Podes ler outros capítulos da Serra do Xurés.
“O mundo non é dos vertebrados, os mamíferos somos unha minoría, unha anécdota en canto ao numero de especies se falamos de diversidade. Haberá, arredondando, unhas cinco mil especies de mamíferos coñecidas e case un cuarto delas son quirópteros: os morcegos”. Informa Luis Tapia, biólogo e colaborador do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela, para abrir a segunda parte do capítulo adicado á fauna do Xurés.
Neste artigo falamos de...
O lobo e outros carnívoros
No que hoxe é o territorio do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, os mamíferos son unha minoría moi dominante. A competencia entre o lobo e o home segue viva. No documento da candidatura de 2008 á reserva da biosfera, asinado xunto ao Parque Nacional da Peneda – Gerês, os redactores informan así do lobo: “foi, sen dúbida, o animal máis acosado e cazado polo home neste territorio. Os foxos do lobo foron os medios máis empregados nas comunidades de montes para capturalo. O lobo converteuse, desde o Neolítico, no maior competidor da especie humana e, polo tanto, no seu maior inimigo. Séculos enteiros de lendas, contos e persecucións contemplan a historia dun dos animais con máis mitos da historia da humanidade”.
Hoxe, o plan de xestión do lobo volve provocar polémicas. “O Xurés é zona de presencia, móvese moito por estes montes”, advirte Luis Tapia. “Mais non hai excesivo problema porque xa non queda moito gando. Os gandeiros que aínda quedan pois, evidentemente, han ter danos a causa do lobo. E, evidentemente, teñen que se ver compensados pola Administración”, di Alberto Gil, técnico medioambiental e bo coñecedor do Parque; el xa estaba entre os organizadores daquela candidatura presentada en 2008 e que agora une os dous espazos naturais.
O lobo hai que coidalo, di Gil, “é unha especie interesante porque permite manter eses equilibrios entre depredadores e animais silvestres”. E cualifica o estado de conservación da especie como “bo”.
O armiño (Mustela erminea), un carnívoro setentrional, de montaña e de brañas e o tourón (Mustela putorius) son especies con poboacións limitadas, escasas no Parque. A martaraña (Martes martes) si é abundante. É un carnívoro que se adapta a hábitats diversos, desde a matogueira ás fragas. A garduña (Martes foina) paréceselle moito, pero é outra especie asociada a contornas mais humanizadas e non tan forestais como a martaraña. Tamén están representados o teixugo (Meles meles) e a londra (Lutra lutra). “O Xurés é unha área rica en carnívoros medianos e pequenos. Mesmo aparece o gato bravo (Felis silvestris) que ten unha presencia escasa no resto de Galiza”, explica Luis Tapia. O atlas de 2012 xa apuntaba: “Non hai datos sobre o tamaño da poboación e a súa tendencia. En zonas óptimas peninsulares sinaláronse densidades de 0,38 individuos por quilómetro cadrado.
Especies comúns
Especies moi comúns son o xabarín (Sus scrofa), o corzo e, en menor medida, o cervo (Cervus elaphus). No caso do corzo (Capreolus capreolus), o Parque é un hábitat propicio mais a especie pasou dificultades estes anos a causa dunha enfermidade. O xabarín, pola súa banda, é outra especie controvertida na súa relación co home. O informe de 2012 xa advertía: “é conflitiva polos danos que ocasiona nos cultivos dos que se alimenta”.
“O esquío (Sciurus vulgaris) está en aparente regresión poboacional, pero vese”, apunta Tapia. Tivo unha gran expansión nos anos oitenta, era moi abundante nos noventa; pero a día de hoxe parece que foi a menos. No Xurés tamén se atopan roedores como o leirón careto (Eliomys quercinus), moi frecuente en matogueiras e rochedos. Trátase dunha especie nocturna e que hiberna. A rata de auga (Arvicola sapidus) presente no Laboreiro, especialmente nas turbeiras, ten unha presencia algo máis restrinxida.
Alberto Gil anota outras especies que axudan a manter os equilibrios. Algunha vai a menos, o que pode chegar a constituír un problema, como no caso da lebre ibérica (Lepus granatensis ). Esta especie vive no Laboreiro, en zonas de planalto da Serra da Pena, da Serra do Xurés e da Serra do Pisco e serve de presa para carnívoros, fundamentalmente para a aguia real. Ou o coello (Oryctolagus cuniculus), con poboacións en franca regresión. “Entre as enfermidades, o exceso de caza e que é presa habitual de carnívoros… foi minguando a poboación, pero é un elemento ecolóxico vital. Importantísimo, diría eu, en calquera ecosistemas ibérico. Moito máis que o lince, por exemplo”, subliña Gil.
