A presenza do galego diminúe na rede e nas redes sociais e se non diminúe máis é porque a militancia na lingua é teimuda e non deixa de verlle portas á esperanza.
Neste artigo falamos de...
Vacas no blogomillo
“Cando comezamos hai vinte anos o galego en Internet estaba ben. Había portais, eventos e o sector tecnolóxico parecía que podía progresar. Tiñamos Enxebre, un buscador; Ulo, un portal incipiente; medios como Vieiros; e, moi pronto, o Chuza, un agregador de contidos. Tempo despois veu todo o fenómeno do blogomillo. Chegou a formarse unha comunidade que deu pé a aquela frase de María Yáñez: outra vaca no blogomillo”, conta Marcus Fernández, webmaster de Código Cero, a primeira publicación de novas tecnolóxicas de Galiza.
Código Cero xurdiu da necesidade de partillar os enderezos de Internet dos que Marcus falaba nun programa da Radio Galega xunto a Xosé María Fernández Pazos. “Montei a web, fixemos un boletín diario de novas e despois un semanal en formato PDF. E gustou”.
No 2003 o profesor universitario Xavier Gómez Guinovart escribía un artigo no que avanzaba: “Internet é un espazo propicio para o neocolonialismo contemporáneo (…) as linguas ameazadas deben elaborar políticas de resistencia individuais e colectivas que, no caso do galego, pasan polo fortalecemento do uso do galego en Internet e pola elaboración e aplicación de medidas institucionais de planificación lingüística e cultural”.
“Estabamos ben. Había esperanza”, apunta Marcus Fernández.
“Vinte anos despois a nosa lingua segue necesitada dunha planificación lingüística pública axeitada que lle permita ampliar dun xeito sostido o seu espazo comunicativo nesta plataforma e non depender unicamente de iniciativas particulares e militantes”, di hoxe Gómez Guinovart, titular de Lingüística na Universidade de Vigo e coordinador do grupo de investigación en Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega (TALG). É o responsábel, entre outros, da creación do Portal RILG.
“A principal dificultade que ten o galego en Internet é a perda de falantes. Se a xente non usa a lingua no día o día, dá igual que sexa en Internet ou no supermercado. O que debe facer a Administración co galego na rede é o que debe facer co galego en todos os ámbitos: comprometerse co galego”, resume o director de dominio.gal, Darío Janeiro. Dominio.gal é unha entidade independente que se lanzou no 2014 despois de anos de traballo de base desde asociacións veciñais, culturais e universidades, entre outras, para conseguir un dominio propio do país.
A principal dificultade que ten o galego en Internet é a perda de falantes. Se a xente non usa a lingua no día o día, dá igual que sexa en Internet ou no supermercado. O que debe facer a Administración co galego na rede é o que debe facer co galego en todos os ámbitos: comprometerse co galego.
Darío Janeiro
Dominio.gal arrancou con 1.500 rexistros e, cada ano, todos os anos, foi medrando. Hoxe conta cuns 6.000. “Vai lento pero o 95% dos rexistros anóvanse. Esa é a mellor noticia. O dominio punto eus, de Euskadi, empezou canda nós e xa están sobre os once mil”.
Sen cifras no reino dos datos
As cifras que ofrece dominio.gal son as únicas que toparás nesta reportaxe. Simplemente, outras non as hai. E as que se dan non son fiábeis.
Aquí unha rápida explicación que ofrece Gómez Guinovart:
“O tamaño da web é difícil de avaliar pois non accedemos a ela directamente, senón que o facemos a través dos buscadores. Actualmente non hai un consenso académico sobre cal é a cantidade de páxinas na web nin tampouco sobre cal sería o mellor método para pescudar ese dato. Os dous buscadores con maior amplitude nos últimos tempos son Google e Bing (de Microsoft), nesta orde. Nin Google nin Microsoft revelan cantas páxinas web forman parte dos seus respectivos índices nin moito menos con que procedemento seleccionan as que nos ofrecen como resultado dunha consulta. Por outra parte, aínda que soubésemos cantas páxinas web están indexadas en Google, esa cantidade non incluiría unha boa porcentaxe de páxinas web normais que fican fóra do seu índice, nin tampouco contemplaría as páxinas que residen nas denominadas web profunda e web escura que nunca han aparecer nos resultados das consultas dos buscadores convencionais. Na súa web, Google di que o seu índice contén centos de miles de millóns de páxinas, pero sen concretar cantos centos. Unha afirmación que máis parece unha frase publicitaria ca unha realidade obxectiva”.
Daquela, que pasa co galego? Medra ou mingua na rede de redes?
