A Festa dos Maios

Publicidade

Na cultura galega, como en tantas outras, existen ritos e tradicións de exaltación de distintos ciclos do ano. Así, temos ritos coma os de defuntos, nadal e entroido ou o dos maios, unha exaltación do renacer da natureza.

Neste artigo falaremos da festas dos maios:

As orixes da Festa dos Maios

O certo é que hai diversas teorías, como tamén acontece noutros ritos e tradicións, é moi difícil saber cando comezaron a celebrarse estes ritos xa que non todo está escrito. Tamén chegou ao noso tempo con adaptacións ao longo dos séculos,  xa que estivo presente (que teñamos coñecemento) no período romano, no suevo e tamén coa chegada do cristianismo. Autores como Florentino Cuevillas ou Manuel Murguía falaban dunha posible orixe celta, no Beltane, Vicetto dunha posible procedencia sueva, outros autores da época romana…

Un dos pensamentos que gozan de maior consenso é o que indica que sería unha tradición que posiblemente nos remonte a épocas neolíticas. Baixo o desenvolvemento da agricultura, algo semellante a outras culturas no continente europeo. Julio Caro Baroja indica no seu libro La Estación del amor. Fiestas populares de mayo a San Juan que este ciclo está situado entre mediados de abril e mediados de maio.

Temos que ter en conta que hoxe vivimos de costas á natureza, pero até non hai tantos anos esta era fundamental para o subsistir das familias, polo tanto os maios están enmarcados nese mundo agrario e de exaltación da fertilidade e a vida vexetal, despois do ciclo de inverno.

Nese contexto social onde a natureza era fundamental no día a día das persoas, construíronse ritos que agradecían dalgún xeito esa forza rexenerativa da natureza. O tempo é máis benigno, os días van medrando, o gando comezaba a subir ás brandas, a natureza xermola e, en resposta a este cambio de ciclo, as distintas culturas agradecen á natureza mediante estes ritos, agradecían as colleitas, a fertilidade da terra, a luz, pedían protección…

Balcóns floridos en Vilafranca do Bierzo

As prohibicións da Igrexa

Tal e como aconteceu con outros ritos e tradicións, o cristianismo tentou erradicalo por consideralas crenzas contrarias á filosofía cristiá. Sendo estes ritos considerados como vínculos a crenzas e relixións pasadas.

Un exemplo moi claro disto é o Correctione Rusticorum de Martiño de Dumio, un sermón escrito no século VI, que pretende ser un manual práctico para o cristianismo onde persigue, criminaliza e critica as prácticas da Gallaecia daquela época. Criticaba Martiño de Dumio que encantaban con fórmulas máxicas a herba e as colleitas, acendían cirios na noite xunto a pedras, fontes, árbores, cruces de camiños, etc.

Outro exemplo son os Concilios de Braga no 572 e o de Lugo no 569 onde prohibiron os ritos asociados ao enaltecemento da natureza e á vexetación. Contan tamén que no século XVIII o cabildo compostelán prohibiu entrar na catedral ás maias.


Como xa aconteceu con outros intentos de erradicación, e principalmente no territorio da antiga Gallaecia, tiveron escaso éxito na súa teima, e estes ritos continuaron a se celebrar, mesmo foron asimilados dalgún xeito no pensamento cristián, así temos o exemplo da Santa Cruz no día 3 de maio ou a dedicación do mes de maio para a Virxe Maria, un mes que no previamente dedicaban o meses á deusas da vexetación ou celebraban xogos florais, igualmente ligado á chegada do bo tempo e do afastamento do inverno.

Os maios en Galiza

Os maios en Galiza celébranse desde hai moito tempo, ao igual que no resto de culturas europeas. É unha tradición moi arraigada que estivo presente en todo o territorio galego, se ben na actualidade resiste en zonas moi concretas, existindo noutras iniciativas para recuperala. Con todo, os maios non son tradicionais de zonas moi concretas de Galiza, son tradicións presentes en todos os recunchos do país, desaparecendo, na práctica, en moitas aldeas e concellos mais presentes na memoria de moitísima xente vella. Neste caso, a emigración e o abandono do mundo rural tamén tivo que ver.

Vicente Risco dicía que :A Festa dos maios é a festa da primaveira, ben sexa da súa chegada, ben do seu trunfo. Siñifica o reverdecer das prantas, o comezo do ano agrícola, a ledicia de ver erguerse o sol por riba do hourizonte e coller altura e forza

O mesmo Vicente Risco tamén dicía que o Maio vivente que aparece en Galicia é o home ou rapaz cuberto de follatos e de flores que leva por nome o Maio.

Xestas nun coche

Na nosa terra, estas festas tiveron unha forza enorme, posiblemente froito de ser a galega unha sociedade principalmente rural, que se mantivo até a segunda metade do século XX. É por isto que temos tantos testemuños e que a día de hoxe seguen a conservarse en tantos lugares.

Clodio González Pérez explica no seu libro A Festa dos Maios en Galicia que esta exaltación da natureza e do novo ciclo tiña distintas expresións. Por exemplo, aínda que no mundo do mar non son tan abondosas ao non ser época esta de moito peixe, con todo, era tradicional colocar ramiños nas embarcacións.