A cabra pirenaica
A cabra montesa pirenaica (Capra pyrenaica) é unha das contribucións do home a conservación dos equilibrios no Parque. O seu antecesor, a cabra montesa lusitánica, extinguiuse a finais do século XIX. Un século despois, en 1992, comezou un programa de reintrodución. Trouxéronse exemplares da Serra de Gredos. Hoxe hai poboacións estábeis nas áreas de Santa Eufemia, da Serra de Queguas e da Serra do Xurés. No estudo de 2012 a poboación estimábase entre 200 e 400 individuos.
“É unha especie consolidada no Parque e xa se asocia dalgunha maneira á imaxe do Xurés, porque tamén ten unha compoñente paisaxística moi interesante ao facerse moi visíbel nos penedos acentuando a verticalidade da paisaxe”, sinala Alberto Gil, e destaca ademais o seu valor como elemento de equilibrio o servir de alimento dos maiores predadores.
“Cando se estaba co asunto da declaración do Parque empezouse a introducir a cabra cunha visión máis cinexética, pero agora ten unhas poboacións interesantes, achega moito máis, mesmo porque xa que non queda carga gandeira. E está en equilibrio coa aguia e co lobo. Se non fora polo lobo, a cabra estaría disparada”.
En calquera caso, o principal factor de desequilibrio no Xurés son as actividades humanas. Os lumes son un problema. Para certas especies, tamén a caza. E sono os encoros. Alberto Gil non dubida en cualificar a última desfeita, o encoro do Lindoso, como “unha barbaridade”. “Estas infraestruturas sufrímolas todos, incluídos os humanos, pero quen de verdade sufre é o medio, o Xurés, o Laboreiro, o Quinxo, a Serra da Pena…”
“A nosa visión, como especie humana, é sempre interesada. E iso significa, entre outras cousas, que espazos coma o Xurés se vexan como sitios onde a xente pode divertirse en contacto coa natureza. A xente teima en chegar a todos os sitios, mesmo os lugares nos que os animais que alí habitan precisen tranquilidade. Iso non é compatíbel co respecto polo resto da vida”, di Luis Tapia, e indica que a mellor estratexia en conservación é “non tocar, sermos pouco intervencionistas, deixar que os hábitats rexeneren por si mesmos”.
“O mellor sería non tocar nada. Porque habitualmente pasa que se tocas acabas por romper os equilibrios, pero as veces tes que tocar para reparar. Hai que intervir para axudar, coma no caso das cabras”, conclúe Gil.
Descubrindo os morcegos
Adrián Lamosa é biólogo e formou parte do equipo redactor do atlas de vertebrados do Xurés en 2012. “Aquela foi unha gran oportunidade. Traballamos nun espazo protexido do que non se coñecía moito a respecto de determinadas especies, entre elas os quirópteros. O Xurés, xa se ten falado aquí, é unha zona privilexiada pola variedade de hábitats, climas e paisaxes”.
Adrián traballou no Parque nos anos seguintes investigando as poboacións de morcegos. “Concentrando os esforzos nun grupo, neste caso os quirópteros, pódese sacar moitísima información. Case non había especies descritas e sacamos 22 das 24 que hai no país”. Algúns dos morcegos pertencen a hábitats forestais, viven en bosques autóctonos ben conservados; outros, ocupan covas e minas; e outros atopámolos, moi próximos, en faiados e adegas.
O traballo dos conservadores realízase en parte pola noite, o que os converte a eles mesmos nun grupo aparte. Os investigadores dispoñen estacións de captura nas zonas de refuxio e puntos de auga onde acoden a beber ou cazar. Tamén contan con estacións de detección por ultrasóns que sitúan en lindeiros de bosques e cruces de camiños. E identifican os refuxios potenciais, moitos deles vinculados a construcións humanas.
O labor de divulgación tamén é nocturno. No 2011 o Xurés sumouse a International Bat Night, que se celebra o último fin de semana de agosto. A noite dos morcegos serve para que os visitantes coñezan os morcegos de ferradura, os grandes (Rhinolophus ferrumequinum) e o pequeno (Rhinolophus hipposideros) eses que buscan refuxio nas edificacións humanas, polo que é habitual atopalos nas adegas ou faiados.
