O Paleolítico Inferior é un período inabarcábel desde hai máis de cen mil anos [mil séculos] até hai dous millóns oitocentos mil anos [28.000 séculos].
Nun momento dese contínuum, hai uns 3.000 séculos, nalgún lugar entre o que hoxe coñecemos como as comarcas do Condado e Paradanta ao norte e os municipios de Melgaço e Monção ao sur, nas ribeiras do curso baixo do Miño, un pequeno grupo de cazadores-recolectores, unhas vinte ou trinta persoas cunha certa organización social, deixaron a pegada dos útiles de pedra (probabelmente tamén doutros materiais) dos que se valían para capturar e matar grandes mamíferos (entre os de maior tamaño posibelmente cabalos), despezalos e preparalos para comer (quizais cociñados no lume) tamén, eventualmente, para facer outros útiles.
Son conxecturas.
Os ollos da ciencia aínda non alcanzan para ver con claridade como era a vida deses lonxincuos devanceiros. A ciencia e os arqueólogos da Universidade de Vigo e doutros centros de investigación traballan desde hai un suspiro, apenas uns anos, no xacemento de Porto Maior nas Neves para elaborar hipóteses a partir dos golpes que tallaron unhas pedras hai trescentos mil anos.
Os arqueólogos non volverán até 2022 ao xacemento de Porto Maior. O ano pasado a pandemia obrigou a suspender a campaña programada. Este verán esperan regresar ás Gándaras de Budiño, un xacemento próximo e central nos traballos sobre o Paleolítico na Galiza. Porto Maior quedará para o ano seguinte. A arqueoloxía ten os seus tempos e os recursos son moi escasos.
“A idea que se manexaba na literatura académica era que o Paleolítico galego tiña unha cronoloxía estraña a respecto do que acontecera na Península Ibérica e no continente europeo. Había a impresión de que neste fin da terra quedaran illadas unhas poboacións e tiveran un proceso evolutivo diferente, anacrónico… así que se pensaba que mentres no Cantábrico facían as pinturas de Altamira aquí estabamos cos bifaces. Pero entón apareceu Porto Maior”, conta Eduardo Méndez-Quintas (Nigrán, 1984), investigador posdoutoral na Facultade de Historia da Universidade de Vigo.
“Porto Maior é a primeira vez que se data no país un xacemento ao redor dos 300.000 anos de antigüidade. Se falamos en tempo xeolóxico sitúase no Plistoceno Medio; en termos de historia humana estamos no Paleolítico Inferior, a historia máis antiga da humanidade”.
Neste artigo falamos de...
Ocupación intensa do territorio
Porto Maior apareceu porque as ribeiras do Miño estiveron “intensamente habitadas” na época e porque a natureza xeolóxica e sedimentaria permitiu conservar a pegada das mulleres e homes de hai tres mil séculos.
“É moi difícil coñecer o tamaño da poboación. Podemos falar dun grupo de vinte ou trinta persoas, pola referencia que temos de Atapuerca, pero non sabemos cantos grupos estaban nesta área. O que sabemos é que houbo unha ocupación intensa porque aparece moito material e isto indica que a ocupación foi, cando menos, reiterada no tempo”, explica Méndez-Quintas.
En Porto Maior apareceron ferramentas de pedra traballadas a golpe de rochas para conseguir o fío cortante, os útiles que dan nome á industria acheulense con esas machadas e puntas bifaces. Son ferramentas asociadas ao consumo e procesado de grandes mamíferos, mais non se conservan restos de animais.
A peculiaridade do xacemento está na ocupación que se documentou nun dos niveis, “algo que non se coñece en ningún outro xacemento do continente eurasiático”. É un espazo no que por algunha razón se acumulan grandes ferramentas de pedra. “Esa acumulación é deliberada”, subliña o arqueólogo.
“Nesta época facían laxas, unha especie de coitelo pequeno, a base de golpear rochas; pero aquí topamos tamén bifaces ou fendedores en moita cantidade nun espazo de trinta metros cadrados. Non quere dicir que se fabricaran alí, podíanos fabricar noutro sitio pero introducíanos alí de xeito deliberado. Con que fin? A día de hoxe todo o noso esforzo investigador está dirixido a resolver ese enigma. Aquí como nos outros xacementos do resto do mundo onde se atopou algo así”.