En canto ao mundo agrario, era tradicional que, na noite anterior ao primeiro de maio, a veciñanza saíse cos fachos polas terras sementadas para realizar un rito de protección das colleitas. Tamén era e é tradición colocar ramos de xesta nas terras, nas portas da casa, nas cortes, no carro, etc. Hoxe esta tradición segue a manterse principalmente nas Rías Baixas, motivo polo que vemos tantos coches coa xesta colocada.

Tamén nestes primeiros días de maio eran momentos para a exaltación do amor, así os homes entregaban ramos de xesta á moza que desexaban, deixábanllo no balcón, cantábanse coplas amorosas, etc.

Maios humanos en Vilafranca do Bierzo

Clases de maios

En Galicia están recollidas catro clases de maios:

Maios humanos

Maios humanos: son uns dos máis populares en Galiza. Estes maios representan o espertar da natureza e as súas cantigas refírense exactamente a ese espertar que está a chegar.

Hai rexistros de maios humanos en todo o territorio galego, en lugares tan diversos como Santiago de Compostela, Cangas do Morrazo, Mondoñedo, Viveiro, Vigo, A Coruña, Porto do Son, Valdeorras, Viana do Bolo, Ribadeo… mais só resistiron até tempos recentes en Portomarín ou na zona de Vilafranca do Bierzo, sendo neste último un dos maiores reclamos culturais.

Por exemplo en Vilafranca do Bierzo o 30 de abril decoran as casas con xestas, carqueixas, etc. para queimar pola noite o Burro de Inverno. O propio primeiro de maio saen a primeira hora da mañá a cortar as canaveiras e a vestir os maios para logo percorrer os barrios e prazas da vila.

As cantigas tradicionais en Vilafranca son as seguintes nas que podes ver os ritos de inicio, petitorios..:

Levántate maio, bastante durmiche, pasou o burro e non o sentiche

Marzo airoso abril chuviñoso, sacan o Maio florido i hermoso

“Entra Mayo con sus flores, sale Abril con sus amores

“Este maio, señora é, 
este maio que andaba de pé.”

“Víche o maio, miralle ben,
 tres caralliños tamén volos ten” 

Tire castañas, señora María,
 tire castañas que as ten na cociña”

“Estas portas son de ferro, 
onde vive un caballero.” 

“Estas portas son de estopa,

 onde vive un lapasoupas).”

 “Esta casa é de cristal,

 onde vive un general.” 

“Esta casa é de pedra,

 onde vive unha doncella.”

 “Esta casa é de palla, 

onde vive a cagalla.” 

“Esta casa é de losa,

 onde vive unha roñosa

Maios figurados

Maios figurados: Os maios figurados son os que mellor resistiron aos nosos días, están formados por unha figura cónica ou piramidal e cuberta por todo tipo de flores e ramallos. Estes maios poden levar fiúncho, fentos, bugallos, ovos, laranxas, froitos, etc. Din os expertos que este tipo de maio podería ser unha evolución do maio humano e da árbore de maio, e como podemos ver en Ourense, poden coller forma de monumentos locais, persoas populares, patrimonio local, etc. En zonas de costa existen tamén os barcos de maio.

As coplas destes maios fan referencia á natureza pero especialmente fan sátira das autoridades e outro tipo de críticas. Por exemplo no caso de Pontevedra os maios saen o primeiro de maio onde hai un xurado que outorga premios aos mellores.

Contaba Vicente Risco que nalgúns lugares este maio era transportable e mesmo acababan queimándoo ou afogándoo. Na Baixa Limia ou en Laza plantaban unha árbore na praza da aldea, era a festa da Árbore de Maio, pode ser que teña algo que ver co que se facía tamén de pendurar ramallos nas portas da casa, nos carros ou recentemente nos coches.

Maios en Ourense

Ramos de Maio

Ramos de Maio: Os ramos de maio estaban feitos pola rapazada que ían pedindo lambonadas polas casas en troca dun destes pequenos ramos, unha vez máis vemos o mesmo rito que hai en Defuntos, Nadal, Entroido… Recentemente tamén ían polas prazas obsequiando os ramiños por cartos.

Maias

Maias: As maias foron moi populares mais hoxe en día teñen xa moi pouca forza, tamén foron perseguidas pola igrexa.

Dunha banda, temos as maias ancestrais, formadas por nenas pequenas que levaban un arco con flores e fitas de cores, levando debaixo a Raíña do Maio. Tamén cantaban a chegada da primavera e pedían de comer, beber e cartos.

Da outra, están as maias cristiás que viñan ser o mesmo que o maio ancestral mais usaban elementos cheos de simboloxía cristián e pedían cartos para algún santiño.

O que teñen en común ambos é a ausencia de crítica ás autoridades e falan basicamente do espertar da natureza.

Alfredo de la Iglesia indicaba a finais do século XIX que na vila de Pontedeume había maios de nenos e nenas, ambos sentados baixo un arco florido.

Xestas en Combarro

Na actualidade temos maios moi fermosos e consolidados en lugares coma Pontevedra, Vilafranca do Bierzo, Ourense, Portomarín, O Porriño, Vigo, Verín, Vilagarcía de Arousa, Neda, Ferrol, O Grove e moitos sitios máis.

Cóntanos o que coñeces da Festa dos Maios do teu lugar.

Pode que che interese:

A Festa dos Maios

Na cultura galega, como en tantas outras, existen ritos e tradicións de exaltación de distintos ciclos do ano. Así, temos ritos coma os de defuntos, nadal e entroido ou o dos maios, unha exaltación do renacer da natureza.

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!