Podes ler outros capítulos da Serra do Xurés.
A aguia real e máis a cabra montesa foron reintroducidas no Xurés. Non foi un éxito, foi unha acción reparadora que deixa constancia do fracaso da xestión humana do medio natural.
O lobo volve estar no punto de mira. Ao coello préstaselle a atención que se pode. As poboacións de aves decrecen diante dos ollos dos conservacionistas ano tras ano. A alarma é un rumor que chega desde o parque. Dentro da comunidade científica é un clamor.
Neste artigo falamos de...
Un rumor que non se escoita
“Estamos nun momento de retroceso social e cultural en canto á percepción do medio natural e da importancia da súa conservación. Estamos indo cara a atrás” di Alberto Gil, Técnico Superior Ambiental e propietario da consultora Sterna que leva anos traballando (e vivindo) no Xurés, ultimamente máis na parte lusa: o Parque Nacional Peneda-Gerês.
“O despoboamento, o desarraigamento ou a emigración, mais tamén esa visión antropocéntrica… emociónome e sufro ao falar do Xurés. Os dinosauros estiveron no mundo 160 millóns de anos, nós seremos unha anécdota dentro dun millón de anos. Pero, como podemos facer entender isto?” di Luis Tapia, biólogo e colaborador do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela. Luis realizou a súa tese de doutoramento a principios de século sobre as aves falconiformes nesta zona.
“É un momento moi estraño, esta perda de sensibilidade…”, lamenta Alberto Gil.
En efecto, o momento é estraño. Parece que canto máis se coñece das especies do Parque, dos riscos que afrontan e das causas do problema a capacidade para corrixilos mingua. A verdade científica está, doutra volta, en retirada. Desde o Parque chega un rumor… escóitase?
Aves: un asunto global
“No Xurés, confluencia do atlántico co mediterráneo, o clima varía en función da altitude e da orientación. Hai vales termófilos, moi mediterráneos, e hai zonas de clima máis húmido, eurosiberiano. Hai moitas diferencias e ese valor bioxeográfico é moi interesante para o estudo, por exemplo, da fauna de anfibios e réptiles”, explica Luis Tapia desde a súa casa en Padrón. Este experto en aves volverase ocupar este verán das avaliacións en varias das cuadrículas xeográficas nas que o plan de xestión divide o Parque Natural.
No Parque Natural do Xurés, como zona especial de conservación (ZEC) e zona de especial protección para as aves (ZEPA), están catalogadas 189 especies de vertebrados terrestres das cales 111 son aves, entre elas 91 de nidificación “probábel ou segura” segundo o atlas do Parque de 2012.
“Nas especies estivais que veñen de África observamos un retroceso nas poboacións, debido ao posíbel efecto do cambio climático e do uso de fitosanitarios, basicamente”, indica Luis Tapia mentres describe parte da fauna en risco:
No Parque hai poboacións de gatafornela (Circus cyaneus) e de tartaraña (Circus pygargus), especies moi vulnerábeis pola desaparición das matogueiras. “Cada especie ten os seus propios condicionantes ecolóxicos. Hai aves que precisan de bosques amplos mais estas nidifican no chan e por iso as matogueiras son vitais para elas. En realidade, ambas aguantan moito. Pero se segue caza ilegal, se se siguen matando exemplares ou desfacendo niños non aguantarán máis. A Xunta mantén centros de recuperación para aves pero con iso non chega, ten que haber respecto por parte de todos”, di Luis. A redución das poboacións de gatafornela e tartaraña estímase nun 50% no conxunto da Península Ibérica.
“O mato está en retroceso pola política forestal. Substituímolo, non lle damos valor. Van por diante as plantacións de piñeiro no interior e de eucalipto na costa. Mesmo os prados estanse a reconverter, en moitas zonas agrarias do país, en eucaliptais. Así que as especies ligadas ao mato, moitas delas migradoras, vense ameazadas por un cambio rápido no medio”, anota Alberto Gil, que sinala como no Salas, unha das poucas zonas onde nidifica, estase a ver ameazada a becacina (Gallinago gallinago)
No Xurés tamén teñen presenza a aguia cobreira (Circaetus gallicus) en pequenos bosques das áreas de montaña aínda que é máis abundante na Peneda-Gerês; a rula común (Streptopelia turtur), que se caza moito na Limia -“e debería de protexerse porque o retroceso en toda Europa estímase nun 30%”, comenta Luis Tapia-; o cuco común (Cuculus canorus) que noutras partes de Galiza case non se ve pero aquí segue presente, singularmente no Laboreiro, en parte polos usos tradicionais da terra e do gando. Entre as aves nocturnas, aparece o bufo real (Bubo bubo) nos rochedos, o bufo máis grande.