O tamaño das ferramentas de pedra pode indicar que se utilizaban para procurar tubérculos ou raíces para a alimentación escavando o solo. A hipótese de traballo é que ese espazo fose “unha especie de taller” para elaborar diferentes tipos de pezas noutros materiais, como a madeira e tamén ósos, pero que non se conservan. A tecnoloxía podía servir ademais para elaborar cestos a partir de elementos vexetais.
Organización social
Os grupos de cazadores-recolectores que habitaban ao norte e o sur do Miño coñecían o lume. Existen evidencias no xacemento de Arbo, que ten unha datación posterior, duns 200.000 anos. Movíanse constantemente polo territorio, procurando acubillo fronte a intemperie en covas ou posibelmente baixo mínimas estruturas vexetais, “aínda que non se pode falar de poboados”. Tamén puideron aproveitar a pesca do río, mais non hai constancia de aparellos de pesca ou para a captura de peixes.
Dispuñan dunha organización e capacidade intelectual para acometer a caza de grandes mamíferos e gozaban de cohesión social. “Iso sabémolo porque en xacementos desta época apareceron restos de persoas que presentaban algunha eiva física, pode que por accidentes durante a caza, e que non eran abandonados polo grupo senón que eran atendidos e alimentados e permanecían no grupo. Había coidados e ese espírito de cooperación propio dos humanos”, sostén Méndez-Quintas.
Superada a tese dunha evolución anacrónica no noroeste os científicos non descartan atopar xacementos arqueolóxicos máis antigos. “Pensamos que a cronoloxía aínda é un pouco corta, porque na Península hai pegada de poboacións de máis dun millón de anos, e iso non hai que excluílo tamén aquí”.
As ribeiras do baixo Miño están no foco. Se os lumes, os polígonos eólicos ou outras infraestruturas o permiten, seguirán ofrecendo tesouros. Eduardo Méndez-Quintas está convencido de que non hai que ir moi lonxe da casa para descubrilos. “Ao longo da historia esta foi sempre unha zona moi habitada, na que se estabeleceron poboacións durante o Paleolítico entrando polo Miño, e probabelmente esa fose tamén a vía de entrada no Neolítico.
Hai evidencias dunha intensa ocupación e de aproveitamento dos recursos naturais en todas as épocas. Por exemplo, é moi notábel como todos os depósitos nas beiras do río foron explotados polos romanos na procura de ouro e outros metais. Para iso serve a arqueoloxía, para entender que pasou e saber de onde vimos, quen somos”, di o investigador.
Miseria da arqueoloxía
O filme A escavación (The dig, Simone Stone, 2021) recuperou a épica da arqueoloxía para o cine. Mais alá da peripecia histórica que relata, Méndez-Quintas pensa que a película reflicte moi ben cal era o espírito da arqueoloxía a comezos do século XX. “Aquela arqueoloxía o que buscaba eran tesouros, e había persoas que tiñan a capacidade económica para promover esas actuacións e museos e institucións que se pelexaban por adquirilos”.
Hoxe os tesouros, ademais de prestixio, achegan sobre todo coñecemento. Mais non son tempos bos para a arqueoloxía. As tres universidades do país dispoñen de recursos materiais e humanos neste campo “pero a implicación que teñen estas universidades no día a día digamos que é desigual”, valora o arqueólogo.
“Tampouco a Administración Pública fomenta nin organiza a investigación, de aí as enormes lagoas de coñecemento que temos como país a respecto de determinados períodos da historia… non hai iniciativa pública para desenvolver proxectos”, lamenta. O que hai, explica, son unha serie de empresas de arqueoloxía, pequenas, que traballan facendo os estudos arqueolóxicos que se precisan para unha obra. Falta investigación.
En Porto Maior, non obstante, o Concello das Neves vén botando unha man, di Méndez-Quintas, que agradece o esforzo municipal para manter limpa a contorna e reparar o impacto dos lumes. O xacemento só pode visitarse durante a campaña de escavación e pasará outro ano antes de que os arqueólogos regresen, unha pinga no océano do tempo que conservan esas pedras.