Xurés, a idade das pedras · Xeoloxía e glaciacións da Serra

Publicidade

Podes ler outros capítulos da Serra do Xurés.

Juan Ramón Vidal Romaní é o xeólogo galego máis importante desde Isidro Parga Pondal, que foi seu mestre e dá nome ao centro de investigación que Vidal, xa profesor emérito, dirixe na Universidade da Coruña. O seu despacho é unha sala ampla de teitos altos con estantes cheos de pedras e mesas nas que se amontoan papeis e mapas. Está só é a oficina onde ir ordenando materiais. O traballo faise fóra, nos montes, nas rías dun país vello do que Vidal coñece todas as engurras nas que se encarta unha historia cósmica.

Vidal Romaní, con mostras de minerais que se dan no Xurés. Foto: Orgullo Galego

Alianza

“Traballamos durante cinco anos un equipo mixto galego-portugués, o que significou recorrer a pé aquelas serras. Foi entre o 2000 e o 2005. Os únicos estudos que había do glaciarismo na zona eran os da parte portuguesa”, conta Vidal Romaní mentres abre un enorme mapa que el mesmo compuxo xuntando planos dos servizos cartográficos lusos e galegos. “O problema antes sempre era o mesmo: collías un mapa galego e cando chegas á raia, a parte de abaixo está en branco; e cos mapas portugueses pasaba ao revés”.

Vidal Romaní xa tiña feito investigacións sobre o glaciarismo cando a comezos dos oitenta descubriu os traballos dun xeólogo alemán que fixera parte da explotación de volframio e estano durante a Segunda Guerra Mundial nas minas da Sombra e dos Carrís, dun lado e doutro da raia. “Parece que este xeólogo era orixinario dunha zona de glaciares, e interesouse polo que vía aquí, el fixo o primeiro deseño do glaciarismo nas dúas partes da fronteira. Cando din con aquel traballo, fun o Xurés, simplemente mirar… mais anos despois chamoume Brum Ferreira, un xeógrafo portugués, e pediume colaboración para aclarar o asunto do glaciarismo na zona. Contoume que o investigador de referencia en Portugal, un tal Teijeira, determinara que os estudos do alemán estaban errados”.

O campo de estudo abarcaba 65 quilómetros cadrados. Empezaron no sur. Tiñan a base en Caldas do Gerês, desprazábanse en coche un treito e despois, a maior parte de cada xornada, a pé. Un mes ou dous cada ano.

O glaciarismo, cando se desenvolve sobre algún tipo de rocha, é máis doado de apreciar que cando se dá sobre granitos, indica o profesor, “nos granitos custa moito recoñecer os depósitos, as formas, mesmo te podes confundir”.

Deuse a circunstancia de que Vidal Romaní era un experto en granitos. “Foi unha alianza moi interesante – lembra–  porque na Galiza non había nada feito e en Portugal dicían que non había glaciarismo… pero todo o mundo sabia que si”.

Vale do Rio Homem, en Portugal, no Parque do Gêres

Erosión glaciar

No Xurés-Gerês, o movemento dos glaciares deuse principalmente no sur, que adoita ser a parte máis quente. Na vertente norte, a zona galega, o glaciarismo orixinouse nunha etapa glaciar tardía, hai uns 300.000 anos. No sur, produciuse durante todo o Cuaternario, uns 2,5 millóns de anos.

O glaciarismo nunha área de reducidas dimensións repítese en Cabeza de Manzaneda e na Serra da Estrela, en Portugal. Tamén se dá, nunhas zonas aínda máis pequenas, no Courel e nos Ancares. O que produciu o glaciarismo son os relevos que se formaron como consecuencia do choque entre continentes na oroxenia alpina. Estes montes eleváronse por riba dos mil metros, así que había neves e polo tanto xeo. O resultado é que esa zona estivo suxeita durante 2,5 millóns de anos a unha erosión glaciar.

O que se ve hoxe son grandes montañas descubertas, sen depósitos, con rocha en superficie… como se non houbese nada onde que buscar as pegadas do pasado. Os solos case “non existen” no Xurés, subliña o profesor, esa erosión durante miles de anos deixou apenas rochas. “O solo máis antigo que hai aí pode ter 15.000 anos, digamos que son solos moi recentes desde o punto de vista xeolóxico”.

A rocha en superficie deixa tamén as vetas do mineral ao descuberto, sen area ou sedimentos por riba. De aí a facilidade para atopar e extraer o volframio e o estaño.

