Xela Arias: Todo o que debes saber da homenaxeada neste Día das Letras Galegas

Publicidade

Xela Arias é a persoa homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas e aínda que o seu traballo a prol da lingua e cultura galega foi enorme, deixou moito por facer pois faleceu moi nova, a comezos deste século.

Desde Orgullo Galego queremos lembrar a súa vida e obra por medio deste artigo biográfico no que recopilamos a información máis importante, mais por suposto o seu traballo é moito maior do que podemos recoller nestas liñas.

Mural de Xela Arias

Os seus comezos

Naceu no sanatorio Alonso-Pimentel de Lugo no ano 1962, aínda que o nacemento foi inscrito na vila de Sarria, onde estudou na Granxa Barreiros.  De nome María de los Ángeles, galeguizouno en 1984 para María dos Anxos aínda que xa desde que tiña 6 anos era coñecida como Xela, nome que oficialmente adoptou no ano 1995.

O seu idioma materno foi o galego. Estudou algúns anos en Lugo, aínda que axiña se mudou para Vigo debido ao traballo do pai, quen foi profesor no CEIP de Sárdoma. Os seus estudos desenvolvéronse no Instituto Castelao aínda que acabaría por abandonalos para comezar a traballar nunha editorial que acabara de nacer: Edicións Xerais. Alí traballou como oficinista nun primeiro momento para logo pasar ao apartado da creación e xa nos anos 90 como editora e correctora de estilo.

Desde ben nova comezou a escribir en xornais e revistas especializadas, como: A Nosa Terra, Faro de Vigo, Diario 16 de Galicia, Luzes de Galiza, Jornal de Noticias (Portugal) ou Katarsis. Tamén formou parte do consello de redacción da revista galega Viceversa, especializada en tradución.

Cara a finais dos anos 80, ingresou na Asociación de Escritores en Lingua Galega. Nos anos 90 elaborou letras para o grupo de rock Desertores e retomou os seus estudos matriculándose en Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo, licenciándose pouco despois na Universidade de Compostela e iniciando a especialidade de galego-portugués.

Imaxe de Xela Arias. Foto: Lois A.C.

Os seus primeiros libros de poemas

Cómpre destacarmos que o seu primeiro poemario «Denuncia do equilibro»  foi publicado no ano 1986, libro polo que foi finalista no Premio Antón Losada Diéguez. Neste libro coñecemos a unha Xela Arias inconformista e desafiante ao modelo de poesía galega na altura.

Posteriormente, publicou outras obras poéticas como «Tigres coma cabalos», «Darío a diario», «Intempériome» ou «Lili sen Pistolas», obra esta última que tamén a levou a ser finalista do Premio Esquío de poesía.

canto á súa obra «Darío a diario», conta a súa experiencia como nai do seu único fillo Darío, ofrecendo a súa particular visión sobre a maternidade.

Publicidade

Publicidade

Pioneira na tradución ao galego

Grazas ao coñecemento de diversos idiomas, Xela Arias tivo a oportunidade de traducir ao galego máis de vinte obras, entre elas: «O Quixote» de Cervantes, «O Derradeiro dos Mohicanos» de James Fenimore Cooper, «A Carta en Clave» de Jan Terlouw, «Drácula» de Bram Stoker, «O Gato Gaiado e a Andoriña Señá» de Jorge Amado ou «O Bosque animado» de Wenceslao Fernández. Así, o seu labor de tradutora adentrouse en idiomas coma o castelán, inglés, neerlandés, portugués ou italiano.

Esta labor na tradución de numerosas obras estranxeiras tivo diversos recoñecementos como pode ser o Premio Ramón Cabanillas de Tradución, a Medalha do Premio de Traduçao da Sociedade de Língua Portuguesa e, xa a título póstumo, o premio Plácido Castro.

Amais de todo o seu inxente traballo como escritora, poeta e columnista, exerceu durante varios anos a docencia en diversos centros educativos: Paralaia (Moaña), Valle-Inclán (Pontevedra), IES de Santa Comba, IES de Chapela, A Sangriña (A Guarda), Xelmirez II (Compostela) e no Álvaro Cunqueiro (Vigo).

Xela Arias, unha inconformista

Durante a súa vida, Xela Arias tivo un compromiso activo con distintas loitas políticas e sociais.  Partícipou nun recital poético contra a entrada de España na OTAN, colaborou con Greenpeace e tamén traballou activamente coas persoas afectadas polo petroleiro Prestige. Tamén participou activamente contra a Guerra do Iraque.

Xela Arias. Foto: Xulio Gil

O compromiso co galego

“Un pobo que se alonxa do seu idioma alónxase da súa cultura”

(Xela Arias)

Como non podía ser doutro xeito, a conciencia na defensa do noso idioma estivo presente en toda a súa vida, e dela quedan frases como as que manifestou nunha conferencia na Universidade Complutense de Madrid dentro das Xornadas de Linguas e Literaturas catalá e galega: “O idioma é o principal signo dunha cultura. E a cultura dun pobo sae do mortal día a día. A min sempre me atraeu a fala popular” , “Escribir pode ser por si un acto revolucionario, pero facelo en galego si é unha revolución sempre” ou “Un pobo que se alonxa do seu idioma alónxase da súa cultura. Quere iso dicir que a un pobo que o alonxan do seu idioma, alónxano da súa cultura. Quere iso decir que Galicia ten aínda hoxe os seus mitos, a súa tradición sen resolver porque ten aínda sen resolver a aceptación do seu propio idioma”.

Podemos resumir a súa vida como unha traxectoria de inconformismo creativo e político, de feito dela son as seguintes palabras: “Pois se me declaro inconforme co mundo, se me declaro contradictoria e filla das miñas contradicións (…) a poesía convérteseme nunha táboa de salvación no naufraxio das razóns estritas. Necesidade que xorde da urxencia por entende-lo humano contraposto, pero tamén, e quizais antes, do descontento coa orde establecida, que sexa.”

Xela Arias faleceu a finais do ano 2003 dun ataque ao corazón, con apenas corenta e un anos de idade e un traballo impresionante a prol do noso idioma e da nosa cultura. Os seus restos atópanse soterrados no cemiterio vigués de Pereiró.

Dezasete anos despois da súa morte, a súa obra segue a ser lida e coñecida. A súa rebeldía e inconformismo manifesto golpean simbolicamente nos nosos días, nos que recentemente vén de dar nome a unha rúa na localidade de Sarria, rúa que até a actualidade levaba o do político e militar de extrema dereita, Primo de Rivera.

Hoxe homenaxeamos Xela Arias coas verbas do seu pai, Valentín Arias: “Tan intensas e punxentes como as súas arelas de liberdade, independencia e xustiza, eran nela o sentido e mais a práctica da solidariedade”.

Pode que che interese:

Quen é Francisco Fernández del Riego? Día das Letras Galegas 2023

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro do ano 1913 e faleceu en Vigo o 26 de novembro do ano 2010. Escritor, editor, crítico literario e militante do galeguismo, foi un activo loitador pola lingua e cultura galega até o seu falecemento.

Publicidade

Publicidade

5 comentarios en “Xela Arias: Todo o que debes saber da homenaxeada neste Día das Letras Galegas”

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!