“Aínda que lográsemos saber exactamente cantas páxinas hai en galego non poderíamos saber que porcentaxe representa a respecto da web enteira. De calquera xeito, tampouco sabemos realmente cantas páxinas hai hoxe en galego. As cantidades de resultados indicadas por Google ou Bing como resposta a unha consulta non son moi fiábeis. E nin Google nin Bing permiten por agora limitar os resultados da busca ás páxinas escritas en galego”, di Gómez Guinovart.
Nin Google nin Bing permiten por agora limitar os resultados da busca ás páxinas escritas en galego
Xavier Gómez
As regras dos xigantes
Á seguinte xeración de activistas da lingua no universo dixital as cifras preocúpanlle menos.
“No Facebook queda o meu tío, miña nai e catro máis…”, brinca Carlos Vieito, impulsor de Twitter en Galego, agora en labores de comunicación na Mesa Pola Normalización Lingüística. “A miña impresión é que Facebook caeu en desuso, queda a xente que tiña pero non medra. É para unha xeración anterior. E no Twitter os usuarios en galego diminuíron a respecto de hai dez anos cando empezamos co proxecto para reivindicar que a xente chíe en galego. Hoxe xa non son tan mozo e o obxectivo segue a ser o mesmo. De nada vale ter a rede en galego se non se usa. É certo que hai unha comunidade galegofalante moi activa, gozan desa normalidade e crean os seus propios trending pero medra moi pouco. Antes, en proporción, a xente chiaba máis en galego”.
Ademais, calquera iniciativa está hoxe máis penalizada que nunca polos xigantes que dominan Internet.
“Antes non topabas xigantes que estiveran en contra”, explica Marcus Fernández. “Mais no 2008, Google mudou o seu algoritmo e a lingua galega pasou a converterse nunha pexa moi grande, mesmo páxinas de turismo tiveron que cambiar a súa portada para o español porque se a poñían en galego non aparecían nos resultados. A mediados daquel ano, as web en galego empezaron a caer en visitas”.
En outubro de 2008 Marcus escribiu un artigo alertando das baixadas que estaban a experimentar as principais referencias (páxinas como o portal da Cultura Galega, Galicia Hoxe, Vieiros…) e indicaba: “Para moitos usuarios Google e web son case un sinónimo, e chegan a empregar o buscador como substituto da barra de enderezos do seu navegador, polo que a modificación desta plataforma afecta profundamente nos hábitos de consumo dos internautas”.
No 2008, Google mudou o seu algoritmo e a lingua galega pasou a converterse nunha pexa moi grande, mesmo páxinas de turismo tiveron que cambiar a súa portada para o español porque se a poñían en galego non aparecían nos resultados. A mediados daquel ano, as web en galego empezaron a caer en visitas
Marcus Fernández
Google segue sen ter un dominio en galego activo. Cando o usuario entra en Google.es, se non configura o idioma e aínda que o buscador detecte Galiza, o portal considera que a lingua prioritaria é o español. Unha simple busca de palabras en galego amosa primeiro resultados en español.
“É unha discriminación brutal e a xente non ten os coñecementos para mudar a configuración predeterminada. Nin se sabe que se pode facer, en parte porque tardaron anos en traducilo ao galego e aínda tardaron máis para traducir o Gmail cando a RAG xa lles tiña achegado a tradución. Ademais, Google e Facebook están en galego na web pero non nos móbiles, que hoxe son o dispositivo principal de acceso. Isto supón un atranco xigantesco para o galego”, explica o fundador de Código Cero.
Para axudar a superar isto, Daniel Janeiro anuncia que este mes de maio na portada de dominio.gal crearán un novo espazo no que irán subindo guías para facilitar ás configuracións en galego. “Son guías básicas, moi prácticas, a partir de capturas de pantalla de servizos de software e telefonía. Empezaremos con quince e despois haberá mais”.
Non hai burbulla para o galego
A día de hoxe a situación da lingua nas redes sociais é delicada.
As redes funcionan por burbullas, explica Marcus Fernández. “Por exemplo, se politicamente te sitúas na esquerda todo o que che vai chegar a través das redes son contidos de esquerdas”. Mais no caso do galego non se dá ese efecto.
En YouTube, despois de ver un vídeo en galego a usuaria ou usuario espera que as recomendacións sexan en galego. E non. “Como a plataforma non ten incorporado o galego, pois de Galiza non te manda a Galiza. Non o recoñece e rompe esa burbulla. Non trae contido a Galiza nin tampouco move contidos en galego dentro da Galiza”.
A mesma situación se dá coas recomendacións en Facebook, en Instagram, en Tik Tok. O círculo de contidos afíns pérdese, “en certa maneira rompe a cohesión social que para outras linguas si favorecen estas redes, e temos que creala, digamos que dun xeito artificial, a través de espazos como agora.gal”, reflexiona Fernández.
