Xurés: intervir para salvar as víboras (fauna 3)

Publicidade

Podes ler outros capítulos da Serra do Xurés.

“O 26 de agosto de 2010 ás 12:45 (hora solar), durante o traballo de campo realizado para o proxecto “Distribución e abundancia de vertebrados reprodutores no LIC Baixa Limia”, atopouse un exemplar melánico de Vipera latastei á beira dunha pista forestal na serra de Santa Eufemia, dentro do Parque Natural da Baixa Limia – Serra do Xurés na provincia de Ourense (UTM 10×10 qm: NG73). A área está situada a 800 metros sobre o nivel do mar, a temperatura media anual anda nos 12,5 ºC e a precipitación media anual é de 2.200 mm/ano (AEMET-IM, 2011). Na vexetación, a especie potencial é Quercus pyrenaica, aínda que debido aos numerosos incendios forestais sufridos durante a década de 1980 repoboouse con Pinus sylvestris. O exemplar en cuestión era un macho adulto con 445 mm de lonxitude cabeza-cloaca, 70 mm de lonxitude da cola, cinco escamas apicais, 143 escalas ventrais e 33 escalas subcaudais. Este é o segundo caso coñecido de melanismo total en Vipera latastei en toda a súa área de distribución. (…) O único caso até a data fora citado por Brito (2001) na Mata da Albergaria (no P.N. da Peneda-Gerês) nunha zona situada a menos de 5 quilómetros do caso descrito nesta nota.”

A anotación corresponde a unha publicación de Fernando Martínez-Freiría xunto a Xosé Pardavila e Adrián Lamosa no Boletín de la Asociación Herpetológica Española, cando Martínez-Freiría xa facía parte do CIBIO (Centro de Investigação em Biodiversidade e Recursos Genéticos da Universidade do Porto), un ano despois de ter presentado a súa tese sobre a zona de contacto no noroeste da Península das víboras ibéricas. Fernando Martínez, nado en Tui, é o maior experto do país no estudo das serpes. A súa área principal de traballo antes de comezar as viaxes a África foi o Xurés, onde participou na elaboración do Atlas de Vertebrados catalogando os anfibios (11 especies) e os réptiles (16).

Víbora de Seoane (Vipera seoanei) na zona de Castro Laboreiro, un exemplar de cor totalmente negra. Foto: FM.

O lume inimigo

“Desde 2010 volvo practicamente cada ano. Coñezo ben o Parque. É unha xoia desde o punto de vista biolóxico e bioxeográfico. Ten unha fauna que non temos noutra zona de Galiza. Presenta unha biodiversidade excepcional. Mais, esa parte non sae habitualmente nos medios de comunicación. Saen os lumes, que é certo que castigan moito e imos de mal en peor nese aspecto. É un desastre”.

Para os portugueses, o Parque Nacional da Peneda-Gerês, que vén de cumprir 50 anos como único Parque Nacional do país, “é un estandarte, considérano un patrimonio”, di Fernando. Mais tamén sofre moito os incendios. Cada ano máis.  

Víbora de Seoane. Foto: FM.

No Xurés, punto de encontro entre dous mundos, o atlántico e o mediterráneo, atópanse a víbora de Seoane (Vipera seoanei), especie atlántica, e a víbora Fociñuda (Vipera latastei), especie mediterránea. Fernando estuda os hábitats que ocupan e os factores ecolóxicos que afectan á distribución das poboacións, así como a súa conservación.

A víbora de Seoane está bastante ben distribuída por todo o territorio galego. No Xurés está nas zonas máis eurosiberianas e cunha distribución relativamente pequena. A víbora fociñuda apenas ten tres núcleos poboacionais na Galiza, xa que non se dan demasiados ámbitos mediterráneos. Hainas no Xurés, no Invernadoiro e na zona da Gudiña. No Xurés presenta unha distribución fragmentada e restrinxida a ese tipo de hábitats: mediterráneo e de montaña. “Desafortunadamente, estes núcleos da fociñuda están illados entre si e sofren continuamente incendios. Esta especie está nunha dupla situación de illamento: polas propias condicións que require a especie e polo ser humano como causante dos incendios”.

