“A idea de Medra é fornecer de contidos actuais e útiles sobre márketing dixital en galego”

Publicidade

Anxo é unha persoa coñecida en Orgullo Galego. Entre outras cousas, foi o encargado de deseñar esta páxina web na que publicamos artigos, a tenda online onde vendemos os nosos produtos e o portal da campaña de difusión do Reino da Galiza.

Desde 2018 adícase a tempo completo ao seu traballo como deseñador web e formador, axudando a autónomos, asociacións e pequenas empresas galegas a mellorar a súa presenza en Internet.

Neste tempo abriu camiño para o galego en ámbitos onde a súa presenza na rede era inexistente, a través de iniciativas como o seu blog ou a súa canle de Youtube, onde crea contidos sobre deseño web e márketing dixital.

Neste mes de marzo lanzou a súa última iniciativa, MEDRA.GAL.

Que é medra.gal?

Medra é unha ferramenta de formación e acompañamento para persoas que queren lanzar ou mellorar a presenza do seu negocio en Internet.

Ten formato de academia online onde participan como docentes múltiples profesionais con traxectoria e experiencia, que teñen como obxectivo transmitir os coñecementos adquiridos e tamén os erros cometidos.

Todos somos bos en algo, e o obxectivo é transmitir niso que somos bos.

Dis que sodes moitos profesionais.

A idea inicial foi miña, mais son moitos os profesionais que imparten e impartirán cursos na academia (no intre desta publicación están tamén Javier Boquete, Ana Díaz, Bárbara G. Vilariño e Saúl Vérez) e que participan nas conversas (no intre desta publicación están Sara Torreiro, Marketing e Comunicación de Casa Grande de Xanceda; Manolo Rodríguez, xornalista de La Opinión A Coruña e bloggeiro; Estela Vázquez, mentora e técnica de emprendemento; Iván Expósito, responsable de atención ao cliente de Dinahosting; Diana Peñas, docente especialista en Marketing Dixital e Pablo Roca, especialista en estratexia e Marketing Dixital & CRO).

A coralidade e experiencia diversas é un valor. Non todos sabemos de todo. Nin todos transmitimos igual.

O obxectivo é que sexamos moitas e moitos profesionais galegos na formación e nas conversas.

A quen está dirixido medra.gal?

Medra está pensado en concreto para autónomas, autónomos, emprendedoras, emprendedores… que queren lanzar, consolidar e facer medrar o seu negocio en Internet.

Mais acceder está aberto a todo o mundo.

Se unha persoa, malia que non traballe por conta propia, quere aprender sobre páxinas web, publicidade en liña, buscadores, redes sociais, deseño etc. pois ten en Medra a súa casa e o seu punto de apoio fundamental.

Tamén para persoas que queiran adicarse profesionalmente a isto mais son conscientes de que necesitan formarse.

Que vai aprender unha persoa que entre agora?

En Medra pódense atopar tres tipos de contidos de publicación mensual: cursos de formación, soporte con resolución de dúbidas e conversas con referentes galegos do sector.

Os cursos de formación son contidos en formato vídeo que teñen como obxectivo acadar unha competencia concreta no ámbito do márketing dixital. Por exemplo, como facer unha páxina web, como aparecer en buscadores, como xestionar redes sociais etc.

O soporte e a resolución de dúbidas son contidos en formato vídeo que perseguen disipar todas aquelas preguntas ou incertezas que xurdan ao realizar os cursos.

As conversas son contidos en formato audio que teñen como fin coñecer e escoitar a historia e experiencias de profesionais galegos que traballan no ámbito de Internet.

Adicionalmente, existe un blog e un boletín/newsletter no que se publican pílulas gratuítas e ao que está convidada toda persoa que queira investigar mais aínda non estea preparada para acceder ao contido de pago.

Que se pode esperar da medra?

A idea de Medra é fornecer de contidos actuais e útiles. A curto e medio prazo seguir publicando novos cursos, soportes, conversas e mellorar a oferta formativa ofrecida.

A longo prazo esperamos ampliar e crear unha gran comunidade con ferramentas como perfís de profesional ou bolsa de emprego.

É a primeira iniciativa similar que existe en galego.

Desgraciadamente si.

Pensamos que aprender e divulgar sobre márketing dixital tamén se pode facer en galego. E alguén ten que tomar a iniciativa de facelo desde unha perspectiva profesional coa mesma calidade que en calquera outra lingua.

Apostamos polo .GAL como dominio da web, xa que isto nos sitúa no mundo, e toda a comunicación é e será en galego.

Alén do idioma, ten algunha outra cuestión de fondo?

Escoitamos mil veces que na Galiza non hai futuro. Despoboamento, emigración, avellentamento, abondono do rural… E é certo que hai moitos problemas.

É innegable que co paso das décadas, moitas portas foron pechando. E moitas alternativas laborais morreron. Mais eu son dos que pensa que é posible e necesario rachar coa espiral de pesimismo.

Aquí hai posibilidades de vida e de negocio, sen renunciar a vivir onde estivo sempre a nosa familia. Alternativas económicas para unha vida digna que permitan prosperar e fixar poboación.

E Medra quere poñer o seu gran de area nisto. Modesto mais firme.

Pode que che interese:

Quen é Francisco Fernández del Riego? Día das Letras Galegas 2023

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro do ano 1913 e faleceu en Vigo o 26 de novembro do ano 2010. Escritor, editor, crítico literario e militante do galeguismo, foi un activo loitador pola lingua e cultura galega até o seu falecemento.

Publicidade

Publicidade

2 comentarios en ““A idea de Medra é fornecer de contidos actuais e útiles sobre márketing dixital en galego””

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!