Podes ler outros capítulos da Serra do Xurés.
“A entomofauna do Xurés precisa dun estudo interdisciplinar para nos aproximar ao que pode haber”, di Xosé Lois Rei Muñiz, vogal de entomoloxía da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), quen na actualidade traballa nunha cartografía dos lepidópteros diúrnos do Xurés: as bolboretas.
Neste artigo falamos de...
Despois dos xeos
Xosé Lois Rei Muñiz visita o Parque cada ano desde 1985. “Non existe atlas ningún dos insectos que hai no Xurés, como tampouco o hai de Galiza. O problema desta especies, non só do Parque, é a falta de coñecemento en xeral”.
O que hai, informa Rei Muñiz, son traballos moi locais e de grupos pequenos: “datos moi dispersos e, do Xurés, salvo notas puntais non hai practicamente nada”. Os estudos sobre as Papilionoidea (as bolboretas diúrnas) e os Odonatos están en marcha. “Son apenas pinceladas. O risco é que probábelmente nunca cheguemos a saber cantas especies houbo no século XX, xa que a degradación ambiental fai que moitas poboacións desaparezan. O cambio climático traerá unhas especies e eliminará outras, como probablemente pase coa Erebia triaria nespereirai”, asegura.
No que atinxe ás bolboretas a catalogación vai algo máis avanzada. No Xurés hai 89 especies. Algunha é (ou foi) especialmente notábel pola súa rareza.
Nun traballo de 1983 o investigador Vicente Rodríguez, da SGHN, describiu unha especie de Erebia triaria (de Prunner), que anos atrás fora citada no Gêres. “Constituía a única Erebia para Portugal”, anotou Rodríguez, antes de relatar como toparon a bolboreta: “Con motivo dunhas excursións que membros da SGHN, da delegación de Ourense, realizamos como memorial do xeólogo Nespereira Iglesias á Serra do Xurés, na súa vertente galega, tivemos a fortuna de capturar ese ano exemplares de dita Erebia. As capturas realizáronse os días 12 e 26 de xuño de 1983 no lugar denominado Val das Sombras, no comezo do camiño que parte da pista xeral cara a antiga mina de volframio”.
O achado presentouse na sexta Reunión Bienal da Sociedad Española de Historia Natural o 16 de setembro daquel ano e Vicente Rodríguez propuxo unha nova subespecie, a Erebia triaria nespereirae.
Xosé Lois Rei Muñiz explica que esa especie de bolboreta é moi rara na Península, pois “quedou cando retrocederon os xeos nas glaciacións e sobreviven en zonas de alta montaña”.
Desafortunadamente as últimas citas corresponden aos anos 1985 e 1989. “Hai uns dez anos, mediante unha autorización para poder acceder ás zonas máis altas en vehículo, fixen unha investigación específica na busca desta especie mais non atopei ningún exemplar”. Rei Muñiz anuncia que “axiña” volverán intentalo, “porque ten o seu interese, é a única Erebia nesa zona do país”. Ademais, os científicos queren comprobar se se trata dunha nova subespecie, “probabelmente si, porque debido ao illamento pode ter evolucionado de maneira independente”.
O gando
Unha das particularidades do Xurés é que aínda queda (cada vez, menos) gando en extensivo, sobre todo vacas e cabalos salvaxes. Por iso hai presenza abondosa de escarabeidos, insectos da orde dos coleópteros, que se alimentan dos excrementos do gando.
Rei Núñez achega unha imaxe da especie Trypocopris pyrenaeus, un dos coleópteros coprófagos que conta cunha boa poboación no Xurés. É un parente dos coñecidos como escaravellos peloteiros.
Hai un par de anos, o propio Rei Muñiz en colaboración con Xosé Bergantiños, describiu un exemplar de Chalcophora mariana. Atoparon dous, o primeiro, morto, en Videferre (Oímbra); o segundo, vivo, na Serra do Xurés en Lobios, “nun piñeiral duramente queimado durante o 2017 e desaparecido trala tala dos restos en 2018.
O exemplar estaba pousado e inactivo nun toco queimado de Pinus pinaster”, describen.
“Non había citas anteriores, e pensábamos que eramos os primeiros, mais non hai moito, revisando investigacións, vimos que había unha cita en 2016 dun afeccionado que non a publicou”.
Aquel exemplar vivo atopárono nunha zona que ardeu e na que despois entrou maquinaria para retirar a madeira e esa actuación humana provocou unha desfeita considerábel: abriron pistas, arrasaron outras, veu a chuvia e baixou todo para os ríos. “Esta especie é típica de áreas de piñeiral degradado. Aprovéitase da madeira morta. Apareceu aí”. O investigador apunta que esta circunstancia revela dúas cousas: sinala a zona como zona degradada e confirma o aumento da temperatura, xa que se trata dunha especie común das zonas tropicais. “Trátase dun becho grande que necesita boa temperatura e bos tocos de piñeiro”.
“Non sabemos cantos insectos hai no Xurés pero o que si sabemos é que cada ano que pasa as poboacións son máis reducidas. É unha magoa, porque vemos que nesas pequenas illas que van quedando aparecen especies interesantes nun hábitat especial pola orografía, a altitude e a temperatura”, explica Rei Muñiz. “O que queda”, di, “é un reflexo pálido da diversidade da zona”.
