Cando chega o mes de maio, en moitos lugares de Galiza e o Norte de Portugal é habitual ver xestas e flores nas portas das casas, nos coches, nas fiestras ou nas embarcacións, e antigamente nos carros. Cal é o motivo?
Pois ben, temos que comprender que aínda que hoxe vivamos de costas á natureza, esta era fundamental para as sociedades até non hai tanto, dela dependía a subsistencia e ao seu redor había multitude de crenzas e ritos, tradicións que en ocasións chegaron até os nosos días. Imos un pouco atrás: O entroido é a despedida do inverno, o grande rito neses derradeiros días da época máis escura do ano. Despois da fin do inverno vemos como as horas de luz son maiores, moitos paxaros regresan da migración, a natureza comeza a florecer, as ánimas marchan e vivimos unha explosión de cores, cheiros e sons, e neste contexto está enmarcado esta tradición, así como a dos maios.
Da xesta din que ten propiedades apotropaicas, é dicir, ten un papel fundamental para afastar o meigallo. Por iso hai este tipo de ritos, como pode ser varrer o chan con ela (por iso recibe o nome de xesta de vasoiras) e colocala nas portas das casas.
Aínda que en multitude de artigos indiquen que esta é unha tradición propia das Rías Baixas, o certo é que é unha tradición recollida en todo o territorio galego e tamén no norte de Portugal, simplemente nalgúns sitios a conservación é mellor, e no caso das xestas dos coches é unha adaptación máis moderna aos novos transportes. En definitiva este rito forma parte dos maios, uns maios que teñen distintas expresións, coma os ramos de maio, maios humanos, maias, maios figurados, etc.
A xente vella conta que a xesta hai que poñela no coche ou na porta da casa antes do solpor do 30 de abril co obxectivo de protexerse do mal de ollo e que non entre maio ou meigallo. Con todo, non pasa nada por facelo uns días despois se xusto ese día non foi posíbel.
Como comentamos antes, o tempo é benigno, os días medran, o gando comeza a subir ás brandas, a natureza xermola e, dentro desta mudanza de ciclo, as diversas culturas existentes realizan ritos de agradecemento á natureza, en resumo, agradecen esa fertilidade da terra e piden protección da mesma, ao final era o seu sustento. De aí que tamén fose tradicional nesa noite do 30 de abril alumear cos fachos as terras que foran sementadas, uns ritos que probabelmente veñan desde o principio dos tempos aínda que tivese adaptacións co paso dos séculos.
Contan tamén que a xesta é a flor dos namorados, era habitual que os mozos entregaran xestas ás raparigas das que gostaban, e se as mozas aceptaban viña a indicar que querían ser a súa parellas, tamén lla podían deixar na xanela e se non a arrincaban era sinal de aceptación. Mesmo existían cantigas amorosas pero disto falamos no noso artigo sobre o significado dos maios. Nalgúns lugares existe tamén o costume de facer un nó no extremo dunha xesta para casar no ano seguinte, isto era tradicional nas mulleres e foi recollido por Ramón Cabanillas no Santuario da Franqueira mais tamén era tradicional noutras zonas.
En definitiva, esta tradición está enmarcada nun cambio de ciclo e aínda que na actualidade ese mundo rural xa non exista, son moitísimas as persoas que continúan con estes ritos como un xesto de protección e honra á natureza, da que dependemos aínda que vivamos de costas a ela.
Ben veñas, maio!