Rochas no Xurés. Foto: @mymrutinas

A paisaxe

O glaciarismo deixou pegada na paisaxe, mais non a condicionou. “A paisaxe vén determinada pola tectónica terciaria, que empezou hai 65 millóns de anos e rematou hai uns 23 millóns de anos. Houbo un choque entre o que é a Península e unha placa que se chama Eurasia. Formáronse, entre outras cadeas montañosas, os Pirineos, e no que é Galiza, subiron estas zonas illadas, que non son grandes cordilleiras, senón relevos illados… polo que respecta o glaciarismo, o importante deste choque é que elevan eses terreos por riba dos 1.000 metros de altura”.

Así se preparou o escenario para o Xurés que coñecemos. Primeiro foi o relevo, despois a formación do xeo e o movemento dos glaciares a través dos vales que foi arrastrando todo e deixando rocha na superficie, e deixando solos magros agás na fondura dos vales onde pode haber certa espesura… xeralmente son solos areosos, sen capacidade para reter a humidade durante moito tempo, e finalmente unha vexetación baixa, matogueira, moi sensíbel o lume durante as épocas de seca no verán. Os incendios fan parte da xestión humana desas terras. “Arde moito, si”, recoñece Vidal, “mais esa vexetación e eses solos que alimentan o lume non son produto do lume; sabemos que hai morenas de trescentos mil ou máis anos… hai lumes e hai erosión, pero a máxima erosión produciuse por outro fenómeno”.

Publicidade

Publicidade

O clima entre glaciacións

“Hai quince mil anos aquí tiñamos glaciares, e entón empezaron a desaparecer”, di Vidal Romaní volvendo o mapa e cun dedo sinalando o norte do debuxo, tres pequenas linguas que corresponde aos glaciares de Vilameá, Fecha e Curro, con movemento de sur a noroeste. “Entre 120.000 anos e 15.000 anos antes de agora, a zona estivo cuberta de xeo. Hai uns 20.000 anos comezou a haber menos frío. Hai uns 15.000 anos, o xeo fundiu rapidamente, a gran velocidade. Se calquera botánico ou zoólogo mira iso, desde as súas perspectivas, concluirán que si antes había xeo e agora non o que aconteceu foi un proceso de cambio climático que afectou ás especies… para os xeólogos, para a maioría, isto é un período interglacial”.

Vidal Romaní mostra un debuxo, o corte transversal das montañas, na que a capa superior de cor azul representa o xeo. Nalgúns glaciares, segundo as súas investigacións, a espesura do xeo chegou a alcanzar os 500 metros.

A cor azul representa o grosor das capas de xeo que nalgún glaciar puido alcanzar os 500 metros

Durante o Cuaternario – 2,5 millóns de anos– rexistráronse uns períodos, “moi breves”, de 15.000 anos nos que todo o xeo desaparecía… mais o resto do tempo, uns 120.000 anos, volvía quedar todo cuberto de xeo. “Hoxe estamos no final dese período interglacial… os xeos deberían regresar, se se cumpre o patrón que está identificado destes 2,5 millóns de anos, dentro duns centos, quizá mil, anos”. Iso é o que vén acontecendo no Cuaternario. Os períodos glaciais prodúcense como consecuencia de que a Terra recibe menos radiación solar.

“O futuro, segundo está a indicar o pasado, será que entraremos pronto, e digo pronto en termos xeolóxicos, nunha era glacial”, advirte o profesor. “Non hai conflito entre saberes, unha cousa é un paleobotánico, que estuda o polen, e outra é un botánico, que estuda a vexetación actual… de feito hai especies, tanto de vexetación como fauna que se moven cara as zonas que o xeo abandona, pero son marcos temporais distintos”.

Vidal Romaní fai referencia á Erebia triariaver capítulo anterior, Os Insectosespecie hoxe afectada polo quecemento planetario, “que chegou o Xurés cando desapareceron os glaciares, o mesmo que nos cumios do Courel e toda a cordilleira cantábrica”. Nun prazo curto, esta bolboreta sufre co quecemento, mais beneficiouse do desxeo. No Xistral, apunta Vidal Romaní, a Erebia permanece desde hai máis de cen mil anos porque alí os xeos non regresaron.

Portela da Amoreira, no nacemento do río Vilameá. Foto: Davide B.

O método

Despois das queixas que constaron certas eivas no coñecemento do Xurés nalgunhas disciplinas que se trataron en capítulos anteriores desta serie, o profesor Vidal Romaní considera que, no caso da xeoloxía, o asunto do glaciarismo preocupa, en xeral, os xestores mais o coñecemento ten bos piares. A parte destes estudos que tivo máis impacto científico pasou case desapercibida.