O castigo divino
“Os lumes son un castigo divino”, sostén o investigador, “arrasan coa vexetación e cos solos, matan os insectos e destrúen os seus hábitats”. E os insectos, lembra, “son o alpiste dos demais animais”. O que van quedando son illas de vexetación e bosque, e entre elas as conexións son moi febles. “Isto vese xa en concellos como Muíños ou Calvos de Randín, quedan manchas…”.
Os insectos teñen varios problemas co lume. Non teñen a capacidade de desprazarse rápido para poñerse a salvo. Van máis lentos, mentres os incendios van cada vez máis rápido. “Cun lume grande, calquera insecto adulto, voando, non vai a ningures, e as larvas quedan torradas…”, resume Rei Muñiz. O segundo problema é que o lume elimina o que poden comer: plantas, vexetais e outros insectos.
Polo momento, os investigadores que traballan cos insectos, asegura Rei Muñiz, non están constatando evidencias de especies afectadas polo cambio climático. “As referencias temporais que temos aínda son curtas, só uns 30 anos, para detectar este tipo de impactos”. Mais si recoñece que o quecemento global inflúe sobre as especies que habitan as zonas máis altas, como no caso da Erebia triaria, por riba dos 1.100/1.200 metros. “Se queda algunha, pode desaparecer nun prazo curto… que significa curto? Vinte, trinta anos… Se queda, ao ritmo que imos, non aguantará vinte anos máis”.
O Plan de Ordenación do Parque do Xurés identificaba en 2008 dúas especies de insectos ameazadas, entre un total de 64 especies de flora e fauna ameazadas, o que dá unha idea do limitado catálogo de insectos. Esas especies eran o Lucanus cervus (a vacaloura) e a Macromia splendens, outra reliquia da época das glaciacións.
No Parque está presente outra especie de libélula moi parecida, a Codulegaster Boltonii. Con todo, as poboacións de Macromia son raras e están moi illadas na Península. Trátase dunha especie tropical dun grupo de 112 do que só a Macromia splendens está no continente europeo. O catálogo estatal sinala que foi citada por vez primeira en Galiza en 1995, e explica: “Habita en ríos anchos e algo profundos, nos tramos lentos que permiten a deposición do sedimento e o crecemento da vexetación acuática (…) Probabelmente tamén se reproduce en ríos máis pequenos de parecidas características. En Galiza observouse o comportamento dos machos, que no río consiste en patrullar continuamente un sector de entre 50 a 100 metros”.
Nun estudo de hai uns anos a Universidade de Vigo comparou as poboacións de coleópteros nos distintos parques e espazos protexidos do país. “Non sei que puido pasar, pero do Xurés non se chegou a completar”, di Rei Muñiz, quen lamenta a falta de datos sobre o Parque. “O problema neste campo de investigación en Galiza agrávase no caso do Xurés: hai pouca xente traballando este campo, e no Xurés as poboacións minguan a un ritmo máis rápido que en ningunha outra parte. Por que? Polos lumes”.
Os insectos son a base da cadea trófica. Dependen deles moitas outras especies, mesmo aves rapaces como os lagarteiros. Eses tiñan moita presenza hai anos tanto no Xurés como na parte portuguesa… “Non sei como estarán agora alí, hai tempo que non piso o Gêres, pero hai uns anos sabías onde estaba a raia polo grao de conservación do parque. O noso Xurés estaba desgraciado… a parte portuguesa víala inzada de aves”, recorda o investigador.
A raíz
Para mellorar o estado de conservación do Xurés Xosé Lois Rei Muñiz advirte que non queda outra que ir á raíz do problema. Na maior parte de Ourense, mais especialmente en zonas arraianas, hai unha “persistencia brutal” dos incendios, constata. Asume que se trata de cuestións sociolóxicas, “pero hai que dicir que o problema é que hai quen planta, e quen planta é xente do lugar”. Aínda que concede que é necesaria, dubida que “a educación ambiental” das mozas e dos mozos con accións como as replantacións de árbores, sirva para atallar o mal. “Eses esforzos serán queimados dous ou tres anos despois…”
“Non me gusta a expresión limpar o monte, porque o mato ten a súa función… pero aquí non lle damos tempo a que se desenvolva a vexetación até chegar a formar o bosque. Queda o mato, que arde con moita facilidade, e por iso tamén os lumes son maiores… e cada ano que pasa é máis difícil reverter a situación”.
En seguintes entregas da serie, cando chegue o momento de falar da auga, dos ríos, dos mananciais e dos inmensos encoros que rodean o Parque, trataremos tamén dos peixes para completar o círculo da fauna que se pecha neste capítulo.
1 comentario en “Xurés: o lume torra os insectos (fauna 4)”
Estas serras (Pena, Pisco, Xurés, Santa Eufemia, Quinxos, Leboreiro…) e este territorio (Muiños, Randín, Lobios, Entrimo, Lobeira…) xamais tiveron tanto arboredo e tanta vexetación coma agora. Nunca. So fai falta falar cos máis vellos ou mirar cartografía e fotos de voos dos anos 50. En mesmo, que son do 58, podo dar fe de non había, nesta comarca nin no Xurés…, máis vexetación ca hoxe en día; ben ao contrario, a presión humana e do gando mantiñan o territorio coa metade de masa forestal ou de mato natural. Vivo á beira dun regato que xamáis tivo vexetación, eran todo lameiros, e hoxe é un bosque de ribeira. Coñezo ven o Xurés, e nas épocas de veceiras queimábase a serra para pastos ata os 1500 m de altitude, e o gando non deixaba prosperar arboredo ningún.