Víbora Fociñuda. Foto: FM.

Seoane vs. fociñuda

A víbora de Seoane no Xurés foi detectada no Laboreiro, ao norte, e na parte este do Parque en torno ao río Salas. “Son exemplares pequenos, que usan o veleno para inmobilizar ratos e logo consumilos. Unha das súas singularidades está na variabilidade de cor e deseño. Hai exemplares que son totalmente negros, melánicos; hai outros con deseños en zigzag. Ten un morro plano”, explica o investigador. A fociñuda localízase na parte sur do Parque. Busca zonas de rochas e mato con orientación sur. “Teñen o morro máis levantado, de aí o nome, e unha cabeza máis triangular que a Seoane. En xeral é unha especie máis robusta, máis ancha e grande. Se a Seoane depende de ambientes húmidos, a fociñuda é de ambientes secos e de montaña, frescos. Non ten a variabilidade de cor dorsal da Seoane”. A especie máis ameazada, tanto no Xurés como en xeral na Península, é a fociñuda.

Víbora de Seoane. Foto: FM.

No 2017 Fernando Martínez participou dun traballo sobre a variabilidade das cores e deseños da víbora Seoane. Empezaron estudando a xenética. Despois a distribución por área dos padróns cromáticos. Mesmo utilizaron modelos de plastilina e pescudaron se as variacións podían obedecer a depredacións diferenciais. Por exemplo, se os bichos melánicos, máis escasos, sufrían máis depredación. “Non parece a causa. Mais si descubrimos que os exemplares melánicos conseguen quentarse antes e conseguen estar máis activos que outros en ambientes fríos. Basicamente concluímos que a causa obedece a un balance entre depredación e termorregulación. É dicir, en determinadas áreas o mellor é ser melánico; noutras, a presión dos depredadores é maior e o deseño en zigzag facilita a camuflaxe ao tempo que envía a advertencia de perigo para o depredador. Tamén pasa coas abellas ou coa saramaganta”.

As poboacións dunha e doutra especie non adoitan a entrar en contacto. Os mapeos no Xurés e na Peneda-Gerês puxeron en evidencia que si hai zonas de contacto, “mais non coexisten porque son ecoloxicamente moi similares, competirían e unha especie tería desprazado outra”. Así era até hai pouco xa nos últimos anos, explica Martínez, veñen detectando exemplares con morfoloxías que poden levar a pensar que son híbridos, “pode ser que a fragmentación do hábitat, as queimas, o deterioro da paisaxe, estea provocando que as especies se solapen moito máis do que estaban de forma natural e poidan estar hibridando”. Pasou noutros lugares. No norte de Burgos, onde o investigador fixo traballos de campo. Tamén noutras partes de Europa. “E parece que pode estar relacionado cos cambios do hábitat debido a presión do ser humano”.

Publicidade

Publicidade

Mudanzas e novos competidores

As víboras necesitan de hábitats ben conservados. Despois de cada incendio o tamaño da poboación decrece. Se o hábitat cambia radicalmente, entran outras especies a competir. Pasa coa cobra rateira (Malpolon monspessulanus). É unha especie do norte de África que está presente en toda a área mediterránea da Península. Vese favorecida pola deforestación e os cambios na paisaxe. Amplía a súa distribución cara ao norte. Está no Xurés e tamén xa na cordilleira Cantábrica. Na parte portuguesa hai estudos comparativos de evolución das poboacións en zonas queimadas e zonas non queimadas que mostraron como unha serie de lagartos van ocupando as áreas antropizadas mentres que outros acaban por desaparecer. Como mundo entre dous mundos, o Xurés é moi sensíbel aos cambios na paisaxe que contribúen ao quecemento. A biodiversidade é sempre máis fráxil en rexións de contacto.     

Cobra rateira. Foto: FM.

Nos equilibrios entre depredadores e presas as cobras e serpes xogan o seu papel en canto que fan parte do control dos micromamíferos e, ademais, son alimento para aguias cobreiras, miñatos e mesmo aguias reais. Tamén os xabarís comen moita cobra e houbo lugares na Península ou illas próximas onde porcos domésticos en extensivo acabaron con poboacións de víbora fociñuda”. Os ourizos son inmunes ao veleno das víboras e comen nelas. Raposos e teixugos son outros depredadores.

