte fundamental nas tentativas de reorganización do galeguismo político desde a clandestinidade. Por exemplo, no ano 1943 celebrouse en Coruxo a asemblea de refundación do Partido Galeguista mais tamén colaborou coas loitas políticas e culturais que xurdían na emigración, especialmente na Arxentina e Uruguai, isto é o caso dos xornais Galicia ou Galicia Emigrante. Compre destacar que no ano 1947 organizou xunto a Leuter Salgado, as colaboracións coa BBC británica para a emisión en radio dun programa de carácter semanal sobre a cultura de Galicia, algo que suporía un fito tendo en conta que en Galiza estaba prohibida. Todo o seu traballo en prol de Galiza levouno a ser detido, encarcerado e xulgado en Consello de Guerra aínda que finalmente foi exculpado.

Nesta década dos 40 casaría con Evelina Hervella Nieto e comezaría a traballar como profesor na ensinanza privada aínda que despois exerceu como avogado.

Publicidade

Publicidade

O seu compromiso con Galiza non cesa

Aínda sufrindo a represión da ditadura franquista, o seu compromiso con Galiza non cesa e segue a traballar polo país. No ano 1949 publica, xunto a Xaime Illa Couto, o chamado “Suplemento del Sábado” do xornal La Noche. No ano 1950 fai parte da asemblea que funda a histórica Editorial Galaxia que sería presidida por Ramón Otero Pedrayo, a fundación contou coa participación de personalidades do galeguismo e fixo parte das tres persoas que orientaron o rumbo da editorial desde o comezo xunto con Xaime Illa Couto e Ramón Piñeiro.

Del Riego ocupou a secretaría do Consello de Administración de Galaxia e foi, posteriormente o seu director – xerente. No ano 1951 comezou a publicación da Colección Grial, onde foi co-director con Ramón Piñeiro.

Un dos feitos máis importantes e á vez menos coñecidos aínda na actualidade é a denuncia que Fernández del Riego, Illa Couto e Ramón Piñeiro levaron á UNESCO, mediante un informe que denunciaba a persecución contra a lingua galega.

Aproveitando esta denuncia, Del Riego percorreu o continente latinoamericano e aproveitou para reunirse coa colectividade galega e co Consello de Galiza, aproveitando que a mesma colectividade galega de Buenos Aires denunciara tamén a situación do galego perante a UNESCO. Por certo, Manuel Fraga foi o encargado de representar ao goberno franquista e desmentir estas acusacións de represión contra a lingua galega.

Como non podía ser doutro xeito, ao seu regreso a Galiza este foi detido, encarcerado e procesado en Consello de Guerra, o que lle levou a renunciar aos seus cargos en Galaxia para non levar a represión á editorial.

Tamén no ano 1960 intégrase na Real Academia Galega a proposta de Manuel Gómez Román, Otero Pedrayo, Manuel Casás, Martínez-Risco y Macías. A iniciativa de Del Riego a Academia decidiu celebrar o 17 de maio de cada ano o Día das Letras Galegas desde 1963. Tamén solicitou da Academia a necesidade de estudar galego en todos os niveis de ensino.

No ano 1964, ademais de traballar en Galaxia, Artes Gráficas Galicia, a Fundación Penzol e a revista Grial, Fernández del Riego da un paso a nivel político-partidario e intégrase no Partido Socialista Galego (PSG), partido do que chegou a ser Secretario Xeral e no compartiu dirixencia con Xosé Manuel Beiras até o ano 1978.

Nesta etapa foi cando máis produción literaria nos deixou Del Riego e desde o ano 1986, sendo xa director de Galaxia Carlos Casares, comezou a súa dedicación exclusiva á Fundación Penzol. Desde aquí enfriáronse as relacións co grupo Galaxia.

No ano 1995 tamén decidiu doar á cidade de Vigo toda a súa colección bibliográfica que fai parte xa da Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego na Casa da Cultura. Destacar tamén que no ano 1997 foi escollido como presidente da Real Academia Galega durante os seguintes catro anos.