Entre os paseriformes Tapia destaca o picanzo vermello (Lanius collurio), que habita áreas de campiña aberta con gando en produción extensiva. “A presenza desta especie é un indicador de hábitat de calidade, hai tres décadas era frecuentísimo”. No catálogo de 2012 indicábanse dous núcleos principais: un no Laboreiro e outro ao este, no Salas e na Serra da Pena. Mais tamén se sinalaba que a abundancia de exemplares nas estacións de escoita realizadas no 2010 foi significativamente menor que na primavera do ano 2000.
O merlo rubio (Monticola saxatilis), especie transahariana que aparece no verán en rochedos e cantís, conta con boas poboacións. A papuxa paporrubia (Sylvia cantillans), especie mediterránea, tamén vai a menos. A escribenta riscada (Emberiza cia) especie que custa ver noutras partes de Galiza “no Xurés segue abundante, aínda que menos”.
A presenza da chova piquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax), que precisa de insectos e de gandaría extensiva, e que lle deu nome ás Grallerias, nos altos de Fontefría, é moi rara. Nas observacións do 2010 apenas se rexistrou un exemplar en Queguas.
“A intensificación agro-gandeira e forestal, o cambio dos usos do solo, os velenos, praguicidas, herbicidas, insecticidas. E se a iso lle sumas a destrución de hábitats e cambio climático tes o cóctel perfecto”, constata Luis Tapia. E avisa: “cómpre facer un novo atlas e coñecer as alteracións porque á fin non serán efectos inocuos, rebotarannos”.
As aves, explica o biólogo, son un problema global “porque son especies globais e non vale coidalas nun sitio e noutro non”.
A aguia real
A aguia real (Aquila chrysaetos) estivo historicamente presente nas serras do Xurés, no Laboreiro e no Quinxo. Mais estas son hoxe zonas periféricas na distribución da especie. Na Galiza, a aguia real está en perigo de extinción.
“Precisa un hábitat tranquilo con cantís para nidificar e densidade de presas. Na parte da Peneda-Gerês goza de mellores condicións”, explica Alberto Gil, que participou do programa para reintroducir a especie que desde 2007 desenvolveu a Xunta en colaboración con GREFA. Na parte protexida portuguesa, onde na actualidade se traballa máis na conservación, as aguias dispoñen de espazos máis amplos (o territorio protexido abrangue máis de 70.000 Ha mentres que na Galiza non chegan ás 30.000), mellor vexetación e controis e normas máis rigorosas.
“En xeral teñen menos molestias, claro que alí o lume tamén é un problema moi grande, igual que a política forestal”, di Alberto. No ámbito dos parques hai hoxe cinco aguias marcadas e tres parellas estabelecidas.
A aguia real desaparecera desta área no 2003, cando se produciu o último avistamento dun exemplar femia na Serra da Peneda. No Xurés a última nidificación rexistrada era de 1998, dunha parella de exemplares, xa vellos, que estivo até o 2001.
“Desapareceron pola intervención humana, directamente. Así que recuperalas é unha responsabilidade nosa. Temos que recuperar o estragado e reverter a degradación”, sostén o biólogo asentado en Riocaldo, Lobios. “Esta especie necesita tranquilidade e, nese sentido, a dispersión da poboación humana é un problema”, apunta Luis Tapia. “Debemos moderar o turismo e determinados usos do parque para non poñer en perigo valores naturais”.
As máis abundantes
A poboación de cegoña branca (Ciconia ciconia) mantense. Despois duns anos de nidificación, no Parque e no conxunto da Baixa Limia, parece asentada. Noutros casos, como o voitre leonado (Gyps fulvus) as observacións son escasas, e aínda que o Xurés reúne as condicións de hábitat para o seu asentamento está considerada como especie accidental. Azores, gabiáns e miñatos están ben distribuídos e son abundantes, mentres que os falcóns teñen unha presenza moito menor.
Entre os paxaros é abundante o peto verdeal (Picus viridis), que ocupa os diferentes tipos de bosques aínda que falta nas partes altas das serras que se caracterizan pola ausencia de arboredo. A lavandeira, o merlo, o carrizo, o paporrubio e mesmo o reiseñor parecen soster poboacións estábeis no Xurés.
Unha das especies que mellor se adaptan as condicións da Baixa Limia é a papuxa montesa (Sylvia undata), cunha distribución regular e con densidades superiores ás que ten en matogueiras de áreas estritamente mediterráneas e eurosiberianas polo que parece que o clima desta zona arraiana adáptase ás súas características. A perdiz (Alectoris rufa) está presente nas matogueiras e pastos na parte oriental do Xurés mais tamén en áreas da Serra de Santa Eufemia e ao norte do Laboreiro. Na Peneda-Gerês é máis abundante.
Nas seguintes entregas trataremos da cabra montesa, do lobo, do coello e doutros mamíferos da man de Alberto Gil e Luis Tapia. E tamén trataremos de descubrir algunhas xoias entre a fauna de anfibios e réptiles do Parque.