“Para axudar á conservación o mellor sería non tocar ou tocar o menos posíbel, como xa se comentou nesta serie. Mais non paramos quedos. Así que o primeiro foi saber onde están os bechos e como se distribúen. Sabemos onde están no Xurés e tamén na parte portuguesa, onde teñen localizadas poboacións de Seoane no Castro Laboreiro, en Paredes de Coura e en Tourém. Deberiamos avaliar as causas do illamento e pensar no futuro que lles espera, igual hai que intervir para garantir a pervivencia”, indica Fernando Martínez. E inmediatamente sinala outra intervención urxente: a educación. “Habería que investir para sensibilizar a xente da nosa biodiversidade e das vantaxes que iso ten”.

O sapo de esporóns non se volveu ver

No Xurés hai un anfibio moi notábel, apunta Fernando: a píntega rabilonga ou saramaganta (Chioglossa lusitanica). Unha especie “típica” do noroeste, con boa distribución en Galiza, pero cunha situación “peculiar” no Parque dado que se limita a zonas moi concretas. Especie ovípara, nocturna, asociada a hábitats moi húmidos que tamén se atopa en zonas de montaña. 

Saramaganta. Foto: FM.

Outro anfibio singular é o sapo de esporóns (Pelobates cultripes), “o anfibio máis ameazado de toda Galiza, que desapareceu de moitas áreas a consecuencia da perda de hábitat”. No Xurés detectouse un exemplar durante a elaboración do Atlas. “Malia sucesivas visitas aquela zona, non volveu aparecer nunca máis”. O sapo de esporóns vive en zona de area, onde enterra os ovos. As poucas lagoas temporais que quedaban no Xurés xa foron destruídas. Hai poboacións de sapo de esporóns en Corrubedo, na Groba e en zonas do Miño. Pero como especie mediterránea que está no límite da distribución sofre máis. Na canle do Limia tamén se dá por desaparecida.

Sapo de esporóns. Exemplar detectado no Xurés no 2010. Foto: FM.

En canto a outros réptiles, Fernando Martínez explica que no Xurés o resto de especies teñen boas distribucións poboacionais. Os lagartos máis grandes son os que máis sofren; por exemplo, atropelos. No Parque están presentes con boa distribución especies como o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi), o sapo corriqueiro (Epidalea calamita) e o escáncer común (Anguis fragilis). Outras, como a cobra de escaleira (Rinechis scalaris), que son mediterráneas e por iso están en zonas baixas nas marxes do parque, son grandes e a xente non as quere, tamén sofren cos atropelos.

Fernando Martínez regresa este mes ao Xurés, dirixe os traballos académicos de dous estudantes que estudan os compoñentes dos velenos e aplicacións futuras para a medicina. “Isto servirá tamén para que a xente entenda que animais que son velenosos poden prover certos beneficios para a nosa saúde”, conclúe esperanzado.

A serie sobre a fauna continuará na próxima entrega cunha aproximación os insectos que viven no Parque da man da Sociedade Galega de Historia Natural.

Fernando Martínez realizando medicións de víboras durante a súa investigación. Foto: FM.

Pode que che interese:

16 lugares imprescindibles para visitar no Courel

A Serra do Courel é un dos lugares máis importantes do noso país xa non só a nivel ambiental senón tamén etnográfico, lingüístico e patrimonial. Nesta zona comezaron os traballos de recuperación dunha das figuras mitolóxicas do nadal galego, o Apalpador, mais tamén destaca pola súa arquitectura e a preservación de ritos, lendas, gastronomía e tradicións.

10 fervenzas para visitar polo menos unha vez na vida (parte 2)

Realizar unha lista de fervenzas para visitar require moitísimo tempo xa que en Galiza é raro o lugar que non teña unha ou varias fervenzas ou pozas. Por iso, despois do éxito da primeira parte na que tocamos algunhas das fervenzas máis populares, nesta segunda parte imos tocar outras 10 que puidemos visitar e que recomendamos coñecer, especialmente na época de choivas que é cando baixan no seu pleno esplendor.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!