Hai xente facendo esforzos desde o plano da militancia, do que aínda non puido separarse de todo a promoción da lingua. Está Fran da Lobeira, A Lobeira Today, facendo un top de canles en galego en YouTube. Mentres, en Cataluña o buscador principal é Google.cat.
“Aquí levou tempo que Twitter aceptase o galego e que centos de tradutoras empezasen a pasar do inglés ao galego pero hoxe podemos dicir chío e rechouchiar. A tradución para telo no móbil parouse hai dous ou tres anos, a empresa entrou en dificultades e agora parece que remonta. No caso do éuscaro pásalles o mesmo”, di Carlos Vieito.
En Instagram, onde Vieito anima Instaengalego cunha comunidade de 31.000 seguidores, estase a repetir a batalla. “Segundo me explicaron, para traducir o Instagram tes que dispor da tradución en Facebook. Poderíase facer”.
“Se tivesemos configurado o Windows, o navegador, o buscador e o móbil en galego, cando navegásemos por Internet quedaría rexistrado que falamos galego e que somos galegos. Pero como non facemos nada diso, a nivel estatístico o galego non existe”, conclúe Marcus Fernández.
É cuestión de cartos, cando mudou o algoritmo Google negaba que estivese a facer algo que podía discriminar determinadas linguas. Non parece que os xigantes teñan interese nas linguas. É cuestión de cartos.
A polémica da toponimia en Google Maps vén da información que Google extrae da Wikidata, a parte de Wikipedia que acolle datos “en bruto”.
E como na Wikipedia, a nivel do Estado, hai un grupo de presión moi forte que decidiu apostar pola toponimia en español prescindido da oficial e gañaron a votación, pois pasa o que pasa. “A Mesa interpelou o Instituto Nacional de Xeografía. A da Mesa é unha labor máis institucional”, lembra Carlos Vieito.
“Debería haber unha norma a nivel europeo xa que o que nos pasa aquí pasa en media Europa”, apunta Marcus Fernández. “Esa sería a forma de darlle un bo tirón de orellas á dirección de Wikipedia, que probabelmente nin saiba o que está pasando”.
O desinterese das grandes compañías que dominan a Internet é cuestión de cartos. O que non dá cartos, non interesa.
Volveu poñerse de manifesto hai pouco con Tik Tok, que move campañas de publicidade para grandes mercados pero négaas a pequena escala. “Non é que che impidan facer campaña en galego, é que en Portugal non a permiten en portugués, pero si no Brasil. En Canadá chegaron a negala en francés”, conta Fernández.
As mesmas dinámicas rexen en Google Ads e Google AdWords. Non se preocupan de ter revisores en galego, así que non ofrecen a posibilidade de poñer anuncios en galego nin de admitir publicidade dunha web en galego. “Só unha lexislación a nivel europeo que obrigue estas empresas a ter soporte en galego pode cambiar as cousas”, insiste Marcus Fernández. “E nesa reivindicación non estariamos só nós, estarán millóns de europeos”.
Na rede circula unha petición de usuarias e usuarios de Twitch que reclama que se engada a opción en galego na configuración do idioma das transmisións en directo. Co gallo da petición, impulsouse unha comunidade.
“Twitch en Galego é unha iniciativa que busca agrupar a todas as persoas que crean contidos en galego en Twitch. Na actualidade é moi complicado descubrir novas canles na plataforma que emitan en galego, xa que non hai etiqueta para o idioma galego. Esta iniciativa o que procura é agrupar a esas creadoras e creadores de contido, crear comunidade e axudar en todo o posible a que a comunidade medre e mellore”, relata Agos Reigosa, unha das persoas que está detrás desta iniciativa.
Neste caso as creadoras e creadores, e o contido en galego, non para de medrar malia as dificultades.
“Cando comecei coa iniciativa en agosto do ano pasado só atopei 4 – 5 canles que estiveran emitindo en galego, agora cos datos que temos sabemos que das canles que emiten en galego na actualidade nesa mesma data xa había canto menos 16 que fixeran algún directo, aínda que non podemos saber se foran en galego ou non. Na actualidade forman parte da comunidade case 90 canles das que 64 fixeron polo menos un directo no último mes. É un crecemento incrible!”, conta Reigosa.
“O mesmo pasa cos seguidores. Cando empezamos con Twitch en Galego a xente seguía de media unha soa canle, eran illas que non se comunicaban. Iso está cambiando. Agora a media sitúase en dúas canles por persoa, que pode non parecer moito, pero tendo en conta que as contas con máis seguidores xa viñan de antes de que existira a comunidade está moi ben e é sen dúbida o camiño a seguir”.
Na actualidade forman parte da comunidade case 90 canles das que 64 fixeron polo menos un directo no último mes. É un crecemento incrible!