O método utilizado para a datación dos glaciares do Xurés e do Gerês desenvolveuse a partir dos isótopos cosmoxenéticos, “que permiten fixar a idade de exposición á radiación cósmica dunha superficie rochosa glaciada”, explica Vidal Romaní, e  serviu para estudar a evolución dos sistemas glaciares na zona aproximadamente durante os últimos 300.000 anos. Foi este método o que fixo posíbel, engade o profesor, coñecer un glaciarismo que se deu nunha área granítica de moi reducidas dimensións e illada, sen aparente conexión cunha rede de drenaxe máis ampla. Até 1999, cando Vidal Romaní xunto a Fernández Mosquera, publican o artigo Cronoloxía glaciar pleistocena da Serra do Gerês non había datacións do glaciarismo na zona. Aquela publicación chamou a atención de  Brum Ferreira e aí empezou a debuxarse o mapa que exhibe hoxe Vidal Romaní no seu despacho do Instituto Parga Pondal como un dos seus logros máis queridos.

Ese método foi o que a NASA utilizou para datar as mostras de rochas que trouxeron as expedicións a Lúa. Nunca se tiña utilizado en Europa até que a nós serviunos para resolver os problemas polas características propias do glaciarismo no Xurés e no Gerês, primeiro, e despois en Cabeza de Manzaneda. Nalgunhas mostras mesmo chegamos a datacións de 500.000 anos”, di Vidal Romaní.

Tecnoloxía a parte, a toponimia é unha pegada que en ocasións achega pistas aos científicos. O profesor conta como nunha ocasión deron cun lugar chamado Lama que treme. “Non sabiamos a razón dese nome tan curioso, até que dunha empezamos a camiñar enriba e movíase, e se saltabas, movíase moito… era unha turbeira, e a auga que había debaixo facía que o terreo se movese. Era un nome marabilloso. Os nomes servían para indicar cousas sobre a morfoloxía do terreo, mesmo das rochas”.

Vidal Romaní, sinala o glaciar do río Homen no Gêres. Foto: Orgullo Galego

Desenvolvemento

“Se comparamos a parte galega coa parte portuguesa, vemos que hai un desequilibrio terríbel en contra da parte galega. E como se a sociedade rural na parte de Ourense tivese cambiado dunha forma diferente que na parte portuguesa, moito máis rápido, malia ser unha zona subdesenvolvida. Ao sur, a sociedade rural segue tendo unha forte presenza de gandeiros e agricultores, pero deste lado iso perdeuse. Por iso a paisaxe e os espazos protexidos están mellor conservados na zona portuguesa. Aquela parte pode parecer máis atrasada, pero somos máis pobres do noso lado”, di Vidal Romaní, e conclúe. “as políticas públicas que se teñen que pór en marcha aquí é crear comunicacións e dar axudas ás actividades gandeiras e agrícolas, mesmo o turismo, porque todo o que ten a ver co turismo, por exemplo, no Gerês está moi vivo e vizoso. E é un turismo de xente normal que vai tomar as augas. O único que habería que facer é imitalos… penso eu”.

Portela da Amoreira, no nacemento do río Vilameá. Foto: Davide B.

Vidal Romaní remata cunha reflexión sobre a suposta potencialidade mineira destas serras. “Na miña opinión, iso é intoxicación”, di e levántase na procura dunhas pedras de mineral de litio. “Estamos vendo cada certo tempo, e pasa en todo o país, como de súpeto aparece unha empresa canadense ou australiana ou sueca, como agora pasa en Castriz, asociada a unha nova explotación mineira. Entón eu penso: que se lle perdeu aquí aos canadenses ou aos australianos que teñen minas dabondo e enormes? Para min trátase dunha modalidade de estafa, algunha empresa de aquí que usa ese suposto interese dunha gran compañía para sacar algún tipo de rédito. As grandes minas están noutros países, aquí só serían interesantes, ao mellor, en tempos de guerra, como pasou co volframio”.

Pode que che interese:

16 lugares imprescindibles para visitar no Courel

A Serra do Courel é un dos lugares máis importantes do noso país xa non só a nivel ambiental senón tamén etnográfico, lingüístico e patrimonial. Nesta zona comezaron os traballos de recuperación dunha das figuras mitolóxicas do nadal galego, o Apalpador, mais tamén destaca pola súa arquitectura e a preservación de ritos, lendas, gastronomía e tradicións.

10 fervenzas para visitar polo menos unha vez na vida (parte 2)

Realizar unha lista de fervenzas para visitar require moitísimo tempo xa que en Galiza é raro o lugar que non teña unha ou varias fervenzas ou pozas. Por iso, despois do éxito da primeira parte na que tocamos algunhas das fervenzas máis populares, nesta segunda parte imos tocar outras 10 que puidemos visitar e que recomendamos coñecer, especialmente na época de choivas que é cando baixan no seu pleno esplendor.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!