Foi incansábel o labor pola lingua e cultura galegas que desenvolveu Del Riego ao longo de toda a súa vida, grandes colaboracións, grandes obras do propio autor mais tamén grandes limiares e publicacións en todos os lugares dos que fixo parte. Facemos aquí unha pequena achega de todo o feito por el:

A súa obra

Antoloxías

  • En colaboración con Xosé María Álvarez Blázquez acomete a tarefa de publicar a Escolma da poesía galega (Vigo: Galaxia, 1953-1959) en catro volumes. El ocúpase destes dous: Escolma de poesía galega: os contemporáneos (v. III, 1955) e Escolma de poesía galega: o século XIX (v. IV, 1957).
  • Poesía galega: do dezanove aos continuadores. Vigo: Galaxia, 1976.
  • Poesía galega: do posmodernismo aos novos. Vigo: Galaxia, 1980.

Divulgación dos valores galegos

  • Cos ollos do noso esprito: ensaios breves. Bos Aires: Alborada, 1949.
  • Danzas populares gallegas. Bos Aires: Galicia, 1950.
  • Galicia no espello. Bos Aires: Ediciones Galicia, 1954. Premio Centro Galego de Bos Aires.
  • Pensamento galeguista do século XIX. Vigo: Galaxia, 1983. A través dunha escolma de textos, ofrece unha síntese do pensamento provincialista e rexionalista.
  • Pensamento galeguista do século XX. Vigo: Galaxia, 1983. Trátase dun complemento da obra anterior onde se encontran textos das figuras máis senlleiras do galeguismo: os irmáns Villar Ponte e Luís Porteiro Garea, Castelao e Ramón Otero Pedrayo e teóricos do nacionalismo como Vicente Risco, ademais de incluír o manifesto da Asemblea Nacionalista de 1918 e o programa do Partido Galeguista en 1931.
  • As peregrinacións xacobeas. Vigo: Galaxia, 1984.
  • El Camino de Santiago. Vigo: Enor, 1992.
  • Galicia. Vigo: Galaxia, 1994. Produto confesado da súa experiencia viaxeira, constitúe unha presentación do país.
  • A pesca galega de mar a mar. Sada: Ediciós do Castro, 1998.
  • A Pegada das Viaxes: un caderno de bitácora das viaxes por España, Europa, Arxentina e Brasil. Vigo: Ir Indo, 2000.

Historiografía, dicionarios, análise literaria

  • Manual de historia de la literatura gallega. Vigo: Galaxia, 1951.
  • Manual de historia da literatura galega. Vigo: Galaxia, 1971.
  • Vocabulario Castellano-Gallego. Vigo: Galaxia, 1979.
  • Escritores de Portugal e do Brasil. Sada: Ediciós do Castro, 1984.
  • Diccionario de escritores en lingua galega. Sada: Ediciós do Castro, 1990. Contén máis de tres mil fichas bibliográficas.
  • A xeración Galaxia. Vigo: Galaxia, 1996.
  • Un epistolario de Ramón Piñeiro. Vigo: Galaxia, 2000.

Memorias

  • O río do tempo: unha historia vivida. Sada: Ediciós do Castro, 1990. Constitúe unha testemuña de primeira man dos acontecementos vividos por Del Riego, fiel memoria do galeguismo do século XX.

Narrativa

  • O cego de Pumardedón. Vigo: Ir Indo, 1992. A través da personaxe de Mauro, un home que quedou cego tralo estoupido dunha granada, transmite boa parte das experiencias vividas por toda unha xeración, a que coñeceu a Guerra Civil e a militancia galeguista.
  • San Andrés de Teixido. Santiago de Compostela: Castromil, 1993.

Pode que che interese:

Publicidade

Publicidade

1 comentario en “Quen é Francisco Fernández del Riego? Día das Letras Galegas 2023”

  1. Ola.
    Comento aquí porque non atopo outro sitio.
    Eu sígovos a través de telegram, pero cada vez que quero ver algo do que colgades, as ligazóns levan a unha rede social na que hai que ter conta para poder ver. Non poderiades enlazar a esta web aberta e colgar aquí todo?

    Parabéns polo traballo.
    P.D.: segundo o dicionario da RAG respostar é responder airadamente e de malas maneiras… Por se queredes mudalo.

    Responder

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!