Agos Reigosa
Con todo, a conclusión de todo isto é clara. Sen burbulla non hai comunidade.
E a reivindicación segue aí, no plano da militancia.
Ensinarlle ás máquinas a falar o galego
A presenza do galego na Internet magnifícase en ámbitos da rede como os blogs ou as redes sociais, “onde abrolla a militancia lingüística con naturalidade e afouteza”, anota Gómez Ginovart, e salienta iniciativas como a Galipedia, o concurso Galitwitter, os premios Youtubeiras, a comunidade de Twitch En Galego, e as apostas Instaengalego e o Podgalego.
Carlos Vieito, pola súa banda, apunta estratexias para “incentivar” ás empresas a pasarse ao galego. “Se queres que a túa empresa ou comercio favorito publique en galego comparte as cousas que publique en galego e fai comentarios nelas. Temos que lles demostrar que o galego é igual de prestixioso que o castelán. E se cambian é porque venden máis”.
Expertos e activistas coinciden en sinalar a principal arma que ten a lingua para asentarse na rede: a localización de software e as traducións. Daniel Janeiro sinala iniciativas que polo momento se manteñen no nivel do voluntariado. Entre elas o Proxecto Trasno, que está desenvolvendo un proxecto de procesamento de frases en galego para Mozilla, e antes traduciu Firefox para o galego.
“Temos que conseguir que poidan utilizarse en galego todas as plataformas e aplicacións”. Ademais, Janeiro chama a atención sobre outras ferramentas que serán imprescindíbeis de aquí a uns anos. “Temos que conseguir ensinarlle ás máquinas a entender o galego falado”. Galiza ten capacidades no ámbito das TIC, asegura, pero debe haber “unha aposta clara” desde a Administración.
O director de dominio.gal tamén sinala outro aspecto a ter en conta: “Falamos moito da tecnoloxía pero os contidos tamén son importantes. E estamos vendo que se poden producir series de calidade en galego e que Netflix non ten problema ningún para comercializalas en todo o mundo. Pois o mesmo pasa en Internet, precisamos máis medios de comunicación en galego, máis vídeos, máis usuarios das redes falando máis en galego”.
Marcus Fernández suxire que nas escolas se privilexie o uso de buscadores en galego e de contidos sobre Galiza, anima á creación en Tik Tok, explica como a súa xeración tivo o Xabarín, “e agoa pode pasar algo parecido en Internet porque a cuestión é que a xente moza que aínda está elixindo a lingua na que vai crear, se afaga a facelo en galego”.
Falamos moito da tecnoloxía pero os contidos tamén son importantes. E estamos vendo que se poden producir series de calidade en galego e que Netflix non ten problema ningún para comercializalas en todo o mundo. Pois o mesmo pasa en Internet, precisamos máis medios de comunicación en galego, máis vídeos, máis usuarios das redes falando máis en galego
Darío Janeiro
Todas estas iniciativas “son necesarias e merecedoras de recoñecemento”, conclúe Gómez Guinovart. “Aínda máis necesarias en tanto non se deixe de lexislar en contra do galego, mais resultan insuficientes para garantir unha presenza sostíbel da nosa lingua no ámbito da Internet”.
Estamos mal, pero hai esperanza.
7 comentarios en “As claves de por que o galego é invisíbel en Internet”
Teño que decir que é o artigo que, até o momento, máis ilusión me fixo publicar <3 <3 Grazas a todos por colaborar!
Pareceme un artigo moi ben tirado, rapaces, didáctico á vez que esclarecedor. Parabéns polo traballo de entrevista e escolma.
Moitísimas grazas, Fran. Es un grande da nosa rede!
Parabéns polo artigo, paréceme moi completo e que trata moitos puntos clave. ?
Sempre me pareceu moi relevante o papel de Google. Dende fai tempo aposta polo galego nos novos servizos e a veces sorpréndeme atopar algunha mensaxe de erro nalgún lugar remoto e que tamén está en galego. E por outra banda, creo que o feito de que cando buscas algo en galego no seu buscador, enténdeo perfectamente pero amósache primeiro resultados en castelán porque pensa que poden ser máis relevantes, é unha das grandes eivas para a lingua en internet.
Os prezos dos dominios .gal tamén resta máis do que axuda, creo eu.
Moitas grazas, Iván. Concordamos contigo en que o papel de Google é fundamental, e desde logo mentres iso non cambie vai ser un difícil escollo.
Eu cada vez uso menos o google xustamente por ese motivo. Prefiro vivir na ignorancia ca darlle valor a quen me discrimina por ser galego.
Certo, o problema é que o usa tanta xente… que hai que intentar construir alternativas ou intentar que as que hai o fagan en galego 🙁