A noite dos morcegos descubre ademais as características do nóctulo xigante (Nyctalus lasiopterus), que basicamente se alimenta de coleópteros, mais en ocasións pode capturar pequenas aves en paso migratorio. A súa presenza no Parque é moi restrinxida, estando vinculada a masas forestais ben conservadas. O nóctulo pequeno (Nyctalus leisleri) é máis abundante e común, estando tamén asociado a bosques de frondosas pero tamén a edificacións.
Os orelludos tamén chaman a atención pola súa singularidade. No Xurés hai poboacións de orelludo dourado (Plecotus auritus) e de orelludo gris (Plecotus austriacus). O primeiro deles non é moi común, pero o orelludo gris está amplamente distribuídos. Empregan como refuxio árbores vellas, elemento importante de conservación, muíños, pontes ou outras edificacións dependendo da época do ano. Aliméntanse de lepidópteros nocturnos.
Ademais, no Xurés están presentes, entre outros, o morcego rateiro grande (Myotis myotis), o morcego de ribeira (Myotis daubentoni),o das hortas (Eptesicus serotinus), o de cova (Miniopterus schreibersii), o de bosque (Barbastella barbastellus), o bigotudo (Myotis mystacina), o montañeiro (Hypsugo savii), o de orella fendida (Myotis emarginata), e o rabudo (Tadarida teniotis).
A protección dos morcegos
Todas as especies de quirópteros están protexidas por lei. Algunhas figuran no catálogo galego de especies vulnerábeis, como o morcegos de ferradura, ou o de Bechstein (Myotis bechsteinii). “O catálogo apenas ten dúas categorías: especies en perigo de extinción e especies vulnerábeis. Parece necesario ampliar as categorías e poder incluír outras especies e dotalas de maior protección. É unha liña técnica que se abriu hai un tempo pero que parece un pouco parada”, comenta Adrián Lamosa.
Os morcegos non teñen un depredador concreto. Os equilibrios mantéñense no Parque, di Lamosa, mais a información segue a ser escasa. “Faltan, por exemplo, avaliacións sobre o impacto da redución de gando en relación cos insectos, ou mesmo que pasaría cos insectos se baixan as poboacións de morcegos”.
No traballo dos conservadores a maior parte das caixas para morcegos que se colocaron na área tiñan como obxectivo facilitar a presenza dos morcegos en zonas de piñeiral onde estes son máis escasos. No Xurés non se chegaron a avaliar outros aspectos como o papel de control de pragas, aínda que hai iniciativas a nivel peninsular.
“Para a conservación dos morcegos é importante coidar os hábitats de alimentación e os usos do solo, en canto a reducir a contaminación por fitosanitarios, pero tamén coidar os refuxios, dado que son especies delicadas en canto as condicións que necesitan”, advirte Lamosa. “Os morcegos teñen poucas crías, precisan temperaturas elevadas para a cría; e para a hibernación, case o contrario: baixa temperatura, humidade… A destrución dos refuxios de cría ou de hibernada poden ser unha hecatombe para estas poboacións a nivel local”.
O cambio climático é outro factor que empeza a afectar a determinadas especies. No caso do morcego rabudo, habituado a un clima mediterráneo, podería ver incrementado cara ao norte a súa área de distribución agora circunscrita o sur de Galiza. Os lumes son outro elemento de cambio. Neste caso, un perigo. Principalmente porque eliminan refuxios e zonas de alimentación.
“Non son moi optimista en canto a posibilidade de que as áreas naturais protexidas se amplíen. Europa mete presión. E, se se amplían, pode que na práctica non se protexan como se debera”, di Adrián Lamosa. “Non ten sentido ter zonas protexidas no que o primeiro sexa facer deporte, espeleoloxía ou actividades humanas que afecten o medio”.
“No caso concreto dos morcegos, se teño que salientar algo que mereza a pena dese traballo de investigación sería que nos teñen axudado a sacar á luz coñecemento. E non falo só de abrirnos ao estudo da noite, que tamén. Falo de que son especies que espertan a curiosidade e permiten tender unha ponte entre a investigación e a divulgación e chegar ao resto da sociedade”, conclúe Lamosa.
Nas seguintes entregas da serie continuaremos falando dos animais que habitan o Parque co foco en réptiles, anfibios e insectos; vitais tamén nos delicados equilibrios do Xurés. Agradecemos o esforzo, incluída a revisión de textos, e as valiosas suxestións de Luis Tapia, que nos guiou durante estas dúas entregas da serie.